Se solicitó a la Dirección General de la Asesoría Jurídica de la Xunta de Galicia una relación actualizada de los letrados del cuerpo, indicando situaciónes de activo, excedencia y compatibilidades concedidas. La administración alegó protección de datos personales. La Comisión de Transparencia de Galicia estima la reclamación y ordena retrotraer el expediente para facilitar los nombres y apellidos de los letrados y compatibilidades.
Puntos clave de la argumentación
1
El acceso a datos meramente identificativos relacionados con la organización, funcionamiento o actividad pública del órgano es procedente según el artículo 15.2 de la Ley 19/2013.
2
La situación de excedencia voluntaria tiene impacto en la organización al afectar a los efectivos disponibles, siendo un dato relevante que debe facilitarse.
3
Las autorizaciones de compatibilidad de los empleados públicos son objeto de publicación obligatoria según el artículo 8 de la Ley 19/2013.
4
El derecho a la protección de datos no puede crear una esfera de impunidad que imposibilite los instrumentos de transparencia, especialmente cuando el afectado ejerce actividades públicas como la docencia universitaria.
5
La interpretación de los límites al derecho de acceso debe ser restrictiva y proporcionada al fin perseguido, en este caso, una investigación sobre conflictos de intereses.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
En resposta á reclamación presentada pola
, representada por ,
mediante escrito do 26 de abril de 2017, a Comisión da Transparencia, considerando os
antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. D. presentou, mediante escrito con entrada no rexistro
do Valedor do Pobo o día 26 de abril de 2017, unha reclamación en representación de
ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno, por entender desatendida unha solicitude de acceso á
información por parte da dirección xeral da Asesoría Xurídica.
O interesado indicaba que existe unha reiterada negativa da Xunta de Galicia a achegar
información sobre letrados e compatibilidades concedidas pola administración.
O escrito viña acompañado da documentación acreditativa dunha solicitude de acceso á
información pública o día 10 de febreiro de 2017 dirixida á Secretaría Xeral Técnica da
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e un escrito anexo á solicitude
no que se recollía idéntica petición, coa motivación diferente e dirixido directamente ao
Vicepresidente da Xunta de Galicia. A primeira petición, no modelo oficial de solicitude,
consistía nunha “petición de información de dereito público sobre letrados e
compatibilidades”. A motivación deste escrito recollía que solicitaba “relación completa e
actualizada de quen forma parte do corpo de letrados da Xunta de Galicia e a súa Asesoría
Xurídica, se atopen en activo, ou en excedencia, e en especial, todos os que teñan concedida
calquera tipo de compatibilidade” e "informe de cada compatibilidade de letrados da Xunta
de Galicia actualmente en vigor, na que se precise a data na que se concedeu e actividades
que se autorizan”. O segundo escrito, coa mesma data de entrada, dirixido ao Vicepresidente
e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, diferenciábase do solicitado
no modelo inicial en que neste escrito a solicitude coincidía coa motivación do primeiro
escrito e se engadía unha nova motivación no sentido de que se estaba a realizar un proxecto
de investigación de conflito de intereses anunciado polo equipo multidisciplinar de
.
Segundo. Con data de 10 de maio de 2017 déuselle traslado da documentación achegada polo
interesado á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia para que, en cumprimento da
normativa de transparencia, achegue informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 16 de maio de 2017.
Terceiro. Con data de 6 de xuño de 2017 recibiuse o informe e o expediente íntegro.
O informe elaborado polo director xeral da Asesoría Xurídica Xeral indica o seguinte:
- En canto ao expediente:
A solicitude entra na dirección xeral da Asesoría Xurídica o 16 de febreiro de 2017.
A Asesoría Xurídica Xeral solicitou, o 15 de marzo de 2017, a información de compatibilidade
á Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, dependente da Dirección xeral de Función
Pública.
O 16 de marzo de 2017, coa información elaborada pola dita oficina, a dirección xeral
procedeu a dar traslado da solicitude, en cumprimento do disposto no artigo 27.2 da Lei
1/2016, do 18 de xaneiro, ao persoal que tiña autorizada algunha compatibilidade en vigor, e
igualmente procedeu a notificar ao solicitante da información a suspensión do prazo para
resolver a solicitude realizada.
O 6 de abril de 2017 recíbense na dirección xeral as alegacións do persoal.
O 6 de abril de 2017 resolveuse a solicitude.
En canto ao fondo do asunto compre salientar o seguinte:
1. En relación á comparación que se fai con varias resolucións do CTBG no que un medio de
comunicación demandaba datos sobre o Corpo de Avogados do Estado e os datos facilitados.
“A administración estatal na súa resolución limitouse a facilitar o número de avogados en
activo, en réxime de compatibilidade, en excedencia voluntaria, e en servizos especiais.
Igualmente se axuntaba un listado nominativo do escalafón de avogados do Estado en
activo.
Se ben, o CTBG matizou algún dos datos facilitados polo Ministerio de Xustiza
especialmente en materia de autorizacións de compatibilidade que entendemos non
aplicables ao presente suposto xa que dende un primeiro momento este centro directivo,
identificou aqueles letrados que se atopaban nesa situación, con iniciais, posto de traballo,
actividade autorizada e data da concesión”.
Neste punto o informe indicou que, existe unha diferenza entre o corpo de letrados da
Xunta e a Avogacía do Estado. Os Avogados do Estado por Real Decreto 997/2003, do 25
de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Servizo Xurídico do Estado, teñen unha
obriga de publicidade activa no BOE, obriga que consiste na confección anual do escalafón
do dito corpo para a súa posterior inserción no BOE. O informe, tamén motivou que non
achegou a lista de letrados e letradas da Xunta dado que “a Asesoría Xurídica Xeral non
conta cun rexistro específico de persoal propia, centralizándose toda a información do seu
persoal no servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior, adscrito á Vicesecretaria xeral
da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (...) e tampouco conta
aínda cunha relación de postos única de acordo co establecido no artigo 36 da recente Lei
4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da administración xeral da
comunidade autónoma de Galicia e do seu sector público.” Igualmente indicou que, “o
dato fundamental para valorar o impacto no funcionamento, organización e estrutura dos
servizos xurídicos desta Administración é o número e non a súa identidade.”
2. En relación ás supostas actividades non autorizadas por parte dalgún letrado pertencente ao
corpo de letrados da Xunta de Galicia.
“As alegacións do recorrente se refiren de forma confusa a una serie de actividades que
nada teñen que ver co obxecto da súa petición inicial. (…) e se refiren a un conxunto de
actividades públicas como participación en consellos de administración en sociedades
públicas, padroados, actuacións de representación en actividades formativas, etc.,
efectuadas por razón do cargo….En particular as alegacións confunden de maneira total a
normativa referida aos altos cargos, o que resulta cando mínimo curioso tendo en conta
que o recorrente afirma que a motivación da súa solicitude forma parte dun suposto
proxecto de investigación de conflitos de interese a realizar por un equipo multidisciplinar.”
Por último, cómpre indicar que se achegou unha copia compulsada do expediente
administrativo que consiste en 59 páxinas. Desta documentación procede recoller que as
páxinas desde 13 a 15 consisten nunha relación nominal dos letrados da Xunta de Galicia
repartidos por departamentos, e que nas páxinas 32 a 34 se recollen as alegacións do único
letrado que ten autorizada unha incompatibilidade vixente e que centra a súa oposición en
que non mantén ningunha relación persoal ou profesional co solicitante, que a lexislación de
transparencia, con independencia que ampare o acceso á información de carácter público das
Administracións debe “coidarse que a que se entregue sexa relevante para a participación e
control do funcionamento da Administración autonómica por parte do peticionario.”
Indicando que sería suficiente a efectos de identificación facilitar o número de rexistro de
persoal único para cada funcionario/a, “evitando así que un listado antroponímico ou
patronímico individualizado pola propia administración poida utilizarse para fins distintos para
os que se recadaron os datos (por exemplo: publicidade). O letrado indica tamén que é
necesario o consentimento dos letrados, tendo en conta o disposto na Lei Orgánica 15/1999,
do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Cuarto. Na sesión XV, celebrada o día 5 de outubro de 2017, pola Comisión da Transparencia
acordouse que o expediente RSCTG 39/2017, se retirase da sesión nos seguintes termos“O
expediente RSCTG 39/2017 é retirado da mesa dado que os membros da comisión acordaron
revisar novamente o contido da mesma, á vista das argumentacións da administración
autonómica sobre o sentido do seu voto respecto da proposta de resolución. Ademais o
Consello Consultivo, na que a súa representación recae en dúas letradas, fai constar que tendo
en conta a data da solicitude, estas persoas forman parte dos terceiros interesados no
asunto.”.
Quinto. O 11 de outubro de 2017 notificóuselle ao reclamante que se procedía a apertura dun
trámite a terceiro interesado ante un recurso potestativo de acceso á información pública. A
recepción do oficio foi o 18 de outubro de 2017.
Sexto. O mesmo 11 de outubro notificábase ao terceiro a apertura dun trámite de audiencia
tendo en conta que o procedemento administrativo dos artigos 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro e o artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro prevén que se a denegación do acceso
á información se fundamenta na protección de intereses de terceiros, outorgarase trámite de
audiencia ás persoas que puideran resultar afectadas para que aleguen o que ao seu dereito
conveña. A recepción do oficio foi o 17 de outubro de 2017.
Sétimo. Se ben as alegacións foron recibidas o 3 de novembro, están seladas en correos con
data do 31 de outubro de 2017, e xa que logo en prazo. Estas alegacións inciden en que a Lei
Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de datos de Carácter Persoal, establece
que o obxecto desta Lei é garantir e protexer no que concerne ao tratamento dos datos
persoais, (...) e especialmente a intimidade persoal. Solicitando que a información que se
achegue sexa relevante para o control do funcionamento da administración por parte do
peticionario, indicando que sería suficiente facilitar como moito o número de rexistro de
persoal dos letrados e letradas.
O terceiro interesado entende que ao tratarse dunha lei orgánica debe “prevalecer sobre
contido da Lei de transparencia: debéndose preservar, na medida do posible, o dereito á
intimidade dos letrados/as da Xunta de Galicia; e para poder preservar que a información que
se facilita sexa veraz, correcta e pertinente, debese entregar coas garantías inherentes, non
só ao fomento da transparencia, senón tamén co dereito prevalente, á protección de datos
de carácter persoal.
Oitavo. Na sesión XVII da Comisión da Transparencia acórdase a retirada da orde do día do
expediente RSCTG 39/2017 “ante a complexidade que presenta pedíndose por parte da
representante da administración autonómica mais tempo para presentar unha proposta de
resposta ao mesmo. Ademais o Consello Consultivo, na que a súa representación recae en
dúas letradas, fai constar que tendo en conta a data da solicitude, estas persoas forman parte
dos terceiros interesados no asunto”.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
A lexislación aplicable a este procedemento vén configurada pola Lei 19/2013, de 9 de
decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico,
e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma
de Galicia, xunto coa lexislación básica en materia de procedemento administrativo á que se
remiten as anteriores.
Primeiro.- Competencia
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que,
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo.
O artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, indica que
corresponde á Comisión da Transparencia a resolución das reclamacións fronte ás resolucións
de acceso á información pública que establece o artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno.
A disposición adicional quinta da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
establece que a reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, de transparencia, dereito á
información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas
entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, que é parte integrante da Comisión da
Transparencia.
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, establece que , contra toda resolución expresa
ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de
Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía
contencioso-administrativa. Esta mesma lei, na súa disposición adicional cuarta establece que
a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións
ditadas polas Administracións das Comunidades Autónomas e o seu sector público, e polas
Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que
determinen as Comunidades Autónomas, por tanto as competencias nas materias que
corresponden á Administración Xeral do Estado son sempre competencia do Consejo de
Transparencia y Buen Gobierno.
Segundo.- Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno preceptúa que
o seu procedemento se axustará ao previsto nos números 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013,
de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para as
reclamacións perante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, pola súa parte, sinala que estamos ante unha reclamación
con carácter potestativo e previo á súa impugnación en vía contencioso-administrativa, e que
se axustará na súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo
común en materia de recursos.
Terceiro.- Dereito de acceso á información pública
• Ámbito material
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida, como “os contidos ou documentos, calquera que
sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito
de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións”.
• Lexitimación
O artigo 12 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura o dereito de acceso á información
pública de forma ampla, sendo titulares do mesmo todas as persoas. A Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, sinala que a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso
á información, no seu artigo 26.4.
• Limitacións que poden afectar ao seu exercicio:
A Lei 19/2013, do 9 de decembro, prevé nos artigos 14 e 15 uns límites ao dereito ao acceso,
por razón da materia e por mor da protección dos datos de carácter persoal. Todas as
solicitudes, que non entren dentro destes límites deberán ser atendidas, agás que existan
limitacións e así se xustifiquen debidamente co chamado test de danos, ou algunha das causas
de inadmisión do artigo 18 desta lei.
Cuarto.- Análise do expediente
A petición formulada á Xunta de Galicia, consiste na relación completa e actualizada dos
integrantes do corpo de letrados indicando aqueles que están en activo, excedencia e con
especial indicación de quen ten concedida a compatibilidade, indicando a data e os asuntos
para as que se concedeu.
A Lei 19/2013, do 9 de decembro establece no artigo 8 que se publicaran as resolucións de
autorización ou recoñecemento de compatibilidade que afecten aos empregados públicos así
como as que autoricen o exercicio da actividade privada ao cese dos altos cargos da
Administración Xeral do Estado, ou asimilados segundo a normativa autonómica ou local.
A Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da administración xeral da
comunidade autónoma de Galicia e do seu sector público establece no seu artigo 3 que a
Asesoría Xurídica Xeral, con rango de dirección xeral, é o órgano directivo da Administración
xeral da Comunidade Autónoma ao que corresponde a dirección, coordinación e inspección
da asistencia xurídica.
Polo que fai á cuestión obxecto de estudo, non corresponde á Comisión da Transparencia
achegar a información solicitada, se non determinar se a petición realizada en primeira
instancia se axusta ao concepto de información pública e, de axustarse, determinar se hai
dereito a que se produza o acceso en relación ao disposto nos artigos 14, 15 e 18 da Lei
19/2013, do 9 de decembro e finalmente corresponde á comisión facer un seguimento da
resolución emitida no sentido de ser informada da recepción da información reclamada ante
esta.
Da petición formulada débese por tanto analizar se a relación completa e actualizada dos
integrantes do corpo de letrados con indicación dos que están en activo, excedencia e a
compatibilidade concedida coa súa data e características é unha información pública e se son
datos aos que se pode acceder no exercicio do dereito de acceso á información.
Calquera contido ou documento, en calquera formato ou soporte, que obre en poder dalgún
suxeito incluído no ámbito de aplicación e relacionado co exercicio das funcións do sector
público teráselle que facilitar a quen o solicite tras o estudo dos artigos 14, 15 e 18 da Lei
19/2013, do 9 de decembro.
Analizados estes artigos no expediente cómpre destacar que non son de aplicación as causas
de inadmisión do artigo 18 da Lei 19/2013, do 9 de decembro porque o interesado non solicita
unha relación de postos única como a prevista no artigo 36 da Lei 4/2016, do 4 de abril, se
non unha relación completa e actualizada de quen forma parte do corpo de letrados, e a
dirección xeral non vincula a denegación a que se refire a unha información en curso de
elaboración, se non ao feito de que só hai que facilitar datos persoais meramente
identificativos relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano
aspecto que trataremos de seguido.
Tampouco procede o estudo dos límites do artigo 14.
En relación ao artigo 15 é de aplicación o punto 2 do artigo 15 que di que procede dar o acceso
á información que conteña datos meramente identificativos relacionados coa organización,
funcionamento ou actividade pública do órgano.
Os membros da Asesoría Xurídica teñen unha formación e funcións altamente cualificada. Tal
como di o artigo 4, da Lei 4/2016, do 4 de abril, corresponde á Asesoría Xurídica a dirección,
coordinación e inspección da asistencia xurídica, por tanto, hai que entender que facilitar os
datos solicitados do corpo de letrados, é importante para a transparencia das institucións.
Segundo o informe achegado pola Dirección Xeral, en relación á Asesoría Xurídica, a Xunta de
Galicia concedeu compatibilidades a este colectivo, estando no momento da resolución so
unha en vigor. Estas compatibilidades teñen que ser obxecto de publicación. Esta información
ten que ser facilitada pola Xunta de Galicia, indicándolle a ligazón no que esa información está
publicada, e facilitarlle os datos do persoal da Asesoría Xurídica, do órgano de dirección desta
asesoría, e daqueles letrados e letradas que están autorizados cunha compatiblilidade.
Respecto dos datos sobre servizo activo e excedencias dos funcionarios integrantes dos
corpos xurídicos, a resolución R/0470/2015 do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno
establece que a situación de excedencia voluntaria si ten impacto na organización, pois afecta
aos efectivos que traballan na organización en cada momento, sobre todo tendo en conta a
función altamente cualificada desenvolvida por estes empregados e o feito de que a redución
dos efectivos en servizo activo repercute no funcionamento dos servizos xurídicos. Polo tanto,
é un dato relevante e que debe ser facilitado, como xa o fixo a resolución que se recorre.
Dito isto só queda determinar se é necesario facilitar o nome das persoas que integran a
Asesoría Xurídica. Por aplicación directa do artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, as
compatibilidades deben ser publicadas e por tanto recollendo os datos de carácter persoal.
Sen embargo, en relación ás excedencias, tal como queda dito no punto anterior, o dato tan
so é relevante no que fai á actividade e organización, polo que sería suficiente con achegar o
número das mesmas. Pero neste caso solicítase tamén a relación completa e actualizada de
todos os que forman parte co corpo de letrados da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia en
activo.
En relación á petición da relación completa e actualizada de todos os que forman parte do
corpo de letrados en activo hai que indicar que, o artigo 14.2 da Lei 19/2013, do 9 de
decembro, determina que as limitacións no dereito de acceso deberán ser proporcionadas
atendendo ao seu obxecto e finalidade de protección, e a interpretación dos límites será
restritiva e xustificada, e aplicaranse a menos que un interese público ou privado superior
xustifique a divulgación e as limitacións só serán aplicables durante o período de tempo
determinado polas leis ou mentres se manteña a razón que as xustifique. Igualmente o artigo
15.2 establece que se concederá o acceso que conteña datos meramente identificativos
relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano, incidindo o
artigo 15.3 da Lei 19/2013 en que cando se trate de datos persoais que non están
especialmente protexidos, e o nome e os apelidos non o están, o órgano ao que se dirixa a
solicitude concederá o acceso previa ponderación suficientemente razoada do interese
público na divulgación da información e os dereitos dos afectados cuxos datos aparezan na
información solicitada, en particular o seu dereito fundamental á protección de datos de
carácter persoal. Polo que a Asesoría Xurídica, para a realización desta nova ponderación
podería tomar as cautelas previstas no artigo 19 da Lei 19/2013, que mencionaremos mais
adiante.
Se ben o expediente achegado pola Asesoría Xurídica Xeral, en aplicación desta normativa
facilitan a relación nominal de todos e cada un dos integrantes da Asesoría Xurídica da Xunta
de Galicia, sendo tamén necesario que estes datos lle sexan achegados ao reclamante pola
Dirección Xeral, agás que exista algún dato relevante que non fose manifestado á Comisión
(protección de datos de carácter persoal ante situación de violencia de xénero, etc.) En todo
caso, e dado que podería darse algunha situación susceptible de especial protección, sería
recomendable dar audiencia ás persoas afectadas para que podan formular as alegacións
oportunas, de conformidade co previsto no artigo 19.3 da Lei 19/2013 de 9 de decembro.
Antes de rematar hai que fixarse en dous aspectos:
En relación á preocupación lexítima do terceiro de que o “listado antroponímico ou
patronímico individualizado pola propia administración poida utilizarse para fins distintos para
os que se recadaron os datos (por exemplo: publicidade)” hai que destacar que a normativa
de transparencia modifica profundamente a xestión da información pública de xeito que se
priman principios como accesibilidade, participación, veracidade, e reutilización da
información entre outros sen outros límites que os propios do ordenamento xurídico (artigo
2 e concordantes Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
En relación ao feito de que o traballo de investigación de conflito de intereses, do equipo
multidisciplinario de Pladesemapesga, estea realizado dunha forma cando menos peculiar e
que como di a asesoría no seu informe “confunden de maneira total a normativa referida aos
altos cargos”. En todo caso ningunha desas denuncias entra dentro das competencias da
Comisión da Transparencia.
Finalmente, en atención ás alegacións do terceiro que solicita a anulación da resolución debe
indicarse que tal como establece a STC 110/1984, de 26 de novembro “non existen dereitos
ilimitados. Todo dereito ten os seus límites que en relación aos dereitos fundamentais
establece a Constitución por si mesma en algunhas ocasións, mentres en outras o límite deriva
dun xeito inmediato ou indirecta de tal norma, en canto ha de xustificarse pola necesidade de
protexer ou preservar non só outros dereitos constitucionais, se non tamén outros bens
constitucionalmente protexidos.” Tanto a lexislación sobre procedemento administrativo
común e estatuto básico dos empregados públicos establecen que as relacións coa cidadanía
deben facerse baixo os principios de transparencia e participación.
A petición é proporcionada ao fin perseguido de investigación. O terceiro identifica o ámbito
do dereito á intimidade co ámbito privado no sentido mais amplo, o que podería supor a
construción dunha esfera que imposibilitase calquera instrumento de transparencia. Isto é así
dado que o terceiro, que está a pedir a nulidade da resolución ou que se de o número de
rexistro de persoal salvagardando o seu nome e apelidos, non achega algún xustificante
esencial que xustifique que unha actividade pública e con publicidade como é a actividade de
profesor universitario na que leva impartindo clases dende fai anos pode afectar a súa esfera
privada.
Por tanto procede dar a coñecer o nome e apelidos dos letrados e letradas que forman parte
do corpo de letrados e letradas e a súa Asesoría Xurídica e o nome e apelidos das persoas que
dispoñen de compatibilidades, sen que proceda dar outros datos respecto as excedencias dos
xa facilitados.
Quinto.-
En conclusión procede estimar a petición do reclamante e retrotraelo expediente para
achegarlle ao interesado a información presentada ante esta Comisión, incluíndo en todo caso
os nomes e apelidos das persoas que son funcionarios e funcionarias letrados da Asesoría
Xurídica da Xunta de Galicia en servizo activo e o nome e apelidos das persoas que teñen
concedido unha compatibilidade. Coas cautelas indicadas no apartado anterior entre as que
están o de dar trámite de audiencia a todos aqueles que forman parte do corpo de letrados/as
da Xunta de Galicia e a súa Asesoría Xurídica.
A Comisión da Transparencia en atención aos anteriores antecedentes e fundamentos
xurídicos,
ACORDA
Primeiro: Estimar a retroacción da reclamación presentada por
en representación da
con data 25 de abril de 2017, contra a resolución de 6 de abril de 2017, no
sentido indicado nos fundamentos xurídicos cuarto e quinto.
Segundo: Instar á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a que, no prazo
máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada, respectando os
límites dos artigos 14 e 15 e o xeito de formalización do artigo 22, todos eles da Lei 19/2013,
do 9 de decembro.
Terceiro: Instar á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a que, no prazo
máximo de 15 días hábiles, remita a esa Comisión da Transparencia copia do envío e a
recepción da información solicitada polo reclamante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto
no artigo 8.2 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga