Desestimada 27/09/2022 · 103 días en resolverse

Reclamación sobre acceso a información de planes mineros y expediente sancionador desestimada por la Comisión da Transparencia de Galicia

Una entidad solicitó a la Consellería de Economía, Industria e Innovación de Galicia acceso a planes de labores mineras, restauración y un expediente sancionador. La Comisión da Transparencia de Galicia desestima la reclamación, manteniendo la denegación del acceso al expediente sancionador por riesgo de interferir en la investigación administrativa.

Puntos clave de la argumentación

1 La información relativa a planes de labores y restauración minera se considera información ambiental, quedando su acceso regulado por la Ley 27/2006 y fuera de la competencia de la Comisión.
2 Se determina que la Disposición adicional primera de la Ley 19/2013 solo aplica al acceso de quienes tengan la condición de interesados en un procedimiento en curso, no siendo aplicable a terceros.
3 La denegación de acceso al expediente sancionador se justifica en el artículo 14.1.e) de la Ley 19/2013, ya que el acceso prematuro podría perjudicar la investigación y sanción de ilícitos administrativos.
4 El límite al acceso en expedientes sancionadores busca evitar la destrucción de pruebas y proteger los derechos fundamentales de los investigados antes de una resolución firme.
5 No se estima la reclamación sobre ciertos documentos para evitar la 'reformatio in peius', ya que una estimación parcial supondría un agravamiento de la situación inicial de la entidad reclamante.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 16 de xuño de 2022, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 27 de setembro de 2022, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. Con data do 22 de xuño de 2022, tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo un oficio remitido pola Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, coa que se remite escrito presentado o 16 de xuño de 2022 por XXX no que presenta alegacións á resolución de acceso á información do 6 de maio de 2022 (expediente XXX). Considera a Xefatura Territorial que o dito escrito, ao abeiro do establecido no artigo 115.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, debe dárselle a consideración dunha reclamación fronte á unha resolución en materia de acceso á información de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que se da traslado á Comisión da Transparencia de Galicia. O reclamante en resumo, alega que o XXX non pertence a XXX senón que é titularidade da sociedade denominada XXX, polo que debe dárselle traslado a esta para que poida defender os seus dereitos. Considera que non existe base legal para que a XXX sexa considerada interesada en todos os expedientes administrativos relativos a eses dereitos mineiros; máxime, cando mestúranse as referencias ao XXX, coas que incumban ao XXX. Considera que a XXX solicitante omite identificar os expedientes en que desexa ter unha participación activa, limitándose a identificar só un, de carácter sancionador, no que non existe base para que tome parte, e menos en termos xenéricos e difusos, con pretensión de alcance xeral. Respecto dos aspectos relativos ao denominado XXX, ao ser o seu titular XXX, é á que debe emprazárselle en forma para proporcionar a oportunidade de manifestar canto estime oportuno en defensa dos seus lexítimos intereses. Considera que os termos dos catro apartados da solicitude da XXX pecan de indeterminación, imprecisión e extrapolación do alcance dos principios de acceso e transparencia, pois non se precisa un só documento, aínda que se aluda en termos plurais ou de tipoloxía a varios. Preténdese acceder e obter entrega de expedientes, e tal pretensión podería abarcar a decenas ou centos de expedientes, polo que de acordo coa instrución da Consellería en materia de aceso á información, non se deben admitir nin atender solicitudes expostas en termos xenéricos e con pretensión de alcance omnímodo, como sucede neste caso, que considera que debe conducir a arquivar a súa solicitude, como sucedeu noutros expedientes tramitados pola Xefatura Territorial. Por outra banda, na normativa ambiental se prevén límites ao acceso (Orde AAA/1601/2012, do 26 de xuño, pola que se pronuncian instrucións sobre a aplicación no Departamento da Lei 27/2006), que reproduce literalmente, polo que considera que unha formulación excesivamente xenérica redunda en prexuízo da propia Administración, e da mercantil titular da información, e considera que de acordo co criterio interpretativo C/003/2016 del Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, a solicitude debe considerarse abusiva. Considera a necesidade de ponderación dos intereses concorrentes neste caso xa que a demanda masiva e moitas veces indeterminada de información que afecta a múltiples expedientes relativos a un mesmo dereito e a múltiples dereitos mineiros, implica un inxente volume de documentación a tratar, boa parte dela de carácter histórico e non dixitalizada, esixe a sistematización e clarificación do procedemento de acceso. Considera que de acordo co previsto no artigo 25 da Lei 1/2016 e no artigo 14 da Lei 19/2013 o dereito de acceso á información non é absoluto, senón que está limitado, polo menos parte da información que os promotores poñen ao dispor das autoridades para o oportuno desenvolvemento das súas respectivas competencias debe estar especialmente protexida. Segundo. Con data do 30 de xuño de 2022 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. Terceiro. Con data do 5 de xullo de 2022 déuselle traslado da reclamación presentada á XXX, sen que pola mesma se presentasen alegacións dentro do prazo concedido. Cuarto. Con data do 8 de agosto de 2022 a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación contesta a petición remitindo informe de 4 de agosto de 2022 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e informe do 22 de xullo de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como copia do expediente tramitado. No informe da Dirección Xeral en resumo se indica que a solicitude presentada pola XXX tiña por obxecto o acceso aos plans anuais de labores do XXX para os anos de 2020 a 2022, aos requirimentos e resolucións que sobre os mesmos teña ditado a Administración, e ás resolucións, requirimentos e oficios emitidos pola Administración en relación ás solicitudes formuladas por XXX, o 21 de outubro de 2021 en relación á situación e actividade do XXX, acceso ás modificacións do plan de restauración de 2011 ou novos plans de restauración que contemplaran estas novas actividades; ou, de non existir, indicación deste extremo e acceso ao expediente sancionador (XXX). Con data do 7 de marzo de 2022 deuse traslado da solicitude a XXX, para que formulase alegacións e déuselle conta do trámite á XXX. Con data do 7 de abril de 2022, a XXX presentou escrito no que manifesta a súa oposición á solicitude por considerala xenérica e abusiva e indicando a necesidade de dar traslado para alegacións á XXX, como suposta terceira parte afectada pola pretensión do acceso. A Xefatura Territorial da Coruña ditou, por delegación da directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, resolución de procedemento de acceso. En relación cos plans de labores, considera o informe que teñen a consideración de información ambiental, segundo o criterio da Comisión de Transparencia de Galicia e a información relativa aos plans de restauración teñen tamén a consideración de información ambiental, polo que o réxime aplicable ás reclamacións é o contido na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información medio ambiental, participación pública e xustiza en materia de medio ambiente. Respecto da documentación que ten que ver coa solicitude formulada por XXX, o 21 de outubro de 2021, considera que lle é de aplicación a disposición adicional primeira da Lei 19/2013, por tratarse de documentos que forman parte dun expediente administrativo en curso, sendo neste caso de aplicación o réxime de recursos establecido pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Respecto do acceso ao expediente sancionador XXX, na resolución ditada denegouse o acceso en aplicación do artigo 14.1.e) da Lei 19/2013, que establece que o dereito de acceso pode ser limitado cando o acceso á información poida supoñer un prexuízo para a prevención, investigación e sanción dos ilícitos penais, administrativos ou disciplinarios. Constata o informe que as alegacións presentadas polo reclamante, coinciden punto por punto coas presentadas na fase de traslado a terceiros na tramitación da solicitude de acceso a información, polo que non procede mais que ratificarse nos argumentos expostos na resolución ditada. Considera que a única parte da información sobre a que esa Comisión ten a competencia de pronunciarse é a relativa ao expediente sancionador, na que a resolución ditada precisamente denega o acceso á dita información, denegación que se entende que reclamante está de acordo, polo que a reclamación na parte regulada pola Lei 19/2013, carece de obxecto. No informe da Xefatura Territorial indícase que a resolución impugnada permitiu o acceso aos expedientes correspondentes aos plans de labores e aos plans de restauración en aplicación da Lei 27/2006, non permitiu o acceso ás resolucións, requirimentos e oficios emitidos en relación ás solicitudes formuladas pola empresa titular da explotación o 21/10/2021 ao abeiro da disposición adicional primeira da Lei 19/2013, polas razóns expostas na consideración legal e técnica 5 e non permitiu o acceso ao procedemento sancionador XXX, en fase de tramitación, ao abeiro do artigo 14.e) da Lei 19/2013. Respecto das alegacións presentadas pola titular da explotación con data do 16 de xuño de 2022, que reproducen as alegacións presentadas no correspondente trámite da instrución do expediente, xa foron contestadas na consideración legal e técnica 7 da Resolución. Nestas alegacións, faise referencia á Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas, publicada no Diario Oficial de Galicia n° 157, do 20/08/2018, empregándoa como xustificación dos seus alegatos e sobre a que a Xefatura Territorial afirma que a dita instrución non é mais que un instrumento que pretende sistematizar, homoxeneizar e facilitar a aplicación da normativa existente sobre acceso á información pública a modo de guía operativa de procedemento, que en ningún caso modifica o réxime xurídico vixente de aplicación. Respecto da alegación da improcedencia do recoñecemento da XXX da súa condición de interesada e necesidade de dar traslado para alegacións á XXX, como terceira parte afectada pola pretensión de acceso, considera a Xefatura Territorial que a solicitude de recoñecemento da condición de interesado dará lugar ao correspondente acto administrativo pero non é obxecto da resolución de solicitude de acceso polo que non procede valorar esta alegación neste procedemento. Respecto da consideración de que a solicitude é xenérica a abusiva, e que non se deben admitir nin atender solicitudes formuladas en termos xenéricos, considera a Xefatura Territorial que a valoración de si a solicitude cumpre ou non os requisitos de admisibilidade é un extremo sobre o que lle corresponde decidir á Administración, que considera no presente caso que a solicitude delimita e concreta especificamente a documentación obxecto de acceso. En canto á necesidade de ponderación dos dereitos e intereses afectados debido aos caracteres específicos do sector mineiro e de respectar a confidencialidade das informacións achegadas polos promotores que poidan afectar aos intereses económicos e comerciais, segredo profesional e a propiedade intelectual e industrial, garantía de confidencialidade e o segredo requirido en procesos de toma de decisión e a protección do medio ambiente, indica a Xefatura Territorial que deben identificarse concretamente os datos dignos de protección, sen que poida estenderse esta protección a documentos completos nos que existen outro tipo de datos e informacións que non deben extraerse do acceso público. Respecto da protección dos datos de carácter persoal, a Resolución xa prevé permitir acceso e copia despois da disociación dos datos aos que fai referencia a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Con respecto do acceso aos requirimentos e resolucións que ditou a Administración sobre as solicitudes formuladas por XXX o 21 de outubro de 2021, considera a Xefatura Territorial que de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 19/2013, do 9 de decembro, debe rexerse pola norma reguladora do procedemento, por tratarse de documentos que formen parte dun expediente administrativo en curso, que unicamente recoñece este dereito ás que teñan recoñecida a condición de interesada, e dado que a solicitante non ten recoñecida a condición de interesada, non procede dar acceso á documentación solicitada. Respecto do acceso ao expediente sancionador XXX, ao estar en tramitación, e sendo o seu obxecto precisamente determinar se a sociedade titular ou explotadora do dereito mineiro ten algunha responsabilidade administrativa en determinados feitos dos que se tratará de determinar a súa realidade, autoría, alcance e consecuencias xurídicas, dar a coñecer este tipo de información sen que estea concluído o procedemento interferiría neste procedemento sancionador e polo tanto entra no previsto no apartado e) do artigo 14 da Lei 19/2013 para non conceder o acceso a esta información. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poderes públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. Dado que segundo consta no expediente remitido, a XXX aceptou a notificación con data do 16 de maio de 2022, e a reclamación tivo entrada no Rexistro da Xefatura Territorial con data do 16 de xuño de 2022, debe admitirse a mesma por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente O obxecto da solicitude de acceso á información por parte da XXX foi o acceso aos plans anuais de labores dunha explotación mineira, as resolucións, requirimentos e oficios emitidos pola Administración en relación ás solicitudes formuladas pola titular da explotación nunha data concreta (21 de outubro de 2021), acceso a determinada documentación dos plans de restauración da explotación mineira e acceso a un expediente sancionador que se atopa en trámite. Como xa se pronunciou esta Comisión en diversos expedientes, entre os que como sinalan os informes da Administración se atopa o RSCTG 22/2021 no que o reclamante é o mesmo que no presente expediente, os plans de labores mineiros e plans de restauración, ao tratarse de información de contido ambiental, de conformidade co disposto na Disposición Adicional Primeira da Lei 19/2013, debe tramitarse polo seu réxime específico contido na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información medio ambiental, participación pública e xustiza en materia de medio ambiente, por contar cunha regulación de acceso á información específica. O artigo 2.3 da Lei 27/2006, considera información ambiental toda información en forma escrita, visual, sonora, electrónica ou en calquera outra forma que verse sobre o estado dos elementos do medio ambiente (aire, atmosfera, a auga, o chan etc..), os factores, tales como substancias, enerxía, ruído etc. que afecten ou poidan afectar os elementos do medio ambiente citados anteriormente, as medidas, incluídas as medidas administrativas, como políticas, normas, plans, programas e acordos en materia de medio ambiente, os informes sobre a execución da lexislación ambiental, o estado da saúde e seguridade das persoas, condicións de vida humana, bens do patrimonio histórico, cultural e artístico e construcións. De acordo co establecido na Resolución da Consellería de Innovación e Industria do 22 de decembro de 2008 (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2009), pola que se aproba e se fai público o novo modelo do Plan de labores de actividades mineiras, existen numerosas referencias a información medioambiental, tales como información sobre control hidroxeolóxico, drenaxes, balsas e presas de decantación e de residuos, destino de lodos, destino dos lodos, materias primas tratadas, produción de residuos e o seu destino, restauración e condicións ambientais impostas, informes de seguimento ambiental anual, entre outros, polo que queda fora do ámbito de competencias desta Comisión, pronunciarse sobre o acceso á información referida aos plans de labores mineiras e plans de restauración. Respecto da documentación que ten que ver coa solicitude formulada pola titular da explotación mineira con data do 21 de outubro de 2021, non se pode compartir a resolución da Xefatura Territorial que considera que lle é de aplicación a disposición adicional primeira da Lei 19/2013, por tratarse de documentos que forman parte dun expediente administrativo en curso. Tal e como se manifestou por esta Comisión en anteriores pronunciamentos sobre esta materia, a Disposición adicional primeira parágrafo primeiro da Lei 19/2013, establece que a normativa reguladora do correspondente procedemento administrativo será a aplicable ao acceso por parte de quen teña a condición de interesados nun procedemento administrativo en curso aos documentos que se integren no mesmo. Para a aplicación da dita Disposición Adicional, deben cumprirse unha serie de requisitos para que poida apreciarse a súa concorrencia como un motivo de inadmisión: debe existir un específico procedemento administrativo aplicable ao caso, o solicitante debe ter a condición de interesado no mesmo e o procedemento debe estar en curso. Neste caso, tal e como se indica no informe emitido pola Xefatura Territorial, a Fundación solicitante do acceso á información non ten a condición de interesada no mesmo, polo que non é aplicable a dita disposición. O anterior implica unha incorrecta aplicación da norma por parte da Administración, o que levaría a estimación parcial da reclamación presentada, pero no presente caso, a XXX, que é a titular da información solicitada, opúxose a que se concedera o acceso, e a XXX solicitante do acceso á información non consta que presentase recurso contra a resolución ditada. De acordo co anterior, a estimación parcial do acceso a esta documentación, suporía unha reformatio in peius, ao supoñer un agravamento da situación inicial da entidade reclamante, prohibida expresamente polo artigo 88.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, definida na sentenza do Tribunal Supremo do 21 de abril de 1994, como “cambiar a peor el resultado del objeto del recurso...” Respecto do acceso ao expediente sancionador, considérase adecuada a aplicación do límite establecido no artigo 14.1.e) da Lei 19/2013, que establece que o dereito de acceso pode ser limitado cando o acceso á información poida supoñer un prexuízo para a prevención, investigación e sanción dos ilícitos penais, administrativos ou disciplinarios. O limite de acceso sobre información que estea relacionada coa prevención, investigación e sanción de ilícitos penais, administrativos ou disciplinarios ten unha dobre finalidade: por unha banda preténdese que a actividade dos poderes públicos non sexa entorpecida ou se vexa errada polo coñecemento público das súas actuacións, pero á vez ten tamén como obxectivo protexer os dereitos das persoas incursas nestas causas, que sen resolución administrativa ou sentenza firme condenatoria, poden ver vulnerados un conxunto moi importante dos seus dereitos fundamentais. O límite pode invocarse cando se trate de evitar que o acceso á información poida ser prexudicial ás investigacións neste caso administrativas, conducir á destrución de probas ou a subtracción dos infractores do exercicio da potestade sancionadora, xa que este é o ben xurídico protexido polo límite: asegurar o bo fin de todos os actos de investigación que se poden chegar a realizar na fase de instrución dun procedemento administrativo sancionador. Neste caso a Administración xustifica a aplicación do límite, ao estar o expediente en tramitación, e ser o seu obxecto o de determinar se a sociedade titular ou explotadora do dereito mineiro ten algunha responsabilidade administrativa en determinados feitos dos que se tratará de determinar a súa realidade, autoría, alcance e consecuencias xurídicas, polo que dar a coñecer este tipo de información sen que estea concluído o procedemento interferiría neste procedemento sancionador. Non procede que a Comisión se pronuncie sobre as alegacións realizadas pola reclamante, xa que sobre a documentación solicitada que non ten carácter ambiental (documentación que ten que ver coa solicitude formulada pola titular da explotación mineira e o expediente sancionador en tramitación) denegouse o acceso, polo que a reclamación presentada respecto desta información carece de contido, sen que pola entidade solicitante se presentara reclamación (e nin sequera alegacións no trámite concedido). En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia, ACORDA Único: Desestimar a reclamación presentada por XXX con data do 16 de xuño de 2022 contra a resolución do 6 de maio de 2022 (expediente XXX) da Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia.