Desestimada 31/05/2022 · 112 días en resolverse

Reclamación sobre acceso a informes de reequilibrio económico de contratos públicos de la Xunta de Galicia y su sector público, desestimada por requerir reelaboración de la información

Se solicitó a la Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia el acceso a todos los informes sobre reequilibrio económico de contratos públicos autonómicos. El solicitante alegó vulneración de su derecho de acceso y solicitó acceso parcial. La Comisión da Transparencia de Galicia desestimó la reclamación debido a que la solicitud requiere una labor de reelaboración desproporcionada.

Puntos clave de la argumentación

1 La causa de inadmisión por reelaboración es aplicable cuando la información está dispersa y diseminada, requiriendo un proceso de ordenar, separar y sistematizar que desborda las posibilidades de la unidad.
2 Se considera que solicitar informes de cualquier departamento de la Xunta desde el inicio de la Administración Autonómica (unos 40 años) sin concreción temporal ni de expediente supone una labor de reelaboración no exigible.
3 El acceso parcial no es procedente cuando la información solicitada está identificada suficientemente pero su volumen y dispersión hacen inviable la respuesta en los términos solicitados.
4 El límite de acceso para proteger la igualdad de las partes en procesos judiciales (art. 14.1.f Ley 19/2013) se interpreta restrictivamente, aplicándose solo a documentos creados específicamente para el proceso y no a expedientes administrativos previos.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista a reclamación presentada por , mediante escritos do 8 de febreiro e 24 de marzo de 2022, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 31 de maio de 2022, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 8 de febreiro de 2022 , unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación por silencio administrativo da súa solicitude presentada ante a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, de acceso aos informes e ditames razoados emitidos en relación co reequilibrio ou restablecemento do equilibrio económico dos contratos públicos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, do Servizo Galego de Saúde e as súas unidades dependentes. O reclamante indicaba que non obtivo resposta á súa solicitude. O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, asinada con certificado dixital en representación de e do seu DNI. Segundo. Con data do 11 de febreiro de 2022 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 16 de febreiro de 2022. Terceiro. Con data do 10 de marzo de 2022 a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo contesta a petición remitindo o informe e o expediente instruído. Neste informe, en resumo, indícase que por resolución de 24 de febreiro de 2022 do Director Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, inadmitiuse a solicitude por aplicación do artigo 18.1.c da Lei 19/2013, na medida en que para acceder á mesma é preciso realizar unha amplísima labor de reelaboración da información que non é razoable e desborda as posibilidades da unidade. A resolución notificouse á coa mesma data. Xustifícase a concorrencia desta causa de inadmisión en base á xurisprudencia do Tribunal Supremo que cita, que impón a interpretación restritiva das causas de inadmisión, dado que a petición remitida formúlase en termos extraordinariamente amplos, que abarcan todos os informes emitidos en relación co reequilibrio ou restablecemento do equilibrio económico dun contrato da Administración Xeral da Comunidade Autónoma ou de calquera das entidades que integran o seu sector público. A petición non introduce limitación ou concreción algunha (nin temporal, por razón do expediente concreto, pola Asesoría Xurídica emisora do informe, órgano de contratación, réxime xurídico aplicable). A única concreción refírese ao reequilibrio ou restablecemento do equilibrio dun contrato, que é unha materia extraordinariamente xenérica, polo que a solicitude abarca todos os informes sobre reequilibrio contractual emitidos pola Asesoría Xurídica da Xunta respecto de calquera contrato, en calquera momento, o que comprende todos os informes emitidos desde o inicio do funcionamento da Administración da Comunidade Autónoma (un período duns corenta anos), de todas as consellerías actuais ou que existiron, e todas as súas entidades instrumentais actuais e as que existiron, da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, os seus Gabinetes centrais, asesorías xurídicas das distintas consellerías, e Gabinetes territoriais. Os informes elaborados pola Asesoría Xurídica, foron arquivados nos arquivos propios de cada Asesoría Xurídica ou de cada Gabinete, os iniciais en formato papel, se ben posteriormente ditos arquivos foron complementados ou substituídos por arquivos informáticos, sen que as datas da transición do arquivo en papel ao arquivo informático fosen comúns e coordinadas nas distintas asesorías. Non existe un único sistema ou arquivo electrónico para arquivar os informes da Asesoría. O sistema principal é o Sistema de Seguimento de Preitos e Consultivo (SISAX), que non se emprega por todas as asesorías xurídicas e as que o utilizan non sempre inclúen todos os informes emitidos pola unidade e o sistema non está concibido coa finalidade de permitir buscas por materias e carece dunha parametrización homoxénea dos informes por materias ou categorías, polo que é posible arquivar un informe en materia de reequilibrio contractual baixo distintos parámetros ou voces ou incluso baixo ningún parámetro ou voz. A busca dos informes solicitados a través de asunto tampouco garante os resultados que poidan obterse pois depende da forma en que se solicite o informe, do resume do asunto que realice o persoal que o rexistra, ou incluso que estea sen completar. As asesorías que non utilizan o sistema de seguimento, dispoñen dos seus propios arquivos electrónicos, normalmente ordenados pola data de entrada dos informes, sen entrar noutro tipo de consideracións ou parámetros, sen que a Asesoría Xurídica Xeral dispoña dunha relación de arquivos electrónicos, nin da súa ubicación nin das datas de inicio da súa utilización. En canto aos arquivos en formato papel, cada Asesoría ou unidade dispoñía do seu propio arquivo, localizado nas súas dependencias, ordenado habitualmente por ano e departamento, e clasificando habitualmente os informes pola súa data de entrada ou de saída, e nunca por materia do informe. De acordo co anterior, constatase que a busca dos informes resulta complexa e dificultosa dado que están repartidos en distintos arquivos, en distintos soportes (físicos e electrónicos), e en distintas localizacións, con paso dos arquivos en papel aos electrónicos en distintos tempos, normalmente están clasificados por anos ou por razón do ente ou da consellería asistida, e a súa busca nos arquivos electrónicos resulta moi complexa e gravosa en tanto que non existe unha única aplicación informática de arquivo común, a existente non se utiliza por todas as Asesorías, algunhas o utilizan para rexistrar certos informes e para o resto utilizan arquivos propios, e non permiten buscas por materias senón por anos e data do informe, sen que pola Asesoría Xurídica se considere necesario dispor dunha base de datos de informes que permita unha busca por materias no sentido que o solicitante parece presumir que existe. Por tanto, considera o informe que para atender a solicitude sería preciso unha amplísima labor de reelaboración que non é razoable e desborda as posibilidades da unidade, xa que implicaría recabar todos os informes emitidos por todas Asesorías dende a constitución da Comunidade Autónoma, ordenalos e sistematizalos para poder separar os referidos ao reequilibrio ou restablecemento do equilibrio económico de contratos públicos e dixitalizar todos aqueles que se encontren en formato papel (anteriores a 2012), que implica unha labor de reelaboración de tal envergadura que xustifica a inadmisión da solicitude. Ademais destaca o informe e con carácter subsidiario, a concorrencia do límite de acceso á información pública previsto no artigo 14.1.f da Lei 19/2013, referido á igualdade das partes nos procesos xudiciais e a tutela xudicial efectiva, por existir diversos procedementos xudiciais iniciados polo recorrente contra a Xunta de Galicia (en concreto contra o Sergas) nos que reclama o reequilibrio económico de certos contratos, que existe alo menos, mentres ditos preitos non sexan resoltos definitivamente no que o acceso á información pública solicitada, podería comprometer a defensa do Sergas nos ditos procedementos (test do dano), sen que exista un interese que xustifique o acceso neste momento á dita información (test do interese público) pois o solicitante xa ten acceso aos expedientes concretos que lle afectan (a través do procedemento contencioso administrativo iniciado polo mesmo), e sen que o acceso aos informes da Asesoría Xurídica da Xunta sobre reequilibrio de contratos sexan precisos para a súa defensa. Cuarto.- Con data do 24 de marzo de 2022, o reclamante remite escrito no que comunica que posterioridade a presentarse a reclamación contra a desestimación por silencio administrativo, notificóuselle a resolución da Dirección Xeral dá Asesoría Xurídica Xeral do 24 de febreiro de 2022, polo que amplía a reclamación presentada en data 8 de febreiro de 2022 á resolución do 24 de febreiro de 2022. Nese escrito de ampliación, en resumo a expón que considera que se vulnerou o seu dereito de acceso á información ao motivar a inadmisión en razóns de carácter organizativo ou técnico, ou en que a información conste en papel ou en arquivos localizados nunhas dependencias concretas, e que de existir efectivamente motivos para limitar, podería optarse por dar un acceso parcial aos informes que puidesen ser localizados máis facilmente e que constasen en formato dixital. Considera que non se lle poden denegar o acceso á información pola suposta amplitude dos termos da solicitude presentada, xa que de ser así, debería térselle solicitada a concreción de acordo co disposto no artigo 19 da Lei 19/2013, que en ningún momento se solicitou. Respecto dos procedementos xudiciais iniciados pola , na resolución se sinala que xa se ten acceso aos concretos expedientes que lle afectan, fronte ao que alega que nos expedientes administrativos non figuran tales informes e ditames razoados, e ante a petición expresa ao Servizo Galego de Saúde de que se procedese a completar o expediente, se lle contestou que o expediente administrativo estaba completo. Considera que outros informes e ditames razoados emitidos con ocasión do reequilibrio económico de contratos públicos non afectan os procedementos que a ten en curso, nin ten incidencia nin afecta a cuestión obxecto de procesos xudiciais que están a ser tramitados nos cales é parte o Servizo Galego de Saúde. Quinto.- A Comisión da Transparencia de Galicia, en sesión celebrada o 29 de marzo de 2022, á vista deste escrito de ampliación contra a resolución expresa, acordou solicitar informe á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, informe que se solicitou con data do 1 de abril de 2022. A recepción da solicitude pola administración foi o 6 de abril de 2022. Sexto. Con data do 27 de abril de 2022 a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo contesta a petición remitindo o informe e o expediente instruído. Neste informe, en resumo, indícase que por resolución de 24 de febreiro de 2022 se inadmitiu a solicitude de referencia por aplicación do artigo 18.1.c da Lei 19/2013, na medida en que para acceder á mesma é preciso realizar unha amplísima labor de reelaboración da información que non é razoable e desborda as posibilidades desta unidade. No informe se reiteran os argumentos expostos no informe de 24 de febreiro de 2022 e considera que concorre a causa de inadmisión da solicitude prevista no artigo 18.1.c) e subliña que en ningún momento se fundamenta a inadmisión da petición de acceso á información pública formulada na falta de concreción da mesma senón na necesidade de acción previa de reelaboración. Non se indica na resolución que a petición sexa imprecisa senón que se formula en termos moi amplos (sen introducir precisións que acoten ou limiten os informes solicitados) polo que alcanza á totalidade dos informes emitidos pola Asesoría en relación co reequilibrio ou restablecemento económico dos contratos da Administración autonómica (informes emitidos durante un período duns corenta anos), o que non significa que a petición adoeza de falta de precisión ou de concreción nin que non se identifique suficientemente a información solicitada. A petición de información si concreta suficientemente cal é a información solicitada, pero é moi ampla o que implica que para obtela é preciso buscar e revisar información correspondente a un volume de anos moi considerable, que está dispersa e arquivada en diferentes espazos físicos e soportes, o que implica realizar unha labor de reelaboración de tal envergadura que xustifica a súa inadmisión por aplicación do artigo 18.1.c da LTAIBG. O acceso parcial solicitado nas alegacións formuladas polo recorrente implicaría non atender a petición de acceso á información pública nos termos nos que o solicitante a formulou, sen que a Asesoría poida fixar unilateralmente, de xeito discrecional, o criterio mais oportuno para delimitar tal acceso parcial á información solicitada a que se refire, sen que se poida considerar o recurso potestativo ante a Comisión de Transparencia o trámite adecuado para realizar unha reformulación da petición inicial presentada. Como sinalou no informe anterior emitido, considera que concorre o límite de acceso á información pública previsto no artigo 14.1.f, por existir diversos procedementos xudiciais iniciados polo recorrente contra a Xunta de Galicia (en concreto contra o Sergas) nos que reclama o reequilibrio económico de certos contratos, límite que existe, a lo menos, mentres ditos preitos non sexan resoltos definitivamente. O feito de que o solicitante afirme que non acceder á información pública solicitada obstaculiza de forma notoria a súa defensa evidencia a concorrencia neste suposto do límite de acceso á información pública referido á igualdade das partes en los procesos xudiciais e tutela xudicial efectiva. Indica que o feito de que os concretos expedientes que afectan ao recorrente non conteñan os informes ou ditames que o solicitante espera é unha cuestión allea á solicitude de acceso á información pública, e que debe resolverse ou ser formulada no procedemento oportuno e non neste. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poderes públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo non resolveu a solicitude de acceso á información dentro do prazo que establece o artigo 27.4 da Lei 1/2016, e a entidade reclamante interpuxo reclamación con data do 8 de marzo de 2022 contra a desestimación por silencio administrativo. Con data do 24 de febreiro de 2022, a Dirección Xeral ditou resolución expresa sobre a solicitude, notificada á entidade interesada segundo consta no expediente remitido coa mesma data, e por esta se interpuxo reclamación con data do 24 de marzo de 2022, polo que debe admitirse a mesma por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente O reclamante solicitou da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, acceso aos informes emitidos en relación co reequilibrio ou restablecemento do equilibrio económico dos contratos públicos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais, solicitude sobre a que se ben non se resolveu dentro do prazo establecido na normativa de Transparencia, ditouse resolución expresa pola Asesoría Xurídica Xeral con posterioridade, que se notificou á . A dita resolución inadmite a solicitude de acceso á información en base á causa que establece o artigo 18.1.c, información para a que a súa divulgación require unha acción previa de reelaboración e o límite do artigo 14.1.f), igualdade das partes nos procesos xudiciais e a tutela xudicial efectiva que xustifica na resolución ditada e no informe remitido a esta Comisión. A Dirección Xeral xustifica a inadmisión da solicitude na necesidade de realizar unha ampla labor de reelaboración da información que considera que non é razoable e desborda as posibilidades da unidade, dado que a información solicitada comprende todos os informes emitidos en relación co reequilibrio económico dos contratos da Administración autonómica e as entidades que integran o seu sector público respecto de calquera contrato nun período duns corenta anos, informes que foron arquivados en distintos formatos (papel e electrónico) e nas dependencias de distintas unidades, e con sistemas de arquivo diferentes e non concibidos coa finalidade de permitir buscas por materias, carecendo dunha parametrización homoxénea por materias ou categorías, polo que a súa busca é complexa e dificultosa, o que fai necesaria unha amplísima labor de reelaboración que non é razoable e desborda as posibilidades da unidade. Respecto do concepto de reelaboración, o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno pronunciouse en numerosas ocasións e a interpretación que realiza da dita dicha causa de inadmisión quedou recollida no criterio interpretativo 7/2015, no que se establece que o concepto de reelaboración debe entenderse desde o punto de vista literal, que reelaborar é volver elaborar algo, e é esta circunstancia a que é esixible para entender que estamos ante un suposto de reelaboración. O concepto de reelaboración como causa de inadmisión pode entenderse aplicable cando a información que se solicita, pertencendo ao ámbito funcional de actuación do organismo ou entidade que recibe a solicitude, deba elaborarse expresamente para dar unha resposta, facendo uso de diversas fontes de información, ou cando o citado organismo ou entidade careza dos medios técnicos que sexan necesarios para extraer e explotar a información concreta que se solicita, resultando imposible proporcionar a información solicitada. A sentenza do Tribunal Supremo 306/2020 sinala que a causa de inadmisión por reelaboración impide o acceso cando se trata de volver elaborar a partir dunha información pública dispersa e diseminada, mediante un labor consistente en solicitar, primeiro; ordenar e separar, despois, o que é información clasificada ou non; sistematizar, e logo, en remate, divulgar tal información procedente de distintas fontes. A necesidade de reelaboración pode apreciarse en casos nos que o volume ou complexidade da información que se solicita fai necesario un proceso específico de traballo ou manipulación para conseguila, casos nos que é necesario valorar factores tales como o volume de información que se está a solicitar, a dispersión da información, o formato e a forma na que está arquivado, que determinará a esixibilidade do esforzo que para o órgano vai a supoñer recompilar a información e a repercusión sobre o cumprimento das súas funcións que vaia a supoñer, e o interese público existente na difusión da información. No presente caso, considérase que a solicitude de informes que poden figurar en calquera expediente de contrato tramitado por calquera departamento da Xunta de Galicia ou ente instrumental dende o inicio da Administración Autonómica, informes que non están ordenados e sistematizados, supón unha importante labor de reelaboración que non é esixible á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica. Non pode por outra banda aceptarse a alegación da reclamante no senso de que a Dirección Xeral debería ter optado por dar un acceso parcial aos informes que puidesen ser localizados máis facilmente e que constasen en formato dixital, e que de considerar o órgano Administrativo que a solicitude estaba formulada en termos moi amplos, debería térselle solicitada a concreción, xa que a información solicitada estaba identificada de forma suficiente (todos os informes sobre reequilibrio económico), e o acceso parcial procede, segundo establecen os artigos 19 da Lei 19/2013 e 25 da Lei 1/2016, nos supostos nos que se aplique algún límite de acceso á información e este non afecte á totalidade da mesma, feito que non sucede no presente caso. Ademais, como indica a Asesoría Xurídica no seu informe, o acceso parcial solicitado nas alegacións implicaría non atender a petición de acceso nos termos solicitados nos que o solicitante a formulou, sen que a Asesoría poida fixar unilateralmente, de xeito discrecional, o criterio para delimitalo, non sendo o recurso potestativo ante a Comisión de Transparencia o procedimental para a reformulación da petición inicial. Respecto da concorrencia na información solicitada do límite de acceso previsto no artigo 14.1.f), débese ter en conta que a súa finalidade é a de evitar interferencias nun proceso aberto en que cada unha das partes coñecerá os argumentos da outra no momento procedimental oportuno dotándolles de igualdade nese marco xurídico, e sen prexuízo de que a información que coñece o letrado da Administración, non deixa de constituír secreto profesional ao amparo do artigo 437.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, secreto profesional que comprende confidencias, propostas, feitos e documentos que se obtiveron daquel. É xeneralizada a interpretación restritiva do límite alegado á información que pode prexudicar de forma constatable a igualdade das partes nun procedemento xudicial, mesmo chegando a consideralo de aplicación só a documentos elaborados expresamente con ocasión dun procedemento. Así, debe lembrarse que a previsión do art. 14.1 f) coincide coa do art. 3.1 i) do Convenio do Consello de Europa sobre acceso aos documentos, que prevé como límite ao acceso a protección da igualdade das partes nos procedementos xudiciais e a administración eficaz da xustiza e na que se sinala que persegue asegurar a igualdade as partes en procesos xudiciais tanto ante tribunais nacionais como internacionais e permite denegar o acceso a documentos elaborados ou recibidos en relación cos procesos xudiciais dos que sexa parte, non sendo de aplicación a documentos que non son creados con vistas a procesos xudiciais como tales. Existe xurisprudencia consolidada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que segue a interpretación restritiva deste límite e así, na Sentenza do Tribunal de Xustiza (Gran Sala) do 21 de setembro de 2010, sinálase que sobre os escritos redactados exclusivamente para os efectos do procedemento xurisdicional, que constitúen un elemento esencial do mesmo e onde as partes facilitan ao Tribunal os elementos en base aos que este está chamado a pronunciar a súa decisión xurisdicional, debe garantirse o respecto dos principios de igualdade de armas e de boa administración da xustiza, evitando falsear o equilibrio indispensable entre as partes nun litixio ante os órganos xurisdicionais –equilibrio que está na base do principio de igualdade de armas– na medida en que unicamente a institución afectada por unha solicitude de acceso aos seus documentos, e non o conxunto de partes no procedemento, estaría sometida á obrigación de divulgación. En consecuencia, ha de recoñecerse a existencia dunha presunción xeral de que a divulgación dos escritos procesuais presentados por unha institución nun procedemento xurisdicional prexudica a protección do devandito procedemento, non pudendo estenderse o límite a documentos anteriores que consten en expedientes administrativos como é o caso que nos ocupa, senón unicamente aos informes ou documentos que se elaboren no seo do procedemento xudicial en trámite (sinalados pola Asesoría Xurídica procedementos ) e que non formen parte do expediente administrativo do contrato. Por último, respecto do feito alegado polo recorrente de que nos concretos expedientes que lle afectan non se conteñan os informes ou ditames que considera que deben existir, concordase coa Asesoría Xurídica en que é unha cuestión allea á solicitude de acceso á información pública, por canto as solicitudes de acceso deben estar baseadas en información xa existente e dispoñible, en poder dun organismo ou entidade suxeita á Lei, no momento no que se produce a solicitude e, ademais, debe ser información elaborada ou adquirida no exercicio das súas competencias e cando se solicita unha información ou unha documentación que non existe, ben porque non se elaborou (aínda que fose obrigatorio facelo pola normativa que lle sexa de aplicación) ou ben simplemente porque non é necesario ou non é posible elaborala porque non se dan as circunstancias para facelo, o suxeito obrigado cumpre indicando ao solicitante con claridade, que a información solicitada non existe, como se fixo no presente caso coa indicación polo SERGAS de que o expediente entregado estaba completo. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia, ACORDA Único: Desestimar por motivos formais, a reclamación presentada por con data do 8 de febreiro de 2022, contra a desestimación por silencio administrativo da súa solicitude presentada ante a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, de acceso aos informes e ditames razoados emitidos en relación co reequilibrio ou restablecemento do equilibrio económico dos contratos públicos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, do Servizo Galego de Saúde e as súas unidades dependentes. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, na data da sinatura Firmado digitalmente por 76706870F MARIA DOLORES FERNANDEZ (R: S6500009C) Fecha: 2022.06.08 11:36:12 +02'00' María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia.