Desestimada 23/05/2018 · 138 días en resolverse

Acceso a información sobre profesorado interino y sus datos personales

El ciudadano solicitó a la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria datos detallados del profesorado interino en formato hoja de cálculo, incluyendo el NIF. Alegó que la remisión a enlaces web era una denegación material. La Comisión da Transparencia de Galicia desestimó la reclamación por requerir reelaboración de datos y ser el NIF un dato prescindible.

Puntos clave de la argumentación

1 La remisión a enlaces web donde la información es reutilizable y completa constituye una respuesta adecuada al derecho de acceso.
2 La solicitud de datos en una sistemática diferente a la disponible en la web requiere una reelaboración de la información, lo que justifica la inadmisión según el art. 18.1.c de la Ley 19/2013.
3 El NIF es un dato personal que, aunque no requiere consentimiento previo, debe ponderarse frente al interés público, resultando en este caso accesorio y prescindible para la información solicitada.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista a reclamación presentada por , mediante escrito do 5 de xaneiro de 2018, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta o seguinte acordo: ANTECEDENTES Primeiro. presentou, mediante escrito que tivo entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 5 de xaneiro de 2018, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a resolución do 28 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se lle concede o acceso parcial á información solicitada. O reclamante solicitou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria información sobre o profesorado que obtivo unha interinidade para todo o curso escolar en praza vacante con posterioridade á publicación das respectivas resolucións definitivas dos diferentes corpos docentes en formato folla de cálculo cos seguintes datos: NIF, nome e apelidos, centro de destino, concello e provincia de destino, corpo docente, especialidade, data de adxudicación da praza, motivo da vacante. A resolución de 28 de novembro de 2017 da Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fronte á que o reclamante formula o seu recurso, resolve conceder parcialmente o acceso á información do seguinte xeito:  Indicación da ligazón web coa seguinte explicación: Dentro desta páxina web, debe premer na pestana de profesorado (parte superior) e despois no apartado "Xestión do Profesorado" (menú da parte superior esquerda), no que atopará un novo menú no que pode consultar toda a información solicitada clasificada por areas temáticas. A resolución impugnada denega o acceso ao NIF das persoas que ocupan postos en situación de interinidade nos centros educativos, na medida en que se trata dun dato de carácter persoal inscribible no ámbito de aplicación da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), e requiriría recabar o seu consentimento expreso, preciso e inequívoco. Non se lle proporciona ao solicitante a información no formato solicitado xa que suporía unha labor de redacción dun informe que supón a reelaboración da mesma. Segundo. O 11 de xaneiro de 2018 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. Consta a recepción o 16 de xaneiro de 2018. Terceiro. O 27 de febreiro de 2018 a consellería remite o informe e o expediente que ten entrada no Rexistro do Valedor do Pobo o 2 de marzo. O informe indica que resolveu concederlle o acceso parcial á información pública solicitada nos termos establecidos na Lei 19/2013, do 9 de decembro, indicándolle a ligazón na que está publicada e é accesible toda a información que solicita, agás o dato do NIF do profesorado interino obxecto da solicitude. O link de acceso indica contén un buscador que ofrece a facilidade de clasificar a información sobre o profesorado ordenada por áreas temáticas (incluídas as interinidades) de xeito sinxelo e universal. Non obstante, a resolución engade unha explicación sobre a forma de navegar dentro da web onde está publicada a información. A consellería sinala que os aspectos controvertidos da reclamación presentada son a reelaboración da información seguindo os criterios de clasificación que pide o solicitante e a inclusión do NIF das persoas que ocupan a dirección dos centros. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das ditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento da reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que dispón que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, que se tramitarán de acordo co disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A lei 1/2016, de 18 de xaneiro, recoñece no seu art. 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma se configuran de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, de 18 de xaneiro). O obxecto da lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos se somete a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións se pode falar do inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poderes públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, do 15 de febreiro establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interporase no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou dende o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. No presente caso a reclamación foi presentada o 2 de xaneiro de 2018 no Rexistro da Xunta de Galicia, sendo a resolución de 28 de novembro de 2017, con data de saída do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia do 30 de novembro, non constando no informe remitido pola Dirección Xeral a data de recepción polo solicitante, polo que debemos consideralo presentado en prazo. Quinto.- Análise do expediente O reclamante indica que a resolución estima parcialmente a solicitudes indicando a ligazón en que a información está publicada, aínda que na práctica constitúe unha denegación material dado que a regra xeral é que as interinidades sexan públicas e de feito forman parte dunha adxudicación de destinos publicada no DOG, sen ocultar os datos persoais (nome e apelidos e NIF) e a título de excepción, nos días posteriores a esa adxudicación adxudícanse por vía telefónica interinidades coa mesma duración do curso escolar, que son as que se solicitan no presente caso. Esa información é pública a través do buscador de persoal substituto, pero non existe forma de acceder a ela dun xeito único e global, senón que é preciso buscar especialidade a especialidade, persoa a persoa, nun traballo máis propio dunha investigación xornalística que dun acceso público á información administrativa. E en relación coas supostas tarefas de reelaboración ou reordenación da información, manifesta que todos os datos solicitados están incorporados ás bases de datos de persoal da Consellaría e mediante unha simple consulta na aplicación informática é posíbel extraer a información solicitada. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa que ao solicitante se lle concedeu acceso á información solicitada mediante a indicación da ligazón web na que está publicada e accesible toda a información que solicita e que o link de acceso indicado contén un buscador que ofrece a facilidade de clasificar a información sobre o profesorado ordenada por áreas temáticas (incluídas as interinidades) de xeito sinxelo e universal, engadendo a resolución unha explicación sobre a forma de navegar dentro da web onde está publicada a información Denegóuselle o acceso ao NIF das persoas que ocupan interinidades, na medida en que se trata dun dato de carácter persoal inscribible no ámbito de aplicación normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e de acordo co disposto no artigo 27.2 da Lei 1/2016, para cederlle ao solicitante o dato do NIF das persoas que ocupan os postos de dirección en todos os centros docentes galegos seria necesario, recabar o consentimento expreso, preciso e inequívoco de cada unha, o que xeraría unha carga inasumible, desproporcionada e inxustificada no departamento administrativo encargado de resolver esta solicitude de información pública, tendo en conta que a base de datos da Consellería contén ao redor de 30.000 docentes dos que estima que mais dun 10 % son interinos. Así, nun exercicio de ponderación dos intereses confrontados, cómpre salientar que a satisfacción do interese particular do solicitante compromete seriamente os principios de celeridade, eficacia e eficiencia que deben presidir as relacións das Administracións públicas coa cidadanía, principios que sufrirían un quebranto derivado de satisfacer a petición dun so cidadán, se se ten en conta que a súa concesión ou denegación non varía a esfera xurídica do solicitante, isto é, a denegación do dato do NIF das persoas que ocupan as interinidades nos centros de Galicia non o sitúa nunha posición de indefensión nin lle impide o libre exercicio dos seus dereitos, pero si entorpecería de forma significativa o normal funcionamento do departamento competente en materia de recursos humanos. O reclamante mostra igualmente a súa desconformidade coa forma na que a Administración lle concedeu o acceso á información que solicitou. A Administración considera que cumpre a obriga de proporcionar a información solicitada no formato no que dispón da mesma, sen que deba destinar os recursos públicos a reordenar, formatear ou estruturar, ao gusto do solicitante, a información pública que xa esta dispoñible, como recoñece o propio reclamante. Respecto a alegación de que consellería pode acceder aos datos que pide “mediante unha simple consulta na aplicación informática (...) en cuestións de segundos”, a Administración informa que almacena un gran volume de datos do seu persoal adscrito, que é accesible á cidadanía a través do referido buscador pero non dispón de informes que sigan as clasificacións solicitadas por , insistindo en que na alegación segunda do escrito de reclamación o solicitante recoñece que a información é pública a través do buscador do persoal substituto Igualmente, nas alegacións terceira e cuarta do escrito de reclamación manifesta que en anteriores ocasións a Administración lle concedeu a mesma información que agora lle denega, pero afirma a Consellería que tal afirmación non é certa. Con carácter xeral e de xeito informal proporcionóuselle ao reclamante e a organización sindical á que representa, información en formato folla de cálculo que xa está publicada no DOG en formato pdf, pero neste caso, o reclamante pide que o órgano competente lle elabore "á carta" a recompilación dos datos que lle interesan cun formato e estrutura determinada. Como conclusión o informe da Secretaría Xeral Técnica fai unha análise global das seis solicitudes que dirixiu á Dirección Xerar de Centros e Recursos Humanos, nun intervalo de menos de vinte días, co obxecto de obter información sobre os centros docentes e dos datos estatísticos das unidades en funcionamento, o persoal que ocupa cargos de direccións e os seus procedementos de acceso, o destino do profesorado, o profesorado ao que se lle adxudicou unha permuta nun intervalo temporal determinado, o profesorado que obtivo unha interinidade. Ademais, pide a identificación nominal e número de NIF do profesorado sobre o que solicita a información e, na maioría das solicitudes, xunta unhas instrucións dirixidas ao órgano administrativo para que lle proporcione a dita información clasificada e estruturada dun xeito determinado e nun formato electrónico concreto. Os órganos competentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveron a concesión do acceso de case a totalidade da información solicitada mediante a indicación dos concretos enlaces web onde está publicada, e a parte de información sobre a que se limitou o acceso xira en torno a dous aspectos: o dato do NIF das persoas afectadas e a reelaboración da información publicada seguindo os criterios de clasificación e formato esixidos polo solicitante. Debemos partir no análise da petición de que ambas partes están de acordo no carácter público da información solicitada. A consellería estima a solicitude parcialmente, e remite ao interesado os links da súa web a través dos cales pode obter a información solicitada fronte ao que o reclamante alega que ofrecer dese xeito a información supón a denegación material da mesma e reclama a entrega noutro formato. Tal e como sinala no seu informe a consellería, o obxecto do recurso redúcese a dúas cuestións: a reelaboración da información seguindo uns criterios de clasificación e a inclusión do NIF dos afectados. En relación co primeiro aspecto de controversia (criterios de clasificación) resulta aplicable o alegado pola consellería. Para a entrega dos datos nunha forma ou sistemática diferente á dispoñible na web precisaría unha previa reelaboración, entendida esta como a necesidade de recadación ou novo orde, ou a extracción da información dunha pluralidade de expedientes ou soportes. A sistemática reclamada precisa reelaboración, sobre todo cando a información é moi voluminosa, como neste caso. É aplicable o criterio de inadmisión da solicitude cando precise de reelaboración (artigo 18.1.c da Lei 19/2013, de 9 de decembro). A estimación se produce adecuadamente mediante a remisión dos enlaces nos que se atopa a información pública, o que se axusta ao legalmente previsto (artigo 22.3 da Lei 19/2013, de 9 de decembro). A transparencia concrétase neste caso en dar periodicamente e de xeito claro, veraz, obxectivo e doadamente accesible a información relevante relativa ao funcionamento dos obrigados, especialmente as administracións, por desenvolverse con financiamento público. O dereito cidadán a acceder á información pública pode concretarse na remisión específica e clara ao publicado. A remisión ás localizacións da información na web é unha resposta adecuada sempre que a información sexa reutilizable e completa. Neste caso non se reclama a modificación do formato, o que si se podería facer, aínda que conlevando o pago de taxas, senón unha sistemática diferente á dispoñible, o que supón, como xa indicamos, a súa reelaboración. Por tanto, a información ofrecida publicamente e concretada mediante enlaces non ten por qué reelaborarse. Porén, se ao marxe da publicidade activa a consellería dispuxera dos datos na sistemática reclamada, entón debería proporcionalos. O reclamante sinala que a consellería os ten (“están incorporados ás bases de datos de persoal da consellería”), pero esta informa de que non é así, posto que a única alternativa que tería sería a reelaboración do publicado. En canto ao segundo aspecto obxecto de controversia (incluír o NIF), a consellería alega que debe ofrecer a posibilidade de presentar alegacións aos afectados, e dado o seu amplísimo número resultaría desproporcionado. Mesmo alega que deben consentilo expresamente. En relación con iso debemos indicar que o DNI é un dato persoal, pero non un especialmente protexido de acordo coa normativa de protección de datos, á que se remite a de transparencia neste punto. Por tanto, non é preciso o previo consentimento do afectado. Si é precisa a ponderación do interese público na divulgación da información e os dereitos dos afectados cuxos datos aparezan na información, en particular o seu dereito fundamental á protección de datos de carácter persoal (artigo 15.3 da Lei 19/2013, de 9 de decembro). A iso se engade, como sinala a consellería, a necesidade de conceder un prazo de alegacións aos afectados (artigo 19.3 da Lei 19/2013, de 9 de decembro). Esta necesidade de trámite previo de alegacións non é o determinante na ponderación que tratamos; o verdadeiramente relevante para ponderar neste caso é que o dato reclamado é accesorio e prescindible no conxunto da información solicitada e proporcionada. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia ACORDA Unico: Desestimar a reclamación presentada por contra a resolución do 28 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se lle concede o acceso parcial á información sobre o profesorado que obtivo unha interinidade para todo o curso escolar en praza vacante con posterioridade á publicación das respectivas resolucións definitivas dos diferentes corpos docentes en formato folla de cálculo incluíndo os datos de NIF, nome e apelidos, centro de destino, concello e provincia de destino, corpo docente, especialidade, data de adxudicación da praza, motivo da vacante. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018 A presidenta da Comisión da Transparencia Milagros Otero Parga