Estimada 28/04/2020 · 96 días en resolverse

Acceso a la identificación y nombramiento del Delegado de Protección de Datos de la Consellería de Sanidade y SERGAS

Se solicitó a la Consellería de Sanidade la identificación y nombramiento del Delegado de Protección de Datos. El solicitante alegó que los enlaces proporcionados eran insuficientes o erróneos. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación porque la administración no proporcionó la información efectiva, siendo datos identificativos públicos.

Puntos clave de la argumentación

1 Los datos meramente identificativos del personal al servicio de una Administración están sometidos al régimen general de acceso y deben concederse por regla general.
2 La normativa de protección de datos no impide el acceso a la información identificativa sin necesidad del consentimiento de la persona afectada, salvo circunstancias personales extraordinarias.
3 La administración concedió formalmente el acceso pero, en la práctica, no proporcionó la información solicitada al remitir enlaces insuficientes o defectuosos.
4 Es obligatorio conceder el acceso a datos relacionados con la organización y funcionamiento público, previa ponderación del interés público frente a derechos de protección de datos.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista á reclamación presentada por en representación , mediante escrito que tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo o 23 de xaneiro de 2020, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de abril de 2020, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. , en representación presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 23 de xaneiro de 2020, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 16/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución da Consellería de Sanidade do 22 de xaneiro de 2020, pola que se lle concede acceso á información referida á identificación e acta ou copia do nomeamento do delegado de protección de datos en todos os entes cuxa responsabilidade esta vinculada á Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde. O reclamante indica que se lle remitiu un link para o acceso á información solicitada a través do que non é posible acceder, facendo unha serie de alegacións sobre asuntos non relacionados coa súa solicitude de acceso á información. O escrito viña acompañado de copia da resolución contra a que se recorre, copia da solicitude e copia de diversa documentación. Segundo. Con data do 30 de xaneiro de 2020 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Consellería de Sanidade para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 4 de febreiro de 2020, sen que se recibise o informe nin a copia do expediente solicitado. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 16/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 16/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 16/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 16/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poder públicos. Pola súa banda, a Lei galega 16/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 16/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. Dado que segundo consta na documentación remitida polo interesado, a resolución contra a que se reclama ten data do 22 de xaneiro de 2020 e a reclamación contra a mesma presentouse con data do 23 do mesmo mes, debe admitirse por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente A asociación reclamante solicitou a identificación e acta ou copia do nomeamento do Delegado de protección de Datos da Consellería de Sanidade, Servicio Galego de Saúde e entes adscritos á dita Consellería, fronte ao que a Consellería resolve concederlle o acceso á información comunicándolle que o tratamento de datos é único para todo o sistema público de saúde de Galicia, non obstante, co obxecto de facilitar a procura a calquera persoa interesada e en aras da transparencia, todas es entidades dependentes do Sistema Galego de Saúde que posúen un CIF propio aparecen reflectidas no sistema de xeito individual aínda que o sistema como xa quedou dito é único, engadindo a continuación dous links nos que se pode obter a información. A través do dito link, é posible, tal e como se comprobou pola Secretaría desta Comisión, acceder ao rexistro de actividades de tratamento da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, no que figura o contacto do Delegado de protección de Datos mediante dirección de correo electrónico, e se pode acceder ás cláusulas informativas das distintas actividades desenvolvidas pola Consellería e o servizo, pero non se pode obter a identificación nin acto ou copia do nomeamento do Delegado de protección de Datos solicitado. O outro link, que parece remitir á Axencia Española de Protección de Datos, da erro. No presente caso, a Administración resolve conceder o acceso á información, pero na práctica non a proporciona: solicítanse datos identificativos dos delegados de protección de datos da Consellería e dos seus entes adscritos e os seus nomeamentos, e proporciónase ao solicitante un link ao rexistro de actividades de tratamento. Con carácter xeral, a Lei 19/2013 no seu artigo 15, establece que se concederá o acceso a información que conteña datos meramente identificativos relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano, salvo que no caso concreto prevaleza a protección de datos persoais ou outros dereitos constitucionalmente protexidos sobre o interese público na súa divulgación. Nos casos nos que a información solicitada non contivese datos especialmente protexidos, concederase o acceso previa ponderación suficientemente razoada do interese público na divulgación e os dereitos dos afectados, en particular o seu dereito fundamental á protección de datos de carácter persoal, tendo en conta os criterios establecidos no parágrafo 3 do citado artigo. Os datos meramente identificativos do persoal ao servizo dunha Administración están sometidos ao réxime xeral de acceso, polo que, por regra xeral, debe concederse o acceso á información dado que a normativa de protección de datos persoais non o impide, e sen que sexa necesario o consentimento da persoa afectada. Unicamente poden existir casos excepcionais nos que deba prevalecer a protección dos datos persoais ou outros dereitos constitucionalmente protexidos en atención a circunstancias persoais e extraordinarias, como poden ser, entre outros, supostos nos que deba evitarse a divulgación da súa identidade e lugar de traballo atendendo á especial vulnerabilidade da persoa, ou se a súa vida ou a súa integridade están ameazadas por calquera motivo. Nestes casos é necesario abrir previamente trámite de audiencia á persoa da que se solicitan os datos para que poida realizar as alegacións oportunas, xustificando, de ser o caso, os motivos polos que se opón ao acceso. Unicamente nestes casos excepcionais, unha vez alegados e xustificados pola persoa afectada e ponderados pola Administración, o acceso aos datos identificativos do persoal público pode ser restrinxido ou limitado. No caso de que a persoa afectada non formule alegacións ou se opoña pero non acredite ou demostre estas circunstancias excepcionais, a entidade debe facilitar a información identificativa solicitada. No presente caso, os datos solicitados, son claramente datos identificativos relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública da Administración, de modo que é obrigado conceder o acceso á información, salvo que prevaleza a protección de datos persoais ou outros dereitos constitucionalmente protexidos. De acordo co anterior, procede estimar a reclamación presentada, debendo a Consellería de Sanidade, dar audiencia previa aos titulares dos datos, para que poidan opoñerse ao acceso en atención a circunstancias persoais e extraordinarias, e de ser o caso, unha vez ponderados pola Administración, resolver expresamente a solicitude concedendo o acceso á información, salvo que se conclúa nesa ponderación que algún dos datos solicitados deba ser restrinxido ou limitado. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia ACORDA Primeiro: Estimar a reclamación presentada por , en representación con data do 23 de xaneiro de 2020, contra a Resolución da Consellería de Sanidade do 22 de xaneiro de 2020, pola que se lle concede acceso á información referida á identificación e acta ou copia do nomeamento do delegado de protección de datos en todos os entes cuxa responsabilidade esta vinculada á Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde. Segundo: Instar á Consellería de Sanidade, a que, de acordo co disposto no fundamento xurídico quinto, proceda a ditar resolución sobre o acceso, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso. Terceiro: Instar á Consellería de Sanidade a que unha vez ditada a resolución, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses 1, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia. 1 Debese ter en conta que de acordo co disposto na disposición adicional segunda do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, os prazos procesuais están interrompidos e suspendidos para todas as ordes xurisdicionais, ata que non que perda vixencia o citado Real Decreto, renovándose o cómputo de prazos nese momento.