La Plataforma Nome apelido1 apelido2 solicitó a la Consellería do Mar información sobre subvenciones, presupuestos, cuentas y retribuciones de diversas entidades pesqueras. Tras una respuesta parcial y deficiente, el ciudadano reclamó ante la Comisión da Transparencia de Galicia, que estima parcialmente la reclamación por considerar que la información facilitada fue insuficiente o mal referenciada.
Puntos clave de la argumentación
1
La remisión a enlaces genéricos de páginas web no cumple con el requisito de ser precisa, concreta y directa hacia la información solicitada.
2
Cuando la información solicitada no obra en poder del sujeto destinatario, este debe remitir la solicitud al tercero competente (como el Ministerio de Hacienda o el Consello de Contas) según el art. 19 de la Ley 19/2013.
3
La administración debe facilitar la documentación base de las subvenciones y especificar la partida exacta de los presupuestos donde consten las retribuciones de los cargos electos.
4
Se considera que la administración debió solicitar la concreción de la solicitud si consideraba que la información no estaba suficientemente identificada.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada pola Plataforma Nome apelido1 apelido2 representada polo seu presidente Nome apelido1 apelido2, mediante escrito do 19 de xaneiro de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. A secretaría xeral técnica da Consellería do Mar, remite á Comisión da Transparencia o 13 de febreiro de 2017 un escrito presentado pola Plataforma Nome apelido1 apelido2, representada polo seu presidente Nome apelido1 apelido2. Este escrito fora recibido na Consellería o día 19 de xaneiro de 2017. O retraso na remisión á Comisión debíase a que existiu un erro na cualificación da solicitude dado que o interesado usou o modelo de solicitude á Xunta PR 100A (petición de acceso á información pública) e que foi o estudo do escrito que acompañaba a dita solicitude cando se concluíu que se recorría unha resolución da propia consellería emitida o 18 de xaneiro de 2017.
O interesado indicaba á Consellería do mar que se trataba dunhas alegacións contra o oficio remitido pola Consellería e a achega de información solicitada, entendendo que esa remisión de información non era válida porque “tras la apertura del sobre con pliegos en el que dice ser, copias de los documentos solicitados, ni uno solo firmado, siendo simples copias, desordenadas, sin un principio ni fin , hojas sin numerar, y con la ausencia de cualquier referencia a los informes solicitados, todo ello encabezado por un solo folio y que dice; remítolle a información solicitada...”
O escrito da secretaría xeral técnica viña acompañado dos documentos de presentación no rexistro electrónico da Xunta, a solicitude PR100A e a documentación anexa a esa solicitude, pero non do expediente e a resolución de 18 de xaneiro de 2017 que orixinou a reclamación.
Segundo. Con data 11 de febreiro de 2017 se notifica a iniciación ao interesado.
Terceiro. Con data 15 de febreiro de 2017 déuselle traslado da documentación á Secretaría Xeral Técnica do Mar, incidindo no feito de que a reclamación fora presentada na propia consellería e demandando que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 21 de febreiro de 2017.
Cuarto. Con data de 7 de marzo de 2017 se recibiu o informe da Consellería do mar e o expediente elaborado.
O informe, en resumo, indicou que a solicitude do interesado pedía:
“a) subvencións e axudas recibidas pola confraría. Con indicación do seu importe e obxectivo, así como a solicitude e documentos que sirvan de base a esta.
b) os orzamentos, con descrición das principais partidas orzamentarias e información actualizada e comprensible sobre o seu estado de execución.
c) As contas anuais e os informes de auditoría de contas e de fiscalización por parte dos órganos de control externo que sobre eles emitíronse. As actas onde conste a aprobación das contas pola xunta xeral.
d) As retribucións percibidas anualmente polo Patrón Maior e o Secretario.
Así mesmo, solicitaba que se lle achegara informe ou acreditación documental do Imposto sobre Sociedades (IS) e sobre o Imposto do Valor Engadido (IVE)”
Unha vez delimitada a solicitude o informe indica que previo informe da Dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a secretaria xeral técnica resolveu conceder á información. Indicando expresamente que a resolución indicaba os datos que non constaban na consellería e que se referían ao IVE, ó IS, e as indemnizacións por razóns do servizo que lle puideran corresponder ao patrón maior e secretario.
Quinto. O expediente ven acompañado de:
Índice; solicitude de 14 de decembro de 2016; o informe da Dirección xeral de Desenvolvemento de 22 de decembro de 2016 (que se analizará no punto cuarto dos fundamentos xurídicos); a resolución da solicitude con rexistro de saída do 16 de xaneiro de 2017 (resolución asinada pola secretaria xeral técnica da Consellería e notificada polo vicesecretario xeral); anexo de documentación remitida; acuse de recibo da resolución de 18 de xaneiro; a documentación que foi trasladada á Comisión da Transparencia o 13 de febreiro e que xa figura recollida no punto primeiro dos antecedentes; o acuse de recibo desa documentación pola Comisión da Transparencia; o traslado do expediente á Comisión da Transparencia, co seu acuse de recibo e, finalmente a notificación ao interesado deste traslado á Comisión da Transparencia.
Deste expediente cómpre destacar o contido da resolución que resolve conceder o acceso á información a que se refire a solicitude nos seguintes termos:
“Unha vez analizada a solicitude, a Secretaría Xeral Técnica resolve conceder o acceso á información a que se refire a solicitude presentada.
Sobre a Federación Galega de Confrarías de Pescadores:
- Constan na Consellería do Mar, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, as contas anuais e os orzamentos aprobados da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, consonte ao disposto na normativa de aplicación. Achégase copia, como anexo 1 á presente resolución, das contas anuais correspondentes ao ano 2015, así como dos orzamentos correspondentes ao ano 2017.
- Esta entidade na súa páxina web http://confrariasgalicia.orgl ten accesible as contas anuais e os seus orzamentos, así como as subvencións percibidas.
- A Federación Galega de Confrarías de Pescadores deposita as súas cantas anuais ante o Consello de Cantas, polo que tamén poden ser consultadas a través da súa páxina web bttp://www.consellodecontas.es/es/menus-consello/sectorpublico.
- As subvencións e/ou axudas recibidas no último exercicio foron as seguintes:
- Non consta na Consellería do Mar acreditación documental sobre o Imposto do Valor Engadido (IVE) nin sobre o Imposto de Sociedades (IS) por non estar abrigada a entidade a presentar tal documentación.
- Non consta na Consellería do Mar información sobre as indemnizacións por razón do servizo que lle puideran corresponder ao patrón maior e secretario, aínda que poderían deducirse do análise das contas anuais e do orzamento.
Sobre a Confraría de Pescadores de Caión:
- Consta na Consellería do Mar, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, as contas anuais e os orzamentos aprobados da Confraría de Pescadores de Caión, consonte ao disposto na normativa de aplicación. Achégase copia, como anexo II á presente resolución, das contas anuais correspondentes ao ano 2015, así como dos orzamentos correspondentes ao ano 2016, estando pendentes de presentar os orzamentos correspondentes ao ano en curso.
- A confraría deposita as súas contas anuais ante o Consello de Contas, polo que poderían ser consultadas a través da súa paxina web http://www.consellodecontas.es/es/menus·consello/sector-publico
- As subvencións e/ou axudas recibidas no último exercicio foron as seguintes:
- Non consta na Consellería do Mar acreditación documental sobre o Imposto do Valor Engadido (IVE) nin sobre o Imposto de Sociedades (IS) por non estar obrigada a entidade a presentar tal documentación.
- Non consta na Conselleira do Mar as indemnizacións por razón do servizo que lle corresponde ao patrón maior e secretario, aínda que podería deducirse do análise das contas anuais e do orzamento.
Sobre a Fundación Océano Vivo:
- Constan na Consellería do Mar, na Secretaría Xeral Técnica, que exerce as funcións do protectorado, as contas anuais correspondentes ao ano 2015 da Fundación Oceáno Vivo, consonte ao disposto na normativa de aplicación. Achégase copia das mesmas, como anexo III á presente resolución.
- Así mesmo, esta fundación non recibiu por parte desta Consellería ningún tipo de subvención ou axuda no exercicio correspondente ao ano 2016.”
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro.- Recurso e competencia para resolvelo.
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola citada Lei 19/2013 e pola Lei 1/2016, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo.
O artigo 28 da Lei 1/2016 establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo; e o artigo 33 da mesma lei indica que corresponde á Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o seu artigo 28.
A disposición adicional 5ª da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao que adscríbese a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente.
Segundo.- Procedemento.
O artigo 28.3 da Lei 1/2016 preceptúa que o procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013. Esta lei 19/2013 sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía contencioso-administrativa e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública.
A Lei 1/2016 recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
O artigo 12 da Lei 19/2013 configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016 sinala que o solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información (artigo 26.4).
Cuarto.- Análise do expediente
A solicitude do interesado pide unha copia de documentación acreditativa de:
Subvencións e axudas públicas recibidas pola confraría, con indicación do seu importe e obxectivo, así como a solicitude e documentos que serven de base.
Orzamentos, con descrición das principais partidas orzamentarias información actualizada e comprensible sobre o estado de execución.
Contas anuais, informes de auditoría de contas e fiscalización por parte dos órganos de control externo que sobre eles se remitisen. Actas onde conste a aprobación das contas pola xunta xeral.
Retribucións percibidas anualmente polo patrón maior e o secretario.
Acreditación dos impostos de sociedades e IVE.
Os reparos á información achegada pola consellería ao reclamante son :
A documentación que se lle achega non está asinada, son copias simples, desordenadas, sen principio nin fin, sen numerar, e con ausencia de calquera referencia aos informes solicitados.
Non se entrega a información contable pormenorizada nos supostos informes da FEGACOPE e Océano Vivo.
Non consta a Intervención do Consello de Contas e órganos Fiscalizadores da Xunta de Galicia en relación aos convenios.
Faltan os datos relativos a subvencións e axudas públicas recibidas pola confraría, con indicación do importe e obxectivo. Orzamentos, con descrición das principais partidas orzamentarias e información actualizada e comprensible do estado de execución. Contas anuais e informes de auditoría de contas e de fiscalización dos órganos de control externo. Retribucións percibidas anualmente polo Patrón Maior e secretario. Informe ou acreditación documental do IS e IVE e copia das actas e acordos tomados en relación a terceiros.
O primeiro que hai que ter en conta é que a resolución de 18 de xaneiro cumpre todos os requisitos dunha resolución e da súa notificación. O acuse de recibo da notificación recolle que foi entregado o propio 18 de xaneiro de 2017. A solicitude é de 14 de decembro, existindo un prazo dun mes para a notificación da resolución que se conta desde a recepción da solicitude polo órgano competente para resolver. A resolución indica que a recepción na secretaría xeral técnica é o 20 de decembro, e a resolución de acceso está asinada pola persoa competente da Unidade de Información na Consellería do Mar que é a secretaria xeral técnica. A resolución explica claramente que documentación se achega e, se ben non está numerada, consta que se trata do balance de situación e informe de xestión da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e que está íntegro, tamén consta as contas anuais, informe de xestión, liquidación orzamentaria e inventario de bens e dereitos da confraría de pescadores de Caión sen numerar pero coa información correlativa para o ano 2015 e o orzamento do ano 2016. Finalmente as contas da Fundación Océano Vivo veñen perfectamente numeradas.
Unha vez determinado que a resolución cumpre os requisitos formais e para proceder ao estudo deste expediente hai que ter en conta que aínda que a resolución di que é unha estimación, da resolución en si se observa a simple vista que se trata dunha estimación parcial, que está claramente motivada no que se refire tanto a información que se pode achegar como a que non se pode achegar.
En todo caso, hai que facerlle a resolución as seguintes apreciacións:
En relación á información que se achega:
A resolución pretende achegar información que non obra en poder do suxeito ao que se dirixe a solicitude como son a auditoría de contas e de fiscalización dos órganos externos e datos sobre impostos estatais.
O artigo 19 da Lei 19/2013, do 9 de decembro di que se a solicitude se refire a información que non obre en poder do suxeito ao que se dirixe, ou que aínda obrando fose elaborada principalmente por outro se lle remitirá a solicitude ao terceiro para que decida sobre o acceso. Neste caso falamos do Consello de Contas e do Ministerio de Facenda. O Consello de Contas na súa faceta de órgano de control externo non está suxeito á normativa de transparencia. Pero a información é publica e está na páxina web do Consello de Contas, polo que debéuselle remitir a ese organismo para que se lle puidera facilitar á consellería ou ao reclamante os pasos a dar dentro da web desa institución para poder acceder directamente á información requirida.
En relación ao Ministerio de Facenda, igualmente debeuse proceder nestes termos, informar ao Ministerio e ao solicitante claramente dos datos que teñen sido solicitados e que non obran no poder da consellería por ser unha competencia doutro suxeito obrigado, para que o Ministerio indicara se é posible facilitalos e en que termos.
A achega da información en relación a xa publicada, tanto polo Consellería do Mar como polo Consello de Contas , non cumpre a formalización de acceso correctamente.
Na resolución faise unha remisión a dous links das webs do Consello de Contas e a Federación de confrarías de Pescadores. A remisión tal como expón con claridade o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno no criterio 9/2015 non poderá ser xenérica ao portal, sede ou páxina web correspondente, sendo necesario que concrete a resposta, podendo redireccionarlle a información de publicidade activa sempre que, tal información satisfaga totalmente a información e, dentro deste os epígrafes, capítulos, datos e informacións exactas que se refiran ao solicitado, sendo requisito que a remisión sexa precisa e concreta e leve, de forma inequívoca, rápida e directa á información sen necesidade de requisitos previos, nin sucesivas buscas.
Neste sentido hai que indicar que os dous links da resolución requiren sucesivas buscas, e claramente non indican a información que foi solicitada. Polo que fai ao link da información que non lle é propia xa se indica a forma de actuar que corresponde á consellería, en relación ao link da federación é necesario facer un desenvolvemento completo do xeito e lugar no que se vai a atopar os datos solicitados, isto non sucede co link facilitado que vai a páxina principal da web da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
En relación á solicitude dirixida á consellería:
en relación ás subvencións e axudas públicas recibidas o que se pide é a documentación acreditativa “ pola confraría, con indicación do seu importe e obxectivo, así como a solicitude e documentos que serven de base”
A administración entende que o que está a pedir son os importes e o obxecto das axudas e subvencións do ultimo ano, pero tamén solicita a documentación que serviu de base para a súa concesión sen indicar o ano. Se a consellería entendese que non se identificaba de forma suficiente a información, o artigo 19 da lei 19/2013 habilita para pedir ao solicitante a concreción da súa solicitude no prazo de 10 días indicando que, no caso de non facelo, teráselle por desistido. E isto co obxecto de poder determinar se incorren algunhas das limitacións legais á obtención da restante documentación solicitada.
En relación aos orzamentos, se piden estes con descrición das principais partidas orzamentarias información actualizada e comprensible sobre o estado de execución. Da normativa sectorial se desprende que a consellería ten a información relativa aos orzamentos. Agora ben, O decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, solo establece como obxecto de inscrición a aprobación, modificación e liquidación dos orzamentos das confrarías e federación. Por tanto, como no caso anterior, debéuselle solicitar aclaración ao interesado, explicándolle que non é función da consellería facilitar mais que contidos ou documentos adquiridos no exercicio das súas funcións, e que neste caso solo podo garantirse o principio de veracidade do artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, que di que a información pública entregada é certa e exacta, garantindo que procede de documentos respecto dos que se verificou a súa autenticidade, fiabilidade, integridade, dispoñibilidade e cadea de custodia, toda vez que non é un contido ou documento elaborado en exercicio das funcións da administración, se non tan solo adquirido en exercicio da lexislación sectorial en materia de confrarías de pescadores, e que por tanto dificilmente se lle pode facilitar os datos relativos ao estado de execución, pois cando se reciben pola administración non existe nada mais na administración que unhas fotos fixas de datos que son os que se lle trasladaron.
En relación á solicitude de información sobre as contas anuais, informes de auditoría de contas e fiscalización por parte dos órganos de control externo que sobre eles se remitisen, se piden tamén as actas onde conste a aprobación das contas pola xunta xeral. Neste punto, ademais do xa indicado sobre a auditoría de contas e fiscalización por parte dos órganos de control externo, a onde se debeu direccionar a petición, compre indicar, en relación ás actas onde consta a aprobación das contas, que debéuselle indicar ao solicitante que o artigo 58. 5 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro non exixe a presentación de actas se non unha certificación acreditativa do cumprimento das obrigas establecidas nese artigo para o seu depósito no Rexistro de Confrarías.
En relación ás retribucións percibidas anualmente polo patrón maior e o secretario, non é suficiente coa información facilitada. O artigo 20.3 do decreto 8/2014, do 16 de xaneiro di que os cargos electos só percibirán as indemnizacións que por razóns do servizo lles poidan corresponder en cada caso e cuxa contía será determinada nos orzamentos de ingresos e gastos aprobados anualmente pola xunta xeral da confraría, por tanto, facilitados os orzamentos, corresponde á unidade tramitadora indicar en que parte exacta destes se recollen as indemnizacións aprobados neses orzamentos.
Quinto.-
En conclusión corresponde estimar parcialmente á resolución no que se refire a información non facilitada e que está en posesión da consellería por ser elaborada ou adquirida no exercicio das súas funcións e que implica que en relación á ligazón facilitada deberá explicar como chegar paso a paso a cada uns dos contidos solicitados.
En relación á información sobre as subvencións debe facilitárselle a información sobre os obxectivos , a solicitude e documentos que serven de base respectando o contido dos artigos 14, 15 e 18 da lei 19/2013, do 9 de decembro.
En relación ás contas se lle facilitará se o reclamante así o expresa a certificación que permite a inscrición das contas da federación e da confraría.
En relación á información sobre ás retribución percibidas anualmente polo patrón e o secretario debe indicarse a partida exacta do orzamento na que se recollen as indemnizacións aprobadas, e nas contas anuais os datos que recollen a liquidación desa partida.
O resto da información relativa á auditoría do Consello de Contas e os datos en poder do Ministerio de Facenda, terán que ser remitidos para que se decida sobre o seu acceso aos suxeitos con competencia nas materias.
ACORDO
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Primeiro: Estimar parcialmente a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2 en nome e representación de Nome apelido1 apelido2 con data de 19 de xaneiro de 2017, contra a resolución de data de 18 de xaneiro da Consellería do Mar nos termos indicados no punto quinto dos fundamentos xurídicos.
Segundo: Instar a Consellería do Mar, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro en relación á información pública obrante na consellería, e trasmitirlle a restante nos prazos legalmente previstos no artigo 19 da lei 19/2013, do 9 de decembro.
Terceiro: Instar a Consellería do Mar, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esa Comisión da Transparencia copia do envío e a recepción da información solicitada polo reclamante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, a 30 de xuño de 2017
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga