Se solicitó a la Secretaría Xeral de Medios la identificación de letrados de la Xunta de Galicia y la copia de la orden de personación en expedientes de la Junta Electoral Provincial de A Coruña. Ante el silencio administrativo, la Comisión da Transparencia estima la reclamación, instando a la administración a dictar resolución expresa informando sobre la existencia o no de dicha información.
Puntos clave de la argumentación
1
El hecho de que la motivación de la solicitud sea una denuncia de hechos presuntamente delictivos no es motivo válido para inadmitir o denegar el acceso a la información pública.
2
La identificación de empleados públicos constituye información pública al tratarse de datos identificativos relacionados con la organización, salvo que prevalezca la protección de datos personales.
3
La normativa de transparencia es aplicable aunque el solicitante sea interesado si el procedimiento administrativo ya ha finalizado.
4
Cuando la información solicitada no existe, el sujeto obligado debe responder expresamente informando de dicha inexistencia para satisfacer el derecho de acceso.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista á reclamación presentada por , en representación da
) ,
mediante escrito que tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo o 3 de xaneiro de 2020, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de abril de 2020.
ANTECEDENTES
Primeiro. , en representación
presentou, mediante escrito con
entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 3 de xaneiro de 2020, unha reclamación ao amparo
do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno,
contra a desestimación por silencio administrativo, da súa solicitude de acceso á información
ante a Secretaría Xeral de Medios, referente a identificación de letrados da Xunta de Galicia
en determinados expedientes da Xunta Electoral Provincial da Coruña.
O reclamante indicaba que se solicitou información sobre identificación dos letrados da Xunta
de Galicia persoados nos expedientes da Xunta Electoral
Provincial da Coruña e copia da orde de persoación nos procedementos identificando ao seu
autor.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, de copia dun acordo da Xunta
Electoral Provincial da Coruña e de copia da dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza
de Galicia.
Segundo. Con data do 7 de xaneiro de 2020 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Secretaría Xeral de Medios da Presidencia da Xunta de Galicia para que, en
cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada
do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 14 de xaneiro de 2020.
Terceiro. Con data 3 de febreiro de 2020 a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de
Galicia contesta a petición remitindo o informe solicitado.
A Dirección Xeral da Asesoría Xurídica emite o informe dado que, a pesar de que a
reclamación se dirixe formalmente contra a falla de contestación dunha solicitude á
Secretaría Xeral de Medios, a competencia sobre a materia corresponde á dita Asesoría.
O informe considera que dada a natureza da solicitude e o seu obxecto, son cuestións que
non forman parte do dereito de acceso á información pública, tendo a mesma un carácter
abusivo, non xustificado coa finalidade de transparencia da Lei.
Considera que pese a que o escrito de solicitude se tivese cualificado polo recorrente como
de información pública, o seu contido real responde ao dunha denuncia consistente en
poñer en coñecemento da administración unha serie de feitos que estima constitutivos
dunha conduta incorrecta ou desviada, aludindo a que existen "claros datos" de delito.
O que no escrito se engade como motivación, son os feitos que denuncia, polo que debe
prevalecer a natureza de denuncia, sendo a solicitude de información meramente
instrumental da denuncia que se formula, e non ser por tanto a súa falta de resposta un acto
susceptible de reclamación en materia de acceso á información pública.
A petición de información, de identificación dos letrados da Xunta de Galicia personados nos
expedientes da Xunta Electoral Provincial de A Coruña e copia da orde de persoación nos
procedementos é unha información que non existe. Non houbo unha persoación formal, xa
que non resulta necesaria legalmente, sendo as alegacións asumidas e asinadas polo propio
director xeral da Asesoría Xurídica Xeral, como é practica habitual, polo que considera a
Asesoría que o dereito a acceder a documentos inexistentes non forma parte do contido do
dereito á información pública e a petición debe ser inadmitida.
Ademais considera que a identificación das autoridades ou persoal que participan nos
procedementos non é información pública, senón un dereito distinto que se regula no artigo
53.1.b) da Lei 39/2015, e referido soamente aos interesados nun procedemento.
Entende o informe que a reclamación debe ser desestimada porque a solicitude incorre na
causa de inadmisión do artigo 18.1.e) da Lei 19/2013, por ter un carácter abusivo non
xustificado coa finalidade de transparencia da Lei, dado que fai unha imputación de feitos
delitivos cunha tipificación concreta que, a xuízo do denunciante, deberían xustificar a
apertura de dilixencias penais. O contido difamatorio e insultante do escrito resulta
elemento de xuízo suficiente para percibir na intención do seu autor un abuso de dereito,
tendo en conta que sobrepasa manifestamente os límites normais do exercicio dunha
petición de transparencia, e atribúe conspiracións delitivas a todo un conxunto de
autoridades públicas, polo que non pode considerarse que a solicitude formulada estea
xustificada coa finalidade da Lei, nin existe ademais un interese xeral obxectivo na
divulgación da información solicitada.
Considera por tanto que a reclamación non pode ser acollida e solicita que se inadmita ou
ben, de considerala admisible, que se desestime.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e
previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición
adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consello de Transparencia e Bo
Goberno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte
a actos que non sexan expresos.
Dado que segundo consta na documentación remitida polo interesado, a súa solicitude de
acceso á información presentouse con data do 26 de outubro de 2019, sen que se lle notificase
resolución expresa, e a reclamación a presentou conda data de entrada no Rexistro
Electrónico da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 2019, tendo entrada no Rexistro do
Valedor do Pobo o 2 de xaneiro de 2020, remitida pola Secretaría Xeral da Presidencia da
Xunta de Galicia e remitida pola Secretaría Xeral da Presidencia, polo que debe admitirse por
estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O dereito de acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo
ámbito obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública e, por
tanto o posible obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra é todo contido ou
documento que obre en poder dun organismo suxeito á norma que fose obtido ou elaborado
no exercicio das súas funcións. Por tanto, pode ser obxecto dunha solicitude de acceso,
calquera información que posúa o organismo ou entidade ao que se dirixa a mesma, sen que
sexa necesario motivar a solicitude, xa que este dereito non está vinculado necesariamente á
titularidade dun interese por parte do solicitante. A formulación ampla deste dereito, fai que
unicamente poda inadmitirse ou denegarse a información solicitada cando concorra algunha
causa de inadmisión das establecidas no artigo 18 da Lei 19/2013, ou na información solicitada
concorra algún dos límites de acceso á información establecidos nos artigos 14 e 15 da
referida Lei.
É necesario lembrar que o obxectivo final da Lei é o escrutinio da acción pública, e iso
mediante o coñecemento do proceso de toma de decisións como medio de rendición de
contas dos responsables públicos. Por tanto, dende esa perspectiva deben ser analizadas as
solicitudes de acceso á información que teñan o seu amparo na mesma.
Os Tribunais de Xustiza xa se pronunciaron no sentido de que o acceso á información debe
recoñecerse con carácter amplo, e así, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo nº 4
de Madrid, en sentenza nº 93/2017, do 17 de xullo de 2017, establece que o artigo 12 da Lei
19/2013 recoñece do dereito de acceso á información pública a todas as persoas, sen
distinción. O Tribunal Supremo en sentenza do 16 de outubro de 2017 (recurso de casación
75/2017) considerou que calquera pronunciamento sobre as causas de inadmisión do artigo
18 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, debe tomar como premisa a formulación ampla e
expansiva coa que aparece configurado o dereito de acceso á información na dita Lei, polo
que este dereito que poderá exercerse sen necesidade de motivar a solicitude, unicamente
pode verse limitado naqueles casos en que así sexa necesario pola propia natureza da
información que se solicita, derivado do disposto na Constitución Española, ou pola súa
entrada en conflito con outros intereses protexidos. En todo caso, a formulación ampla no
recoñecemento e na regulación legal do dereito de acceso á información obriga a interpretar
de forma estrita, cando non restritiva, tanto as limitacións a ese dereito que se contemplan
no artigo 14.1 da Lei 19/2013 como as causas de inadmisión de solicitudes de información que
aparecen enumeradas no artigo 18.1.
No presente caso, o interesado, en representación dunha asociación, solicitou, mediante o
correspondente formulario de acceso á información pública, á Secretaría Xeral de Medios da
Presidencia da Xunta de Galicia, unha información consistente en que se identificaran aos
letrados da Xunta de Galicia persoados nos expedientes ante
a Xunta Electoral Provincial da Coruña e copia da orde de persoación nos ditos
procedementos, identificando ao seu autor, sen que lle fose notificada resolución expresa á
dita solicitude.
Considera o informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia remitido, en primeiro lugar, que
debe inadmitirse a reclamación por ser a solicitude non de acceso á información pública,
senón unha denuncia, xa que a pesar de estar formulado como solicitude de acceso, o que o
interesado cualifica como motivación é a posta en coñecemento da Administración dunha
serie de feitos que o reclamante considera como conduta incorrecta, desviada ou delitiva.
O interesado solicitou un contido (identificación do/s funcionarios públicos -letrado/s-
personados en determinados expedientes) e un documento (copia da orde de personación
nos ditos expedientes), contidos e documentos que de existir, feito este que analizaremos a
continuación, entran claramente dentro do concepto de información pública establecido polo
artigo 24 da Lei 1/2016. Por tanto, o feito de que a motivación da solicitude, motivación que
non é obrigatoria como é sabido, sexa realmente unha denuncia, non pode ser motivo de
inadmisión ou de denegación da información solicitada.
A solicitude de identificación dun empregado público, constitúen claramente información
pública, dado que, como se recoñecen en distintas resolucións de órganos e control da
Transparencia, entra claramente no concepto de datos meramente identificativos
relacionados coa organización, dos que de acordo co disposto no artigo 15.2 da Lei 19/2013,
debe concederse o acceso, salvo que no caso concreto prevaleza a protección de datos
persoais ou outros dereitos constitucionalmente protexidos sobre o interese público,
circunstancias que non se alegan neste caso, polo que debe presumirse que non concorren.
Non se pode considerar aplicable ao presente caso a disposición adicional primeira 1 da Lei
19/2013 respecto ao acceso á aplicación da normativa reguladora do correspondente
procedemento administrativo en vez da normativa en materia de transparencia, dado que
para que non sexa de aplicación a Lei 19/2013 e o sexa a normativa que rexe o procedemento
ante a Xunta Electoral, debe tratarse dun procedemento administrativo en curso. No presente
caso, ao existir, segundo o informe remitido, resolución da Xunta Electoral, sen que de ningún
xeito se xustifique que o procedemento administrativo non esta finalizado, debemos entender
que si o está, polo que lle é de aplicación a normativa de Transparencia, aínda que o solicitante
teña a condición de interesado, ao non estar no momento da solicitude, o procedemento en
curso.
Dito o anterior, débese ter en conta que segundo o informe da Asesoría Xurídica, a
información solicitada non existe, por canto no procedemento sobre o que se solicita a
información non procede a persoación de letrado, e por tanto non existiu orde de persoación
algunha, sendo as alegacións presentadas no procedemento, asumidas polo director da
Asesoría Xurídica. Nos casos nos que a información solicitada polo interesado non exista, o
suxeito obrigado debe responder expresamente á solicitude de acceso, informando de forma
clara ao peticionario, que a información que se solicita non existe, quedando deste xeito
satisfeito o dereito de acceso á información, sen que se poida considerar que a comunicación
desa inexistencia, involucre unha valoración xurídica.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por , en
representación
con data do 3 de xaneiro de 2020, contra a desestimación por silencio
administrativo, da súa solicitude de acceso á información ante a Secretaría Xeral de Medios.
Segundo: Instar á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, a que, de acordo co disposto no
fundamento xurídico quinto, no prazo de dez días proceda a ditar resolución expresa sobre a
solicitude de acceso, mediante a comunicación da información que proceda.
Terceiro: Instar a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, a que unha vez ditada a
resolución, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia
copia do envío ao reclamante da dita comunicación.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses 1,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.
1 Debese ter en conta que de acordo co disposto na disposición adicional segunda do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de
alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, os prazos procesuais están interrompidos e suspendidos para todas as ordes
xurisdicionais, ata que non que perda vixencia o citado Real Decreto, renovándose o cómputo de prazos nese momento.