El Presidente de una asociación solicitó a la Consellería de Economía, Emprego e Industria información detallada sobre la explotación minera de cobre en Touro. Tras alegar la administración que se trata de información ambiental, la Comisión da Transparencia de Galicia inadmitió la reclamación por carecer de competencia, debiendo tramitarse según la Ley 27/2006 de medio ambiente.
Puntos clave de la argumentación
1
La solicitud versa sobre condiciones ambientales, restauración de daños y actas de inspección de una explotación minera, lo que constituye información ambiental según el artículo 2.3 de la Ley 27/2006.
2
De acuerdo con la Disposición Adicional Primera de la Ley 19/2013, las materias con régimen jurídico específico de acceso a la información deben tramitarse por su normativa propia y solo supletoriamente por la de transparencia.
3
La Comisión carece de competencia para resolver la reclamación debido al carácter ambiental de la información solicitada, la cual debe seguir el procedimiento de la Ley 27/2006.
4
Se considera que la medida de la Administración de permitir la consulta presencial de los expedientes para identificar documentos concretos es respetuosa con los principios de eficiencia y transparencia.
5
No se puede conceder el acceso a resoluciones futuras, ya que no constituyen información pública al no obrar en poder de la Administración en el momento de la petición.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo
do artigo 28 da lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Vista a reclamación presentada por D. , na súa calidade de Presidente da
Asociación , mediante escrito presentado con data
do 30 de abril de 2018, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a
continuación, a Comisión da Transparencia adopta o seguinte acordo:
ANTECEDENTES
Primeiro. D. , na súa calidade de Presidente da Asociación
, presentou, mediante escrito que tivo entrada no rexistro do
Valedor do Pobo o 30 de abril de 2018, unha reclamación ao amparo da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro,
de transparencia e bo goberno, na que solicita a intervención da Comisión da Transparencia en
relación cun escrito presentado con data do 29 de xaneiro de 2018 á Consellería de Economía,
Emprego e Industria.
No referido escrito, o , en nome da asociación, solicita que en relación á extracción mineira
de cobre no termo municipal de Touro (A Coruña), que segundo os medios de comunicación foi
realizada pola mercantil Cobre San Rafael (n° 2946) ou pola Sociedad Minera y Metalúrgica de
Peñarroya e por Río Tinto Patiño (subsidiaria de Free Port McMoran), se lles dea traslado do
seguinte:
Dos termos nos que lle foi dada a autorización administrativa para realizar a devandita
explotación mineira entre os anos 1973 e 1986 e as condicións explícitas ambientais e de
restauración a realizar pola mercantil ao rematar a explotación.
Dos requirimentos realizados á mercantil titular da explotación para que realizara calquera
tipo de actuacións encamiñados á restauración dos danos ambientais causados sobre o
medio ambiente, en particular sobre as augas, o solo, a fauna, a flora e a paisaxe, e os riscos
para a saúde humana derivados da xestión dos residuos mineiros.
Dos informes ou das actas de inspección realizados polas autoridades competentes en vixiar
e controlar os danos ambientais derivados da actividade mineira.
Da acta da inspección final in situ realizada pola autoridade competente relativa ao peche da
explotación mineira, da avaliación dos informes presentados pola entidade explotadora, da
certificación de que o terreo afectado foi rehabilitado e da comunicación da aprobación do
peche.
Na fase posterior ao peche da explotación, se lles informe de si a autoridade competente
asumiu as tarefas de mantemento, seguimento, control e medidas correctoras ou se é a
entidade explotadora a responsable e, nese caso, as medidas tornadas para o seu
cumprimento.
Das medidas tomadas pala autoridade competente para o cumprimento da Directiva
2000/60/CE e, sinaladamente:
o Dos informes nos que se avalía o potencial de xeración de lixiviados, incluído o
contido de contaminantes dos lixiviados, dos residuos depositados tanto durante a
fase de explotación como durante a posterior ao peche das instalacións e
determinando o balance hidrolóxico da instalación.
o Dos documentos que acrediten as medidas tomadas para a prevención e redución ao
mínimo dos lixiviados e a contaminación das augas superficiais ou soterradas e do
chan.
o Das medidas tomadas para recoller e tratar as augas contaminadas e os lixiviados das
instalacións de xeito que cumplan a norma para o seu vertido.
Que se lles permita o acceso ao expediente dos que traen causa as anteriores
manifestacións, se lle de traslado de toda a documentación existente así como da totalidade
de resolucións que recaian no mesmo.
Segundo. O 2 de maio de 2018 déuselle traslado da documentación presentada polo interesado á
Consellería de Economía, Emprego e Industria para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, remitise informe e copia completa e ordenada do expediente. O requirimento
recibiuse pola administración o 9 de maio de 2018.
Terceiro. Con data do 4 de xuño, a Consellería de Economía, Emprego e Industria remite informe da
Dirección Xeral de Enerxía e Minas, no que en síntese manifesta o seguinte:
Entre os días 19 de xaneiro e 9 de marzo de 2018, presentáronse en distintos rexistros
administrativos ata 30 solicitudes substancialmente idénticas de acceso e obtención de copia da
documentación relativa á explotación mineira San Rafael 2946, no municipio de Touro, A Coruña,
entre as que se atopa a que da lugar á reclamacións RSCTG 62/2018.
As solicitudes remitíronse á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria na
Coruña por ser o órgano competente para a resolución do procedemento, que as recibiu entre o 23
de febreiro e o 28 de marzo de 2018.
Con data do 8 de maio de 2018, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria na
Coruña acordou a acumulación das 30 solicitudes presentadas, por tratarse de peticións de
información substancialmente idénticas e coa mesma data se acorda a adopción da medida
provisional de acceso mediante a posta a disposición dos solicitantes de toda a documentación que
conforma os múltiples expedientes relativos á explotación mineira San Rafael 2946 para que estes
procedan á adecuada identificación dos expedientes e dos documentos concretos do seu interese, de
acordo co disposto no artigo 56.1 da Lei 39/2015, do 31 de outubro, do Procedemento
Administrativo Común das Administracións Públicas. O acordo contempla a habilitación dunha sala
nas dependencias da Xefatura Territorial na que os solicitantes poden personarse as veces que
consideren necesario e coa custodia e asesoramento de dous funcionarios.
Considera o informe que todas as peticións de documentación contidas nas solicitudes, están
referidas a autorizacións, requirimentos, informes ou actas relacionados coa restauración do espazo
afectado pola explotación que teñen un contido relevante desde un punto de vista medioambiental e
unicamente no último parágrafo se solicita de forma xenérica, o traslado de toda a documentación
existente e a totalidade de resolucións que recaian, polo que conclúe que se trata de solicitudes de
información ambiental que deben tramitarse conforme o disposto na Lei 27/2006, do 18 de xullo,
pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á
xustiza en materia de medio ambiente e non pola normativa en materia de transparencia, debendo
ser por este motivo, inadmitida a reclamación en aplicación da disposición adicional primeira da Lei
19/2013.
Sen prexuízo da conclusión anterior, para unha completa información sobre as solicitudes
presentadas, a súa tramitación e a situación creada, realízanse no informe as consideracións que
seguen:
O acordo de acumulación, dítase como medida de eficacia e racionalización administrativa, en
beneficio tanto dos propios solicitantes como da Administración, para dotar de operatividade á
xestión administrativa, contribuíndo a impedir o colapso administrativo de solicitudes repetitivas
presentadas casi simultaneamente por distintos colectivos.
Ademais, a conveniencia da súa acumulación e tramitación conxunta ven dada tamén pola amplitude
e xeneralidade das solicitudes, que esixen actuacións para a súa concreción dado que o solicitado
non constitúe un expediente administrativo, senón multitude de expedientes ao longo do tempo de
extensión e duración variable relacionados con diferentes aspectos dos dereitos mineiros ou ámbitos
da actividade (expediente de outorgamento, expedientes de demasías, cambios de titularidade,
proxectos mineiros sexan para o outorgamento, ampliación, actualización, etc, plans de labores
anuais, expedientes de seguridade e saúde, etcétera), dado que a explotación foi titulada no ano
1958, polo que só os plans de labores anuais xa acumula a día de hoxe 60 expedientes relacionados
deste tipo.
Así, a modo de exemplo, os solicitantes requiren copia de requirimentos e de actas de carácter
ambiental efectuados pola Administración mineira, de forma xenérica, sen limitalos no tempo. Os
posibles requirimentos e ou actas que afecten a aspectos medioambientais estarían repartidos por
diversos expedientes como os de plans de labores anuais, actuacións de inspección ou expedientes
máis específicos de carácter ambiental.
Así mesmo, a imperiosidade de adoptar medidas procedimentais como a de acumulación que
faciliten a viabilidade da xestión administrativa ven esixida polo contexto no que se producen que
remite á actual tramitación do expediente de “Actualización del Proyecto de Explotación vigente de
cobre de Touro" relativo á explotación mineira "San Rafael 2946”. Nese expediente, que rematou o
período de información publica o 6 de novembro de 2017, recibíronse máis de 2.000 alegacións
moitas das cales inclúen tamén solicitudes de acceso á información que afectan tanto a esta
explotación mineira como ás restantes existentes nos concellos de Touro e O Pino, incluíndo todo
tipo de expedientes finalizados e/ou históricos, o que pode provocar unha situación de colapso
administrativo que impida o normal funcionamento dos servizos administrativos e a imposibilidade
de tramitación nos reducidos prazos previstos legalmente para o acceso á información, tendo en
conta que as solicitudes de copia dixital de documentación (que non se atopa dixitalizada), de
dereitos mineiros formuladas de modo xenérico, implican un enorme volume de documentación non
se circunscriben á explotación San Rafael, senón que, se veñen presentando de modo habitual nos
últimos tempos respecto de múltiples dereitos que afectan a centos de expedientes e a decenas de
miles de folios.
Esta situación impide o normal funcionamento dun servizo administrativo de moi reducidas
dimensións e sesgo técnico, como é o órgano competente para tramitar as ditas solicitudes,
afectando ao desenvolvemento das súas restantes competencias, entre elas algunhas moi relevantes
relativas á seguridade mineira ou á vixilancia e control da actividade, circunstancia esta que pode dar
lugar á aplicación do criterio interpretativo do CTBG Cl/003/2016 consonte o cal unha solicitude
pode entenderse abusiva cando, de ser atendida, requirira un tratamento que obrigara a paralizar o
resto da xestión dos suxeitos obrigados a subministrar a información, impedindo a atención xusta e
equitativa do seu traballo e o servizo público que teñen encomendado, e así resulte de acordo cunha
ponderación razoada e baseada en indicadores obxectivos.
A Administración mineira para asegurar a transparencia e o acceso á información, adopta de
conformidade co artigo 56.1 da Lei 39/2015, a medida provisional de acceso para a identificación da
documentación que se solicita mediante a posta a disposición dos solicitantes de toda a
documentación que conforma os diferentes expedientes relativos á explotación mineira,
concedéndolles un prazo de quince días durante o cal poderán personarse na Xefatura Territorial as
veces que o consideren necesario para os efectos da consulta da documentación e identificación dos
documentos concretos do seu interese, tarefa para a que contan, ademais, co asesoramento dos
funcionarios presentes durante a consulta.
Para isto recompiláronse todos os expedientes, tanto en tramitación, como resoltos e/ou históricos,
e habilitouse unha sala adecuada nas dependencias da Xefatura Territorial e unha vez identificada a
documentación solicitada, continuarase a tramitación prevista na normativa reguladora do acceso á
información. A resolución definitiva que se dite resolverá sobre as peticións de información e de
documentación adecuadamente identificadas e comportará o dereito de obtención de copia da
documentación, logo da valoración das alegacións relativas a dereitos ou intereses de terceiros que
se formulen.
A medida adoptada permite aos solicitantes coñecer o volume e tipoloxía da documentación
existente e facilita que sexan estes os que leven a cabo a tarefa de valoración e selección da
documentación, sen que sexa a Administración quen deba reinterpretar os seus intereses e
solicitudes, estando nestes momentos aberto o prazo de quince días outorgado para a consulta da
documentación.
Considera o informe que a Administración, ante a situación de colapso creada por solicitudes masivas
e xenéricas de información presentadas coetaneamente no tempo, adoptou as medidas
procedimentais máis respetuosas co dereito dos administrados inspiradas no principio pro actione,
que abranguen a acumulación de solicitudes para evitar reiteracións de trámites e, especialmente, a
medida provisional de acceso á documentación para permitir polos propios solicitantes a
identificación dos expedientes e documentos que se correspondan coas solicitudes efectuadas.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo
goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa
ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o
Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en
vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a
resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas
polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais
comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades
Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá
interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da
Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das ditas reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación se axustará ao
previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións
contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á
impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na
lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A lei 1/2016, de 18 de xaneiro, recoñece no seu art. 24 o dereito de todas as persoas a acceder á
información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu
formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación
desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a
definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma se configuran de forma ampla
tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen
que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei
1/2016, de 18 de xaneiro).
O obxecto da lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e
garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo
sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os
eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos se somete
a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se
manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións se pode falar do
inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica,
esixente e que demanda participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente exixencia
cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que
supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias
engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións
en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de
acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa
impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interporase no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da notificación do
acto impugnado ou dende o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio
administrativo.
De acordo co anterior, e dado que o reclamante solicitou o acceso á información con data do 29 de
xaneiro de 2018 e na data de presentación do recurso, 30 de abril do mesmo ano, non obtivera
resolución expresa da súa petición, débese considerar que o recurso está presentado en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A reclamación presentada polo , en representación da Asociación de Produtores de
Mexillón da Pobra do Caramiñal, limítase a solicitar a intervención da Comisión da Transparencia en
relación co escrito anexo dirixido á Consellería de Economía, Emprego e Industria en data do 29 de
xaneiro de 2018, escrito no que, como se fixo referencia nos antecedentes desta resolución, se
solicita determinada información referente á extracción mineira de cobre no termo municipal de
Touro.
De acordo co disposto no artigo 28 en relación co 33 da Lei 1/2016 citada, a intervención da
Comisión da Transparencia de Galicia debe limitarse á resolución da reclamación contra a resolución
expresa ou presunta en materia de transparencia.
A Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu, en contestación á solicitude desta Comisión, un
completo informe no que fundamenta a súa actuación en relación coa solicitude que orixina a
reclamación que nos ocupa e outras solicitudes de acceso á información substancialmente idénticas
(ata trinta), que se presentaron nun período de menos de mes e medio dende o 19 de xaneiro de
2018 referidas á explotación mineira San Rafael 2946. A Xefatura Territorial da Consellería na
Coruña, con data do 8 de maio de 2018, acordou a acumulación das solicitudes presentadas, por
tratarse de solicitudes de petición de información substancialmente idénticas, e a adopción da
medida provisional de acceso aos solicitantes mediante a posta a disposición de toda a información
que conforma os múltiples expedientes da explotación, para que os solicitantes sinalasen que
documentos concretos son do seu interese, contando para elo co asesoramento dos funcionarios
que están presentes durante o período da consulta.
O informe da Dirección Xeral considera que case toda a información que se solicita (autorizacións,
requirimentos, informes, actas...) teñen un contido relevante dende o punto de vista ambiental, agás
a referente á última petición, na que se solicita toda a documentación existente e a totalidade das
resolucións que recaian.
No referente ás resolucións que recaian no expediente, entendidas estas como as resolucións
futuras que se poidan ditar, débese afirmar que non se poden encadrar dentro do concepto de
información pública do artigo 24 Lei 1/2016, por canto non se trata de información que no momento
da petición obre en poder da Administración, non outorgando a normativa en materia de
transparencia o dereito a que os cidadáns sexan notificados das resolucións futuras que se poidan
ditar nun expediente.
Respecto ao contido de carácter medioambiental da información solicitada, esta Comisión comparte
o criterio da Dirección Xeral, por canto o que se solicita é información sobre as condicións explícitas
ambientais e de restauración a realizar pola empresa ao rematar a explotación, requerimentos
realizados dirixidos á restauración dos danos ambientais causados sobre o medio ambiente, informes
ou das actas de inspección realizados para vixiar e controlar os danos ambientais derivados da
actividade mineira, acta da inspección final, da avaliación dos informes presentados pola entidade
explotadora e da certificación de que o terreo afectado foi rehabilitado, na fase posterior ao peche
da explotación, se informe de a autoridade competente asumiu as tarefas de mantemento,
seguimento, control e medidas correctoras e medidas tomadas pala autoridade competente para o
cumprimento da Directiva 2000/60/CE (pola que se establece un marco comunitario de actuación no
ámbito da política de augas).
Non cabe dúbida de que a información solicitada refírese a información de carácter ambiental, polo
que tal e como indica a Dirección Xeral no seu informe, de conformidade co disposto na Disposición
Adicional Primeira da Lei 19/2013, deben tramitarse, ao ter esta materia previsto un réxime xurídico
específico de acceso á información, tanto no procedemento de acceso á información como nos
procedementos de recurso, pola súa normativa específica, e supletoriamente no non previsto, pola
normativa en materia de transparencia. A Lei 19/2013, ten un carácter supletorio respecto daquelas
materias que teñan unha regulación específica de acceso á información, como sucede no caso da
información ambiental que se atopa regulada na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os
dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio
ambiente.
O artigo 2.3 desta Lei considera información ambiental toda información en forma escrita, visual,
sonora, electrónica ou en calquera outra forma que verse sobre o estado dos elementos do medio
ambiente (aire, atmosfera, a auga, o chan etc..) os factores, tales como substancias, enerxía, ruído
etc que afecten ou poidan afectar os elementos do medio ambiente citados anteriormente, as
medidas, incluídas as medidas administrativas, como políticas, normas, plans, programas e acordos
en materia de medio ambiente, os informes sobre a execución da lexislación ambiental, o estado da
saúde e seguridade das persoas, condicións de vida humana, bens do patrimonio histórico, cultural e
artístico e construcións.
Certamente, o concepto de información ambiental contido na Lei 27/2006, e nas Directivas Europeas
2003/4/CE e 2003/35/CE, é dunha gran amplitude, afirmándose en diversas sentencias Tribunal de
Xustiza das Comunidades Europeas que no concepto de información medioambiental abrangue
calquera información relativa ao estado dos distintos elementos do medio ambiente, as actividades
ou medidas que poidan afectar ou protexer o estado dos devanditos elementos, incluídas as medidas
administrativas e os programas de xestión do medio ambiente, debendo ser interpretada a directiva
no senso de que no concepto de medidas administrativas, non se debe excluír ningunha das
actividades que desenvolve a autoridade pública, debendo incluírse todas as formas de exercicio de
actividade administrativa. O Tribunal mantén que para que unha información se considere que versa
sobre medio ambiente a efectos da Directiva, basta que un informe da Administración constituíse un
acto que puidese afectar ou protexer o estado dalgún dos sectores do medio ambiente aos que se
refire a Directiva.
Dea cordo co anterior, non cabe senón concluír que a solicitude, polo seu contido relativo a materias
que sen dúbida deben ser incluídas dentro do concepto de información ambiental do artigo 2 da
citada Lei 7/2006, debe ser tramitada de acordo co procedemento establecido na mesma, incluíndo
os procedementos de recurso, carecendo por tanto esta Comisión de competencia para resolver
sobre esta materia, polo carácter ambiental da información que se solicita.
Non obstante, considérase que as medidas adoptadas pola Xefatura Territorial da Consellería de
Economía, Emprego e Industria na Coruña para a identificación polos solicitantes da documentación
do seu interese, é respectuosa en todo momento cos principios de eficiencia na actuación
administrativa e de transparencia no acceso á información pública.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Única: Inadmitir a reclamación presentada por , na súa calidade de
Presidente da Asociación na que solicita a
intervención da Comisión da Transparencia de Galicia contra a desestimación por silencio
administrativo da súa solicitude de acceso á información pública relativa á explotación mineira San
Rafael 2946.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, unicamente cabe interpoñer recurso
contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación
desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora
da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, a 27 de xuño de 2018
A presidenta da Comisión da Transparencia
Milagros Otero Parga