Dos ciudadanos solicitaron al Concello de Lousame acceso a 55 documentos del archivo municipal. El Ayuntamiento inadmitió la solicitud alegando necesidad de reelaboración de la información. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación, instando al municipio a entregar la información respetando los límites legales.
Puntos clave de la argumentación
1
La solicitud se refiere a una relación cerrada y plenamente identificada de 55 documentos, por lo que su extracción no supone una reelaboración de la información.
2
El hecho de que un solicitante sea concejal no invalida el ejercicio del derecho de acceso a la información pública vía administrativa.
3
La motivación de la solicitud es irrelevante para la concesión del acceso, aunque puede servir para ponderar límites en casos concretos.
4
El volumen de solicitudes presentadas por un ciudadano no determina por sí solo un ejercicio abusivo del derecho, requiriéndose una valoración cualitativa.
5
La administración debe realizar una ponderación individualizada de cada documento para aplicar límites de protección de datos o medio ambiente, evitando denegaciones genéricas.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo da disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, investigador e docente universitario, e Nome apelido1 apelido2, xxxxxxxxxxxxxxx, mediante escrito do 2 de xaneiro de 2017, á Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Nome apelido1 apelido2, investigador e docente universitario, e Nome apelido1 apelido2, xxxxxxxxxxxxxxx presentaron, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 2 de xaneiro de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do Concello de Lousame.
Os reclamantes indicaban que se dirixiron ao Concello de Lousame en base aos artigos 13.d da Lei 39/2015, do 1 de outubro, nos artigos 12 e 13 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, e no artigo 23 da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. Expresamente indicaban que Nome apelido1 apelido2, que era concelleiro en Lousame, “non formula a solicitude á luz do art. 14 do ROF, precisamente para evitar que a documentación deba ser facilitada nos 5 días seguintes, e por tratarse dunha solicitude conxunta con outro veciño e administrado sen esa condición”.
Os reclamantes indicaban que a solicitude presentada era para obter acceso a documentos integrados en dous volumes do Inventario do Arquivo Municipal, facendo no seu escrito de solicitude relación de documentos ordenada por “sinatura, ano de produción e título, tal e como constan, na súa literalidade, no Inventario do Arquivo Municipal, que é o instrumento de catalogación e buscas dese arquivo do Sistema de Arquivos de Galicia”.
Para os reclamantes “a única xestión necesaria por parte do/a traballador/a, estando a lista ordenada por número de sinatura, ao igual que o arquivo é retirar os separadores correspondentes, o que en ningún caso ocuparía ‘moitas xornadas de traballo’”. Así mesmo os reclamantes non entenden que a resolución non lles outorgue ningunha alternativa como “por exemplo, que a consulta se faga de 5 en 5, ou de 10 en 10 documentos”.
Esta petición incorpora a seguinte motivación:
O 20 de maio de 2016 a Alcaldesa-Presidenta anunciou o “reinicio dos traballos para a elaboración dun novo inventario municipal de bens do Concello de Lousame”. Desde entón o concelleiro Nome apelido1 apelido2 tenta acceder a diversa información pública e que “resulta relevante para esclarecer diversos erros e imprecisións presentes na anterior proposta de Inventario de Bens e que, con probabilidade, voltarán a estar presentes na nova proposta(...)”.
Os reclamantes tamén indican que “a petición responde ás necesidades de documentación relativa a un proceso complexo como é a elaboración dun Inventario de bens Municipal, con centos, ou se cabe millares, de bens e dereitos inventariados, se ben os que se consideran problemáticos son apenas algúns. Mesmo así, a negativa continuada do concello de facilitar o acceso aos documentos requiridos desde un inicio vén obrigando aos interesados a unha busca moito máis dificultosa do que sería necesario para tentar identificar os documentos que proporcionen información sobre os bens en cuestión”.
No seu escrito, os reclamantes indican que non se precisa reelaboración da documentación toda vez que cada sinatura representa un pequeno separador/carpeta na que consta exclusivamente o documento expresado no título. Segundo recollen non serían precisas moitas xornadas de traballo nin o acceso ás mesmas suporía paralización da actividade municipal. “Se está provocando moita mais distración innecesaria é se está a provocar a obstaculización continuada do dereito de acceso á información”, recollen, e indican que esta situación estña a derivar nunha sucesión de recursos e queixas de complexa reelaboración administrativa.
Por último se indica que o retraso en todas as peticións feitas e que deron lugar a queixas ante o Valedor do Pobo e reclamacións ante a Comisión da Transparencia implican que cando tiveron acceso á información xa remataran os procesos de información pública en cuestión. Exemplifican co caso do vertedoiro de residuos industriais como noutro de verquido de augas residuais.
O escrito viña acompañado de copia dos DNI de ambos os dous solicitantes, a notificación da resolución da Alcaldía de acceso á información, a solicitude de documentación realizada o 26 de decembro, a acta de comparecencia e consulta do día 23 de decembro, e unha comunicación de 14 de novembro na que se lle di a Nome apelido1 apelido2 que “ ante a solicitude de acceso e copias do inventario do arquivo municipal por vostede interesado, e ante as dúbidas xurdidas pola aplicación da Lei de protección de datos a ditas consultas, procedeuse a solicitar a distintas instancias consulta sobre a solicitude formulada, encontrándose nestes intres o Concello a espera de resposta”.
Da resolución da Alcaldía cómpre destacar o seguinte:
Dise que a lexislación aplicable é a Lei 39/2015, do 1 de outubro, a lei 19/2013, do 9 de decembro e o Regulamento de Organización e funcionamento das Corporacións Locais (ROF) aprobado por R.D. 2568/1986.
Indícase que hai que ter en conta que un dos peticionarios solicita a documentación en base a súa consideración de concelleiro e, polo tanto, está exercitando o dereito de acceso o cargo público amparado no artigo 23.1 da Constitución Española. Segundo a resolución isto implica que hai que darlle unha resposta negativa porque non invoca única e exclusivamente a súa condición de concelleiro para o acceso, e faino conxuntamente con outra persoa que non ostenta a condición de concelleiro de Lousame. Ademais como concelleiro non indica na petición que a documentación solicitada é precisa para o desenvolvemento da súa función de concelleiro. A partir destas premisas entende que hai que reelaborar en base ao seguinte: “solicítase expedientes de denuncias dende 1911 a 1953; expedientes e peticións de veciños dende 1962 a 1966; toda a documentación dos montes veciñais de Chave, Mirón; Merelle e Lousame dende 1970 a 1980; a correspondencia dos secretarios dende o ano 1930 a 1950; expedientes de denuncias presentadas pola Alcaldía a dirección das minas nos anos 1966 a 1967; expediente ocupación de terreos nos montes Barbanza dende o ano 1960 a 1970; saída de documentos anos 1920 a 1924, 1931 a 1935; expedientes de aproveitamento forestal dende o ano 1953 a 1955, etc.”.
Recóllese, como conclusión do expediente previa á inadmisión:
“en relación a petición do Concelleiro Nome apelido1 apelido2:
Que se trata dunha documentación que hai que reelaborar e polo tanto e causa de inadmisión prevista no artigo 18.1.c) da Lei de Transparencia Estatal.
Que a documentación solicitada conlevaría que un funcionario municipal con certa especialización tivera que ocupar moitas xornadas de traballo en recompilar a citada información e a necesidade de ausentarse do seu posto ordinario.
Que se trata dunha petición de documentación desproporcionada e que conlevaría a paralización de parte da actividade municipal.
En relación a petición de acceso de Nome apelido1 apelido2 se conclúe que a súa petición de documentación se debe inadmitir en base o disposto no artigo 18.1.c) da Lei de Transparencia e Bo Goberno e artigo 24 e seguintes da Lei de Transparencia de Galicia (norma que se remite á lei estatal) e todo elo xa que o acceso supón unha reelaboración da información solicitada”.
Segundo. Con data de 18 de xaneiro de 2017 déuselle traslado da documentación achegada polos reclamantes ao Concello de Lousame para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi rexistrada o 20 de xaneiro de 2017.
Terceiro. Con data 15 de febreiro de 2017 se recibiu o informe do Concello de Lousame e o expediente elaborado.
O informe indicou que “a solicitude de acceso a 55 documentos que figuran no inventario do arquivo do Concello de Lousame foi presentada polos Nome apelido1 apelido2
e Nome apelido1 apelido2 o día 26 de decembro de 2016. Sinalar que xa con anterioridade Nome apelido1 apelido2, na súa condición de concelleiro, presentou gran cantidade de solicitudes de información nos últimos meses do ano, sen ánimo de ser exhaustivos, o día 3/10/2016, 25/11/2016, dúas solicitudes o 4/01/2017, pese a ser consciente da escaseza de medios dos que dispón este Concello para facer fronte as constantes solicitudes de información que case sempre se refire a documentación que hai que reelaborar e ocupar horas de traballo de traballadores especializados en recompilar a citada información coa consecuencia de que se deixan desatendidos outros servizos básicos do Concello.” O informe continúa indicando que se solicitou informe a un asesor externo sobre a petición de consulta realizada e que, en base co mesmo, procedeuse a ditar, o 29 de decembro de 2016, o Decreto 827/2016 no que se resolve inadmitir as solicitudes de petición de acceso. O 12 de xaneiro de 2017 foi presentado por Nome apelido1 apelido2 e Nome apelido1 apelido2 un recurso de reposición contra o decreto, se ben, tamén presentaron reclamación ante a Comisión da Transparencia “polo que entendemos que o recurso presentado ante a comisión non debe ser resolto, en atención ao sinalado no artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro”.
O informe do Concello de Lousame está acompañado do expediente íntegro no que consta a solicitude dos 55 documentos relacionados, a providencia da alcaldía para solicitar a intervención dun asesor externo, o informe do asesor externo José Manuel Roibas Vazquez, a resolución da alcaldía, as dúas notificacións da resolución da alcaldía, o recurso de reposición de 12 de xaneiro de 2017 e copia dos DNI de ambos solicitantes.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo á que se remiten as anteriores.
Primeiro.- Competencia
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que, contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo.
O artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica que corresponde á Comisión da Transparencia a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
A disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo Goberno establece que a reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, de transparencia, dereito á información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, que é parte integrante da Comisión da Transparencia.
Segundo.- Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno preceptúa que o seu procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as reclamacións perante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, pola súa parte, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública
Ámbito material
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida, como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
Lexitimación
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información, no seu artigo 26.4.
Limitacións que poden afectar ao seu exercicio:
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé nos artigos 14 e 15 uns límites ao dereito ao acceso, por razón da materia e por mor da protección dos datos de carácter persoal. Todas as solicitudes, que non entren dentro destes límites deberán ser atendidas, agás que existan limitacións e así se xustifiquen debidamente co chamado test de danos, ou algunha das causas de inadmisión do artigo 18 desta lei.
Cuarto.- Análise do expediente
O estudo deste expediente implica centrarse no feito de que existe unha dobre vía de recurso por parte dos solicitantes do dereito de acceso a información pública; recurso de 2 de xaneiro de 2017 ante a Comisión da Transparencia e Bo Goberno e recurso de 12 de xaneiro de 2017 ante o Concello de Lousame. Só se se determina que se trata dun dereito de acceso de información pública, e que por tanto o Concello non ten competencia para resolver o recurso presentado, será necesario analizar se a petición realizada se trata dunha petición de acceso a información pública. En caso afirmativo habería que determinar se existe unha reelaboración ou algunha causa de inadmisión aplicable, ou se é necesario aplicar algún dos límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, que dea lugar a unha desestimación.
Para analizar cal dos dous recursos presentados reúne os requisitos legais para a súa tramitación hai que recoller as causas de inadmisión dos recursos administrativos da vixente lei de procedemento administrativo común. En efecto, o artigo 116 da Lei 39/2015, do 1 de outubro establece que
“serán causas de inadmisión as seguintes:
Ser incompetente o órgano administrativo, cando o competente pertencera a outra Administración Pública. O recurso deberá remitirse ao órgano competente, de acordo co establecido no artigo 14.1 d Lei de Réxime Xurídico do Sector Público”.
Tal e como se recolle nos antecedentes, a solicitude dos reclamantes de 26 de decembro de 2016 só menciona que esta solicitude se fixo con base no dereito de acceso á información pública que recollen as Leis 39/2015, de 1 de outubro, a Lei 19/2013, do 9 de decembro e o dereito de acceso aos documentos da Lei 7/2014, do 26 de setembro. O Concello non pode, por tanto, pretender facerlle exercitar un dereito non requirido a un solicitante.
En España todas as persoas teñen recoñecidos constitucionalmente un amplo número de dereitos, pero cando un cidadán presenta unha solicitude é porque está alegando o exercicio dun dereito en concreto. Neste caso se solicita o acceso a unha información recollida en documentos de certa antigüidade.
Hai que indicar que o dereito que o Concello pretende denegarlle motivadamente é un dereito constitucional do artigo 23 CE e que da lugar a un silencio positivo ou a obriga de denegar expresamente. Por tanto, se o solicitante tivera interese en usar esta vía o tería indicado, pero non o fixo, só menciona na presentación da solicitude que é concelleiro e tamén membro Nome apelido1 apelido2. Sen embargo este dato non se ten en conta cando a Lei 19/2013 menciona aos investigadores e historiadores directamente, cousa que non fai en relación aos concelleiros, por ter a súa propia norma.
Unha vez que queda concretado o dereito que se exercita que non é outro que a petición de 55 documentos perfectamente relacionados coa numeración do propio inventario do arquivo do Concello, só queda indicar que o recurso presentado ante o Concello de Lousame o 12 de xaneiro de 2012 debe ser inadmitido por ser o Concello incompetente para resolvelo e debe ser remitido ao órgano administrativo competente, neste caso á Comisión da Transparencia de Galicia, que é onde ademais se presentou o primeiro recurso.
En canto á solicitude, fai referencia a uns documentos relacionados cos propios parámetros que recolle o arquivo municipal do Concello de Lousame e dos que en principio se solicita o acceso, nin sequera as copias. Así se expresa na solicitude inicial na que se recolle que “desexan consultar diversa documentación obrante no Arquivo Municipal do Concello de Lousame, arquivo integrante do Sistema de Arquivos de Galicia, toda ela con antigüidade superior aos 30 anos, conforme se indica en cada caso atendendo ao referido nos instrumentos de catalogación de dito Arquivo”. Trátase polo tanto dunha relación pechada e identificada.
O obxecto da petición está relacionado co concepto de información pública por seren documentos que obran en poder do Concello e que que foron elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións.
Unha vez determinado que o solicitado é información pública, esta só podería ser denegada por atoparse nalgún dos límites dos artigos 14 e 15 da Ley 19/2013, do 9 de decembro, ou por tratarse dunha inadmisión das previstas no lei de procedemento administrativo común (Lei 39/2015, do 1 de outubro), ou no artigo 18 da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
Da análise da documentación dedúcese que existe un desacordo entre os reclamantes e o Concello en relación aos bens e dereitos inscritos no vixente Inventario de Bens Municipais, e que os reclamantes queren facer alegacións durante o proceso de elaboración do Inventario Municipal. No escrito presentado ao concello o 26 de decembro, na parte expositiva, no punto 4 indican os solicitantes que actúan “coa intención de poder contribuír, por un lado, como cidadáns ao proceso de elaboración do Inventario Municipal de Bens do Concello de Lousame, anunciado en 2015, e cuxas eventuais alegacións, se procedesen prentenden documentar...”. A mesma idea se recolle na reclamación de 2 de xaneiro á Comisión da Transparencia que di “a petición responde ás necesidades de documentación relativa a u proceso complexo como é a elaboración dun Inventario de Bens Municipal, con centos, ou se cabe millares, de bens e dereitos inventariados, se ben os que se consideran problemáticos son apenas algúns”.
Estes datos poden constituín unha motivación da petición de acceso. Como di o artigo 17.3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, “o solicitante non está obrigado a motivar a súa solicitude de acceso a información. Sen embargo, poderá expoñer os motivos polos que se solicita a información e que poderán ser tidos en conta cando se dite a resolución. Non obstante, a ausencia de motivación non será por si sola causa de rexeitamento da solicitude”. O importante, por tanto, non é analizar cales son os motivos polos que se solicita un contido ou documentación, senón determinar se a documentación ou contido existe e, de existir, se é preciso aplicar algún límite que impida a entrega deses documentos.
A motivación procede incorporala para ponderar os límites no acceso ao documento ou contido, non antes, tal como obrigan os artigos 14.2 e 15 cando recollen a obriga de non aplicar os límites sen unha xustificación e cunha proporción adecuada ao obxecto e finalidade de protección e atendendo as circunstancias do caso concreto, especialmente á concorrencia dun interese público ou privado superior que xustifique o acceso.
Imos a analizar os limites impostos no artigo 14 da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
A documentación solicitada ao concello recolle expresamente datos sobre amillaramentos, licenzas de obra maior, aproveitamentos forestais, fusións, expropiacións, denuncias, documentación relativa a diversos montes veciñais, denuncia por aproveitamento de minerais nas marxes do río Rabiseiras, etc.
O Concello debeu por tanto facer a ponderación en relación a este límite. Neste caso, o feito de que un dos solicitantes sexa un concelleiro, debe en todo caso facilitar a información antes que forzar a denegación. A solicitude está feita por alguén que forma parte da corporación e que elixe a vía ordinaria podendo usar a vía constitucional do artigo 23CE. Cómpre igualmente sinalar que o reclamante Nome apelido1 apelido2 non é concelleiro desde o 17 de xaneiro de 2017 por renuncia, constando o coñecemento polo pleno da corporación en dita data.
Pola documentación solicitada pódese inferir que exista nalgún documento a aplicación dos límites relativos á sancións administrativas ou ilícitos penales, que requiriran unha ponderación. O artigo 15.1 da Lei 19/2013, do 9 de decembro di que en relación cos datos relativos á comisión de infraccións penais ou administrativas que non conlevasen a amonestación pública ao infractor, o acceso só se podería autorizar no caso de que se conte co consentimento expreso do afectado ou se aquel estivera amparado por unha norma con rango de lei. Cómpre aquí recordar que os datos de carácter persoal só son das persoas físicas e nunca das xurídicas que non están amparadas pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
Dado que o concello non ten posto ningún reparo á achega da documentación mais aló de que se trata de inxente cantidade de documentación e que cómpre reelaborala, enténdese que o concello non ten analizado se existe algún reparo en achegarlle a información por afectar á protección do medio ambiente. En todo caso, e dado que parece que non se analizou polo miúdo a documentación, fundándose na falta de persoal para realizar estas tarefas cumprirá que antes do acceso se proceda a analizar documento por documento se existen causas polas que algún documento non poida ser amosado, unha vez feita a ponderación para o caso concreto.
Tal ponderación non pode ser xenérica, senón que ten que especificar que dereito concreto se está a protexer como, por exemplo, que un documento recolla os datos dalgunha fauna ou flora especialmente protexida ou que na petición de expedientes sancionadores ou outros documentos aparezan datos de carácter persoal ou amparados por algún tema específico que tería que ser recollido respectando a normativa de protección de datos.
En relación aos posibles límites para denegar a solicitude queda, por último, ocuparse do límite do artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro que se ocupa dos datos de carácter persoal e que dedica un apartado á ponderación cando se trata de documentación de contido histórico na que existan datos de carácter persoal, en concreto indica:
Terase en conta o menor prexuízo aos afectados derivado do transcurso dos prazos establecidos no artigo 57 da Lei 16/1985, de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.
A xustificación polos solicitantes da súa petición no exercicio dun dereito ou o feito de que teñan a condición de investigadores e motiven o acceso en fins históricos, científicos ou estatísticos.
O menor prexuízo dos dereitos dos afectados no caso de que os documentos unicamente contivesen datos de carácter meramente identifícatevos daqueles.
A maior garantía dos dereitos dos afectados en caso de que os datos contidos no documento poidan afectar a súa intimidade ou a súa seguridade, ou se refiran a menores de idade.
Hai que indicar aquí que os dous reclamantes se presentan como investigador e docente universitario e concelleiro e membro Nome apelido1 apelido2 respectivamente. Na motivación do punto catro da solicitude que o 26 de decembro dirixen ao concello indican que queren a documentación tamén para “poder contribuír...ao coñecemento e preservación da historia local de Lousame, obxecto estatutario da Sociedade Histórica e Cultural Coluna San Fins”. Sobre esta motivación cómpre indicar que a ponderación da achega da información en relación a este feito terá que ter en conta os catro puntos indicados no parágrafo anterior.
En relación ao artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, como no caso do artigo 14, a resolución nada di de que nos documentos solicitados exista algún dato de carácter persoal, por tanto o concello terá que facer esta ponderación salvo a aplicación directa do recollido no artigo 15.4 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, que di que non será aplicable o establecido para a protección de datos se o acceso se efectúa previa disociación dos datos de carácter persoal de xeito que se impida a identificación das persoas afectadas. Hai que destacar que a normativa de protección de datos persoais será de aplicación ao tratamento posterior dos datos obtidos a través do exercicio do dereito de acceso. Neste mesmo sentido o artigo 24 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que no exercicio do seu dereito garantiráselle á cidadanía a posibilidade de utilización da información obtida sen necesidade de autorización previa e sen máis limitacións que as derivadas desta ou doutras leis.
Por tanto, só queda recordar que a protección de datos de carácter persoal obriga a non facilitalos ao concello, a non difundilos cando se lle entregan ao reclamante e a distinguir entre datos especialmente protexidos nos que o artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro establece que o acceso unicamente se poderá autorizar co consentimento expreso e por escrito do afectado se se trata de datos especialmente protexidos.
Recordemos que os datos especialmente protexidos son ós que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 7 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal. Nese artigo, o parágrafo 2 fai referencia a datos sobre ideoloxía, afiliación sindical, relixión e crenzas e o parágrafo 3 se refire aos de orixe racial, saúde e vida sexual. Tamén son datos especialmente protexidos os datos relativos á comisión de infraccións penais ou administrativas que non leven consigo a amoestación pública ao infractor, dos que xa detallamos anteriormente a súa protección. E finalmente en relación ao artigo 15 da Lei 19/2013 do 9 de decembro, recordemos que con carácter xeral, se concederá o acceso a información que conteña datos meramente identificativos, relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano.
En relación á queixa do Concello sobre a gran cantidade de diferentes solicitudes de información que fan estas personas, recordamos a aplicación do criterio 6/2016 do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno dispoñible no enlace que está especificamente centrado en determinar cando existe unha solicitude manifestamente repetitiva ou ten un carácter abusivo. Para a cuestión que preocupa ao concello di que o carácter abusivo das peticións ten que ver cunha valoración cualitativa da solicitude en cuestión e non cunha valoración cuantitativa: “o feito de que unha mesma persoa presente un número determinado de solicitudes non determina necesariamente un exercicio abusivo do dereito” .
Este mesmo criterio para a valoración das peticións reiterativas fai uso dunhas premisas complementarias ao disposto na normativa, que poden axudar ao Concello en vindeiras ocasións: “cando se trate de peticións cuxo texto sexa coincidente, haberá de terse en conta que, en ningún caso, a concorrencia de varios demandantes solicitando unha mesma información considerarase reiterativa pola simple coincidencia do texto, que pode deberse á aprobación de modelos, formularios ou plantillas facilitadoras do exercicio de dereito de acceso individual respecto a cuestións que poidan afectar a unha ou varias persoas ou ben colectivos. Nestes casos, é obrigado considerar cada petición individualmente.
Se a petición é colectiva e entre os que a subscriben houbese un ou varios peticionarios que xa tiveran presentado anteriormente unha solicitude susceptible de ser considerada reiterativa de acordo cos supostos arriba mencionados, soamente se aplicará a causa de inadmisión á dita ou ditas persoas, continuando a tramitación respecto ao resto.
Hai que ter en conta que, por tratarse dun acto que pon fin ao procedemento, a resposta á solicitude haberá de ser motivada. A motivación incluirá a referencia á resposta ou resposta anteriores das eu trae causa a decisión de inadmitir”.
Quinto.-
En conclusión, os dous reclamantes piden 55 documentos que están no arquivo municipal en base a dous motivos: poder, no seu caso, facer alegacións no expediente de elaboración do Inventario Municipal de Bens do Concello e, en segundo lugar, para a preservación da historia local.
Os documentos están perfectamente identificados, e non se pide máis que o acceso, o que non demanda ningún tipo de reelaboración senón, tal e como expresan os reclamantes, que un funcionario acuda ao arquivo e retire so separadores correspondentes, manifestando ante a Comisión que se estaría disposto a un acordo para non interromper as tarefas dos empregados públicos.
O dereito de acceso á información pública se recoñece a todas as persoas (artigo 12 Lei 19/2013, do 9 de decembro). É suficiente coa identidade do solicitante (artigo 17.2 Lei 19/2013, do 9 de decembro), non existe obriga de motivación da solicitude (artigo 17.3 Lei 19/2013, do 9 de decembro), e se se dan os motivos “poderán ser tidos en conta cando se dite a resolución. Non obstante, a ausencia de motivación non será por si soa causa de rexeitamento da solicitude”.
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, amplía aínda máis os dereitos do interesado, pois no artigo 24 equipara o interesado coa cidadanía en xeral. O artigo 24 reforza o dereito desta cidadanía e di que no exercicio do seu dereito ao acceso á información pública garantiráselle a posibilidade de utilización da información obtida sen necesidade de autorización previa e sen mais limitacións que as derivadas desta ou doutras leis. Por tanto, é irrelevante que o solicitante de información pública teña ou non relación coa administración á que se lle require a información, coa materia da que solicita información, ou o lugar de residencia.
O dereito de acceso á información pública non ven determinado polo feito do interese, senón polo feito de que se fai unha solicitude sobre unha materia que non está excluída ou limitada no seu acceso pola normativa vixente, porque a transparencia implanta no ordenamento xurídico o dereito da cidadanía a solicitar dos gobernantes, no sentido mais amplo, calquera información pública que xulgue oportuna.
RESOLUCIÓN
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2 e Nome apelido1 apelido2 con data de 2 de xaneiro de 2017, contra a denegación do Concello de Lousame notificada o 29 de decembro de 2016.
Segundo: Instar ao Concello de Lousame, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
Terceiro: Instar ao Concello de Lousame, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esa Comisión da Transparencia copia do envío e a recepción da información solicitada polo reclamante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2017
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga