El ciudadano solicitó a la Vicepresidencia de la Xunta de Galicia datos sobre el número de becarios entre 1997 y 2005 y cuántos obtuvieron reconocimiento de servicios. La administración estimó parcialmente la solicitud, denegando los datos específicos alegando reelaboración. La Comisión da Transparencia de Galicia desestima la reclamación confirmando que la obtención de los datos requiere una reelaboración.
Puntos clave de la argumentación
1
La administración argumentó que la solicitud implicaba un tratamiento de datos dispersos en diversos órganos, requiriendo la creación de un nuevo documento administrativo.
2
El Consejo considera que, al solicitar datos de 1997 a 2005, es necesaria una búsqueda manual en archivos no digitalizados en su totalidad, lo que constituye una reelaboración.
3
Se determina que la labor de revisar expedientes individuales para comprobar coincidencias temporales y resoluciones judiciales favorables excede la mera agregación de datos.
4
La resolución valida la aplicación del artículo 18.1 c) de la Ley 19/2013 al no existir un documento previo que contenga la información solicitada de forma agregada.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito do 5 de outubro de 2016, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Nome apelido1 apelido2 presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 7 de outubro, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte da Secretaria Xeral de Vicepresidencia da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.
O interesado indicaba que solicitara nesas dependencias da Xunta:
-Os datos relativos ao número de bolseiros que prestaron servizos entre 1997 e 2005 na extinta Inspección Xeral de Servizos da Xunta de Galicia.
-Número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados como persoal laboral en vía administrativa e período de tempo.
-Número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados en vía xudicial e período de tempo.
O escrito viña acompañado da petición dirixida á Vicepresidencia o 5 de agosto de 2016 na que constaba que se pedía que se lle deixase acceder presencialmente á información. A petición non está motivada.
Segundo. Con data 11 de outubro de 2016 déuselle traslado da documentación achegada polo interesado á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 17 de outubro de 2016.
Terceiro. Con data 4 de novembro de 2016 se recibiu o informe do xefe do Servizo Técnico-Normativo da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a resolución do expediente de acceso á información pública de Nome apelido1 apelido2.
O informe, en resumo, indicou que con data de 27 de outubro se emitiu unha resolución de estimación parcial en base á seguinte argumentación:
Se entende que a información pública do artigo 13 posto en relación co artigo 17.1 da Lei 19/2013, do 9 de decembro dan lugar a que sexa necesario que ao tempo de formularse a solicitude, os contidos ou documentos requiridos estean xa en poder da entidade á que se dirixe “de tal xeito que se non está ao alcance da entidade destinataria da petición queda fora do dereito de acceso á información pública.”
Por tanto, a información solicitada en vía administrativa sobre os datos relativos ao número de bolseiros que prestaron servizos entre 1997 e 2005 na extinta Inspección Xeral de Servizos da Xunta de Galicia tense que estimar.
En relación ás outras dúas cuestións, e partindo do criterio interpretativo 7/2015, do 12 de novembro do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno entenden que o solicitado implicaría unha labor de reelaboración “ao esixir un tratamento dos datos que constan nesta consellería con outros datos en poder doutros órganos, distinguindo entre os beneficiarios, aqueles que obtiveron o recoñecemento en vía administrativa dos que tiveron unha resolución xudicial favorable na xurisdición social, consignándose ademais o período de tempo que era obxecto de recoñecemento”.
O informe apunta os detalles da reelaboración que hai que facer: “para a súa obtención cumpriría, unha vez obtidos os nomes dos diferentes bolseiros (logo de excluídos os que gozaron das bolsas en distintas convocatorias), determinar cales deses bolseiros prestan actualmente ou tiveron prestados servizos noutro tempo como persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia, para posteriormente comprobar se hai coincidencia temporal, parcial ou total, dos servizos prestados en tal condición co período concreto no que gozaron da bolsa, e logo comprobar se tiveron presentado algún tipo de reclamación en vía administrativa ou xudicial, e en caso afirmativo analizar se á resolución da mesma foi favorable para os reclamantes ou demandantes así como as razóns da súa estimación, e finalmente computalos”.
Para a administración tales trámites constituirían actividades excesivas dentro dun procedemento dirixido a facilitar o acceso á información pública: “os datos que se facilitarían serían consecuencia desa nova actividade dirixida, non a agregar datos procedentes de órganos distintos para integralos nun documento, senón a crear un novo documento administrativo a partir dunha previa combinación e explotación de diversas bases de datos e documentación administrativa que consta en diferentes departamentos da Xunta de Galicia”.
Por tanto a resolución de 27 de outubro foi no seguinte sentido:
“ 1.- Estimar parcialmente a solicitude de información pública formulada por Nome apelido1 apelido2 ao amparo da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e do artigo 26 da Lei de Galicia 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, accedendo ao interesado no primeiro parágrafo: Número de bolseiros que prestaron servicios entre 1997 y 2005 en la desaparecida Inspección Xeral de Servicios de la Xunta de Galicia = 38 bolseiros.
2.- Inadmitir a solicitude no que se refire ao solicitado nos parágrafos 2 e 3 (número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servicios prestados como persoal laboral en vía administrativa y período de tempo: e, número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servicios prestados en vía xudicial social y período de tempo”, ao considerar que concorre a causa indicada no artigo 18.1 c) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Todo elo sen prexuízo do indicado no penúltimo parágrafo da número 8 da parte expositiva da presente resolución.”
Esta mención do número 8 da parte expositiva se refire a que se di que na Secretaría Xeral Técnica “continuaranse realizando as actuacións tendentes a subministrar a información solicitada, mediante a reelaboración dos datos que sexa posible recadar dos diferentes centros directivos titulares dos mesmos, tendo en conta o soporte e antigüidade de aqueles”.
Cuarto. Con data de 2 de decembro de 2016 a persoa promotora presenta reclamación ante a estimación parcial en base a que non existe reelaboración e indica: “sorprende esta argumentación toda vez que era la Secretaría Xeral Técnica de la Vicepresidencia el único organismo competente para resolver las posibles reclamaciones previas planteadas sobre reconocimiento de servicios prestados en la Inspección xeral de Servicios y aún más, como responsable de personal también reside en dicha Secretaría Xeral las competencias en materia de certificación de servicios prestados a su personal”.
En relación á aplicación da reelaboración para a denegación se cuestiona o reclamante como é que se lle facilitou información referida á solicitude á Valedora do Pobo na queixa 23073/14, que deu lugar á recomendación de 20 de xaneiro de 2016, aceptada pola Vicepresidencia, sen que fose precisa ningunha reelaboración. A persoa interesada cita dúas queixas mais que non son de interese para esta resolución.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo á que se remiten as anteriores.
Primeiro.- Competencia
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que, contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo.
O artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica que corresponde á Comisión da Transparencia a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Segundo.- Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno preceptúa que o seu procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as reclamacións perante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, pola súa parte, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública
Ámbito material
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida, como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
Lexitimación
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información, no seu artigo 26.4.
Limitacións que poden afectar ao seu exercicio:
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé nos artigos 14 e 15 uns límites ao dereito ao acceso, por razón da materia e por mor da protección dos datos de carácter persoal. Todas as solicitudes, que non entren dentro destes límites deberán ser atendidas, agás que existan limitacións e así se xustifiquen debidamente co chamado test de danos, ou algunha das causas de inadmisión do artigo 18 desta lei.
Cuarto.- Análise do expediente
Este expediente implica deterse nos seguintes aspectos.
1. Reclamacións dirixidas á Comisión da Transparencia.
2. A aplicación do procedemento simplificado e a existencia de reelaboración.
1. Reclamacións dirixidas á Comisión da Transparencia
Son dúas:
-O 7 de outubro o reclamante pide:
Os datos relativos ao número de bolseiros que prestaron servizos entre 1997 e 2005 na extinta Inspección Xeral de Servizos da Xunta de Galicia.
Número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados como persoal laboral en vía administrativa e período de tempo.
Número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados en vía xudicial e período de tempo.
-O 2 de decembro reclama á estimación parcial nos termos indicados nos antecedentes.
En ámbalas dúas solicitudes a petición é a mesma: o acceso a tres datos en relación aos bolseiros que estiveron na Inspección de Servizos durante os anos 1997 e 2005. Estes tres datos son: o seu número total, o número dos que obtiveron recoñecemento de servizos prestados como persoal laboral en vía administrativa e o período de tempo e o número dos que obtiveron o recoñecemento de servizos prestados en vía xudicial e período de tempo.
O obxecto da normativa de transparencia, recollido no artigo 1 da lei 19/2016, de 9 de decembro é reforzar a transparencia da actividade pública e garantir o dereito de acceso á información relativa a aquela actividade. Unha característica inherente da información pública é a súa actualización (artigo 5 da Lei 19/2016, do 9 de decembro). O procedemento administrativo dos artigos 17, 18 e 19 da Lei 19/2016, do 9 de decembro, establece un procedemento minimalista no que ante a solicitude dunha persoa interesada, se ten que analizar por parte do suxeito obrigado para valorar os seguintes aspectos:
se o que se pide está relacionado coas competencias propias deste suxeito obrigado;
se o que se pide existe;
se o que se pide é información pública tal como o recolle o artigo 13 da lei 19/2013, do 9 de decembro e pódese facilitar, por non incorrer nos límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e non estar incorso en algunha das causas de inadmisión do artigo 18 e
se o que se pide entra dentro das competencias.
Se todas as respostas son positivas, esta información debe ser achegada ao interesado. O feito de que cando se iniciou o expediente non houbese unha resolución e esta tivera lugar durante a tramitación da reclamación ante a Comisión da Transparencia, non cambia ningún destes feitos. Por tanto, débese analizar se existe o dereito de acceso a información nun mesmo trámite posto que o dereito xorde da primeira solicitude realizada ante a administración e que para o reclamante non foi respostada en tempo e forma.
2. A aplicación do procedemento simplificado e a existencia de reelaboración.
Como queda dito no parágrafo anterior, a administración ten un procedemento simplificado, no que ten que achegar a información sempre que as respostas sexan positivas. No caso que nos ocupa a administración entende que, a teor do previsto na normativa, para que poida estimarse esta solicitude de acceso era necesario que no momento de se formular a solicitude ante a administración, os contidos ou documentos requiridos estiveran xa en poder da entidade á que se dirixe “de tal xeito que se non está ao alcance da entidade destinataria da petición queda fóra do dereito de acceso á información pública”.
Se mesturan aquí dous conceptos: a necesidade básica de que exista a información pública (ninguén pode achegar o que non existe ou ten) e o concepto de quen ten a información. En concreto a administración indica que a petición implica un tratamento dos datos que constan nesa consellería con outros datos en poder doutros órganos, distinguindo entre os beneficiarios, aqueles que obtiveron o recoñecemento en vía administrativa dos que tiveron unha resolución xudicial favorable na xurisdición social, consignándose ademais o período de tempo que era obxecto de recoñecemento.
Neste punto cómpre indicar que estamos ante un acceso á información pública no que se piden tres datos:
Número de bolseiros que prestaron servizos entre 1997 e 2005 na Inspección de Servizos.
Número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados como persoal laboral en vía administrativa e período de tempo.
Número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados en vía xudicial e período de tempo.
Non se pide ningún dato de carácter persoal, non se pide ningunha análise dos números. Se trata de datos sobre 38 bolseiros, segundo consta no informe achegado á Comisión e na resolución do 27 de outubro de 2016. A información relativa aos bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados como persoal laboral en vía administrativa e período de tempo, e número de bolseiros que obtiveron recoñecemento de servizos prestados en vía xudicial social e período de tempo, é denegada porque hai que reelaborar.
Coñecéndose o número de bolseiros (38), a pregunta que hai que facerse e se se trata de revisar os expedientes de 38 persoas, todas elas co seu DNI ou pola contra hai que buscar manualmente a información nun arquivo moito más amplo e polo tanto, como indica a administración, existe unha reelaboración.
Hai que dicir que se o problema é que hai información que posúen outros órganos, dende Vicepresidencia debería térselle requirido á Secretaría Xeral de Facenda e á Asesoría Xurídica Xeral os datos relativos aos nomes, apelidos e DNI, todos eles datos que non son especialmente protexidos, segundo a normativa de transparencia, para que recompilasen esa información numérica solicitada.
O Criterio 7/2015, ben citado pola administración, di en canto ao que non é reelaboración o seguinte: “Puede ocurrir también que la información que se encuentre en poder de varias unidades informantes que resultan responsables de su custodia pero su autor esté claramente definido. En este caso tampoco se trataría de un caso de reelaboración, operando el artículo 19.4 de la Ley 19/2013 que establece que: “cuando la información objeto de la solicitud, aun obrando en poder del sujeto al que se dirige, haya sido elaborada o generada en su integridad o parte principal por otro, se le remitirá la solicitud a éste para que decida sobre el acceso”.
Por tanto, neste caso a Secretaría Xeral Técnica de Vicepresidencia considera que o autor está claramente definido e que é a propia Vicepresidencia a autora, aínda que a custodia corresponde a outros departamentos que a terían que achegar pero que non poden porque hai que reelaborar.
A administración explica a denegación deste xeito: “Para a súa obtención cumpriría, unha vez obtidos os nomes dos diferentes bolseiros (logo de excluídos os que gozaron das bolsas en distintas convocatorias), determinar cales deses bolseiros prestan actualmente ou tiveron prestados servizos noutro tempo como persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia, para posteriormente comprobar se hai coincidencia temporal, parcial ou total, dos servizos prestados en tal condición co período concreto no que gozaron da bolsa, e logo comprobar se tiveron presentado algún tipo de reclamación en vía administrativa ou xudicial, e en caso afirmativo analizar se á resolución da mesma foi favorable para os reclamantes ou demandantes así como as razóns da súa estimación, e finalmente computalos”.
Do dito ata aquí hai que analizar os datos.
En relación a Asesoría Xurídica é de ter en conta que a Lei 4/2016, de 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público na súa disposición adicional segunda, relativo ao uso de medios electrónicos di que se fomentará a implantación e utilización dos medios electrónicos que faciliten a relación da Asesoría Xurídica Xeneral co resto de órganos da Administración autonómica e de outras administracións, principalmente coa Administración de xustiza, co obxecto de simplificar os trámites e reducir os prazos das comunicacións, para facilitar un funcionamento mais eficaz das institucións. Por tanto, en abril de 2016 a Xunta recoñece que a Asesoría Xurídica Xeral aínda non ten implantada a utilización de medios electrónicos ao cento por cento para o control dos expedientes vixentes. Por tanto, tal como di o informe da Secretaría Xeral habería que facer unha labor de busca dos contenciosos e dos rexistros de persoal e facer as comprobacións que indican o informe Servicio Técnico Normativo de 4 de novembro de 2016, o que implica unha reelaboración, que se ben debería ter sido valorada en número aproximado de persoal que estaría implicado no traballo, tempo aproximado de busca e número de expedientes total que deben ser revisados para a citada busca constitúen en si unha reelaboración que debe ser respectada.
En relación á Dirección Xeral de Función Pública o expediente electrónico do empregado público desta administración galega é do ano 2001, sen embargo, a lexislación de emprego público de Galicia non exixiu ata a publicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia a xeneralización da xestión por medios electrónicos de todos os procesos e procedementos administrativos derivados dela e para as relacións co seu persoal. Por tanto, como no caso anterior, dado que se piden datos dos anos 1997 ao 2005 é necesario facer tamén unha reelaboración no sentido indicado polo informe do Servicio Técnico Normativo de 4 de novembro de 2016. Se ben , como no caso anterior tería sido aconsellable centrarse polo miúdo no caso concreto e recoller o número aproximado de persoal que estaría implicado no traballo, tempo aproximado de busca e número de expedientes total que deben ser revisados para a citada busca.
Quinto.-
En conclusión, procede inadmitir a reclamación presentada polo interesado, dado que é necesario facer unha labor de reelaboración.
RESOLUCIÓN
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Inadmitir a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2 con data 7 de outubro de 2016, contra a estimación parcial da Secretaria Xeral Técnica de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza emitida o 27 de outubro de 2016.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2017
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga