Inadmitida 20/12/2017 · 156 días en resolverse

Reclamación por denegación por silencio de acceso a datos estadísticos de las pruebas ABAU

La solicitante pidió datos estadísticos de las pruebas ABAU de química y biología al IES Sánchez Cantón. Ante la falta de respuesta, reclamó la denegación por silencio. La Comisión da Transparencia de Galicia inadmitió la reclamación porque no había transcurrido el plazo legal para resolver desde que la solicitud llegó al órgano competente (CiUG).

Puntos clave de la argumentación

1 El plazo para resolver la solicitud de acceso a la información se computa desde la recepción por el órgano competente para resolver.
2 La reclamación fue presentada el 17 de julio, antes de que expirara el plazo de un mes concedido a la administración para notificar la resolución.
3 Se constata un retraso injustificado en la recepción de la solicitud por parte del órgano competente (CiUG) y una falta de comunicación adecuada hacia la solicitante.
4 La inadmisibilidad se basa en que no se había agotado el tiempo legalmente establecido para que la administración respondiera a la petición original.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno En resposta á reclamación presentada por , mediante escrito do 17 de xullo de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 27 de xullo de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra. A reclamante indicaba que por escrito do 19 de xuño de 2017, presentado no instituto, solicitou que se lle concedera acceso á información pública sobre os datos estatísticos xerais e específicos das probas correspondentes ás materias de química e bioloxía do alumnado do devandito centro na convocatoria ordinaria da Avaliación de Bacharelato para o acceso á universidade, previa disociación e omisión dos datos persoais dos alumnos presentados. A reclamante manifestaba, literalmente, o seguinte: “Que en el momento de presentación de dicha solicitud, por parte de personal del centro se me informó verbalmente que dichos datos no me iban a ser facilitados, ante lo cual solicité una explicación o contestación por escrito de dicha negativa en respuesta a la solicitud formulada. A día de hoy, no he recibido ninguna respuesta a mi solicitud, ni tampoco los datos solicitados. Durante el año 2014 y 2015, cuando mi hijo cursaba 4ºESO y 1º de Bachillerato, he cursado sendas peticiones al centro educativo, solicitando los datos estadísticos correspondientes a la convocatoria de ese año, que me fueron facilitados en el propio centro sin ningún problema, e incluso me consta, que a raíz de la primera petición que yo he formulado, los datos correspondientes a la convocatoria ordinaria de las PPAU se han publicado en la página web del centro, tal y como se demuestra en el pantallazo que se adjunta”. O escrito viña acompañado de copia da solicitude de acceso á información pública de data do 19 de xuño e presentada no rexistro do centro educativo en Pontevedra. Segundo. Con data do 5 de setembro déuselle traslado da documentación achegada pola reclamante á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 11 de setembro. Terceiro. Con data do 21 de setembro de 2017 se recibiu o informe da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O informe, en resumo, indicou que o IES Sánchez Cantón non é a entidade responsable da información pública á que desexa acceder a recorrente, “polo que a data na que presentou as súas solicitudes neste centro educativo non sirve de referencia para computar o prazo establecido no artigo 27.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno . Ningún centro educativo conta cunha oficina de rexistro auxiliar para a recepción xeral de escritos e a súa transmisión ás unidades administrativas, polo que nin se lles pode esixir respostas escritas por asuntos que non son da súa competencia, nin exercen funcións de recepción e/ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións para outros órganos, servizos ou unidades. Non obstante, aínda sen ter obriga algunha de facelo, no exercicio dunha vocación de servizo público dilixente e colaboradora, o IES Sánchez Cantón remitiu os escritos de solicitude á unidade provincial da CIUG competente para conceder ou denegar o acceso á información desexada pola recorrente. As solicitudes de acceso á información pública formuladas por foron remitidas á unidade competente o 27.06.2017, data a partir da que se descoñece o curso dado pola CIUG ás súas peticións”. De acordo co disposto na solicitude de informe da CTG, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegou os documentos que figuraban no expediente de acceso á información pública de : as solicitudes presentadas no IES Sánchez Cantón e o oficio de remisión das solicitudes á unidade provincial da CiUG (LERD N°. 7 Campus de Pontevedra). Cuarto. Na data do 25 de setembro de 2017 solicitóuselle á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) que informase á Comisión da Transparencia sobre a reclamación e achegase copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola CiUG foi o 28 de setembro. O informe, en síntese, indicaba que con data de 14 de xullo de 2017 e Rexistro de entrada na CiUG nº 176 de 19 de xullo de 2017, a través do LERD nº 7 con sede en Pontevedra, recibiuse nesa Comisión Interuniversitaria de Galicia escrito asinado por dona , do IES Sánchez Cantón de Pontevedra indicando "achégamosvos dúas solicitudes de información sobre as notas das ABAU formulada por que nos presentou neste centro. Dende o Servizo Territorial de Educación infórmannos que é a CiUGA (sic) a que dispón deses datos." O informe sinala que os datos correspondentes ás probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) son elaborados polos responsables da aplicación informática NERTA (Artigo 189.5 da Orde do 24 de marzo de 2011 (DOG nº 66, de 4 de abril) pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do sistema universitario de Galicia) unha vez finalizados os procesos de reclamación. No curso 2016-2017, a partir do día 28 de xuño de 2017. Finalizados os procesos de reclamación e resolución das mesmas (28 de xuño de 2017) polo Tribunal Único das probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), todos e cada un dos centros de Bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia con alumnos nas anteditas probas ABAU poden acceder aos datos correspondentes a través da aplicación informática NERTA. O informe da CiUG remata sinalando que, se ben é certo que, como lle informou o Servizo Territorial de Educación ao IES Sánchez Cantón, a CiUG dispón —a través da aplicación informática NERTA- deses datos a partir da finalización os procesos de reclamación e resolución das mesmas polo Tribunal Único das probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), non é menos certo que todos e cada un dos centros de Bacharelato dispón dos datos que lle corresponden. E tal é así que, como se pode comprobar no informe que se xunta ao seu escrito, foi o IES Sánchez Cantón quen lle aportou os datos á interesada. Quinto. Por oficio da secretaria da Comisión da Transparencia, na data do 16 de outubro solicitóuselle á CiUG que aclarase quen era o suxeito que elaboraba tales datos no exercicio das súas funcións. O escrito da Comisión foi rexistrado na CiUG o día 20 de outubro. Con data do 27 de outubro, a CiUG respondeu xuntando copia dos datos relativos ao instituto Sánchez Cantón correspondentes as probas da ABAU de xuño de 2017, insistindo en que tales datos os teñen a súa disposición os centros. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. A lexislación aplicable a este procedemento vén configurada pola citada Lei 19/2013, do 9 de decembro, e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo; e o artigo 33 da mesma lei indica que corresponde á Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o seu artigo 28. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro preceptúa que o procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro. Esta lei 19/2013, do 9 de decembro, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía contencioso-administrativa e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”. O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que o solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información (artigo 26.4). Cuarto. Análise do expediente O recurso substitutivo contra a desestimación por silencio da solicitude de acceso á información foi presentado no rexistro da Deputación de Pontevedra o día 17 de xullo, antes do transcurso do prazo dun mes de que dispón o órgano competente para resolver sobre a petición e notificala. Debemos lembrar que a solicitude de acceso á información foi presentada no IES Sánchez Cantón o día 19 de xuño de 2017. Xa que logo, o recurso substitutivo debe ser inadmitido por non terse esgotado o prazo máximo conferido á administración para resolver sobre a concesión ou denegación do acceso. Como establece a lei o prazo compútase desde a recepción da solicitude polo órgano competente para resolver. Consta no expediente que o IES Sánchez Cantón remitiu os escritos de solicitude á unidade provincial da CiUG –órgano competente para conceder ou denegar o acceso á información desexada pola recorrente– o día 27 de xuño de 2017. Consta tamén no expediente que se recibiron a través do LERD nº 7 con sede en Pontevedra con data de 14 de xullo de 2017 e que se rexistrou a súa entrada na CiUG o 19 de xullo de 2017. Quinto. Neste expediente débese salientar o retraso na recepción da solicitude polo órgano competente. Cómpre destacar que a CiUG non informa sobre se se lle deu traslado á reclamante da información solicitada e que unicamente se insiste en que os datos os teñen a súa disposición os centros. En ningún momento se lle informou á reclamante que os datos correspondentes ás probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) son elaborados polos responsables da aplicación informática NERTA, e que finalizados os procesos de reclamación e resolución das mesmas polo Tribunal Único das probas (o día 28 de xuño de 2017, no curso académico 16-17), todos e cada un dos centros de Bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia con alumnos nas anteditas probas ABAU poden acceder aos datos correspondentes a través da aplicación informática NERTA. Deste modo a reclamante coñecería o momento no que a información requirida estaría elaborada e o órgano competente para resolver sobre a súa solicitude, o que lle permitiría tamén ter coñecemento do prazo máximo para recibir a resolución ou entendela denegada por silencio e actuar no sentido máis convinte aos seus intereses. Xa que logo, neste expediente non se deu un adecuado cumprimento das obrigas en materia de transparencia e acceso á información pública. Malia isto, a reclamación non pode ser admitida ao non ter transcorrido o prazo legal co que conta o órgano competente para resolver sobre a solicitude de acceso á información. En conclusión, a Comisión da Transparencia ACORDA En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, procede Primeiro: Inadmitir a reclamación do 17 de xullo de 2017, presentada por , con data de rexistro no Valedor do Pobo do 27 de xullo de 2017, contra a denegación por silencio do acceso á información por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia por non ter transcorrido o prazo legal conferido para resolver sobre a petición e notificala. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017 A presidenta da Comisión da Transparencia Milagros Otero Parga