El ciudadano solicitó al Concello de Melide información sobre el funcionamiento, mantenimiento y legalidad de sus cámaras de seguridad. Tras alegar desatención, la Comisión da Transparencia de Galicia decide archivar parcialmente y inadmitir el resto de la reclamación, ya que la información ya fue facilitada o las peticiones no constituyen información pública.
Puntos clave de la argumentación
1
La solicitud de certificación del funcionamiento de las cámaras se considera improcedente al disponer ya el interesado de dicha información mediante informes previos del ayuntamiento.
2
Las declaraciones realizadas por la alcaldía en sesiones plenarias no tienen naturaleza resolutoria ni trascendencia administrativa externa que obligue a justificarlas vía transparencia.
3
La petición de confirmación sobre el cumplimiento de la normativa vigente constituye una solicitud de valoración jurídica, lo cual no encaja en la definición de información pública.
4
Se considera que el cuestionamiento reiterado durante tres años sobre dos cámaras de vigilancia podría tener un carácter abusivo no justificado con la finalidad de la ley.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito do 27 de decembro de 2016, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Nome apelido1 apelido2 presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 29 de decembro de 2016, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do Concello de Melide.
O interesado indicou que o 30 de marzo de 2016 formulou solicitude de información pública ante o Concello de Melide para pedir:
“Información que certifique de forma indubitada que as cámaras do Concello de Melide estean ou non en funcionamento.
Información de por que (a alcaldía) afirmou no pleno do 5 de xuño de 2014 de que o mantemento das cámaras estaba a cargo da empresa SEGURIDADE A1 e posteriormente negou que existira mantemento de ningún tipo.
Información que confirme que as cámaras compren coa normativa vixente”.
A reclamación viña acompañada do escrito dirixido ao concello de data 30 de marzo de 2016 e que foi presentado no concello.
Segundo. Con data de 19 de xaneiro de 2017 déuselle traslado da documentación achegada polo interesado ao Concello para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
O oficio foi recibido pola administración en data de 20 de xaneiro de 2017.
Terceiro. O Concello de Melide remitiu informe o 26 de xaneiro. Xunto co mesmo achega informe do arquitecto técnico municipal remitido en data de 11 de xullo de 2014 ao agora reclamante; un segundo informe do mesmo funcionario datado o 15 de abril de 2015 que foi remitido ao Valedor do Pobo como resposta a unha queixa na que o interesado expuña un obxecto similar ao da actual reclamación e, por último, a resolución desta Comisión da Transparencia (expediente 0012/2016) de arquivo por desistimento do interesado.
O Concello indica que en xaneiro de 2014, o agora reclamante, se dirixira a esa autoridade municipal para pedir datos obxectivos que avalasen a “eficacia deses dispositivos para lograr os fins que manifestan querer obter” e sobre o feito de que a instalación das vídeo cámaras, xustificase “o cumprimento da normativa vixente en relación co eses dispositivos e o custo da súa instalación e mantemento anual”.
Entón o Concello elaborara unha resposta que achegou en data 9 de xullo de 2014 na que indicaba que as cámaras existentes estaban no centro socio cultural de Melide “son dúas e gravan a entrada ao auditorio e á sala de exposicións”. O informe detallaba quen é o titular das cámaras, o uso ao que se destinan e os pasos que se están a dar para dala de alta no ficheiro da axencia de protección de datos, así como a existencia de carteis visibles que avisan das mesmas.
O interesado instou seguidamente unha queixa ante o Valedor do Pobo que o 15 de abril de 2015, no marco da súa actuación, coñeceu un informe do arquitecto municipal no que novamente se insistía en que as únicas cámaras de vídeo vixilancia do Concello eran as do centro socio-cultural e que xa estaban inscritas na Axencia de Protección de Datos como ficheiros de vídeo vixilancia de edificios. Naquel momento existía a pretensión de contratar unha empresa para a xestión e mantemento do sistema, polo que permanecería sen funcionar ata entón. Sobre o custo do sistema, outra das preguntas do reclamante, non se precisou nada xa que non se realizara a contratación.
O Concello achega por último copia da resolución de arquivo por desestimación (falla de identificación do reclamante) asinada pola presidenta desta Comisión da Transparencia da reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, con data 27 de xuño de 2016, sobre o mesmo obxecto.
Cuarto. Con data de 17 de febreiro de 2017 a Comisión da Transparencia recibiu copia do certificado do pleno da sesión que tivo lugar o 5 de xuño de 2014 que se lle solicitara ese mesmo día vía telefónica. Este documento resultaba necesario para coñecer en que ámbito se dixera polo concello que a empresa de Seguridade A1 era a responsable das cámaras de seguridade do municipio.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo á que se remiten as anteriores.
Primeiro.- Competencia
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que, contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo.
O artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica que corresponde á Comisión da Transparencia a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
A disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo Goberno establece que a reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, de transparencia, dereito á información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, que é parte integrante da Comisión da Transparencia.
Segundo.- Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno preceptúa que o seu procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as reclamacións perante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, pola súa parte, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública
Ámbito material
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida, como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
Lexitimación
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información, no seu artigo 26.4.
Limitacións que poden afectar ao seu exercicio:
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé nos artigos 14 e 15 uns límites ao dereito ao acceso, por razón da materia e por mor da protección dos datos de carácter persoal. Todas as solicitudes, que non entren dentro destes límites deberán ser atendidas, agás que existan limitacións e así se xustifiquen debidamente co chamado test de danos, ou algunha das causas de inadmisión do artigo 18 desta lei.
Cuarto.- Análise do expediente
O reclamante leva dirixíndose ao Concello de Melide dende o ano 2014 en relación a dúas cámaras de vídeo vixilancia existentes no seu centro socio-cultural. Do expediente se desprende que a finalidade das cámaras non é puramente a de reforzar as condicións de seguridade pública no recinto, aspecto este que daría lugar a un análise da posible aplicación do límite do artigo 14 referido á seguridade pública.
Tal e como se informou, as cámaras están dentro do recinto propiedade do concello e o campo de gravación non chega ata a vía pública ou espazo público, senón aos accesos do auditorio e a sala de exposicións respectivamente. As cámaras están debidamente sinalizadas e contan cun ficheiro na Axencia de Protección de Datos como vídeo vixilancia de edificios, segundo consta no informe realizado polo propio concello para o agora reclamante.
A pesar de dispor de todos estes datos o 30 de marzo de 2016 o reclamante insiste ante o concello e demanda novos datos “que certifiquen de forma indubitada que as cámaras do Concello de Melide estean ou non en funcionamento. Información de porque afirmou no pleno do 5 de xuño de 2014 de que o mantemento das cámaras estaba a cargo da empresa SEGURIDADE A1 e posteriormente negou que existira mantemento de ningún tipo. Información que confirme que as cámaras compren coa normativa vixente”.
O reclamante dirixe tres demandas de información ao concello que non atopan encaixe, por outra banda, na definición de información pública reflectida no artigo 24 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro como “contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
En relación á primeira cuestión, a petición “de forma indubitada” dun certificado que informe do funcionamento das cámaras, atopámonos ante unha información que xa obra no poder do solicitante xa que, tal e como lle dirixiu o concello, só existen dúas cámaras de vixilancia nun edificio, que conta co rexistro na Agencia de Protección de Datos e que están debidamente sinalizadas.
A segunda cuestión exposta consiste na petición dunha explicación da alcaldía acerca de por que se informou no pleno de 5 de xuño de 2014 de que o mantemento das cámaras estaba a cargo da empresa SEGURIDADE A1 e posteriormente negou que existira mantemento de ningún tipo. Na acta do pleno de 5 de xuño de 2014 consta unha pregunta escrita formulada por un dos grupos da oposición coa seguinte literalidade: “As vídeo cámaras que o concello colocou na zona da Casa da Cultura están xestionadas directamente polo Concello ou por unha empresa de seguridade?”. Esta pregunta se fixo nunha data na que as cámaras estaban recentemente instaladas, tal como consta no informe que se lle enviou ao interesado desde o Concello con data de 10 de xullo de 2014. Neste se indicou que se teñen “rematado fai uns meses as obras para posta en funcionamento do Centro Socio-Cultural”.
En sesión plenaria indicouse en resposta á pregunta: “A colocación e mantemento das cámaras está a cargo da empresa Sistemas de Seguridade A1, inscrita dentro do Rexistro de Empresas de Seguridade do Ministerio do Interior, e todas elas teñen colocados carteis visibles en cada un dos lugares onde se atopan as cámaras indicando que se trata dunha zona vídeo vixiada”. Correspondeu á empresa que colocar as cámaras o seu mantemento durante os primeiros meses, sendo esta unha cláusula habitual dos contratos administrativos de instalacións e obras.
Corresponde indicar, non obstante, que as declaracións realizadas pola alcaldía na parte de control non teñen natureza resolutoria nin transcendencia administrativa externa.
En canto a terceira demanda de información en busca dunha confirmación de que as cámaras cumpren coa normativa vixente, estamos ante unha petición de valoración xurídica sobre o axuste dunha decisión administrativa a principios xerais do ordenamento xurídico, que non garda relación do dereito de acceso á información pública. Esa valoración non se pode considerar contido, nin documento elaborado ou adquirido para o exercicio das funcións dos suxeitos sometidos á transparencia, definición recolleita na normativa básica de transparencia.
Por todo o expresado, procede inadmitir a reclamación dado que o solicitado ao concello xa foi informado ou non era propiamente información pública, senón que se trataría dun teórico incumprimento do ordenamento xurídico dirimible por outras vías, non por medio do presente recurso.
Por último indicar que a Lei de transparencia, Lei 19/2013, do 9 de decembro, establece no seu artigo 18 que se inadmitirán a trámite, mediante resolución motivada, as solicitudes que sexan manifestamente repetitivas ou teñan carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia desta Lei. O cuestionamento das accións dun concello rural en relación a dúas cámaras de vixilancia durante tres anos, cando se comprobou que contan con todos os rexistros e controis para facer unha actividade de vixilancia do edificio, podería entrar nese carácter non xustificado coa finalidade de transparencia da norma.
Procede por tanto arquivar aquela parte da petición da que o reclamante xa dispón da información e inadmitir o resto da petición.
Quinto.-
En conclusión procede inadmitir a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, toda vez que a información que sobre este tema demanda xa está no seu poder, ou ben se trata de xuízos de valor que nada teñen que ver coa conceptualización legal de información pública que da dereito ao acceso.
RESOLUCIÓN
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Arquivar por dispoñer o reclamante a información solicitada en relación ás cámaras de seguridade e inadmitir por falta de fundamento as cuestións que se refiren as declaracións de mantemento desas cámaras e á confirmación de que as cámaras se axustan ao ordenamento xurídico na reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2 con data de 29 de decembro de 2016, contra o presunto silencio administrativo do Concello de Melide.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga