Una concejala solicitó al Concello de Lousame el expediente de un proyecto de microcentral hidroeléctrica. El Ayuntamiento denegó el acceso alegando que no disponía de tal información. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación porque el Ayuntamiento no dictó una resolución adecuada ni remitió la solicitud al órgano competente.
Puntos clave de la argumentación
1
La respuesta del Ayuntamiento fue inadecuada al limitarse a una comunicación sin posibilidad de recurso en lugar de dictar una resolución expresa.
2
Cuando una administración no posee la información, debe remitir la solicitud al sujeto competente o inadmitirla indicando el órgano que considere competente según el art. 18 de la Ley 19/2013.
3
La Comisión determina que el Ayuntamiento debió informar que la documentación no entró por registro oficial y remitir la solicitud a Augas de Galicia o al sujeto correspondiente.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo da disposición adicional quinta da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada por xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx, mediante escrito do 13 de xuño de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx presentou, en calidade de Concelleiro integrante da Corporación Municipal do Concello de Lousame e Portavoz do Grupo Político Municipal do Partido da Terra de Lousame, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 13 de xuño de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do Concello de Lousame.
A interesada indicaba que no exercicio da súa actividade de concelleira o 1 de xuño de 2017, ante unha pregunta dirixida a “Altair Ingeniería “sobre a “Minicentral hidroeléctrica no centro de interpretación das Minas de San Fins” desde o correo electrónico corporativo desa empresa se lle responde “efectivamente entregamos unha Memoria Valorada completa en xuño de 2014 a xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx”. A vista do correo solicitou por Rexistro electrónico ao Concello” 1. Consultar o expediente ou expedientes relativos ao proxecto Microcentral hidroeléctrica no centro de interpretación das Minas de San Fins (Lousame-A Coruña), incluíndo o proxecto elaborado por xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx, a solicitude realizada ante Augas de Galicia, e calquera outro documento relacionado con ese proxecto. 2. Que se autorice a esta concelleira, en calidade de membro da Corporación, a solicitarlle a xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx
os documentos do citado proxecto en formato PDF”.
A reclamación igualmente indicaba que o 8 de xuño de 2017 a alcaldesa de Lousame lle responde que o concello non contratou coa empresa Alterio Ingeniería nin con ningún outra ningún proxecto de Microcentral hidroeléctrica no centro de interpretación das Minas de San Fins (Lousame-A Coruña) de modo que nin se permite a consulta do mesmo nin se autoriza a esta concelleira a que solicite o PDF á empresa que o elaborou para o Concello de Lousame.
Nesta reclamación, dirixida á comisión a concelleira fai tres solicitudes; que se tramite unha queixa ante a Comisión da Transparencia de Galicia; que se lle autorice a consulta e a entrega da copia dixital da mesma á empresa que a realizou, e que se se inquira ante o Organismo Autónomo de Augas de Galicia se ten constancia de que fora entregado dito proxecto.
O escrito viña acompañado de a súa credencial como concelleira pola Junta Electoral Central, a solicitude de 1 de xuño dirixida ao concello e a comunicación do Concello de 8 de xuño no que aparece a resposta arriba recollida.
Segundo. Con data do 15 de xuño de 2017 déuselle traslado da documentación achegada polo interesado ao Concello de Lousame para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 21 de xuño de 2017.
Terceiro. Con data 30 de xuño de 2017 se recibiu o informe do concello e dous expedientes.
O informe, en resumo, indicou que o concello “non encargou nin contratou coa empresa Alterio ingenieria nin con xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx ningún proxecto nin memoria de Minicentral hidroeléctrica no centro de interpretación das minas de San Fins”. Engade que “non existe no rexistro do concello ningunha entrada relativa ao dito proxecto nin a empresa Alterio ingeniería, nin tampouco ningún rexistro de entrada relativo a xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx. Non existe no rexistro do concello ningunha saída relativa ao envío ao organismo Augas de Galicia de proxecto de Minicentral hidroeléctrica no centro de interpretación das minas de San Fins”. , non existen facturas. Seguidamente indica que dende a toma de posesión da alcaldesa o 20 de setembro de 2012 “nin ela nin o concello encargaron nin contrataron coa empresa Alterio ingeniería”. Por último indican que xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx “non é concelleiro deste concello por renuncia, da que se tomou coñecemento na sesión do Pleno de 20 de agosto de 2013, e dende aquela data non ostentou ningún cargo no concello de Lousame”. O informe remata recollendo que “sendo que este concello non ten ningunha relación contractual nin doutro tipo con Alterio ingenieria, nin con xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx
non cabe autorizar á Concelleira xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx para a solicitude que formula”.
O informe está acompañado de dous expedientes o orixinado pola solicitude de 1 de xuño de 2017 e un segundo que trae a súa orixe dunha solicitude de 16 de xuño de 2017 que está relacionado co anterior no sentido de que se segue solicitando a mesma documentación porque lle consta que a citada memoria valorada tivo como “destinatario o Concello de Lousame”.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola citada Lei 19/2013, do 9 de decembro, do 9 de decembro e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo; e o artigo 33 da mesma lei indica que corresponde á Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o seu artigo 28.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao que adscríbese a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro preceptúa que o procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro. Esta lei 19/2013, do 9 de decembro, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía contencioso-administrativa e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que o solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información (artigo 26.4).
Cuarto. Prazo para resolver
O artigo 27.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro di que “a resolución en que se conceda ou denegue o acceso deberá notificarse, á persoa solicitante e aos terceiros afectados que así o solicitasen, o antes posible e, como máis tarde, no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude polo órgano competente para resolver.”
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro di que contra toda resolución expresa se poderá interpoñer unha reclamación perante o Valedor, conforme o previsto na normativa básica, que para o caso é o artigo 24 a Lei 19/2013 do 18 de xaneiro que fala dun mes a contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado.
Quinto. Análise do expediente
Antes de entrar no fondo do expediente compre analizar se a petición é ou non extemporánea toda vez que o escrito do reclamante tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo, dirixido á Comisión da Transparencia o día 13 de xuño de 2017 e a solicitude fora presentada ao Concello o 1 de xuño de 2016. Pois ben, neste expediente hai que ter en conta que o 12 de xuño de 2016 o Concello lle comunica á solicitante que non contratou coa empresa Alterio Ingeniería nin con ningunha outra ningún proxecto de “microcentral hidroeléctrica no centro de interpretación das Minas de San Fins”. Por tanto o 13 de xuño de 2017 a concelleira xa ten unha resposta a súa petición de información pública recorrible de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.
Unha vez aclarado este aspecto en primeiro lugar compre indicar que do expediente achegado polas partes se deduce que aínda que a reclamante é concelleira e portavoz dun grupo político no concello, a vía elixida para a reclamación é exclusivamente á da lei da transparencia 1/2016, do 18 de xaneiro.
En segundo lugar en relación a este expediente compre salientar que o concello indica que non existe tal información no seu poder.
No caso que nos ocupa o concello non ten en conta que a lexislación da transparencia no seu articulado establece que non se cumpre coa finalidade da lei indicando que non se posúe a información se non que é necesario, que a solicitude recibida polo concello sexa remitida ao suxeito competente, si se coñece, e se informe desta circunstancia ao solicitante. O artigo 18, da Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé en relación a este tipo de situacións un segundo suposto, a ter en conta, que é que, quen reciba unha solicitude e descoñeza o suxeito competente para entregala, inadmitirá a solicitude debendo indicar na resolución o órgano que, ao seu xuízo, é competente para coñecer a solicitude.
Por tanto, a resposta do concello non foi adecuada, pois debeu realizar unha resolución e non unha comunicación sen pe de recurso. Esta resolución tiña que indicar o que di o informe elaborado polo concello, para a Comisión da Transparencia, que é, que a información solicitada non había entrado por rexistro oficial no concello, que a persoa a quen a empresa indicou que se lle dera a documentación non formaba parte da corporación dende o ano 2013, e que esa documentación de existir correspondería ao organismo responsable de augas na Comunidade Autónoma de Galicia (ou ao suxeito que corresponda), procedendo con esa data desde o concello a remitirlle a documentación ao órgano competente.
Por último, e tal como recollen os antecedentes existen tres peticións no recurso potestativo presentado pola persoa interesada. En relación á presentación dunha queixa hai que recordar que o Valedor do Pobo actualmente conta con tres funcións diferenciadas. As propias do Valedor do Pobo recollidas na Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, e as funcións propias do Comisionado da Transparencia e da Comisión da Transparencia previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. Como di esta última norma, no seu artigo 34, o Comisionado da Transparencia e a Comisión da Transparencia actuarán con separación das súas funcións respecto das outras que lle corresponden ao Valedor do Pobo. Por tanto, o procedemento a aplicar é o propio dos recursos potestativos previo á vía contenciosa-administrativa, e non o procedemento de queixas.
En relación a petición de que a Comisión da Transparencia inquira ante o organismo de Augas de Galicia se ten constancia de que fora entregado dito proxecto, como xa queda indicado neste considerando a competencia da súa remisión é do propio concello, de ser este o organismo que se considera que poida posuír a información. Esta Comisión ten competencia para analizar exclusivamente a existencia ou non do dereito de acceso á información, e salvo que da propia documentación achegada quede constancia dos suxeitos participantes vai a descoñecer quen son estes. (Neste caso non existe a certeza nin da existencia da minicentral nin da tramitación da súa autorización).
Sexto. A lexislación da transparencia prevé a divulgación dunha cultura de transparencia na actividade das administracións públicas fundamentada nos principios reitores. Principios, que a lei 1/2016, do 18 de xaneiro recolle no seu artigo 2, e que sen ánimo de exhaustividade céntranse na idea de responsabilidade no cumprimento desta norma, no principio de veracidade que permite asegurar que a información facilitada é certa e exacta, e en definitiva que se permita a consecución do obxectivo final da norma que é a provisión á cidadanía da información necesaria para exercer o seu dereito fundamental á participación nos asuntos públicos.
Por tanto, faise necesario que o concello faga unha resolución expresa podendo ser esta ben unha resolución desestimatoria -con remisión da solicitude inicial ao suxeito competente para entregar a documentación-, ou ben unha resolución de inadmisión- coa indicación de quen se considera segundo o concello que é o competente para achegar a información, segundo se establece na lexislación de transparencia.
En conclusión, a Comisión da Transparencia
ACORDA
En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por xxxxxxx xxxxxx xxxxxxxxx con data de 13 de xuño de 2017, contra a denegación do Concello de Lousame de 8 de xuño de 2017, nos termos recollidos no considerando cuarto deste acordo.
Segundo: Instar ao Concello de Lousame, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro.
Terceiro: Instar ao Concello de Lousame, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esa Comisión da Transparencia copia do envío e a recepción da información solicitada polo reclamante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, a 8 de novembro de 2017
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga