Se solicitó a la Agencia Galega de Infraestruturas el acceso a autorizaciones autonómicas para obras de renovación en la Avenida de Galicia de Vigo. Ante el silencio administrativo, la Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación y ordena al organismo emitir una resolución expresa y entregar la información disponible.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública comprende cualquier contenido o documento elaborado o adquirido por los sujetos obligados en el ejercicio de sus funciones.
2
La administración cumple su obligación de transparencia informando con claridad al solicitante cuando la documentación requerida no existe.
3
La reclamación contra resoluciones presuntas (silencio administrativo) puede interponerse en cualquier momento según el Criterio Interpretativo 1/2016 del Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
4
El incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave según el régimen disciplinario previsto en la Ley 19/2013.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 30 de xuño de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 27 de setembro de 2022, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 30
de xuño de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18
de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por silencio
administrativo, da súa solicitude presentada perante a Axencia Galega de Infraestruturas con
data 25 de maio de 2022, de acceso á autorización autonómica previa para que o Concello de
Vigo levara a cabo as obras de renovación do firme executadas na Avenida de Galicia de Vigo
(expedientes XXX e XXX).
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada da resposta e do seu DNI.
Segundo. Con data do 4 de xullo de 2022 déuselle traslado da documentación achegada pola
reclamante á Axencia Galega de Infraestruturas para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 7 de xullo de 2022.
Terceiro. Con data do 2 de agosto de 2022 a Axencia Galega de Infraestruturas contesta a
petición remitindo un informe do director da Axencia e informe do Servizo Provincial da
mesma, e copia do expediente instruído.
No informe do director, indícase que XXX solicitou copia das autorizacións, informes ou
calquera outro documento emitido pola Axencia en relación coas obras realizadas polo
Concello de Vigo de renovación urbana do barrio de Teis e mellora de firmes en viais do rural,
Avenida de Galicia, Teis. Dado que a interesada na súa solicitude citaba o exercicio da acción
urbanística da Lei do solo e rehabilitación urbana, a súa solicitude foi erroneamente dirixida á
Área de Deseño de Infraestruturas no lugar da Área de Planificación, Innovación e Seguridade
Viaria que é a competente para tramitar as solicitudes de acceso á información pública, razón
pola que non se atendeu a solicitude da interesada.
No informe do Servizo Provincial, dirixido á xefa de Servizo Apoio Administrativo, faise constar
que en relación co expediente XXX, existe autorización outorgada ao Concello de Vigo da que
remite copia completa da documentación. Respecto ao expediente XXX: Proxecto de
Renovación urbana do barrio de Teis e expediente XXX: Proposta de aprobación do proxecto
"Melloras dos firmes en vías do rural: avenida de Galicia-Teis, supón que se refiren a
expedientes do Concello de Vigo, non constando nesas dependencias ningún tipo de
documento sobre o expediente XXX.
Sinala así mesmo que en treito urbano, como é a avenida de Galicia (PO-323) no treito que
discorre polo Concello de Vigo, as actuacións que se realicen e non afecten ao dominio público
da estrada, non precisan de autorización da administración titular da vía ao non existir zonas
de protección nin ter límite de edificación.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte
a actos que non sexan expresos.
Non consta que a Axencia Galega de Infraestruturas resolvera expresamente a solicitude de
acceso á información presentada, polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada
en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A interesada solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas, acceso á autorización autonómica
previa para que o Concello de Vigo levara a cabo determinadas obras de renovación que
identifica na súa solicitude.
O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito
obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o posible
obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou documento
que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou elaborado no exercicio
das súas funcións.
O obxectivo final da Lei é o escrutinio da acción pública, mediante o coñecemento do proceso
de toma de decisións como medio de rendición de contas dos responsables públicos.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública.
Nos casos nos que se solicita unha información ou unha documentación que non existe, ben
por que non se elaborou (aínda que fose obrigatorio facelo pola normativa que lle sexa de
aplicación) ou ben simplemente porque non é necesario ou non é posible elaborala porque
non se dan as circunstancias para facelo, o suxeito obrigado cumpre, indicando ao solicitante
con claridade, que a información solicitada non existe.
No presente caso, non consta que se ditase resolución expresa sobre a solicitude de acceso á
información, remitido a Axencia simplemente un informe remitido dun servizo provincial a
uno servizo central, co que se remite copia dun expediente (que non consta que se remitise á
solicitante) e se informa da inexistencia de documentación correspondente ao outro
expediente solicitado.
De acordo co anterior, procede a estimación da reclamación presentada, debendo a Axencia
Galega de Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 1/2016, ditar
resolución expresa sobre a solicitude presentada e notificarlla á solicitante, lembrando á dita
Axencia que de acordo co disposto no artigo 20.6 da Lei 19/2013, o incumprimento reiterado
da obrigación de resolver en prazo ten a consideración de infracción grave para os efectos da
aplicación aos responsables do réxime disciplinario previsto na correspondente normativa
reguladora.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX contra a desestimación, por silencio
administrativo, da súa solicitude presentada perante a Axencia Galega de Infraestruturas con
data 25 de maio de 2022, de acceso á autorización autonómica previa para que o Concello de
Vigo levara a cabo as obras de renovación do firme executadas na Avenida de Galicia de Vigo
(expedientes XXX e XXX).
Segundo: Instar a Axencia Galega de Infraestruturas a que, no prazo máximo de 10 días
hábiles, responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14
e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización
do acceso.
Terceiro: Instar a Axencia Galega de Infraestruturas a que, no prazo máximo de 15 días hábiles,
remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información
solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.