El ciudadano solicitó al Concello de Cangas el contrato administrativo sobre el Ciclo Integral del Agua. El Ayuntamiento no atendió la solicitud alegando que el asunto estaba sub iudice y que el interés había decaído tras el desistimiento de un proceso judicial. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación al reconocer que el contrato es información pública disponible.
Puntos clave de la argumentación
1
El contrato de gestión de servicio público mediante concesión administrativa tiene naturaleza de información pública y se encuentra en poder de la administración local.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito que tivo entrada no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo o 27 de febreiro de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Nome apelido1 apelido2 presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 27 de febreiro de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do Concello de Cangas.
O interesado indicaba que con data do 25 de xaneiro de 2017 dirixiuse á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Augas de Galicia e ao Concello de Cangas de Morrazo solicitando o contrato administrativo entre a UTE Gestión Cangas S.L. e o Concello de Cangas de Morrazo sobre o Ciclo Integral da Auga.
O escrito viña acompañado de copias das solicitudes presentadas e correos electrónicos remitidos, incluíndo un escrito remitido o 21 de febreiro de 2017 ao Concello de Cangas solicitándolle o contrato de encargo do tratamento de datos persoais con subcontratación entre a UTE Gestión Cangas S.L. e o concello, de data do 19 de decembro de 2014. Engadiu tamén copia dun escrito dirixido á UTE Gestión Cangas o 2 de decembro de 2016, en particular, ao responsable do ficheiro ou tratamento de datos solicitándolle a cancelación de todos os seus datos persoais por non teren a súa autorización nin o seu consentimento para o tratamento dos seus datos
Achegaba, por último, copia dunha denuncia interposta ante a Agencia Española de Protección de Datos, o 29 de decembro de 2016, por vulneración da lexislación en materia de protección de datos.
Segundo. Con data do 6 de marzo déuselle traslado da documentación achegada polo interesado ao Alcalde-presidente do Concello de Cangas para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 7 de marzo de 2017.
Terceiro. Con data do 22 de marzo de 2017 se recibiu por correo electrónico o informe do Concello, remitido tamén por correo postal con entrada no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo o día 27 de marzo.
O informe, en resumo, indicou que por parte de Nome apelido1 apelido2 se presentou demanda o 27.09.2016 contra a UTE GESTIÓN CANGAS DO MORRAZO e o Concello de Cangas do Morrazo solicitando a nulidade da cesión de datos realizada polo Concello de Cangas do Morrazo á mercantil citada para a tramitación, facturación e xestión dos recibos do ciclo integral da auga por incumprimento do artigo 6 da Lei Orgánica de Protección de Datos.
O informe tamén indica que tal demanda foi admitida a trámite por decreto do Xulgado do Contencioso Administrativo n° 3 de Pontevedra de data 17/10/2017, seguíndose como procedemento abreviado n° 294/2016 perante ese Xulgado. En data 19/10/2016 o Concello foi emprazado.
O 25/01/2017, cando o procedemento citado aínda se atopaba sub iudice, Nome apelido1 apelido2 presenta no rexistro do Concello de Cangas a súa solicitude de copia do contrato administrativo asinado coa UTE GESTIÓN CANGAS S.L. e ese Concello.
O informe sinala que “como a solicitude tivo lugar cando o asunto aínda estaba sub iudice considerouse que non resultaba procedente por non seguir as canles procesuais e posteriormente non foi atendida dado que o procedemento xudicial citado rematou por desestimento do interesado, motivo polo que por parte do Concello se entendeu que decaera o interese do Nome apelido1 apelido2 na remisión da copia do contrato solicitado.
Sen prexuízo do anterior o Concello está en disposición de facerlle chegar ao interesado copia do contrato requirido recordando non obstante que a obtención de copias de documentos dun expediente administrativo (como o solicitado) é un acto suxeito a taxa.
Cuarto. Na data do 19 de abril de 2017, ten entrada no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo un novo escrito de Nome apelido1 apelido2 no que informa á Comisión da Transparencia da situación dos distintos procedementos xudiciais iniciados e do seu estado, e anuncia una nova demanda civil contra a empresa concesionaria “por contrato de subministro nulo e enriquecemento inxusto”.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo á que se remiten as anteriores.
Primeiro.- Competencia
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que, contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo.
O artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica que corresponde á Comisión da Transparencia a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
A disposición adicional 5ª da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo Goberno establece que a reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, de transparencia, dereito á información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, que é parte integrante da Comisión da Transparencia.
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, establece que , contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esta mesma lei, na súa disposición adicional cuarta establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas, por tanto as competencias nas materias que corresponden á Administración Xeral do Estado son sempre competencia do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
Segundo.- Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno preceptúa que o seu procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as reclamacións perante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, pola súa parte, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública
Ámbito material
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida, como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
Lexitimación
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información, no seu artigo 26.4.
Limitacións que poden afectar ao seu exercicio:
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé nos artigos 14 e 15 uns límites ao dereito ao acceso, por razón da materia e por mor da protección dos datos de carácter persoal. Todas as solicitudes, que non entren dentro destes límites deberán ser atendidas, agás que existan limitacións e así se xustifiquen debidamente co chamado test de danos, ou algunha das causas de inadmisión do artigo 18 desta lei.
Cuarto.- Análise do expediente
1.- No informe remitido polo Alcalde-presidente do Concello de Cangas admítese que a solicitude de acceso á información non foi atendida entendendo que o procedemento xudicial iniciado no seu día rematou por desestimento do interesado, e entendendo que decaera o interese de Nome apelido1 apelido2 na remisión da copia do contrato solicitado.
O Concello de Cangas recoñece que está en disposición de facerlle chegar ao interesado copia do contrato requirido lembrando que a obtención de copias de documentos dun expediente administrativo é un acto suxeito a taxa.
2.- Sobre a complexa situación xudicial entre o reclamante e a UTE Cangas Gestión, esta Comisión da Transparencia non pode facer valoración algunha ao quedar claramente fóra das súas competencias.
Quinto.- Tendo en conta que o Concello recoñece a existencia dun contrato de xestión de servizo público mediante concesión administrativa, relativo ao ciclo integral da auga no Concello de Cangas, adxudicado mediante acordo do Pleno na data do 26 de setembro de 2014, tal contrato ten a natureza de información pública e atópase en poder da Administración local á que se lle solicita.
RESOLUCIÓN
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por Nome apelido1 apelido2, mediante escrito que tivo entrada no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo o 27 de febreiro de 2017, contra a denegación de acceso á información sobre o contrato de xestión de servizo público mediante concesión administrativa, relativo ao ciclo integral da auga no Concello de Cangas, aprobado o 26 de setembro de 2014.
Segundo: Instar ao Concello de Cangas a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, responda á petición de información solicitada, respectando, no seu caso, os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
Terceiro: Instar ao Concello de Cangas, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío e a recepción da información solicitada polo reclamante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017.
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga