Se solicitó al Concello de Pol el acceso a exámenes, respuestas y criterios de calificación de un proceso selectivo. El Ayuntamiento denegó el acceso por no ser el solicitante parte interesada. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación, obligando al Ayuntamiento a entregar la información por ser pública y no requerir condición de interesado.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública no está supeditado a la condición de interesado o participante en el procedimiento administrativo.
2
Los tribunales de selección de empleados públicos son órganos administrativos de carácter técnico cuya información es pública según la Ley 1/2016.
3
La discrecionalidad técnica de los tribunales de selección refuerza la necesidad de someter sus decisiones al escrutinio público para acreditar un ejercicio objetivo y ponderado.
4
El acceso a la información de procesos selectivos es obligatorio en coherencia con los principios de publicidad, transparencia y objetividad.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 6 de xullo de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 27 de setembro de 2022, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 6
de xullo de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta
da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a o Acordo do
Tribunal cualificador do proceso selectivo convocado para a cobertura dunha praza vacante
de administrativo, subgrupo C1, no marco do proceso de estabilización de emprego
temporal do Concello de Pol, polo que se lle denega o acceso ao exame tipo test e o suposto
práctico, así como as respostas a ambos exercicios e os criterios de cualificación.
O reclamante indicaba que se lle denegou o acceso á información por non ter a condición de
interesado no expediente.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, da resolución impugnada e do
seu DNI.
Segundo. Con data do 11 de xullo de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante ao Concello de Pol para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 12 de xullo de 2022, sen que polo
Concello se remitise copia do expediente e o informe solicitado.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con
carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa
mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación
prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas
Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades
Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as
Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 121, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións
corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao
Valedor do Pobo, ao que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a
competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia
de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que
ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No
seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os
efectos do silencio administrativo.
Dado que segundo consta no expediente remitido, a resolución notificouse ao interesado
con data do 5 de xullo e a reclamación tivo entrada o 6 do mesmo mes, polo que debe
admitirse a mesma por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O interesado solicitou acceso a un exame tipo test, un suposto práctico, así como as
respostas a ambos exercicios e os criterios de cualificación do tribunal, documentación que
forma parte dun expediente dun proceso de selección de persoal nun Concello, e que lle foi
denegado por escrito do tribunal, ao non ser o solicitante, participante no dito proceso.
O dereito de acceso á información é un dereito fundamental recoñecido a nivel internacional
como tal, debido á natureza representativa dos gobernos democráticos e é un dereito
esencial para promover a transparencia das institucións públicas e para fomentar a
participación cidadá na toma de decisións. Ademais as Administracións Públicas fináncianse
con fondos procedentes dos contribuíntes e a súa misión principal consiste en servir aos
cidadáns polo que toda a información que xeran e posúen pertence á cidadanía.
Os tribunais de selección de empregados públicos son órganos administrativos de carácter
técnico ao servizo da Administración, polo que a información que se atope no seu poder é
información pública de acordo co disposto no artigo 24 da Lei 1/2016. O carácter técnico
destes órganos non debilita a súa natureza administrativa, nin os exclúe de formar parte da
Administración pública. A referencia legal ao seu funcionamento segundo criterios de
discrecionalidade técnica, reforza a necesidade de someter a súa actividade e as súas
decisións ao escrutinio público, pois para o necesario control desta discrecionalidade e para
acreditar o seu exercicio obxectivo e ponderado, resultan singularmente esixibles a
existencia e o acceso á información que manexan estes órganos para a toma das súas
decisións.
Nas Leis de Transparencia vixentes, o dereito de acceso non está supeditado á condición de
interesado (neste caso de participante no procedemento) do solicitante. De acordo co artigo
24 da Lei 1/2016, información pública é calquera contido ou documento elaborado, neste
caso por un tribunal que forma parte da Administración, para o exercicio das súas funcións,
polo que é por tanto información pública, de acordo coa definición da Lei.
O tribunal de selección como órgano administrativo de carácter técnico está sometido no
seu funcionamento á normativa dos órganos colexiados e débeselle garantir a súa
independencia e discrecionalidade técnica, calidades que implican a súa capacidade de
tomar decisións libres de mandatos xerárquicos, baseadas nos seus coñecementos e
competencias técnicas, que deben aplicar segundo criterios discrecionais. Son precisamente
estes elementos os que reforzan a necesidade de someter a súa actividade e as súas
decisións ao escrutinio público, pois para o necesario control desta discrecionalidade e para
acreditar o seu exercicio obxectivo e ponderado, é imprescindible a existencia e o acceso á
información que usan estes órganos para tomar as súas decisións, e máis se serve para
obxectivalas. O acceso a este tipo de información é obrigado en coherencia cos principios de
publicidade, transparencia e obxectividade, entre outros, que establece a lexislación vixente
para rexer os procesos de selección para o emprego público.
De acordo co anterior, procede a estimación da reclamación presentada, debendo o
Concello proporcionar a documentación solicitada polo reclamante, lembrando ao Concello,
de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 1/2016, a súa obriga de facilitar á Comisión
a información que se lle solicite para o correcto cumprimento das súas funcións en materia
de transparencia.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 6 de xullo de 2022, contra
o Acordo do Tribunal cualificador do proceso selectivo convocado para a cobertura dunha
praza vacante de administrativo, subgrupo C1, no marco do proceso de estabilización de
emprego temporal do Concello de Pol, polo que se lle denega o acceso ao exame tipo test e
o suposto práctico, así como as respostas a ambos exercicios e os criterios de cualificación.
Segundo: Instar ao Concello de Pol a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á
petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei
19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do
acceso.
Terceiro: Instar ao Concello de Pol, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta
Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.