La Asociación Verdegaia solicitó copia digital de expedientes mineros a la Consellería de Economía, Emprego e Industria. Tras una denegación basada en la falta de precisión de la solicitud y límites de confidencialidad, la Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación, instando a la administración a entregar la información previa ponderación de los límites.
Puntos clave de la argumentación
1
La administración no puede denegar la información basándose en que la solicitud es imprecisa sin antes requerir al ciudadano que la identifique correctamente según el art. 19.2 de la Ley 19/2013.
2
La aplicación de límites al acceso no es automática y requiere la realización de un 'test del daño' y un 'test del interés' para justificar la prevalencia del límite sobre el interés público.
3
Los documentos elaborados por la propia administración (informes, resoluciones) se ven mínimamente afectados por los límites de secreto profesional o propiedad industrial y deben ser entregados.
4
En caso de que parte de la información esté afectada por límites legales, debe aplicarse el acceso parcial mediante la disociación de los datos sensibles según el art. 16 de la Ley 19/2013.
5
La mención a la Ley 27/2006 de información ambiental en la solicitud se considera una motivación voluntaria que no excluye la aplicación de la normativa general de transparencia.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao
amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
En resposta á reclamación presentada por en nome e
representación da Asociación Verdegaia, mediante escrito do 3-5-17, a Comisión da
Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a
continuación, adopta o seguinte acordo:
ANTECEDENTES
Primeiro. presentou, mediante escrito con entrada no
rexistro do Valedor do Pobo o 3-5-17, unha reclamación ao amparo do disposto no art. 28 da
Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desatendida
unha solicitude de acceso á información por parte da Consellería de Economía, Emprego e
Industria. Indica que a consellería informou que se deu trámite de audiencia aos interesado
con obxecto de que puideran facer alegacións, pero non recibiu máis comunicacións. O
escrito viña acompañado de diferente documentación.
O 10-5-17 a comisión arquivou o expediente por coincidencia co obxecto doutro anterior,
pero o 29-5-17 o reclamante presentou un escrito de aclaración respecto do outro
expediente (RSCTG 8/17), pediu que non se arquivara e reclamou que se incorporara nova
documentación recibida da consellería. O 14-6-17 reanúdase a tramitación do expediente.
Segundo: A solicitude diríxese á Sección de Minas da xefatura territorial da Consellería de
Economía, Emprego e Industria da Coruña, ten entrada no portelo único do Concello da
Pobra do Caramiñal do 7-2-17. Reclama copia en formato dixital dos expedientes mineiros
AC/C/07115, AC/C/07168 e AC/C/07116.
Terceiro: O 14 de xuño requiriuse da consellería que informara sobre a reclamación e
aportara o expediente. A consellería respondeu o 26-7-17, con entrada no Valedor do Pobo
o 27-7-17.
Cuarto: O 28 de setembro notificouse a apertura dun trámite de audiencia dirixido ao
reclamante e aos terceiros potencialmente afectados que constaban,
(dous enderezos) e
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
A lexislación aplicable a este procedemento vén configurada polas leis 19/2013, de 9 de
decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno (estatal), e 1/2016,
do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (galega), xunto coa lexislación básica en
materia de procedemento administrativo.
O art. 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de carácter básico na súa práctica totalidade,
establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con
carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa
mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación
prevista no art. 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas administracións
das comunidades autónomas e o seu sector público, e polas entidades locais comprendidas
no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as comunidades
autónomas.
O art. 28 da Lei galega 1/2016, do 18 de xaneiro, establece que contra toda resolución
expresa ou presunta en materia de acceso á información pública poderá interpoñerse unha
reclamación perante o Valedor do Pobo. O art. 33 da mesma lei indica que corresponde á
Comisión da Transparencia (órgano colexiado) a resolución das reclamacións fronte ás
resolucións de acceso á información pública que establece o seu art. 28.
Segundo. Procedemento aplicable
O art. 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, preceptúa que o procedemento se axustará ao
previsto nos números 2, 3, e 4 do art. 24 da Lei 19/2013, de 9 de decembro.
Trátase dunha reclamación con carácter potestativo e previa á impugnación en vía
contencioso-administrativa. Na súa tramitación axustarase ao disposto na lexislación de
procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, recoñece no seu art. 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida como “os contidos ou documentos, calquera que
sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito
de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”;
é a mesma definición da información pública que se contén no art. 13 da Lei 19/2013, de 9
de decembro (básica).
Tanto o concepto de información pública como o dereito de acceso á mesma se configuran
de forma ampla na normativa autonómica e estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas e o solicitante non está obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información
(art. 26.4 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro).
A Lei 19/2013, de 9 de decembro, ten por obxecto “ampliar e reforzar a transparencia da
actividade pública” e “regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela
actividade” (art. 1). No seu preámbulo sinala que “a transparencia, o acceso á información
pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política.
Só cando a acción dos responsables públicos se somete a escrutinio, cando os cidadáns
poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos
públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións poderemos falar do inicio dun
proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica,
esixente e que demanda participación dos poderes públicos”.
A Lei galega 1/2016, de 18 de xaneiro, sinala na súa Exposición de Motivos que “a crecente
exixencia cidadá de control público da actuación das administracións” aconsella a
aprobación do texto, e resalta a superación dos anteriores estándares (“avanzar nos pasos
dados pola lexislación previa e de os superar”), o que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo de interposición do recurso
A solicitude de acceso á información foi presentada o 7-2-17 (única data con rexistro de
entrada -no portelo único- que figura no expediente). A resposta é de 4-5-17; antes abriuse
un período de alegacións, con notificación e recepción os días 21-2-17, 20/21-2-17, 21-3-17
e 22-3-17. Diso dedúcese a consellería non respondeu no prazo legal (un mes; art. 20.1 da
Lei 19/2013, de 9 de decembro), polo que a solicitude debe considerarse desestimada de
forma presunta (silencio negativo, art. 20.4 da Lei 19/2013, de 9 de decembro).
A obriga de resposta expresa persistía e deuse finalmente, (4-5-17, un día despois do
recurso). A resolución da consellería foi denegatoria (non se pode acceder á solicitude tal e
como foi formulada, posto que o solicitantes debe determinar a parte dos expedientes da
que quere acceso).
O art. 24.2 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, establece que a reclamación se interporá no
prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado. Non se
deu resposta expresa no prazo para resolver e antes do recurso, polo que a reclamación
contra o acto presunto (desestimación por silencio negativo) debe considerase en prazo.
Quinto. Análise do expediente
A solicitude de acceso á información pedía á consellería copia en formato dixital dos
expedientes AC/C/07167, AC/C/07115, AC/C/07119 e AC/C/07116.
A Lei 27/2006, do 18 de xullo, ten por obxecto acceder á información ambiental que obre en
poder das administracións públicas, participar nos procedementos de toma de decisións que
inciden no medio ambiente e instar a revisión administrativa e xudicial de actos ou omisións
da normativa ambiental.
As Leis 19/2013, do 9 de decembro, e 1/2016 do 18 de xaneiro, teñen por finalidade dar
acceso aos contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que obre
en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación deste título e que fosen
elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións.
A solicitude se refire á copia íntegra en formato dixital dos expedientes relativos á varias
concesións, destes expedientes solo sabemos que afectan a unha concesión integrada nas
competencias existentes na consellería á que se lle require a información.
A administración non ten facilitado no expediente ningún dato, sobre os dereitos en si, sobre
os datos que poden dar lugar a unha especial protección ou sobre a existencia de
información que afecte á propiedade intelectual ou industrial; tampouco da información
sobre se estes concretos expedientes afectan á protección do medio ambiente.
Se a administración consideraba que a petición era pouco clara ao recibila debeulle solicitar
de acordo co artigo 19.2 da Lei 19/2013 que a identificase correctamente, ou cando menos
que debía facer dúas peticións unha para a información ambiental seguindo o trámite da Lei
27/2006, do 18 de xullo, e outra de acordo coa lei 19/2013, do 9 de decembro. Pero en todo
caso, solo pode denegar a información ponderando os límites dos artigos 14 e 15 ou
motivando a existencia dunha causa de inadmisión do artigo 18 da Lei 19/2013, e artigos
correspondentes da lei 27/2006, do 18 de xullo. Pero non o fixo.
Analízase non so o informado e alegado, senón tamén o respondido despois do recurso. Non
foi unha resposta de fondo, senón un trámite para emendar a solicitude, sen que obre
resposta definitiva.
O informe da consellería sinala que os titulares das explotacións 7115 e 7116 presentaron
alegacións o 14-3-17 e o 10-4-17, respectivamente, e que en esencia alegaron que só debe
facilitarse a información “pública”, que identifican coas resolucións administrativas, “pero en
ningún caso a información privada técnica e económica que debe quedar protexida para
salvagardar os intereses económicos e comerciais das empresas”. Conclúen solicitando que
non se proporcione a copia íntegra solicitada.
Nas alegacións aportadas neste recurso polos titulares reafírmanse os argumentos e
engádese que se da inexistencia sobrevenida do obxecto debido a que a consellería xa
respondeu (xunta unha resposta do 6 de xullo de 2017). Porén, a resposta aportada non se
aléga como tal pola consellería cando esta remitiu o seu informe. O que traslada á
consellería é que o reclamante debera ter reformulado a súa petición e dado que non o fixo
esta se entendeu desistida. Tamén se aprecia que a suposta resposta da consellería indica
que se dará parte da información previo pago das correspondentes taxas.
A primeira razón que menciona a consellería para motivar a súa actuación é que o acceso
está limitado entre outros polo dereito de protección de datos de carácter persoal (Lei
Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal) e polo
art. 14.1.j) da mesma lei (segredo profesional e propiedade intelectual e industrial). Debe
referirse á Lei 19/2013, de 9 de decembro, art. 14, que sinala os límites xerais para o acceso
e o seu réxime de aplicación. Este artigo prevé como un dos límites a ponderar o prexuízo ao
“secreto profesional e á propiedade intelectual e industrial”.
Para a aplicación do límite alegado, e calquera outro, non é suficiente que o solicitado se
inclúa no ámbito material mencionado como límite. Debe prexudicar o ben xurídico
protexido co límite (“… cando acceder á información supoña un prexuízo para” os ámbitos
materiais mencionados como límites no art. 14). Nese caso tamén debe realizarse unha
ponderación, de forma estrita e suficientemente motivada, e debe avaliarase a posible
prevalencia do interese público (mesmo do privado) no acceso aínda no caso de prexuízo
comprobado para o límite. Así, “a aplicación dos límites será xustificada e proporcionada ao
seu obxecto e finalidade de protección e atenderá ás circunstancias do caso concreto,
especialmente á concorrencia dun interese público ou privado superior que xustifique o
acceso (art. 14.2 da Lei 19/2013, de 9 de decembro).
Por tanto, as restricións ao acceso-aínda dentro dos campos obxectivos dos limites- non se
aplican automaticamente, senón que precisan xustificación e ponderación. O prexuízo debe
concorrer en concreto, non de forma xenérica, e no caso de confirmarse ese prexuízo debe
indicarse a que parte da información afecta (non pode estenderse á totalidade do pedido de
forma automática). Debe mencionarse como se fixo a ponderación e as causas polas que se
entende que non prevalece o interese público ou privado a favor do acceso. Esta tarefa
realízase a través do test do dano (aos ámbitos materiais cualificados como posibles límites)
e do test do interese (posible prevalencia do interese do acceso). Unha vez realizados de
forma sucesiva poden entenderse ponderados todos os aspectos a ter en conta. A avaliación
debe constar na motivación do resolto.
No caso examinado a decisión da consellería non contén a labor de ponderación mediante
os tests necesarios para a aplicación do previsto nos arts. 14 e 15. Só menciona a presencia
xeral do límite do art. 14.1.j), pero sen concretar a ponderación necesaria, que é a que pode
levar a considerar a materia da solicitude como prexudicial para o ámbito/límite e xustificalo
adecuadamente, e finalmente considerar que debe aplicarse como tal límite porque o
interese público ou privado en ter acceso á información pública non sexa prevalente.
No caso que coñecemos non poden denegarse todos os documentos e en toda a súa
extensión pola aplicación xenérica do límite do art. 14.1.j). En primeiro termo haberá que
realizar a labor de ponderación requirida para poder motivar a decisión. E a estes efectos os
documentos solicitados terán diferentes consideracións. Os documentos da propia
consellería (informes, resolucións, acordos …) veranse minimamente afectados polos límites
dos arts. 14 e 15, entre eles o do art. 14.1.j), e xa deberían terse entregados, ao menos
parcialmente (coas posibles disociacións necesarias e xustificadas). Por contra, os
documentos aportados polas entidades promotoras si poden conter aspectos nos que se
xustifique a limitación ou a denegación da publicidade. Esa mesma diferenciación de
tratamento é recoñecida polas entidades privadas afectadas.
Non todos os documentos dos expedientes aportados polas empresas poden considerarse
afectados polo límites alegado (art. 14.1.j), senón que moitos deben ser accesibles por
conformar parte das condicións dos permisos ou doutros controis públicos e encaixar no
concepto legal de información pública (art. 13 da Lei 19/2013, de 9 de decembro). De feito,
xa antes da aprobación da actual normativa de transparencia determinados documentos dos
promotores privados eran (e seguen sendo) obxecto de consulta pública (información
pública…). E debe terse en conta que a normativa de transparencia supón unha ampliación
do anterior concepto de información pública, o recoñecemento dun dereito subxectivo para
o seu acceso e un maior control e garantía da súa efectividade.
A consellería trasladou ao reclamante a necesidade de reelaborar a súa solicitude e
posteriormente non se deu a resposta definitiva ao que solicitara, o que non se corresponde
co legalmente previsto.
Mesmo cando se dea unha denegación xustificada (a través da análise exposta) é preciso
proporcionar a parte da información non afectada pola limitación xustificada, respecto da
cal será prevalente o interese público en favor do acceso (acceso parcial). Os documentos
poden ser disociados na parte que de forma estrita poda entenderse que prexudica ao
límite, o que permite dar acceso ao resto. Este acceso parcial prevese no art. 16 da Lei
19/2013, de 9 de decembro (“en los casos en que la aplicación de alguno de los límites
previstos en el artículo 14 no afecte a la totalidad de la información, se concederá el acceso
parcial previa omisión de la información afectada por el límite salvo que de ello resulte una
información distorsionada o que carezca de sentido. En este caso, deberá indicarse al
solicitante que parte de la información ha sido omitida”.
A consellería alega tamén que a solicitude se formula en base á lei 27/2006, de 18 de xullo
(que regula os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á
xustiza en materia de medio ambiente) e que esa normativa non é aplicable na súa
totalidade ao solicitado, posto que os expedientes conteñen información ambiental e doutro
tipo. Porén, compróbase que a solicitude reclama a aplicación da normativa xeral de
transparencia, como dedúcese do modelo de solicitude. A mención da lei 27/2006, de 18 de
xullo, se fai no formulario na parte dedicada á motivación opcional. E para o acceso á
información pública non é precisa motivación (art. 17.3 da Lei 19/2013, de 9 de decembro),
como o modelo indica correctamente (a motivación é “opcional”). A mención que se fai na
solicitude debe entenderse engadida (reforzo ou motivación voluntaria) á solicitude
realizada de información pública xeral. Por tanto, o plantexado debe avaliarse en base á
normativa de transparencia.
Tamén alega o secreto da información sobre traballos mineiros en aplicación do Real
Decreto 2857/1978 e da Directiva 2016/943. Porén, tal e como indicamos, non toda a
información dos expedientes solicitados pode entenderse afectada por esta circunstancia,
senón unicamente os secretos que conten cun valor comercial non protexido mediante un
dereito exclusivo de natureza industrial o de autor, co fin lexítimo de que sexan preservados
dunha posible violación do seu carácter secreto. No caso de concorrer tal secreto debería
xustificarse na forma establecida na normativa de transparencia, e en calquera caso o límite
aplicarase so ao seu ámbito estrito, e non se forma ampla e non xustificada.
A propia consellería sinala que “nesta controversia subxace un conflito de natureza xurídica
sobre os límites do dereito de acceso á información nos expedientes mineiros no que deben
ser ponderados os diversos intereses implicados, actuación de ponderación que a asociación
ecoloxista non acepta. Pero en ningún caso se trata dunha negativa por parte da
Administración que se mantén á espera das indicacións da asociación para facilitarlle o
acceso parcial”. E “en todo caso, esta Administración ponse á disposición desa Comisión de
Transparencia de Galicia para os efectos de proporcionar o dito acceso nos termos e
condicións que a dita Comisión considere axustados a dereito”.
Á boa disposición mostrada pola consellería debe engadirse a necesidade de dar resposta.
Non é a asociación solicitante (agora recorrente) a que debe pronunciarse sobre os criterios
a aplicar, senón que esa é labor propia e indelegable da administración. Por tanto, resta a
resposta adecuada que teña presente todas condicións mencionadas neste fundamento
(aplicación adecuada dos límites, ponderación mediante tests, prevalencia do interese do
acceso, motivación, etc.). Esa resposta debe ser obxecto das posibles impugnacións
ordinarias, polo que debe conter o ofrecemento dos recursos, entre eles o recurso
substitutivo ante a Comisión da Transparencia.
Por último, no relativo á condicionamento ao previo pago de taxas para a aportación da
documentación, que se deduce da resposta achegada por un dos interesados, debe sinalarse
que non é adecuado sen discernir sobre a causa do cobro. A Lei 19/2013, de 9 de decembro,
prevé que “el acceso a la información será gratuíto …” (art. 22.4). Non coñécese a causa pola
que o formato da documentación fai que a (suposta) resposta sexa en sentido contrario ao
criterio xeral da lei (gratuidade). Debe especificarse o que, do conxunto de información
pedida, o que se atopa en formato dixital, que á vista do solicitado debe ser unha parte
importante. So o que non se atope nese formato e que por tanto obrigue á expedición de
copias poderá resolverse condicionado a entrega ao pago de taxas (art. 22.4 da Lei 19/2013,
de 9 de decembro).
En conclusión, a Comisión da Transparencia
ACORDA
En atención aos anteriores antecedentes e fundamentos xurídicos, procede
Primeiro: Estimar o presente recurso e instar á Consellería de Economía, Emprego e
Industria a que no prazo máximo de 15 días hábiles resolva e entregue a documentación
solicitada non afectada polos límites alegados, coas disociacións aplicables e xustificadas; e
tamén entregue a información afectada por eses límites despois de realizar a ponderación
legalmente prevista de acordo cos criterios expresados no fundamento 5º, coas disociacións
precisas.
Segundo: Instar á consellería a que no prazo máximo de 15 días hábiles remita a esta
Comisión da Transparencia copia do resolto e da información enviada.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto
no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela, 20 de decembro
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga