El solicitante pidió a la Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia informes sobre el reequilibrio económico de contratos públicos. Alegó que la inadmisión por motivos técnicos era improcedente y solicitó acceso parcial. La Comisión da Transparencia de Galicia desestimó la reclamación debido a que la solicitud requiere una labor de reelaboración desproporcionada.
Puntos clave de la argumentación
1
La causa de inadmisión por reelaboración procede cuando la información está dispersa y requiere un proceso de solicitar, ordenar, separar y sistematizar que desborda las posibilidades de la unidad.
2
Se considera que recopilar informes de diversos departamentos y formatos (papel y digital) de los últimos cuarenta años supone una labor de reelaboración no exigible a la Administración.
3
El acceso parcial no es aplicable cuando el límite de acceso afecta a la totalidad de la información solicitada y no puede ser delimitado unilateralmente por la Administración.
4
El límite basado en la igualdad de las partes en procesos judiciales (art. 14.1.f) se interpreta restrictivamente, aplicándose solo a documentos creados específicamente para el proceso y no a expedientes administrativos previos.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por
mediante escrito do 24 de marzo de 2022, e considerando os
antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da
Transparencia na sesión celebrada o día 31 de maio de 2022, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro.
presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 24 de marzo de
2022, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro,
de transparencia e bo goberno, contra a Resolución do 4 de marzo de 2022, da Asesoría
Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, pola que se inadmite a súa solicitude de acceso aos
informes e ditames razoados emitidos en relación co reequilibrio ou restablecemento do
equilibrio económico dos contratos públicos da Administración Xeral da Comunidade
Autónoma de Galicia ou de calquera entidades instrumentais do sector público autonómico.
O reclamante en resumo, indica que considera que se vulnerou o seu dereito de acceso e
considera que non resulta admisible que se inadmita a solicitude baseada en razóns de
carácter organizativo ou técnico, nin tampouco en que a información solicitada conste en
papel ou en arquivos localizados nunhas dependencias concretas, xa que de existir
efectivamente motivos para limitar o acceso á información pública solicitada, podería optarse
por dar un acceso parcial.
Por outra banda, non se pode fundamentar a inadmisión na suposta amplitude dos termos da
solicitude presentada, dado que en ningún momento se lle pediu que a concretase.
Respecto do procedemento xudicial iniciado por se sinala que
xa ten acceso ao concreto expediente que lle afecta, pero nel non figuran tales informes e
ditames razoados e, ademais, que mesmo o Servizo Galego de Saúde, ante a petición expresa
de que se procedese a completar o expediente achegando os mesmos, afirmou que o
expediente administrativo estaba completo.
Ademais indica que debe terse en conta que outros informes e ditames razoados emitidos con
ocasión do reequilibrio económico de contratos públicos non afectan o procedemento que
ten en curso, polo que carece de xustificación que na
resolución se afirme que o acceso aos mesmos podería ter incidencia ou afectar a cuestión
que se expón no proceso xudicial que está a ser tramitado, no cal é parte o Servizo Galego de
Saúde.
Considera que a inadmisión da solicitude formulada leva aparellada a imposibilidade de
coñecer o criterio da Administración en relación coa posibilidade de reequilibrar ou
restablecer o equilibrio económico dos contratos públicos, que afecta a esfera do reclamante
na súa condición de contratista.
Segundo. Con data do 30 de marzo de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa
e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 1 de abril de 2022.
Terceiro. Con data do 27 de abril de 2022 a Vicepresidencia Primeira e Consellería de
Presidencia, Xustiza e Turismo contesta a petición remitindo o informe e o expediente
instruído.
No informe, en síntese, faise constar que os informes elaborados pola Asesoría Xurídica, desde
os seus comezos foron arquivados nos arquivos propios de cada Asesoría Xurídica ou de cada
Gabinete, localizados nos servizos centrais e gabinetes territoriais estando os arquivos iniciais
en formato papel, posteriormente complementados ou substituídos por arquivos
informáticos, non sendo as datas da transición comúns ás distintas asesorías e sen seguir un
parámetro temporal ordenado ou coordinado.
Non existe un único sistema ou arquivo electrónico para arquivar os informes, sendo o sistema
principal o Sistema de Seguimento de Preitos e Consultivo (SISAX), desenvolvido no ano 2012,
que non se emprega por todas as asesorías xurídicas da Xunta e as que o utilizan non sempre
inclúen todos os informes emitidos pola unidade. O sistema non está concibido coa finalidade
de permitir buscas por materias e carece dunha parametrización homoxénea dos informes
por materias ou categorías, de xeito que a utilización dun ou doutro parámetro ou a non
utilización de parámetro ou voz algunha, depende exclusivamente da persoa que realiza o
arquivo da documentación, polo que é posible arquivar un informe en materia de reequilibrio
contractual baixo distintos parámetros ou arquivala sen completar a casilla relativa ao asunto,
xa que non é un apartado obrigatorio.
As asesorías que non utilizan o sistema de seguimento de consultivo dispoñen dos seus
propios arquivos electrónicos, normalmente ordenados pola data de entrada dos informes,
sen entrar noutro tipo de consideracións ou parámetros, sen que a Asesoría Xurídica Xeral
dispoña dunha relación de arquivos electrónicos, ni da súa ubicación nin das datas de inicio
da súa utilización e moitos destes arquivos eran inicialmente un arquivo en formato Access,
creado polo propio persoal da Asesoría ou unidade en cuestión, que completaba o arquivo en
papel da unidade correspondente.
Respecto dos arquivos en papel, cada Asesoría dispoñía do seu propio arquivo, ordeado
habitualmente por ano e departamento, clasificando habitualmente os informes pola súa data
de entrada ou de saída, e nunca por materia do informe, polo que a busca dos informes
solicitados resulta terriblemente complexa e dificultosa, sen que dispoñer do acceso a todos
os informes emitidos pola Asesoría Xurídica sobre unha determinada materia presente
interese para a prestación do servizo.
Para atender a solicitude sería preciso unha amplísima labor de reelaboración recabando os
informes emitidos polo Servizo Galego de Saúde desde a data da constitución da Comunidade
Autónoma, ordenalos e sistematizalos para poder separar os referidos ao reequilibrio ou
restablecemento do equilibrio económico de contratos, dixitalizar os que se atopen encontren
en formato papel, que son os anteriores a 2012, implica unha labor de reelaboración da
información solicitada sobre un período de mais de corenta anos que xustifica a inadmisión
da solicitude presentada ao amparo do artigo 18.1.c) da Lei 19/2013.
Sinala que en ningún momento se fundamenta a inadmisión da petición de acceso á
información pública formulada na falta de concreción da mesma, xa que como se indica na
resolución de inadmisión non é que a petición sexa imprecisa, senón que se formula en termos
moi amplos polo que alcanza á totalidade dos informes emitidos pola Asesoría en relación co
reequilibrio ou restablecemento económico dos contratos emitidos durante un período duns
corenta anos, e sen que a amplitude da petición signifique que non se identifique
suficientemente a información solicitada e sen que sexa posible que a Asesoría fixe
unilateralmente, de xeito discrecional, o criterio mais oportuno para delimitar tal acceso
parcial á información solicitada e sen que o recurso potestativo sexa o trámite adecuado para
realizar unha reformulación da petición presentada.
Considera o informe que, con carácter subsidiario, concorre o límite de acceso á información
pública previsto no artigo 14.1.f da Lei 19/2013, por existir diversos procedementos xudiciais
iniciados polo recorrente contra a Xunta de Galicia (en concreto contra o Sergas) nos que
reclama o reequilibrio económico de certos contratos, que persiste, alo menos, mentres ditos
preitos non sexan resoltos definitivamente e en concreto o procedemento que a persoa
solicitante ten pendente un procedemento ordinario contra o Sergas por razón do equilibrio
económico dun contrato
tamén en relación co reequilibrio dun
contrato por
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
De acordo coa documentación remitida polo interesado, a resolución que se impugna ditouse
con data do 4 de marzo de 2022 e a reclamación se interpuxo o 24 do mesmo mes, polo que
debe admitirse a mesma por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O reclamante solicitou á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia acceso aos informes e
ditames razoados emitidos en relación co reequilibrio ou restablecemento do equilibrio
económico dos contratos públicos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de
Galicia ou de calquera entidades instrumentais do sector público autonómico.
A dita resolución, inadmite a solicitude de acceso á información en base á causa que establece
o artigo 18.1.c), información para a que a súa divulgación requira unha acción previa de
reelaboración e o límite do artigo 14.1.f), igualdade das partes nos procesos xudiciais e a tutela
xudicial efectiva que xustifica na resolución ditada e no informe remitido a esta Comisión.
A Dirección Xeral xustifica a inadmisión da solicitude na necesidade de realizar unha ampla
labor de reelaboración da información que considera que non é razoable e desborda as
posibilidades da unidade, dado que a información solicitada comprende todos os informes
emitidos en relación co reequilibrio económico dos contratos da Administración autonómica
e as entidades que integran o seu sector público respecto de calquera contrato nun período
duns corenta anos, informes que foron arquivados en distintos formatos (papel e electrónico)
e nas dependencias de distintas unidades, e con sistemas de arquivo diferentes e non
concibidos coa finalidade de permitir buscas por materias, carecendo dunha parametrización
homoxénea por materias ou categorías, polo que a súa busca é complexa e dificultosa, o que
fai necesaria unha amplísima labor de reelaboración que non é razoable e desborda as
posibilidades da unidade.
Respecto do concepto de reelaboración, o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno
pronunciouse en numerosas ocasións e a interpretación que realiza da dita dicha causa de
inadmisión quedou recollido no criterio interpretativo 7/2015 no que se establece que o
concepto de reelaboración, debe entenderse desde o punto de vista literal que reelaborar é
volver elaborar algo, e é esta circunstancia a que é esixible para entender que estamos ante
un suposto de reelaboración. O concepto de reelaboración como causa de inadmisión pode
entenderse aplicable cando a información que se solicita, pertencendo ao ámbito funcional
de actuación do organismo ou entidade que recibe a solicitude, deba elaborarse
expresamente para dar unha resposta, facendo uso de diversas fontes de información, ou
cando o citado organismo ou entidade careza dos medios técnicos que sexan necesarios para
extraer e explotar a información concreta que se solicita, resultando imposible proporcionar
a información solicitada.
A sentencia do Tribunal Supremo 306/2020 sinala que a causa de inadmisión por
reelaboración impide o acceso cando se trata de volver elaborar a partir dunha información
pública dispersa e diseminada, mediante un labor consistente en solicitar, primeiro; ordenar
e separar, despois, o que é información clasificada ou non; sistematizar, e logo, en remate,
divulgar tal información procedente de distintas fontes. A necesidade de reelaboración pode
apreciarse en casos nos que o volume ou complexidade da información que se solicita fai
necesario un proceso específico de traballo ou manipulación para conseguila, casos nos que é
necesario valorar factores tales como o volume de información que se está a solicitar, a
dispersión da información, o formato e a forma na que está arquivado, que determinará a
esixibilidade do o esforzo que para o órgano vai a supoñer recompilar a información e a
repercusión sobre o cumprimento das súas funcións, e o interese público existente na difusión
da información. No presente caso, considérase que a solicitude de informes que poden figurar
en calquera expediente de contrato tramitado por calquera departamento da Xunta de Galicia
ou ente instrumental dende o inicio da Administración Autonómica, informes que non están
ordenados e sistematizados, supón unha importante labor de reelaboración que non é esixible
á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.
Non pode por outra banda aceptarse a alegación da reclamante no senso de que a Dirección
Xeral debería ter optado por dar un acceso parcial aos informes que puidesen ser localizados
máis facilmente e que constasen en formato dixital, e que de considerar o órgano
Administrativo que a solicitude estaba formulada en termos moi amplos, debería térselle
solicitada a concreción, xa que a información solicitada estaba identificada de forma suficiente
(todos os informes sobre reequilibrio económico), e o acceso parcial procede, segundo
establecen os artigos 19 da Lei 19/2013 e 25 da Lei 1/2016, nos supostos nos que se aplique
algún límite de acceso á información y este non afecte á totalidade da mesma, feito que non
sucede no presente caso. Ademais, como indica a Asesoría Xurídica no seu informe, o acceso
parcial solicitado nas alegacións implicaría non atender a petición de acceso nos termos
solicitados nos que o solicitante a formulou, sen que a Asesoría poida fixar unilateralmente,
de xeito discrecional, o criterio para delimitalo, non sendo o recurso potestativo ante a
Comisión de Transparencia o procedimental para a reformulación da petición inicial.
Respecto da concorrencia na información solicitada do límite de acceso previsto no artigo
14.1.f), débese ter en conta que a súa finalidade é a de evitar interferencias nun proceso
aberto en que cada unha das partes coñecerá os argumentos da outra no momento
procedimental oportuno dotándolles de igualdade nese marco xurídico, e sen prexuízo de que
a información que coñece o letrado da Administración, non deixa de constituír secreto
profesional ao amparo do artigo 437.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, secreto profesional
que comprende confidencias, propostas, feitos e documentos que se obtiveron daquel.
É xeneralizada a interpretación restritiva do límite alegado á información que pode prexudicar
de forma constatable a igualdade das partes nun procedemento xudicial, mesmo chegando a
consideralo de aplicación só a documentos elaborados expresamente con ocasión dun
procedemento. Así, debe lembrarse que a previsión do art. 14.1 f) coincide coa do art. 3.1 i)
do Convenio do Consello de Europa sobre acceso aos documentos, que prevé como límite ao
acceso a protección da igualdade das partes nos procedementos xudiciais e a administración
eficaz da xustiza e na que se sinala que persegue asegurar a igualdade as partes en procesos
xudiciais tanto ante tribunais nacionais como internacionais e permite denegar o acceso a
documentos elaborados ou recibidos en relación cos procesos xudiciais dos que sexa parte,
non sendo de aplicación a documentos que non son creados con vistas a procesos xudiciais
como tales. Existe xurisprudencia consolidada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que
segue a interpretación restritiva deste límite e así, a Sentenza do Tribunal de Xustiza (Gran
Sala) do 21 de setembro de 2010, sinálase que sobre os escritos redactados exclusivamente
para os efectos do procedemento xurisdicional, que constitúen un elemento esencial do
mesmo e onde as partes facilitan ao Tribunal os elementos en base aos que este está chamado
a pronunciar a súa decisión xurisdicional, debe garantirse o respecto dos principios de
igualdade de armas e de boa administración da xustiza, evitando falsear o equilibrio
indispensable entre as partes nun litixio ante os órganos xurisdicionais –equilibrio que está na
base do principio de igualdade de armas– na medida en que unicamente a institución afectada
por unha solicitude de acceso aos seus documentos, e non o conxunto de partes no
procedemento, estaría sometida á obrigación de divulgación.
En consecuencia, ha de recoñecerse a existencia dunha presunción xeral de que a divulgación
dos escritos procesuais presentados por unha institución nun procedemento xurisdicional
prexudica a protección do devandito procedemento, non pudendo estenderse o límite a
documentos anteriores que consten en expedientes administrativos como é o caso que nos
ocupa, senón unicamente aos informes ou documentos que se elaboren no seo do
procedemento xudicial en trámite e que non formen parte do expediente
administrativo do contrato.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Desestimar, a reclamación presentada por
con data do 24 de marzo de 2022, contra a
Resolución do 4 de marzo de 2022, da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia pola que se
inadmite a súa solicitude de acceso aos informes e ditames razoados emitidos en relación co
reequilibrio ou restablecemento do equilibrio económico dos contratos públicos da
Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou de calquera entidades
instrumentais do sector público autonómico.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela, na data da sinatura.
Firmado digitalmente por 76706870F MARIA
DOLORES FERNANDEZ (R: S6500009C)
Fecha: 2022.06.08 13:24:45 +02'00'
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.