Estimada 25/10/2022 · 109 días en resolverse

Reclamación por acceso a documentación técnica de geolocalización de yacimientos arqueológicos en Galicia y resultado estimatorio

XXX solicitó a la Consellería de Cultura de Galicia el acceso a la documentación técnica original (datos GPS, SHP, fotos y fichas) de un contrato de geolocalización arqueológica. La Administración solo facilitó las memorias técnicas y remitió al solicitante a un visor público con datos ya corregidos. La Comisión de Transparencia de Galicia estima la reclamación por ser información pública.

Puntos clave de la argumentación

1 El derecho de acceso a la información pública abarca todo contenido o documento que obre en poder de un organismo sujeto a la norma, independientemente de su formato, que haya sido obtenido o elaborado en el ejercicio de sus funciones.
2 La información entregada por una empresa en cumplimiento de un contrato es considerada información pública, incluso si dicha documentación contenía errores que posteriormente fueron corregidos por la Administración.
3 El acceso a la información es una herramienta indispensable para el escrutinio de la acción pública y la rendición de cuentas de los responsables públicos.
4 La respuesta de la Administración debe ser documentada, completa y satisfactoria, no bastando con remitir a visores públicos si la información solicitada es distinta a la publicada.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vistas ás reclamacións presentadas por XXX, mediante escrito do 8 de xullo de 2022, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 25 de outubro de 2022, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. XXX presentou, mediante escrito que tivo entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 8 de xullo de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de data 1 de xullo de 2022, pola que se concede o acceso ás memorias técnicas resultado dos traballos arqueolóxicos correspondentes aos lotes XXX do contrato da xeolocalización e documentación dos xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia (25 lotes) elaborada nos anos 2018-2019. XXX en resumo indica na súa reclamación que solicitou á Consellería consultar a información indicada para tras a consulta, sinalar os contidos ou documentos que poidan ser do seu interese para dispor da correspondente copia e a Dirección Xeral Patrimonio Cultural lle comunicou que os ficheiros coas delimitacións dos xacementos arqueolóxicos están recollidas no visor de aproveitamentos forestais, que é de consulta pública no enderezo electrónico que lle indica, e que constan de 43 ficheiros brutos con datos GPS, 43 ficheiros de delimitación dos xacementos arqueolóxicos en formato SHP, 3.777 carpetas nas que se atopa un ficheiro de texto coa descrición dos sitios arqueolóxicos, 17.321 fotografías en formato JPEG, 5417 fichas históricas do ben en formato PDF e 4 memorias técnicas. Porén, trala solicitude de XXX para consultar esta documentación pública, a DXPC ditou resolución na que só se nos dá acceso ás 4 memorias técnicas. Indicándonos, ademais, que no enderezo electrónico: XXX podemos consultar as delimitacións dos xacementos arqueolóxicos que a empresa XXX realizou para a Consellería de Cultura. En relación ao visor de aproveitamentos forestais, indica XXX que en xuño de 2018, a Xunta publicou no visor a xeolocalización e delimitación realizada pola dita empresa, na que detectáronse unha cantidade considerable de erros, polo que con data do 2 de marzo de 2020, a Xunta realizou unha importante revisión da información que figuraba no visor, substituíndo parte da información elaborada pola empresa, por información elaborada polos técnicos do Servizo de Arqueoloxía, motivo polo que na actualidade é imposible consultar neste visor a xeolocalización e delimitación realizada pola empresa, que é o traballo ao que se solicita o acceso. Ademais indica que tampouco se lles permite o acceso ás carpetas nas que se atopa un ficheiro de texto coa descrición dos sitios arqueolóxicos, ás fotografías en formato JPEG, nin ás fichas históricas do ben en formato PDF amparándose no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada con sinatura electrónica de XXX, e do DNI do representante. Segundo. Con data 30 de agosto de 2022 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. Terceiro. Con data do 22 de setembro de 2022 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade contesta a petición remitindo informe. Nese informe, en resumo se indica que o recurso trata sobre a mesma problemática que o presentado pola mesma entidade a esa institución (expte. RSCTG 59/2022) no que se emitiu un informe no que se indicaba que o contrato de "Xeolocalización e delimitación dos xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia (25 lotes)" consistía na realización dunha prospección arqueolóxica que de acordo co disposto no Decreto 199/1997 polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez depositados os materiais arqueolóxicos e presentada a memoria correspondente da actuación, quedarán a disposición do público en xeral co fin de facilitar outros estudos e investigacións. O proxecto arqueolóxico que cumpría desenvolver establecía que durante o traballo de campo cada xacemento debía ser convenientemente localizado e identificado de cara a comprobar a súa correcta situación, ser delimitado en campo mediante o emprego dun GPS e cada ben arqueolóxico debería delimitarse en gabinete mediante o emprego de software de SIX a partir dos datos tomados en campo co GPS, os datos PNOA25 (fotografía aérea, datos LiDAR, etc.) e a información histórica do ben. O Servizo de Arqueoloxía estableceu un modelo común de memoria que as empresas debían redactar, e a empresa debería entregar en formato dixital diversa documentación (ficheiros brutos do GPS, Ficheiro SHP ou Geodatabase de Esri, Ficheiros de texto etc. Con data do 03 de marzo de 2022 o servizo de Arqueoloxía xa puxo a disposición da XXX as memorias técnicas das catro intervencións arqueolóxicas, que son os documentos elaborados a partir do contrato de servizo referido. Á vista deste informe, o 08/06/2022 a Comisión de Transparencia de Galicia emitiu unha resolución na que consideraba que a información foi proporcionada correctamente, se ben cumpría que o órgano competente emitise unha resolución expresa ao efecto, resolución que se emitiu con data do 30 de xuño de 2022. Como xa se indicou con anterioridade, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural xa lle deu acceso XXX ás memorias técnicas das catro prospeccións arqueolóxicas na súa Resolución do 30/06/2022. As delimitacións dos xacementos arqueolóxicos que son de interese para a cidadanía son as correctas e se atopan dispoñibles para consulta pública no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galicia e as fichas históricas do ben en formato PDF non son un produto que elaborase a empresa contratada, senón que fóronlles facilitadas á empresa pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e esta simplemente as introduciu en carpetas individualizadas para cada ben, fichas que son de consulta pública, como ten comprobado en innumerables ocasións a XXX. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poder públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. De acordo coa documentación remitida que figura no expediente, a resolución ditouse con data do 30 de xuño de 2022, e a reclamación tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo o 8 de xullo de 2022, polo que debe admitirse a mesma por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente A XXX solicitou acceso a unha documentación entregada por unha empresa adxudicataria dun contrato na que ao detectarse erros, por parte da Administración receptora, procedeuse á súa corrección e publicación. Esta información inicial, na que figuran erros e que debe estar en poder da Administración, é precisamente a solicitada pola XXX. O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o posible obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou documento que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou elaborado no exercicio das súas funcións. O obxectivo final da Lei é o escrutinio da acción pública, mediante o coñecemento do proceso de toma de decisións como medio de rendición de contas dos responsables públicos. Os Tribunais de Xustiza pronunciáronse no senso de que o acceso á información debe recoñecerse con carácter amplo, e así, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo nº 4 de Madrid, en sentenza nº 93/2017, do 17 de xullo de 2017, establece que o artigo 12 da Lei 19/2013 recoñece do dereito de acceso á información pública a todas as persoas, sen distinción. O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información, implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da actuación pública. No presente caso, se está a solicitar a documentación entregada por unha empresa no cumprimento dun contrato, que non é a que figura nos links indicados, e que se ben presentaba erros, segundo indica a XXX, feito este que non é negado pola Consellería, é información pública de acordo coa definición que establece a normativa. De acordo co anterior, procede a estimación da reclamación presentada, debéndose proporcionar esa información, agás que concorra nela algún límite dos establecidos nos artigos 14 e 15, ou causa de inadmisión do artigo 18 da Lei 19/2013, e se xustifique adecuadamente. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión de Transparencia ACORDA Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 8 de xullo de 2022, contra a Resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de data 1 de xullo de 2022, pola que se concede o acceso ás memorias técnicas resultado dos traballos arqueolóxicos correspondentes aos lotes XXX do contrato da xeolocalización e documentación dos xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia (25 lotes) elaborada nos anos 2018-2019. Segundo: Instar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso. Terceiro: Instar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia.