El ciudadano solicitó acceso al expediente municipal 620/2003/3 sobre la expropiación del Castro de Elviña al Concello da Coruña. Alegó que la denegación parcial no estaba motivada. La Comisión da Transparencia estima la reclamación para retrotraer las actuaciones, obligando al Ayuntamiento a realizar una ponderación motivada sobre la protección de datos y el interés público.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública no depende de la condición de interesado en el procedimiento, siendo irrelevante la relación del solicitante con la materia.
2
La denegación basada en la protección de datos personales requiere una ponderación razonada entre el interés público de la divulgación y los derechos de los afectados.
3
El acceso a información con datos identificativos debe priorizar la disociación de datos personales para evitar afectar a la intimidad o seguridad de terceros.
4
La administración no realizó la ponderación obligatoria ni justificó la imposibilidad de disociar los datos antes de denegar el acceso parcial.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada
ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia
e bo goberno
Vista á reclamación presentada por , mediante escrito do 13 de
agosto de 2019, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican
a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 29 de outubro de 2019,
adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do
Valedor do Pobo o 13 de agosto de 2019, unha reclamación ao amparo do disposto na
disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno,
contra a resolución do 19 de xullo de 2019, da Directora de Urbanismo do Concello da Coruña,
pola que se lle concede acceso parcial ao expediente municipal núm. 620/2003/3 de
expropiación Castro de Elviña (Elviña II fase)
O reclamante indicaba que a denegación fundaméntase brevemente na alegación a unha
instrución de carácter interno sen motivar en base a cales das causas previstas na Lei 19/2013
basease para inadmitir a petición, sen prexuízo da disociación que cabería en caso de valorar
datos persoais susceptibles de protección conforme a normativa comunitaria e nacional.
Solicita que lle sexa recoñecido o dereito de acceso de forma plena nos termos expostos na
solicitude presentada inicialmente xa que a documentación solicitada é concreta e singular,
de libre acceso a todos os cidadáns e non se atopa en curso de elaboración como é público e
notorio como se colixe nos medios de difusión pública local.
O interesado acredito a súa identidade mediante a presentación de copia do DNI a
requirimento da Secretaría da Comisión da Transparencia.
Segundo. Con data 20 de Agosto de 2019 déuselle traslado da documentación achegada polo
reclamante ao Concello da Coruña para que, en cumprimento da normativa de transparencia,
achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
Terceiro. Con data 23 de Setembro de 2019 o Concello da Coruña contesta a petición
remitindo o informe solicitado.
O concello informa que o solicitante refírese a unha peza separada do expediente
expropiatorio que corresponde a unha situación física e xurídica diferente a da súa parcela,
que non está incluída na zona de protección arqueolóxica, e, esta última, foi obxecto de
valoración por un órgano especializado distinto (Comité de expertos).
En concreto a súa parcela foi valorada polo Xurado de Expropiación de Galicia (XEG) no acordo
de 4 de novembro de 2010 como solo rústico, acordo que foi confirmado por sentenza firme
do TSXG o 29 de decembro de 2014 no PO 7617/11.
O Comité de Expertos formouse para dar cumprimento ao acordo do XEG de 1 de febreiro de
2007, no que se inhibía para poder valorar os restos arqueolóxicos e remitía as parcelas que
estaban incluídas na zona de protección arqueolóxica ao dito comité. Este non é o caso da
parcela dos solicitantes.
A solicitude de acceso á información tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello o día 28 de
maio de 2019, e por cambios na corporación municipal non foi posible efectuar a resolución
ata o 11 de xullo de 2019, motivo polo que se resolveu fora do prazo.
O expediente da Comité de Expertos non está pechado dado que están pendentes de realizar
os pagos correspondentes á execución da sentenza fundada no dítame do citado Comité, non
obstante e dado que hai unha peza separada co número de expediente 620/2019/38, no que
se inclúen as sentenzas e o ditame relativo aos pagos relacionados co Comité e tras analizar o
contido da citada documentación esta administración resolveu ampliar o acceso concedido a
determinada documentación que se relaciona no informe.
O informe establece que o acceso pleno ao expediente 620/2003/3 non é posible posto que
este inclúe as pezas separadas de fixación do prezo xusto de cada unha das parcelas obxecto
de expropiación e por tanto, contén datos persoais e concretos de bens e dereitos de terceiras
persoas que non son o obxecto da solicitude presentada, dado que só se solicita información
relativa as decisións e ditames do Comité de Expertos.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e
previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición
adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá,
no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao
que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Dado que segundo consta no expediente remitido, ao a resolución impugnada ditouse o 19
de xullo de 2019 e o recurso tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo con data do 13 de
agosto de 2019, debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O interesado solicitou a acceso a un expediente concreto, expediente municipal núm.
620/2003/3 ou a aquel no que deba decidir o Comité de Expertos sobre a valoración das
parcelas remitidas polo Xurado Provincial de Expropiación afectadas polo ámbito do Plan
Especial de Protección e Recuperación do Castro de Elviña (Elviña II fase).
O concello resolve dándolle acceso parcial ao referido expediente, en todo aquelo que forme
parte das actuación de ocupación e pago da parcela da que o solicitante é titular,
denegándolle o acceso as partes do expediente nas que non teñan consideración de
interesados no procedemento.
Posteriormente, (sen que se coñeza a data, dado que o concello non remite a copia do
expediente que se lle requiriu), e dado que existe unha peza separada co número de
expediente 620/2019/38, no que se inclúen as sentenzas e o ditame relativo aos pagos
relacionados co Comité, e tras analizar o contido da citada documentación, resolveu ampliar
o acceso concedido a determinada documentación que se relaciona no informe pero non á
totalidade do expediente. Xustifica a denegación de acceso a parte do expediente que contén
datos persoais e concretos de bens e dereitos de terceiras persoas que non son o obxecto da
solicitude presentada.
Fronte a calquera denegación de acceso á información pública a calquera persoa polo feito de
non ter a condición de interesado no expediente, debe terse en conta que o concepto de
interesado en materia de transparencia, ten unhas peculiaridades respecto do concepto de
interesado nun procedemento administrativo. De acordo co disposto no artigo 12 da Lei
19/2013, o dereito de acceso á información pública recoñécese a todas as persoas, polo que
é suficiente con acreditar a identidade do solicitante (artigo 17.2) sen que se poida esixir a
motivación da solicitude (artigo 17.3) e se o interesado motiva a súa solicitude, a motivación
poderá ser tida en conta cando se dite a resolución; non obstante, a ausencia de motivación
non será por si soa causa de rexeitamento da solicitude.
A Lei galega 1/2016, do 18 de xaneiro, amplía aínda máis os dereitos do interesado, pois no
artigo 24 equipara o interesado coa cidadanía en xeral. O artigo 24 reforza o dereito desta
cidadanía e establece que no exercicio do seu dereito ao acceso á información pública,
garantiráselle ao interesado a posibilidade de utilización da información obtida sen
necesidade de autorización previa e sen máis limitacións que as derivadas desta ou doutras
Leis. Por tanto, é irrelevante que o solicitante de información pública teña ou non relación coa
administración, coa materia da que solicita información, ou o seu lugar de residencia. O
dereito de acceso á información pública non vén determinado polo feito do interese, senón
polo feito de que se fai unha solicitude sobre unha materia que non está excluída ou limitada
no seu acceso pola normativa vixente, porque a transparencia implanta no ordenamento
xurídico o dereito da cidadanía a solicitar dos gobernantes, no sentido máis amplo, calquera
información pública que xulgue oportuna.
De acordo co anterior, o acceso ao expediente non pode estar limitado á parte do expediente
que corresponda coa parcela do solicitante, como fixo a resolución que se impugna
(Resolución do 19 de xullo de 2019, da Directora de Urbanismo do Concello da Coruña).
En posterior resolución do Concello, da que esta comisión descoñece a data, se da acceso ao
interesado a outros documentos do expediente, pero non á súa totalidade, xustificando a
denegación en que contén pezas separadas de fixación do prezo xusto de cada unha das
parcelas obxecto de expropiación e por tanto, contén datos persoais e concretos de bens e
dereitos de terceiras persoas que non son o obxecto da solicitude.
En materia de protección de datos de carácter persoal, o artigo 15 da Lei 19/2013, establece
que se a información solicitada contén datos especialmente protexidos (ideoloxía, afiliación
sindical, relixión etc ) o acceso unicamente poderase autorizar no caso de que se contase co
consentimento expreso e por escrito do afectado, agás que o afectado fixese manifestamente
públicos os datos con anterioridade a que se solicitase o acceso. Se os datos fan referencia á
orixe racial, á saúde ou á vida sexual, datos xenéticos ou biométricos ou datos relativos á
comisión de infraccións penais ou administrativas, unicamente se pode autorizar si se conta
co consentimento expreso do afectado ou se está amparado por unha norma con rango de
Lei.
Con carácter xeral, a Lei establece que se concedera o acceso a información que conteña datos
meramente identificativos, concederase o acceso previa ponderación suficientemente
razoada do interese público na divulgación e os dereitos dos afectados, en particular o seu
dereito fundamental á protección de datos de carácter persoal.
Para a realización da citada ponderación, o suxeito obrigado, neste caso o Concello, deberá
tomar particularmente en consideración o menor prexuízo dos dereitos dos afectados no caso
de que os documentos unicamente contivesen datos de carácter meramente identificativo
daqueles, ou a maior garantía dos dereitos dos afectados no caso de que os datos contidos no
documento poidan afectar á súa intimidade ou á súa seguridade. O anterior non será aplicable
se o acceso se efectúa previa disociación dos datos de carácter persoal de modo que se impida
a identificación das persoas afectadas.
No presente caso, non consta que na información solicitada existan datos especialmente
protexidos, nin que por parte do Concello da Coruña se fixera ningún tipo de valoración entre
o interese público na divulgación da información e os dereitos dos afectados, existindo en
todo caso a posibilidade de disociación dos mesmos, sempre que dita disociación non faga
que a información solicitada careza de sentido ou coherencia.
De acordo co anterior, procede a estimación expediente da reclamación presentada para a
retroacción do expediente, debendo o concello ditar nova resolución na que, previa apertura
do trámite de audiencia aos terceiros interesados, de conformidade co disposto no artigo 19.3
da Lei 19/2013, de forma motivada, realice a ponderación entre o interese público de
conceder o acceso á información que poda verse afectada de forma clara pola protección de
datos de carácter persoal, (artigo 15 da Lei 19/2013), salvo no caso de que despois da
ponderación tamén prevista, se comprobe que debe prevalecer o interese público ou privado
que xustifique en calquera caso o acceso (art. 14.2 da referida Lei).
A resolución que se dite, debe formalizarse co ofrecemento de todas as garantías propias do
procedemento de acceso á información pública, entre as que se conta o ofrecemento do
correspondente recurso substitutivo.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia
ACORDA
Primeiro: Estimar para a retroacción do expediente, de acordo co disposto no fundamento
xurídico quinto deste resolución, a reclamación presentada por
contra a resolución do 19 de xullo de 2019, da Directora de Urbanismo do Concello da Coruña,
pola que se lle concede acceso parcial ao expediente municipal núm. 620/2003/3 de
expropiación Castro de Elviña (Elviña II fase)
Segundo: Instar ao Concello da Coruña, a que, finalizado o trámite de audiencia, no prazo
máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada nos termos
establecidos no fundamento xurídico quinto desta resolución, respectando os límites dos
artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á
formalización do acceso.
Terceiro: Instar ao Concello da Coruña, a que, resolta a petición, remita a esa Comisión da
Transparencia copia do envío e da información solicitada ao reclamante.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.