El ciudadano solicitó a la Universidad de Santiago de Compostela (USC) documentación sobre contratos y convenios con CIXUG y UNIXEST. Ante la falta de respuesta y el posterior condicionamiento de la entrega al pago de tasas, el interesado recurrió a la Comisión da Transparencia de Galicia, que estima parcialmente la reclamación obligando a la USC a entregar gratuitamente la información electrónica.
Puntos clave de la argumentación
1
La USC denegó presuntamente la solicitud al no responder en el plazo legal de un mes.
2
La administración condicionó la entrega de la información al pago de tasas sin justificar la causa del cobro ni discernir el formato de los documentos.
3
El acceso a la información pública debe ser gratuito, especialmente cuando los datos ya deben estar publicados o se encuentran en formato digital.
4
Se desestima el argumento de la USC sobre el abuso de derecho, ya que no existe identidad entre los solicitantes ni relevancia en la pertenencia a un mismo grupo.
5
La resolución obliga a la universidad a distinguir la información electrónica (gratuita) de aquella que requiera copias físicas (sujeta a tasa).
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por XXXX XXXX XXXXXXXXX, mediante escrito do 30 de maio de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta o seguinte acordo:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXXX XXXX XXXXXXXXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 30 de maio de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O escrito viña acompañado da solicitude á universidade.
A solicitude é de data 15 de marzo de 2017, dirixida á USC ao abeiro da Lei 1/2016. A reclamación sinala que non recibiu resposta, polo que solicita que se requira á USC para que entregue a seguinte documentación:
Documento de formalización dos convenios, contratos ou calquera negocio xurídico con obrigas económicas asinados entre a USC e o CIXUG.
Documento de formalización das encomendas de xestión, contratos ou calquera outro negocio xurídico con obrigas económicas entre a USC e UNIXEST.
Documento de formalización das encomendas de xestión, contratos ou calquera outro negocio xurídico con obrigas económicas entre o resto de universidades do Sistema Universitario Galego e UNIXEST.
Documento de formalización dos contratos, convenios, encomendas de xestión ou calquera outro negocio xurídico con obrigas económicas entre o CIXUG e UNIXEST.
Documento de formalización dos contratos ou calquera outro negocio xurídico con obrigas económicas entre UNIXEST e os seus provedores.
A porcentaxe da actividade realizada por UNIXEST como medio propio a favor da USC.
Para aqueles contratos que se subministren engadir tamén a información relativa a preparación dos contratos, licitación e adxudicación, en concreto:
Acordo de inicio do expediente de contratación e a resolución na que se aproba o expediente de contratación.
A fiscalización realizada por control interno.
Obxecto, a duración e o valor estimado do contrato.
Procedemento de adxudicación.
Os pregos, os documentos descritivos e toda a documentación de interese para a licitación, incluíndo as respostas ás aclaracións.
Informe ou documento no que se xustifica a imposibilidade de prestar o servizo con persoal propio de ser o caso, a composición e actas das reunións das mesas de contratación, do comité de persoas expertas e/ou dos organismos técnicos especializados que deban intervir no proceso de adxudicación.
Os anuncios publicados nos diarios oficiais e na web do perfil de contratante (texto e data de publicación).
Lugar de presentación de ofertas e a data e a hora límite de presentación.
De ser o caso, o lugar, a data e a hora do acto público de apertura de ofertas.
Número dos licitadores, con identificación dos admitidos, exc1uídos e, de ser o caso, dos seleccionados.
A valoración das ofertas de acordo cos criterios de valoración, coas limitacións impostas pola excepción de confidencialidade prevista no artigo 153 do Texto refundido da Lei de contratos do sector público.
A adxudicación do contrato.
A formalización do contrato.
Certificados de conformidade e actas de recepción.
As modificacións do contrato aprobadas.
As decisións de desistencia e renuncia aos contratos.
A cesión de contratos e subcontratacións.
Para aquelas encomendas de xestión que se subministren deberán proporcionarse tamén:
As subcontratacións que se realicen con mención dos adxudicatarios, procedemento seguido para a adxudicación e importe da mesma.
Acordo de inicio do expediente
Memoria xustificativa da utilización da encomenda de xestión
Informe da insuficiencia de medios
Os pregos de prescricións técnicas e a súa aprobación
A proposta e/ou autorización do gasto e a fiscalización realizada por control interno.
Modificacións, prórrogas ou calquera outro tipo de axuste sobre o documento de formalización inicial.
Certificados de conformidade e actas de recepción.
Para aqueles convenios que se subministre deberá proporcionarse tamén:
Propoñente e responsable do convenio
Identificación dos órganos que asinan e representación que ostentan.
Xustificación da necesidade do convenio.
Compromisos das partes.
Comisión de seguimento e interpretación do convenio, así como os seus membros e forma de designación. Acordos e actas das reunións da comisión de seguimento.
Estimación do risco e delimitación do responsable de aseguralo.
Informe preceptivo da Asesoría Xurídica
Modificacións, prorrogas ou calquera outro tipo de axuste sobre o documento de formalización inicial.
Certificados de conformidade, actas de recepción ou calquera outro instrumento similar que se utilice para comprobar que o obxecto do convenio foi entregado como paso previo a ordenación de pagamentos.
Segundo. O 10/08/2017 requírese á USC o informe sobre o recurso e o envío do expediente.
Terceiro. O 23/05/2017 recíbese informe da USC. Nel sinala, basicamente, que a información non lle corresponde en exclusiva, senón tamén a UNIXEST, unha empresa xestora de intereses, e ao Consorcio para o desenvolvemento da aplicación informática de xestión universitaria de Galicia (CIXUG). Non indica que non corresponda a súa entrega á USC, senón que “unha vez recopilada” a información foi remitida ao interesado escrito para que aboe as “taxas correspondentes ás copias que desexaba obter así como a liquidación das mesmas”. “Ata a data, non consta o pagamento das taxas, polo que non lle foi entregada a documentación”. Indica tamén que a solicitude é substancialmente a mesma que a formulada por outro recorrente, pero con nomes diferentes, “polo que podemos estar perante un caso de abuso de dereito xa que o destinatario final é o mesmo grupo de persoas”. “A Comisión de Transparencia resolveu (expediente 35/2016) co arquivo da reclamación”. Engade que non o considera unha aclaración do art. 28 LTBG contra resolución denegatoria, senón ante “unha simple petición de que se aceleren os trámites para a entrega da documentación solicitada”. E reitera que ata que non se paguen as taxas non entregará a documentación, sen prexuízo de presentar a reclamación unha vez recibida a información.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
A lexislación aplicable a este procedemento vén configurada pola citada Lei 19/2013 e pola Lei 1/2016, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo.
O art. 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no art. 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O art. 28 da Lei 1/2016 establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo; e o artigo 33 da mesma lei indica que corresponde á Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o seu artigo 28.
A disposición adicional 5ª da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao que adscríbese a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016 preceptúa que o procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013. Esta lei sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía contencioso-administrativa e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016 recoñece no seu art. 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”; é a mesma definición da información pública que se contén no art. 13 da Lei 19/2013 (básica). Tanto o concepto de información pública como o dereito de acceso á mesma se configuran de forma ampla na normativa autonómica e estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas e o solicitante non está obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016).
Cuarto. Análise do expediente
Do análise do expediente resulta que o reclamante presentou na data do 15 de marzo do 2017 unha petición de acceso á información que precisaba seren compilada xa que afectaba á Universidade de Santiago de Compostela, á empresa Sociedade Xestora de Intereses (UNIXEST), e ao Consorcio para o Desenvolvementos de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG). A resposta da USC é do 5 de maio de 2017 (non consta a data de notificación). En calquera caso confírmase que a USC non respondeu no prazo legal de 1 mes, segundo o previsto no artigo. 20.1 Lei 19/2013, do 9 de decembro, polo que se denegou de forma presunta (silencio negativo; art. 20.4 Lei 19/2013, do 9 de decembro).
A posterior resposta (permanecía a obriga de resposta) contén o indicado anteriormente e informado pola USC. A USC non utiliza ningunha das posibles causas de inadmisión previstas
A documentación solicitada non correspondía en exclusiva á USC senón que afectaba tanto a Universidade de Santiago de Compostela como a empresa Sociedade Xestora de Intereses (UNIXEST), e ao Consorcio para o Desenvolvementos de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG).
Unha vez recompilada a información foi remitida á persoa interesada con data do 5 de maio de 2017 un oficio no que se lle requiría o aboamento dunhas taxas. Achégase copia do escrito de remisión e da recepción da mesma.
A USC responde condicionando a entrega da documentación ao aboamento de taxas sen discernir sobre a causa de tal cobro. En todo caso, dado que a petición fai referencia a datos que xa deben estar publicados, deberá ter en conta que a lexislación en materia de transparencia prevé que “el acceso a la información será gratuíto …” (art. 22.4 Lei 19/2013, do 9 de decembro e disposición adicional cuarta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
A universidade non expresa a causa pola que o formato da documentación fai que resolva que en todos os casos a resposta se deu en sentido contrario ao criterio xeral da lei (gratuidade). Debería ter especificado o que, do conxunto de información pedida, se atopa en publicidade activa, que se entrega coa sinxela mención do enlace, e o que se atopa en formato dixital, que á vista do solicitado pode ser unha parte importante. Só o que non se atopa en formato electrónico ou que teña que ser cambiado de formato por razóns xustificadas ou que obrigue á expedición de copias poderá resolverse no senso feito pola USC condicionado ao pago segundo o establece a normativa vixente.
Polo que se refire ás alegacións da universidade de posible abuso de dereito, existe coincidencia entre o pedido neste e no anterior caso, pero non entre os suxeitos que o piden, neste caso XXXX XXXX XXXXXXXXX, que envía escrito con selo CIG e que na solicitude de información se identifica como representante desa organización sindical, aínda que tamén solicita a información “como cidadán”. A solicitude do anterior expediente faise por outra persoa como membro doutra organización A Trade e do Consello de Goberno da USC e da comunidade universitaria. Descoñecemos a coincidencia das dúas persoas “nun grupo”, o que tampouco tería relevancia.
A resposta da USC naquela ocasión foi positiva (información “remitida á interesada con data 19 de outubro de 2016”), sen a condición que se menciona agora (pago das taxas).
Por tanto, non consta identidade nin xustificación para esixir o aboamento como condición para a entrega da información, ao menos en todos os casos. Por tanto, a resolución doutro procedemento anterior non condiciona o que deba resolverse no presente debido as diferencias sinaladas.
A USC sinala tamén que non é un recurso do art. 28 LTBG, senón unha “simple petición” para que se aceleran os trámites para a entrega da documentación. Porén, a solicitude di claramente que se fai ao abeiro do art. 24 da Lei 1/2016 (solicitude de acceso), e o recurso se fai pola falta de resposta en prazo e a conseguinte denegación presunta.
En conclusión, a Comisión da Transparencia
ACORDA
En atención aos anteriores antecedentes e fundamentos xurídicos, procede
Primeiro: Estimar parcialmente o presente recurso e instar á Universidade de Santiago de Compostela a que faga entrega gratuíta da documentación solicitada que obre en formato electrónico -por estar afectada por obriga de publicade activa ou porque non sendo parte desa publicidade activa se atope en versión electrónica-, discernindo iso do resto da información que precisa copia e por tanto pode ser obxecto de cobro de taxa.
Segundo: Instar á universidade a que no prazo de 15 días hábiles dea execución ao indicado.
Terceiro: Instar a que, no prazo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia electrónica da nova resolución, do enviado nese formato e do documento que acredite a recepción da nova resolución e da información polo reclamante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, a 9 de outubro de 2017.
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga