El ciudadano solicitó al Concello da Coruña una instrucción dirigida a funcionarios sobre la no denegación de murales por temas políticos. Ante la falta de respuesta, reclamó ante la Comisión da Transparencia de Galicia. El organismo inadmitió la reclamación por ser extemporánea, aunque señaló que la información solicitada no existía en el ente local.
Puntos clave de la argumentación
1
La reclamación se considera extemporánea al no haber transcurrido el plazo legal para que el Ayuntamiento resolviera antes de la interposición de la misma.
2
Se determina que la información solicitada encajaría en el concepto de información pública por ser de relevancia jurídica, pero que en este caso concreto no fue elaborada por el Ayuntamiento.
3
La Comisión recuerda la obligatoriedad de las administraciones de resolver y notificar las solicitudes de información pública conforme a la Ley 39/2015.
4
Se advierte que el incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo constituye una infracción grave según el artículo 20.6 de la Ley 19/2013.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo da disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito do 16 de xaneiro de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Nome apelido1 apelido2 presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 16 de xaneiro de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do Concello da Coruña.
O interesado indicaba que o 12 de decembro de 2016 formulou unha solicitude de información ante o Concello da Coruña na que pedía coñecer a “instrucción aos funcionarios aclarando que os temas políticos non son motivo de denegación de autorización para a realización de murais e grafitos”, sen que o mencionado concello lle facilitase a información solicitada a día 11 de xaneiro de 2016 (data de entrada da reclamación no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia).
O escrito viña acompañado da solicitude e xustificante da presentación no rexistro telemático. A solicitude en concreto recollía:
“(...) O pasado 22 de xullo de 2015, ás 14.30 horas, a Concellalía de Medioambiente () remitiu mail denegando autorización para a realización dun mural afirmando que ‘por outra banda desde esta Concellería non se vai a autorizar ningún mural, nin grafito relacionados con temas políticos’. Posteriormente esa administración afirmou que a mencionada resposta carecía ‘da exactitude e precisión xurídica que debería ter a resolución dun procedemento autorizado’. Por todo o dito solicito a seguinte información en base a normativa de transparencia: - Instrucción aos funcionarios aclarando que os temas políticos non son motivo de denegación de autorización para a realización de murais e grafitos”.
Segundo. Con data de 23 de xaneiro de 2017 déuselle traslado da documentación achegada polo interesado ao Concello da Coruña para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente.
O 25 de xaneiro de 2017 consta recepción da solicitude da Comisión da Transparencia por parte da mentada administración local.
Terceiro. Con data de 22 de febreiro de 2017 se recibiu o informe do Concello da Coruña e o expediente elaborado con motivo da solicitude de información pública.
O informe, en resumo, indicou que no ano 2016 ante un requirimento do Valedor do Pobo, por unha queixa realizada polo agora reclamante, a Concellería de Medio Ambiente fixo un informe no que se indicaba que Nome apelido1 apelido2 non cursara solicitude algunha de autorización para a realización de grafitos, pero que había constancia dun correo electrónico no que unha persoa solicitaba autorización para este fin.
Ante a solicitude cursada por correo electrónico deuse resposta tamén por correo electrónico de xeito informal. “Esta é a razón pola que a resposta carece seguramente da exactitude e precisión xurídica que debería ter a resolución dun procedemento autorizatorio que nunca foi iniciado, polo menos de acordo cos datos e documentos que obran neste momento no servizo”, recolle o escrito.
A continuación se reflicte parte do informe que o concello fixera para o Valedor do Pobo, e que lle foi remitido ao entón interesado, promotor dun procedemento de queixa. Neste punto a comunicación indica que a ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria establece unhas prohibicións e unhas posibilidades de autorización na letra k do artigo 74 e indica que “ as normas administrativas en materia ambiental delimitan o contido dos dereitos, establecendo o marco no cal deben ser exercidos para evitar prexuízos colectivos e para garantir a protección de razóns imperiosas de interese xeral, como neste caso son a preservación do medio ambiente urbano e a limpeza das vías e espazos públicos”.
A administración expón que en decembro de 2016 recibiu a petición de información pública á que fai referencia a presente reclamación. O ente local indica que a petición realizada carece do carácter de información pública tal como está definida na Lei 19/2013, do 9 de decembro, toda vez que “non existe ningún contido ou documento en poder do Servizo de Medio Ambiente do Concello da Coruña, que recolla unha ‘instrución aos funcionarios aclarando que os temas políticos non son motivo de denegación de autorización para a realización de murais e graffitis’”. “Si consideramos que a información solicitada debe ter a consideración de ‘información pública’ aos efectos da Lei 19/2013; a solicitude de información é en todo caso ‘manifestamente repetitiva’ ou ‘ten carácter abusivo non xustificado de acordo coa finalidade de transparencia’ da Lei 19/2013 (art. 18.1 letra e)”, recolle o informe.
O informe remata recordando que no marco da queixa ante o Valedor do Pobo o reclamante tivo cumprida resposta dos erros cometidos na xestión da cuestión exposta e das normas que rexen a realización de grafitos na cidade e que, por tanto, trataríase dunha petición repetitiva.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo á que se remiten as anteriores.
Primeiro.- Competencia
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que, contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo.
O artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica que corresponde á Comisión da Transparencia a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
A disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo Goberno establece que a reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, de transparencia, dereito á información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, que é parte integrante da Comisión da Transparencia.
Segundo.- Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno preceptúa que o seu procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as reclamacións perante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, pola súa parte, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública
Ámbito material
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida, como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
Lexitimación
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información, no seu artigo 26.4.
Limitacións que poden afectar ao seu exercicio:
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé nos artigos 14 e 15 uns límites ao dereito ao acceso, por razón da materia e por mor da protección dos datos de carácter persoal. Todas as solicitudes, que non entren dentro destes límites deberán ser atendidas, agás que existan limitacións e así se xustifiquen debidamente co chamado test de danos, ou algunha das causas de inadmisión do artigo 18 desta lei.
Cuarto.- Análise do expediente
Neste expediente hai que analizar a petición realizada e o prazo de presentación da mesma polo reclamante para seguidamente determinar se estamos ante unha información pública.
Sobre a petición realizada, como quedou antedito, xa supuxera unha investigación aberta por parte do Valedor do Pobo, por medio dun procedemento de queixa, no que se investigaba unha resposta por parte do Concello de A Coruña realizada dun xeito informal. En decembro de 2016 o agora reclamante solicita ao Concello de A Coruña que lle achegue a “instrución dirixida aos funcionarios aclarando que os temas políticos non son motivo de denegación de autorización para a realización de murais e grafitos”.
O Concello non respondeu a esta petición de información. Aínda que se trata de afondar sobre o mesmo tema, atopámonos ante peticións independentes e con procedemento diferente tamén. Neste procedemento hai que ter en conta que o noso ordenamento esixe a resolución administrativa ás administracións públicas e que actualmente para esta obriga é de aplicación o disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas que no seu artigo 21 impón a obriga de resolver e notificar a resolución, calquera que sexa o xeito de iniciación dun procedemento.
Con data de 11 de decembro, un día antes de que se cumpra o prazo máximo que ten o Concello para conceder ou denegar o acceso e notificarse a concesión ou acceso ao solicitante da resolución, Nome apelido1 apelido2 se dirixe á Comisión da Transparencia. Do informe que o Concello fai para a Comisión da Transparencia determínase que este aínda non respondera ao solicitante no momento de informar a esta Comisión, se ven argumenta que se atopa ante unha solicitude “manifestamente repetitiva e que ten carácter abusivo non xustificado de acordo coa finalidade da transparencia”.
A petición, por tanto, carece de fundamento posto que non transcorreu o prazo para resolver por parte do Concello conforme o disposto no artigo 116 e) da lei 39/2015, do 1 de outubro, ao tratarse dun acto non susceptible de recurso, e nun principio, non analizable por parte desta Comisión da Transparencia.
Agora ben, dado que o expediente está en tramitación, e que consta que a 20 de febreiro aínda non se lle dera resposta ao interesado, de acordo cos principios de eficiencia e economía procesual imos a analizar se a información demandada ten encaixe no concepto legal de “información pública”.
O obxecto da solicitude fai referencia a “unha instrución” que aclare que os temas políticos non son motivo de denegación de autorización para a realización de murais. De ter existido tal instrución estariamos ante unha petición de información pública incardinada no artigo 7 da Lei de Transparencia como información de relevancia xurídica que supón a interpretación do dereito ou teña efectos xurídicos, e que por tanto, debería ser obxecto de publicidade activa no portal de transparencia do Concello.
O informe do Concello alude ao concepto de información pública da lexislación de transparencia que se refire aos “contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”, e o relaciona co feito de que se posúa ou non unha información concreta por parte dun suxeito obrigado pola lexislación de transparencia vixente en cada momento.
A materia sobre que se solicita a información entra dentro do concepto de información pública, outra cousa é que no caso concreto o concello a elaborase ou adquirise. E parece que neste caso concreto, tendo en conta a información que achegou o ente local, non foi elaborada.
Cabe insistir por último na necesidade de que as administracións suxeitos obrigados dean resposta e notifiquen á mesma aos solicitantes de información pública, tal como o establece a normativa de procedemento administrativo común. A Lei 19/2013, do 9 de decembro, no seu artigo 20.6 establece que o incumprimento reiterado da obrigación de resolver en prazo terá a consideración de infracción grave para os efectos da aplicación aos responsables do réxime disciplinario previsto na correspondente normativa reguladora, polo que esta Comisión lémbralle ao concello que este atraso inicia o control de tal obrigación e se procede a dar parte desta resolución ao Comisionado da Transparencia para o seguimento do Control de Publicidade.
Quinto.-
En conclusión procede inadmitir a reclamación por extemporánea conforme o disposto no artigo 116 c) da lei 39/2015, do 1 de outubro, tratarse dun acto non susceptible de recurso.
Tendo en conta que o reclamante xa dispón da información no seu poder, e que o Concello debería terlle dado unha resposta á solicitude de información pública polo que este atraso inicia o control de tal obriga procedéndose a informar desta resolución ao Comisionado da Transparencia.
RESOLUCIÓN
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Inadmitir a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2 con data de entrada no Rexistro do Valedor do Pobo de 16 de xaneiro de 2017, contra a denegación por silencio do Concello da Coruña e informar desta resolución ao Comisionado da Transparencia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga