El solicitante pidió a la Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Galicia el detalle de sanciones graves en juegos y apuestas de los últimos diez años. Alegó que se omitieron los nombres de las empresas sin motivación. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación y ordena retroceder el expediente para dar audiencia a los terceros afectados.
Puntos clave de la argumentación
1
La invocación de límites por intereses económicos y comerciales requiere la realización de un 'test del daño' y un 'test del interés público' para justificar un perjuicio concreto, lo cual no se realizó en este caso.
2
El límite de protección de datos personales (art. 15 Ley 19/2013) es aplicable a personas físicas, pero no puede utilizarse para denegar la identificación de personas jurídicas sancionadas salvo que exista norma con rango de ley que lo establezca.
3
La denegación basada en la oposición de las empresas afectadas no es válida per se, ya que el derecho de acceso a la información pública prevalece sobre la intimidad de la persona jurídica en este contexto administrativo.
4
Al afectar la solicitud a derechos de terceros identificados, se debe proceder a la retroacción del expediente para abrir un periodo de audiencia previo a la resolución final.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 20 de xaneiro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de febreiro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 20
de xaneiro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do
18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución da Vicepresidencia
Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de data 16 de xaneiro de 2023, pola
que se resolve conceder parcialmente a súa solicitude de data 10 de xaneiro de 2023, de
acceso ao detalle, nos últimos dez anos, das sancións impostas por infraccións moi graves ao
abeiro do artigo 28 da Lei 14/1985, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, empresas e
persoas sancionadas e importe de cada sanción.
O reclamante indica no seu escrito que a resposta da administración concede parcialmente a
información omitindo os nomes das empresas sancionadas sen motivar a decisión, sen incluír
a valoración e ponderación que a propia administración debe facer desa negativa fronte ao
dereito á información, limitándose a recoller a negativa previa de empresas do sector ante
outra solicitude de semellantes características.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, da resolución impugnada e do
seu DNI.
Segundo. Con data do 26 de xaneiro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa
e ordenada do expediente.
Terceiro. Con data do 6 de febreiro de 2023 a Vicepresidencia Segunda e Consellería de
Presidencia, Xustiza e Deportes contesta a petición remitindo o informe da Dirección Xeral de
Emerxencias e Interior no que en resumo faise constar que en aplicación do disposto no artigo
15 da Lei 19/2013, referida á información que inclúa datos de carácter persoal, no seu
momento, e como consecuencia doutra solicitude de semellantes características, solicitouse
a autorización de todos os interesados, que manifestaron a súa total oposición a que os ditos
datos fosen facilitados ao solicitante baseándose en que proporcionar a dita información
atenta gravemente contra o dereito á intimidade das persoas xurídicas.
En base ao anterior, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior resolveu denegar a
información solicitada no que atinxe á identificación das empresas afectadas, en aplicación do
disposto no artigo 14.1.h) da Lei 19/2013, por entender que pode supoñer unha vulneración
do dereito á intimidade, podendo a súa utilización afectar aos intereses económicos e
comerciais dos afectados.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e
previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición
adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Dado que a resolución impugnada ditouse con data do 16 de xaneiro de 2023 e a reclamación
se interpuxo o 20 do mesmo mes, de debe admitirse por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
XXX solicitou acceso á información referente ás sancións impostas por infraccións moi graves
ao abeiro da normativa reguladora dos xogos e apostas de Galicia, empresas e persoas
sancionadas e importe de cada sanción, que lle foi concedida parcialmente, denegándoselle
na resolución impugnada, a información referente á identificación das empresas sancionadas,
baseándose en que proporcionar a dita información atenta gravemente contra o dereito á
intimidade das persoas xurídicas. No informe remitido pola Dirección Xeral a esta Comisión,
engádese ademais, un motivo de denegación de parte da información que non figuraba na
resolución impugnada, cal é a concorrencia na información solicitada, do límite dos intereses
económicos e comerciais artigo 14.1.h) da Lei 19/2013.
Respecto da concorrencia na información solicitada do límite establecido no artigo 14.1.h)
intereses económicos e comerciais, o Criterio Interpretativo Cl/002/2015, do 24 de xuño
Consello de Transparencia establece que os límites a que se refire o artigo 14 da Lei 19/2013,
non se aplican directamente, senón que de acordo coa literalidade do texto do número 1 do
mesmo, poderán ser aplicados, polo que non operan nin automaticamente a favor da
denegación nin absolutamente en relación aos contidos.
A invocación de motivos de interese público para limitar o acceso á información deberá estar
ligada coa protección concreta dun interese racional e lexítimo e deberá analizarse se a
estimación da petición de información supón un prexuízo (test do dano) concreto, definido e
avaliable. Esta, ademais non poderá afectar ou ser relevante para un determinado ámbito
material, porque do contrario estaríase a excluír un bloque completo de información.
Do mesmo modo, é necesaria unha aplicación xustificada e proporcional atendendo á
circunstancia do caso concreto e sempre que non exista un interese que xustifique a
publicidade ou o acceso (test do interese público). No presente suposto, non hai referencia
algunha á posible existencia deste límite na resolución recorrida, e no informe emitido a
petición desta Comisión, non se xustifica, sequera minimamente o posible dano que se
podería causar co acceso á información, senón que limítase a citar o artigo, sen mais
referencias, polo que non pode ser admitido.
No referente á protección de datos de carácter persoal, o artigo 15 da Lei 19/2013, baixo o
título de protección de datos persoais, establece que se a información solicitada contén datos
persoais de determinadas categorías ou referentes á comisión de infraccións penais ou
administrativas que non conlevasen amoestación pública, faise necesario, dependendo do
tipo de dato do que se trate, o consentimento expreso e por escrito, ou consentimento
expreso do afectado ou que estea amparado por unha norma con rango de Lei, e concederase
con carácter xeral o acceso a información que conteña datos meramente identificativos
relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano, salvo que no
caso concreto prevaleza a protección de datos persoais ou outros dereitos
constitucionalmente protexidos sobre o interese público na súa divulgación. Nos casos nos
que a información solicitada non contivese datos especialmente protexidos, concederase o
acceso, previa ponderación suficientemente razoada do interese público na divulgación e os
dereitos dos afectados, en particular o seu dereito fundamental á protección de datos de
carácter persoal, non sendo necesario o consentimento ou a ponderación cando o acceso se
efectúe previa disociación dos datos de carácter persoal de modo que se impida a
identificación das persoas afectadas.
Un dato de carácter persoal é calquera información relativa a unha persoa física viva
identificada ou identificable. No presente caso, solicitáronse información sobre as empresas
e persoas sancionadas, polo que débese obter o consentimento das persoas físicas
sancionadas (no caso de existir sancións a persoas físicas) para poder dar esa información,
debendo denegarse o acceso en caso de non obtela, pero non se pode, en base a o límite
establecido no artigo 15, denegar o acceso á identificación dunha persoa xurídica sancionada,
agás que unha norma con rango de Lei estableza o contrario, norma que neste caso non consta
que exista.
Por tanto, se ben se acepta que se poida denegar o acceso á información sobre sancións a
persoas físicas das que non se obteña o consentimento, non se pode aceptar a denegación da
información referente a sancións sobre persoas xurídicas.
De acordo co anterior, procede a estimación da reclamación presentada, se ben, dado que a
información solicitada pode afectar a dereitos ou intereses de terceiros debidamente
identificados (empresas sancionadas), de conformidade co disposto no artigo 19.3 da Lei
19/2013, procede instar á Dirección Xeral competente en materia de xogo á retroacción do
expediente, para que se abra período de audiencia a fin de que os terceiros poidan realizar as
alegacións que estimen oportunas, informando ao solicitante desta circunstancia. No caso de
que se presenten alegacións, deben analizarse pola Administración actuante para valorar se
debe primar o interese público na difusión da información, concedendo neste caso acceso
total ou parcial á mesma, ou debe primar a protección dos intereses privados que estes
terceiros poidan alegar, denegando neste caso parcial ou totalmente o acceso á información
solicitada, previa xustificación debidamente motivada na resolución que se dite.
En base aos feitos e fundamentos xurídicos anteriormente expresados,
ACORDA
Único: Instar a retroacción do expediente no senso indicado no fundamento xurídico quinto
desta resolución, da solicitude de acceso á información presentada por XXX de acceso ao
detalle, nos últimos dez anos, das sancións impostas por infraccións moi graves ao abeiro do
artigo 28 da Lei 14/1985, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, empresas e persoas
sancionadas e importe de cada sanción.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.