Estimada 20/12/2017 · 106 días en resolverse

Acceso a la relación de contratos publicitarios de la Deputación Provincial de Lugo desde 2015

El ciudadano solicitó a la Deputación Provincial de Lugo la relación de contratos publicitarios con medios de comunicación desde 2015. La administración inadmitió la solicitud alegando falta de condición de interesado, carácter abusivo y necesidad de reelaboración. La Comisión da Transparencia estima la reclamación y ordena entregar la información.

Puntos clave de la argumentación

1 El derecho de acceso a la información pública no requiere que el solicitante acredite una condición de interesado ni la motivación de su solicitud.
2 La existencia de publicidad activa no excluye el derecho de acceso, limitando la respuesta de la administración a indicar la URL si la información ya es pública.
3 La mera agregación de datos no constituye una reelaboración si la administración dispone de gestores de bases de datos y gestión electrónica de expedientes.
4 Para calificar una solicitud como abusiva debe acreditarse que es repetitiva, que ya fue respondida y que no existen cambios en la información, lo cual no ocurre en este caso.
5 Los límites y causas de inadmisión deben interpretarse de forma restrictiva y no constituyen una potestad discrecional de la administración.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo da disposición adicional quinta da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno En resposta á reclamación presentada por , mediante escrito do 5 de setembro de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 5 de setembro de 2017, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno por entender desatendida unha solicitude de acceso á información por parte da Deputación Provincial de Lugo. O reclamante solicitou o 19 de xuño de 2017 á Deputación Provincial de Lugo en base ás Leis 19/2013, do 9 de decembro e 1/2016, do 18 de xaneiro, a “relación de contratos publicitarios con copia do expediente de contratación, de existir estes, concertados con medios de comunicación social (radio, prensa, televisión, axencias de comunicación, campañas publicitarias ou calquer outro) con indicación de importe satisfeito, obxecto do contrato, informes xurídicos e económicos emitidos; dende o ano 2015 ata a actualidade”. O reclamante indicaba que transcorrido o prazo dun mes desde a presentación da solicitude non existe contestación e non se lle permite o acceso á documentación solicitada, polo que de conformidade coa normativa vixente interpón unha reclamación ante o Valedor do Pobo. Segundo. Con data do 26 de setembro de 2017 déuselle traslado da documentación achegada polo interesado á Deputación Provincial de Lugo para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 27 de setembro, mediante fax recibido o 3 de novembro de 2017 a Deputación Provincial de Lugo remite un escrito no que achega informe de 16 de outubro de 2017 realizado polos servizos da deputación e unha proposta de resolución, que se a Comisión da Transparencia “considera necesario, ou cando menos, procedente, daráselle traslado da mesma(ao interesado)” - Do informe de 6 páxinas recollemos os puntos polos que se procede a entender inadmitida a solicitude: 1º.“O solicitante non acredita a condición de interesado, en tanto en canto non se indica ou expresa, como mínimo, os dereitos que poidan resultar afectados, a propósito da "relación de contratos publicitarios" e os datos referidos a importe satisfeito, obxecto do contrato, informes xurídicos e económicos emitidos.” 2º. “A xeneralidade da solicitude formulada e a natureza da información, determina no noso entendemento que concorran causas de inadmisión das enumeradas, tales como: a) Tratarse en boa parte de publicación xeral; b) solicitar informes internos; c) necesidade de unha acción previa de reelaboración; d) ter carácter abusivo e non xustificado coa finalidade de transparencia da Lei. Precisamente, en relación a esta ultimo aspecto ( o carácter abusivo da solicitude) cómpre destacar que a propia Lei 19/2013, establece no seu artigo 18.1 e) como causa de inadmisión a trámite, as solicitudes de acceso a información que teñan un "carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia desta lei". 3º. “En materia de contratación pública a lei regula unha serie de obrigas de publicidade específicas para as administracións públicas ás que esta entidade da debido cumprimento, e por outra, a petición realizada polo solicitante ao referirse a todos os contratos e expedientes desde o ano 2015 e non a algún ou algúns en concreto, xera un volume de información cunha enorme magnitude. O propio código civil, no título preliminar, en concreto no artigo 7, establece como marco xeral que os dereitos deberán exercitarse conforme ás esixencias da boa fe ( art, 7.1) e que a Lei non ampara o abuso do dereito ou o exercicio antisocial do mesmo ( art, 7.2, ab initio).” 4º. “Parte da información solicitada pode afectar a dereitos ou intereses de terceiros, debidamente identificados, como é o caso dos licitadores e adxudicatarios dos identificados polo solicitante como "contratos publicitarios" que concorreron aos procedementos de contratación en cada caso tramitados, debe terse en conta que o artigo 19.3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, establece que concederáselles a estes un prazo de quince días para alegacións. Debe informarse ao solicitante desta circunstancia, así como da suspensión do prazo para ditar resolución, ata que se reciban as alegacións ou ben transcorra o prazo para a súa presentación.” 5º. “Con independencia de todo o exposto anteriormente, compre informar ao solicitante que unha parte da información demandada no seu escrito, é accesible e totalmente pública para todo aquel que desexe consultala a través das seguintes cantes: --Portal de transparencia da Deputación Provincial Lucio, ao que se pode acceder a través da páxina web da entidade provincial , www.deputacionlugo.gal , no apartado: Inicio/ Áreas de interese/ Portal de Transparencia. Unha vez dentro do Portal de Transparencia, deberá seguir a seguinte ruta: Transparencia/ Publicidade activa/ Información Xeral/ Información sobre contratación --Perfil do contratante da Deputación Provincial Lugo, ao que se pode acceder a través da páxina web da entidade provincial , www.deputacionlugo.gal , no apartado: Inicio/ Perfil do contratante” 6º.” A información pública solicita ten unha amplitude, que en tanto non se atope xa accesible totalmente ao público, a súa tramitación e, no caso de proceder, formalización, requirirá ampliación de prazos e dedicación de efectivos humanos, precisamente escasos.” Con estes argumentos se fai unha proposta de inadmisión, non achegada ao agora reclamante en base ao disposto nos artigo 18 puntos a) e e) da lei 19/2013, do 9 de decembro. Terceiro. Mediante fax de 22 de novembro de 2017 a Deputación de Lugo remite a resolución de inadmisión de 16 de outubro de 2017, en relación ao expediente. A resolución non está acompañada do acuse de recibo polo interesado. A motivación realízase a partir dos artigos 18.1 a) información en curso de elaboración, en que parte da información é de publicación xeral, e o artigo 18.1 e). FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. A lexislación aplicable a este procedemento ven configurada pola citada Lei 19/2013, do 9 de decembro, do 9 de decembro e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo; e o artigo 33 da mesma lei indica que corresponde á Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o seu artigo 28. A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro preceptúa que o procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro. Esta lei 19/2013, do 9 de decembro, sinala que estamos ante unha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía contencioso-administrativa e que se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”. O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, sinala que o solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información (artigo 26.4). Cuarto. Prazo de interposición do recurso O recurso promoveuse cando xa vencera o prazo para a preceptiva resposta por parte da administración e dentro do previsto para a presentación do recurso, que neste caso era calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, posto que non se deu resposta expresa. Posteriormente fora de prazo a administración comunica unha resolución de inadmisión. Quinto. Análise do expediente 1º. A petición realizada é a relación de contratos publicitarios con copia do expediente de contratación, de existir estes, concertados con medios de comunicación social (radio, prensa, televisión, axencias de comunicación, campañas publicitarias ou calquera outro) con indicación de importe satisfeito, obxecto do contrato, informes xurídicos e económicos emitidos; dende o ano 2015 ata a actualidade 2º. Corresponde a esta Comisión determinar se eses documentos constitúen información pública ou non. E se, en caso afirmativo, están sometidos a algún dos límites do artigo 14 e 15 , ou a vista do informe se son subsumibles nas causas de inadmisión do artigo 18.1 a) e e) da Lei 19/2015, do 9 de decembro. Análise que se realizará tendo en conta a recente sentenza do TS nº 1547/2017 que consagra a necesidade de interpretar de xeito restritivo os límites e excepcións legais e resolve que “ En canto á limitación do acceso á información prevista no artigo 14.1.h/ da Lei 19/2013, do 9 de decembro (cando o acceso á información supoña un prexuízo para os intereses económicos e comerciais), xa sinalamos que as limitacións contempladas no artigo 14 da Lei 19/2013, o mesmo que sucede coas causas de inadmisión de solicitudes de información que enumera o artigo 18, deben ser interpretadas de forma estrita e partindo da premisa de que o dereito de acceso á información aparece configurado no noso ordenamento cunha formulación ampla, de xeito que só son aceptables as limitacións que resulten xustificadas e proporcionadas. Claramente o deixa así sinalado o artigo 14.2 da Lei 19/2013 cando dispón “ (...) 2. A aplicación dos límites será xustificada e proporcionada ao seu obxecto e finalidade de protección e atenderá ás circunstancias do caso concreto, especialmente á concorrencia dun interese público ou privado superior que xustifique o acceso” por tanto a posibilidade de limitar o dereito de acceso á información non constitúe unha potestade discrecional da administración.” 3º. Antes de entrar nesta cuestión por parte da deputación provincial se indican uns aspectos que é necesario ter en conta previos ao análise da existencia dunha información pública. Por unha parte a cuestión do interesado en relación á solicitude de acceso á información pública. Por outro lado a cuestión da publicidade activa e a súa conexión co dereito de acceso á información pública. Por último a existencia de terceiros afectados e a protección dos seus datos - En relación á cuestión do interesado esta comisión xa ten expresado que : O concepto de interesado en transparencia ten unhas peculiaridades que convén ter en conta. O dereito de acceso á información pública é para todas as persoas (artigo 12 Lei 19/2013, do 9 de decembro). É suficiente coa identidade do solicitante (artigo 17.2 Lei 19/2013, do 9 de decembro), non existe obriga de motivación da solicitude (artigo 17.3 Lei 19/2013, do 9 de decembro), e se se dan os motivos “poderán ser tidos en conta cando se dite a resolución. Non obstante, a ausencia de motivación non será por si soa causa de rexeitamento da solicitude”. En todo caso a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, amplía aínda máis os dereitos do interesado, pois no artigo 24 equipara o interesado coa cidadanía en xeral. O artigo 24 reforza o dereito desta cidadanía e di que no exercicio do seu dereito ao acceso á información pública garantiráselle a posibilidade de utilización da información obtida sen necesidade de autorización previa e sen mais limitacións que as derivadas desta ou doutras leis. Por tanto, da igual que o solicitante de información pública teña ou non relación coa contratación ou co expediente do que solicita a información, coa materia da que solicita información, ou o lugar de residencia. O dereito de acceso á información pública non vén determinado polo feito do interese, senón polo feito de que se fai unha solicitude sobre unha materia que non está excluída ou limitada o seu acceso pola normativa vixente, porque a transparencia implanta no ordenamento xurídico o dereito da cidadanía a solicitar dos gobernantes, no sentido mais amplo, calquera información pública que xulgue oportuna, e sobre todo aquela “(...)cuxo coñecemento sexa relevante para garantir a transparencia da súa actividade relacionada co funcionamento e control da actuación pública”, tal como o expresa o artigo 5 da Lei 19/2013, do 9 de decembro. O informe da deputación pretende aplicar a definición e o articulado da Lei 39/2015, do 1 de outubro para considerar que non estamos ante un interesado, e que polo tanto procede denegar a solicitude. O obxecto da lei de procedemento administrativo común é regular “os requisitos de validez e eficacia dos actos administrativos, o procedemento administrativo común a tódalas Administracións Públicas” (artigo 1) , mentres que o obxecto da Lei 19/2013, do 9 de decembro é “ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, regular e garantir o dereito de acceso á información relativa a aquela actividade. “. Son dous obxectos diferentes, para os que se establecen dous tipos de interesados diferenciados. No primeiro caso é un solicitante ou unha persoa suxeito a un procedemento administrativo común, sancionador ou de responsabilidade patrimonial, no outro é calquera persoa que quere coñecer a actividade da administración pública e así o solicita. - En relación á cuestión de publicidade activa e a súa conexión co dereito de acceso á información pública. Como xa ten explicado esta comisión noutras resolucións a publicidade activa e o dereito de acceso á información pública son dous caras da mesma obriga de transparencia. Dado que as administracións locais galegas non está obrigadas á publicidade activa prevista no artigo 6 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recollemos a delimitación da obriga segundo o artigo 5 da Lei 19/2013 do 9 de decembro. Esta obriga consiste en que os titulares da información a “publicarán de forma periódica e actualizada (a información) cuxo coñecemento sexa relevante para garantir a transparencia da súa actividade relacionada co funcionamento e control da actuación pública”. Pola súa banda o dereito de acceso á información pública é o dereito de toda persoa a acceder á información pública, definíndose esta como “os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións” Por tanto, o lexislador xa parte de que non todo ten porque estar publicado. Porén a partir da definición do que é información pública todas as persoas, se así o solicitan, poden ter acceso aos contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións. O acceso só pode denegarse se estamos ante algún dos supostos previstos nos artigos 14 e 15 da citada norma e, para estes casos, previa xustificación proporcionada ao obxecto e finalidade de protección. Igualmente os supostos de inadmisión implican a elaboración dunha resolución motivada, e non restritiva, de xeito que o feito de que se trate dunha información que está en curso de elaboración ou de publicación require que se indique expresamente o prazo no que se estima que estará elaborada ou publicada. O feito de que a información xa estea publicada só é relevante para o xeito de como debe ser facilitada. O artigo 22 da Lei 19/2013, do 9 de decembro indica que se a información xa fora publicada, a resolución poderá limitarse a indicar ao solicitante como pode acceder a ela. - Por último a existencia de terceiros afectados e a protección dos seus datos. No informe dise que o solicitado pode afectar a dereitos ou intereses de terceiros, debidamente identificados, como é o caso dos licitadores e adxudicatarios dos contratos solicitados polo interesado. Pois ben a Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro de Protección de Datos de Carácter Persoal, no seu artigo 3 define estes datos como “calquera información concerniente a persoas físicas identificadas ou identificables”, por tanto, só para o caso de que os licitadores e adxudicatarios de contratos publicitarios fosen persoas físicas podería ter lugar esta problemática. Como en todo caso no contrato haberá datos das persoas físicas que representan a persoa xurídica procede aclarar que en relación a este asunto hai que ter en conta que o artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro establece que o acceso unicamente se poderá autorizar con consentimento expreso e protexido do afectado se se trata de datos especialmente protexidos. Do artigo 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro imos a indicar o seguinte: Son datos especialmente protexidos ós que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 7 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal. Nese artigo o parágrafo 2 fai referencia a datos sobre ideoloxía, afiliación sindical, relixión e crenzas e o parágrafo 3 se refire aos de orixe racial, saúde e vida sexual. Tamén son datos especialmente protexidos os datos relativos á comisión de infraccións penais ou administrativas que non conleven a amoestación pública ao infractor. Con carácter xeral, concederase o acceso a información que conteña datos meramente identificativos relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano. En todo caso, o propio artigo 15, da Lei 19/2013 do 9 de decembro, establece que a protección de datos esixe unha ponderación suficiente razoada do interese público na divulgación da información e os dereitos dos afectados. Pois ben, hai que ter en conta que a petición do agora reclamante indica que se queren os contratos concertados con medios de comunicación social. Por tanto, non existen datos de carácter persoal que ponderar. Pero en todo caso a lei nese artigo, indica que”non será aplicable o establecido nos apartados anteriores (relativo á ponderación) si o acceso se efectúa previa disociación dos datos de carácter persoal de xeito que se impida a identificación das persoas afectadas”. Por tanto, dun xeito ou outro é posible a achega da documentación, se se trata de información pública. Unha vez que queda claro o que é un interesado no ámbito do dereito de acceso a información pública, a distinción entre a publicidade activa e o dereito de acceso á información así como, quen son terceiros afectados e que datos de carácter persoal hai que protexer, procede entrar no fondo do asunto. 4º. Cómpre neste intre analizar se a petición é información pública e de selo se estamos ante unha solicitude de informes internos, ante unha documentación ou recompilación de datos que precisa reelaboración ou se esta petición ten carácter abusivo. Unha solicitude de documentación consistente nunha relación de contratos publicitarios con copia do expediente de contratación concertados cos medios de comunicación social con indicación do importe satisfeito, obxecto do contrato e os informes xurídicos e económicos emitidos dende o ano 2015 ata a actualidade, cumpre as características de contidos e documentos que constan en poder da deputación provincial elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións. Os informes de intervención e asesoría, como xa se lle indicou por esta comisión á deputación no expediente RSCTG 80/2017 forman parte dos expedientes de contratación e non poden considerarse informes internos, é mais, teñen relevancia xurídica, aínda que non é obrigada a súa publicación tal como está redactado o artigo 8 da lei 19/2013, do 9 de decembro. Igualmente e dado que a propia deputación no seu portal de transparencia indica que dispón dun xestor de base de datos e da xestión electrónica dos expedientes non pode considerarse que a busca nesa base de dato sexa unha reelaboración. Tal como di o criterio 7/2015 do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno: “Se por reelaboración se aceptara a mera agregación, ou suma de datos, ou o mínimo tratamento dos mesmos, o dereito de acceso a la información se convertera en dereito ao dato ou a documentación, que non é lo que sanciona o artigo 12 ao definir o dereito como "dereito a la información". Dito o anterior, o concepto de reelaboración como causa de inadmisión foi interpretado por este Consejo de Transparencia y Buen Gobierno en diversas resolucións de tal xeito que pode entenderse aplicable cando a información que se solicita, pertencendo ao ámbito funcional de actuación do organismo ou entidade que recibe a solicitude, deba: a) Elaborarse expresamente para dar unha resposta, facendo uso de diversas fontes de información, ou b) Cando dito organismo ou entidade careza dos medios técnicos que sexan necesarios para extraer e explotar a información concreta que se solicita, resultando imposible proporcionala información solicitada.” Queda indicar que o carácter abusivo implica en resumen que coincida con outras xa rexeitadas presentadas por idénticos solicitantes, que xa estiveran respostadas e que non existiran cambios desde que se achegou a información e situacións similares, tal como recolle exhaustivamente o criterio 3/2016 do Consejo da Transparencia y buen Gobierno do que se lle achega o enlace: 34433b77bc94/C3 2016 causasinadmision informacion repetitivaabusiva.pdf En definitiva non consta, coa información de que dispón á Comisión, de que se dean as condicións para cualificar como abusiva a petición realizada. 5º.- Por tanto os documentos solicitados entran dentro da definición de información pública na súa redacción do artigo 24 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. O silencio da administración local impide coñecer se existe algunha limitación imposta polo contido deses documentos que deberá ser valorado polo titular da información, e se existen datos de carácter persoal ou ofertas reservadas ou calquera tipo de datos, que de acordo coa normativa vixente de contratos ou publicidade deban ser protexidos. 6º.- En todo caso a Deputación de Lugo é unha institución que dispón no seu portal de Transparencia de información por parte do servizo TIC da existencia dun xestor de base de datos e da xestión electrónica dos expedientes, polo que a información solicitada pode ser facilitada. Por último cómpre indicar que segundo a sentenza do TS nº 1547/2017 calquera limitación ou inadmisión están lonxe de ser exercicios discrecionais da administración e requiren en todo caso unha xustificación proporcionada ao obxecto e atenderá a circunstancias do caso concreto. Neste caso, a deputación, nin indica o número de contratos, nin que tipo de problemas implica a busca da información nos seus arquivos, ni ningún outro dato que directamente se poida aplicar ao caso concreto. Neste expediente de reclamación ante a Comisión a Deputación solicitou paralizar temporalmente o expediente para que a Comisión lle indicase se procedía notificarlle ao solicitante. Hai que indicar que a administración só mediante lei poderá incluír trámites adicionais, nos procedementos, polo que, se o que se buscaba era unha consulta ao Comisionado da Transparencia en materia de dereito de acceso á información debería tela realizado en prazo, e non transcorrido o prazo de resolución da solicitude e no ámbito do recurso potestativo instada polo solicitante. Igualmente se consideraba que a petición non identificaba de forma suficiente a información debeu darlle un prazo de dez días ao solicitante para que a concretase (artigo 19 Lei 19/2013, do 9 de decembro), pero a administración simplemente non actuou ata moito despois, o que é contrario ao principio da transparencia. Sexto. En conclusión, a Comisión da Transparencia Entende que estamos ante unha solicitude de acceso á información pública. Información que procede achegarlle ao reclamante e o feito de que estea parte da información publicada só implica que deberá achegarse a URL. Cos datos achegados á comisión esta información carece dos requisitos para entender que existe unha petición abusiva. Dado o tamaño medio da administración e que a solicitude fai referencia aos contratos publicitarios de tres anos celebrados cos medios de comunicación, e tendo en conta que a petición faise para uns anos nos que xa estaba vixente a lei 19/2013, do 9 de decembro, procede achegala respectando os límites legalmente establecidos (non achegar información reservada, etc). ACORDAR En atención aos anteriores antecedentes, fundamentos xurídicos, Primeiro: Estimar a reclamación presentada por con data de 5 de setembro de 2017, contra a denegación da Deputación Provincial de Lugo, nos termos recollidos no considerando quinto dos fundamentos xurídicos. Segundo: Instar a Deputación Provincial de Lugo , a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada respectando a cofidencialidade dos datos que integran os expedientes de contratación que así o requiran, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro e dando trámite de audiencia aos terceiros interesados cando así o estableza a norma básica de transparencia. Terceiro: Instar a Deputación Provincial de Lugo, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esa Comisión da Transparencia copia do envío e a recepción da información solicitada polo reclamante. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, a 20 de decembro de 2017 A presidenta da Comisión da Transparencia Milagros Otero Parga