El solicitante pidió a la Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades de Galicia el número de alumnos y su nacionalidad desglosado por centro educativo. Alegó que la respuesta recibida era insuficiente al dar datos provinciales. La Comisión da Transparencia desestimó la reclamación por riesgo de reidentificación de menores.
Puntos clave de la argumentación
1
La provisión de datos de nacionalidad por centro educativo, especialmente en centros con poco alumnado como los Centros Rurais Agrupados (CRA), permitiría la reidentificación indirecta de personas físicas.
2
El derecho de acceso a la información pública debe ponderarse frente al derecho fundamental a la protección de datos, especialmente cuando la información se refiere a menores de edad.
3
La anonimización es insuficiente si el contexto permite a un tercero inferir datos personales o revertir el proceso para identificar a los sujetos.
4
Se considera que la administración justificó suficientemente la imposibilidad de anonimizar los datos con las garantías necesarias para evitar la vulneración de la intimidad de los alumnos.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 12 de xullo de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 25 de outubro de 2022, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o día
12 de xullo de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto do artigo 28 da Lei 1/2016, do
18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno contra a Resolución do 6 de xullo de 2022, da
Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e
Universidades pola que se lle concede o acceso á información referente ao número de
alumnos e nacionalidade por centro de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato de Galicia.
O reclamante indica que o que solicitou foi unha listaxe que incluíse o nome do centro, que
educación imparte, se é público, concertado ou privado, a localidade, número de alumnos e
cantos hai de cada nacionalidade e na resposta que lle deron figura o número de
matriculados en cada provincia, sen especificar, centro, localidade, etc ... xustificado en que
si había algún centro cun neno dunha soa nacionalidade, íaselle a identificar.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, da resolución recorrida e do
seu DNI.
Segundo. Con data do 30 de agosto de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia
completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 7 de setembro de 2022.
Terceiro. Con data do 22 de setembro de 2022 a Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades contesta a petición remitindo o informe e o
expediente instruído.
Neste informe, en resumo, indícase que pola Secretaría Xeral Técnica resólvese conceder o
acceso á información solicitada mediante a modalidade de envío ao correo electrónico do
arquivo en formato .ods que contén a devandita información.
En relación coa nacionalidade do alumnado, o acceso realízase facilitando os datos a nivel
provincial, posto que se se facilitan por centro educativo existe a posibilidade de
reidentificación, isto é, que se poidan asociar os datos facilitados a persoas físicas nos
centros con moi poucos alumnos e alumnas, vulnerándose así a normativa de protección de
datos de carácter persoal.
Se ben o interesado non solicitou a identificación do alumnado, dos datos solicitados por el,
unicamente o dato relativo á nacionalidade considérase dato persoal, dado que o resto da
información pódese consultar directamente a través do link remitido. A Consellería, tras a
ponderación, tendo en conta que trátanse de datos referidos a menores de idade, conclúe
que o dato da nacionalidade se debe considerar como un dato agregado que, xunto co resto
da información solicitada, podería dar lugar a risco de reidentificación, ao poderse asociar
este dato a persoas físicas nos centros con moi pouco alumnado, como podería ser o caso
dos Centros Rurais Agrupados (CRA), motivo polo cal non se lle facilitou ao reclamante a
información no formato demandado.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con
carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa
mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación
prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas
Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades
Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as
Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia
de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que
ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No
seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os
efectos do silencio administrativo.
Dado que a resolución ditouse con data do 6 de xullo e o interesado presentou a súa
reclamación con data do 12 do mesmo mes, debe admitirse a mesma por estar presentada
en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O interesado solicitou coñecer o número de alumnos por centros de Primaria, Secundaria, FP
e Bacharelato de Galicia, coa indicación do nome do centro, que educación imparte, se é
público, concertado ou privado, a localidade, o número de alumnos e cantos hai de cada
nacionalidade, dos que se lle proporcionou a información solicitada, agás no referente ao
data da nacionalidade do alumnado, que se lle proporcionou non por centros e localidades
como solicitaba, senón por provincias, posto que se considerou que se se facilitan por centro
educativo existe a posibilidade de reidentificación, asociando os datos facilitados a persoas
físicas nos centros con moi poucos alumnos e alumnas, como podería ser o caso dos Centros
Rurais Agrupados (CRA), vulnerándose así a normativa de protección de datos de carácter
persoal.
No relativo á protección de datos de carácter persoal, o artigo 15 da Lei 19/2013, establece
unha serie de datos que se consideran especialmente protexidos, como os que revelen a
ideoloxía, afiliación sindical, relixión ou crenzas, para os que o acceso unicamente poderase
autorizar no caso de que se contase co consentimento expreso e por escrito do afectado,
outro tipo de datos para os que para o seu acceso é necesario o consentimento expreso do
titular dos mesmo (orixe racial, á saúde ou á vida sexual entre outros), e nos casos nos que a
información solicitada non contivese datos especialmente protexidos, establece a norma
que concederase o acceso previa ponderación suficientemente razoada do interese público
na divulgación e os dereitos dos afectados, en particular o seu dereito fundamental á
protección de datos de carácter persoal, para o que entre outros criterios, terase en conta a
xustificación polos solicitantes da súa petición no exercicio dun dereito, e a maior garantía
dos dereitos dos afectados no caso de que os datos contidos no documento poidan afectar á
súa intimidade ou á súa seguridade, ou se refiran a menores de idade.
No presente caso, non consta xustificación algunha polo solicitante da súa petición no
exercicio dun dereito.
A información solicitada é un dato de carácter persoal non incluído entre os datos
especialmente protexidos, polo que en principio parecería posible dar acceso ao solicitado
coa disociación dos datos de carácter persoal de modo que se impida a identificación das
persoas afectadas.
Se ben o anterior é certo, a Consellería xustifica o outorgamento da información non da
forma solicitada polo interesado (por localidades e por centros educativos), senón por
provincias, xa que de proporcionarse por centros educativos existe a posibilidade de
reidentificación, especialmente nos centros con pouco alumnado, asociando os datos
facilitados por centros aos alumnos, que na súa meirande parte son menores de idade. Por
tanto, proporcionando os datos como se solicitou polo interesado poderíase deducir
razoablemente a información individual, posibilitándose a identificación inmediata dos
interesados, ou conducir á súa identificación de forma indirecta.
O proceso de anonimización debe facerse de forma que dea a garantía de que valorando
todas as circunstancias que concorran non caso, non é posible a reindentificación dos datos
coas persoas ás que pertencen.
O Grupo de Traballo da Comisión Europea (Grupo de Traballo do Artigo 29 da Directiva
95/46/CE, en materia de protección de datos) establece que os datos anónimos son aqueles
que se refiren a unha persoa física que non permita a súa identificación polo responsable do
tratamento dos datos ou por calquera outra persoa, tendo en conta o conxunto de medios
que poidan razoablemente ser utilizados por calquera, para identificala. É dicir, para
considerar que un dato que en orixe referíase a unha persoa identificable está anonimizado,
debe garantirse a imposibilidade que calquera poida reverter o proceso e reindentificala.
Por tanto, a anonimización esixe, ademais dunha enorme dilixencia para evitar erros, que o
contexto non permita a un terceiro destinatario da información inferir datos persoais dos
suxeitos concernidos. No presente caso, considérase que a Consellería xustifica
suficientemente que existe un considerable risco de reidentificación da información, o que
suporía unha importante vulneración dos dereitos dos titulares desa información, mais
tendo en conta que na súa meirande parte son menores de idade. De acordo co anterior,
por considerar que está suficientemente xustificada a imposibilidade de anonimización coas
garantías necesarias, procede a desestimación da reclamación presentada.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Desestimar a reclamación presentada por XXX con data do 12 de xullo de 2022,
contra a Resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e
Universidades pola que se lle concede o acceso á información referente ao número de
alumnos e nacionalidade por centro de Primaria, Secundaria, FP e Bachillerato de Galicia.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
Mª Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia