Estimada 27/06/2018 · 69 días en resolverse

Solicitud de copia de expedientes y resoluciones sobre la concesión y ubicación de un vado en Cangas do Morrazo

El ciudadano solicitó al Concello de Cangas do Morrazo copia de expedientes y resoluciones sobre la concesión de un vado. Ante la falta de respuesta (silencio administrativo), presentó reclamación. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación porque la información es pública y el Ayuntamiento no justificó la denegación ni resolvió la solicitud.

Puntos clave de la argumentación

1 La información solicitada es considerada pública al estar en poder de la Administración y haber sido elaborada en el ejercicio de sus funciones.
2 Se admite la reclamación por estar en plazo, siguiendo el criterio de que los recursos contra resoluciones presuntas pueden interponerse en cualquier momento.
3 La Comisión determina que el solicitante tiene derecho al acceso a la información según el artículo 24 de la Ley 1/2016.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista a reclamación presentada por , mediante escrito do 19 de abril de 2018, a Comisión da Transparencia, considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. Don presentou, mediante escrito que tivo entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día 19 de abril de 2018, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, por entender desestimada por silencio administrativo, unha solicitude de acceso á información presentada no Concello Cangas do Morrazo de remisión de copia de expedientes e resolucións relativas á concesión e posterior ubicación dun vado licencia 1092 na rúa Orense 94 interior 2° D, de Cangas do Morrazo Pontevedra. O escrito viña acompañado de copia da súa solicitude dirixida ao Concello Cangas do Morrazo que tivo entrada no Rexistro da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social o 11 de agosto de 2017. Segundo. Con data 30 de abril de 2018, déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante ao Concello Cangas do Morrazo para que, en cumprimento da normativa de transparencia, remitise informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 7 de maio de 2018, e con data do 21 de maio o Concello Cangas do Morrazo remite informe da Xefatura da Policía Local de Cangas xunto coa documentación relativa ao expediente de outorgamento da licenza de vado sinalada. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación perante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das ditas reclamacións. A disposición adicional quinta da lei 1/2016, do 18 de xaneiro establece que a competencia para resolver esas reclamacións corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación se axustará ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A lei 1/2016, de 18 de xaneiro, recoñece no seu art. 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma se configuran de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (artigo 26.4 Lei 1/2016, de 18 de xaneiro). O obxecto da lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos se somete a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións se pode falar do inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poderes públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente exixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interporase no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou dende o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte a actos que non sexan expresos. De acordo co anterior, e dado que no presente caso a Administración non resolveu expresamente, debe admitirse a reclamación presentada por estar en prazo. Quinto.- Análise do expediente O Sr. presentou ante o Concello Cangas do Morrazo unha solicitude de remisión de copia de expedientes e resolucións relativas á concesión e posterior ubicación dun vado licencia 1092 na rúa Orense 94 interior 2° D, de Cangas do Morrazo (Pontevedra), que non cabe dúbida, debemos considerar como información pública, dado que é unha información que está en poder da Administración e que foi elaborada no exercicio das súas funcións, polo que procede e estimación do presente recurso, por ter o solicitante, de acordo co disposto no artigo 24 da Lei 1/2016, dereito ao acceso á mesma. Non consta que o Concello Cangas do Morrazo resolvera a solicitude de acceso á información do Sr. , remitindo nembargantes copia do expediente e informe da Policía Local a esta Comisión, polo que en cumprimento do disposto no artigo 24 da citada Lei 1/2016, deberá remitir copia da información solicitada ao Sr. . En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia ACORDA Primeiro: Estimar a reclamación presentada por Don contra a desestimación por silencio administrativo da súa solicitude ao Concello Cangas do Morrazo, de remisión de copia de expedientes e resolucións relativas á concesión e posterior ubicación dun vado licencia 1092 na rúa Orense 94 interior 2° D, de Cangas do Morrazo (Pontevedra). Segundo: Instar ao Concello Cangas do Morrazo a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso. Terceiro: Instar ao Concello Cangas do Morrazo a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esa Comisión da Transparencia copia do envío da información solicitada polo reclamante. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 8.3 a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018 A presidenta da Comisión da Transparencia Milagros Otero Parga