Inadmitida 30/06/2017 · 102 días en resolverse

Reclamación por falta de respuesta a solicitud de información sobre subvenciones agrícolas entre 2003 y 2009

El ciudadano solicitó al Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) información sobre subvenciones y beneficiarios de parcelas específicas entre 2003 y 2009. Tras no recibir respuesta, reclamó ante la Comisión da Transparencia de Galicia. El organismo decidió inadmitir la reclamación debido a que la solicitud original fue anterior a la entrada en vigor de la Ley 19/2013 en las CCAA.

Puntos clave de la argumentación

1 La solicitud inicial se presentó el 8 de junio de 2015, fecha anterior a la entrada en vigor de la Ley 19/2013 en las Comunidades Autónomas (10 de diciembre de 2015).
2 La Comisión determina que, al no haberse realizado una nueva petición tras la entrada en vigor de la normativa de transparencia, no es posible estimar la reclamación.
3 El organismo considera que la falta de una solicitud posterior a la vigencia de la ley impide la admisión del recurso.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno En resposta á reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito datado o 15 de marzo de 2017 e que tivo entrada no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo o 20 de marzo de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. Nome apelido1 apelido2 presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 20 de marzo de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do Fondo Galego de Garantía Agraria (en diante, Fogga), dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. A interesada indicaba que con data 8 de xuño do 2015 solicitou información de subvencións cobradas, contías e beneficiarios das mesmas entre os anos 2003 e 2009, ambos inclusive, referidos ás parcelas das que se acompañan datos catastrais. O motivo, segundo indicaba no seu escrito, era “comprobar si existiron cobros irregulares procedentes de fondos europeos”. Sinalaba que non recibiu ningún tipo de información da Xunta de Galicia. O escrito viña acompañado de copia da solicitude de acceso á información presentado no Rexistro Xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo o día 8 de xuño de 2015, dirixido ao Fondo Galego de Garantía Agraria. A esta solicitude acceso á información, o interesado engadiu dous documentos: un deles, unha relación de todas as parcelas agrícolas da explotación referenciada e outro, unha relación de explotacións calificadas sanitariamente, emitida en agosto de 1996 pola entón Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Segundo. Con data do 29 de marzo déuselle traslado da documentación achegada polo interesado ao FOGGA para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 31 de marzo de 2017. Terceiro. Con data do 12 de abril de 2017 se recibiu o informe desde a Secretaría do FOGGA, asinado polo xefe do Servizo de Axudas Agrícolas dese organismo, dependente da Subdirección Xeral de Xestión da PAC, e o expediente elaborado. O informe, en resumo, indicou o seguinte: Primeiro.- O 15/06/2015 tivo entrada no Rexistro do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) a solicitude da interesada (entrada n° 3784), procedente do Rexistro Xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, onde fora presentada o 08/06/2015; a dita solicitude viña acompañada de dúas follas no formato oficial do impreso 1/PA da Solicitude Única de Axudas rexistrada o 09/04/2010 co número 201045050, solicitude que corresponde á propia interesada. A segunda destas follas levaba engadidas a man unha serie de parcelas identificadas de forma incompleta. Segundo.-Con posterioridade á recepción no Fogga desta solicitude, e en concreto o día 22/07/2015, a interesada chamou por teléfono para preguntar pola mesma, sendo atendida por un técnico do Servizo de Axudas Agrícolas da PAC quen a informou de que, seguindo o procedemento ao efecto establecido, a solicitude sería trasladada para a súa tramitación ao Servizo Territorial do Fogga de Pontevedra. O mesmo técnico explicoulle á interesada de forma resumida o procedemento que se segue nestes casos, que é o seguinte: En primeiro lugar se solicita á interesada a súa acreditación como propietaria da parcela en cuestión (normalmente basta coa titularidade en Catastro), pois as declaracións dos agricultores na Solicitude Única son datos persoais protexidos pola lei. Comprobado este requisito, se informa entón á propietaria acerca das posibles declaracións existentes nas súas parcelas. En base ao anterior, o técnico do Fogga comunicoulle á interesada que debería aportar a documentación que xustificara a condición de propietaria/titular das parcelas incluídas na relación. Posteriormente a interesada fixo unha segunda chamada pola que comunicaba que, atendendo ao indicado polo técnico do Fogga, ía presentar no S.T. de Pontevedra un novo escrito máis detallado e a documentación acreditativa da titularidade. Ás 14:09 horas do mesmo día 22/07/2015 foi remitido ao S.T. de Pontevedra un correo electrónico coa solicitude escaneada da interesada; neste correo se recollían de forma xenérica os aspectos máis relevantes das conversas mantidas coa interesada, entre eles o comentario sobre a presentación no S.T. de Pontevedra dun novo escrito máis detallado e a documentación acreditativa da titularidade. As 9:47 horas do día 11/09/2015 recibiuse nos SS.CC. do Fogga un correo electrónico do S.T. do Fogga de Pontevedra interesándose polo asunto xa que aínda non lles chegara o novo escrito que a interesada indicara que la presentar. Ás 10:51 horas do mesmo día o técnico dos SS.CC. do Fogga responde ao correo anterior indicando que no Fogga en Santiago tampouco constaba ningún novo escrito da interesada. Segundo.- Na documentación que se xunta ao informe (copias dos correos electrónicos intercambiados entre o Servizo de Axudas Agrícolas da PAC e o S.T. do Fogga de Pontevedra) acredítase que, se ben desde o Fogga se fixera un seguimento da petición da interesada, non lle fora enviado o requirimento previo de maneira oficial porque a solicitante manifestara de forma verbal que ía facilitala directamente. O informe remata sinalando que o primeiro paso imprescindible para facilitarlle á interesada as declaracións que solicita, é que acredite a titularidade/propiedade das parcelas que relaciona, para o que coa maior rapidez posible se lle oficiará o oportuno requirimento. Por último, no que respecta á petición relativa ás contías das axudas cobradas, o informe manifesta que, de acordo coa normativa reguladora das axudas, non é posible dicir propiamente que importe de subvención é imputable a unha parcela física concreta, polos seguintes motivos: O cálculo das axudas en cada expediente faise para o conxunto da solicitude aplicando, de ser o caso, reducións e/ou exclusións de superficie en función das diferenzas detectadas nos controis para o conxunto da solicitude. Xeralmente a axuda máis importante no período para o que a interesada pide información, era a axuda do Pago único, que se percibía en función duns títulos (os dereitos de axuda) asignados a un agricultor concreto. Para percibir o pago anual, o agricultor debe "xustificar" cada dereito con unha "hectárea admisible" de terra, pero podería utilizar cada ano parcelas distintas para elo. Ademais, un agricultor pode declarar un número maior de hectáreas que dereitos posúe. Destas circunstancias se conclúe que non se pode dicir cales son as parcelas concretas que reciben o pago. O informe achega copia dos correos electrónicos intercambiados nese organismo. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro.- Recurso e competencia para resolvelo. O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola citada Lei 19/2013 e pola Lei 1/2016, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo. O artigo 28 da Lei 1/2016 establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo; e o artigo 33 da mesma lei indica que corresponde á Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o seu artigo 28. A disposición adicional 5ª da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao que adscríbese a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente. Segundo.- Procedemento. O artigo 28.3 da Lei 1/2016 preceptúa que o procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013. Esta lei 19/2013 sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía contencioso-administrativa e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro.- Dereito de acceso á información pública. A Lei 1/2016 recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”. O artigo 12 da Lei 19/2013 configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016 sinala que o solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información (artigo 26.4). Cuarto.- Análise do expediente A Lei 19/2013, do 9 de decembro entrou en vigor nas Comunidades autónomas o 10 de decembro de 2015 (disposición final novena). Dado que a solicitude inicial ante a consellería é de 8 de xuño de 2015, e que tras a entrada en vigor da lei a persoa solicitante non fixo ningunha nova petición ante esa administración procede inadmitir a reclamación. ACORDO En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede Inadmitir a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito que tivo entrada no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo o 20 de marzo de 2017, contra a denegación de acceso á información das axudas e subvencións outorgadas entre os anos 2033 e 2009 ás que se refire a súa solicitude. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2017. A presidenta da Comisión da Transparencia Milagros Otero Parga