Se solicitó al Concello de Silleda acceso a documentos sobre pagos de trabajos realizados. Ante el silencio administrativo, el interesado reclamó. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación porque el Ayuntamiento no resolvió expresamente y la búsqueda interna fue insuficiente, instando al ente local a responder formalmente en 10 días.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública implica recibir una respuesta documentada, completa y satisfactoria como herramienta de control de la actuación pública.
2
Las solicitudes deben basarse en información ya existente y disponible en poder del organismo en el momento de la solicitud y elaborada en el ejercicio de sus competencias.
3
Cuando la información no existe, se ha destruido o está extraviada, el sujeto obligado debe indicarlo al solicitante con claridad.
4
El incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave según el régimen disciplinario del artículo 20.6 de la Ley 19/2013.
5
La reclamación es admisible a pesar del silencio administrativo, ya que los recursos contra resoluciones presuntas pueden interponerse en cualquier momento.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX mediante escrito do 18 de xullo de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 25 de outubro de 2022, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 18
de xullo de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta
da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por
silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o Concello da Silleda con data
20 de xaneiro de 2022, de acceso á copia de todos os documentos relativos ao pago dos
traballos realizados para ese concello durante os períodos sinalados sen actividade,
principalmente dende o XXX.
O reclamante indicaba que non recibiu resposta á súa solicitude.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 30 de agosto de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante ao Concello de Silleda para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 8 de setembro de 2022.
Terceiro. Con data do 13 de outubro de 2022 o Concello de Silleda contesta a petición
remitindo informe.
Neste informe, en resumo, indícase que consultado o programa Arquivo Municipal de Silleda
e realizando no mesmo unha busca referente ao solicitante, aparece un só documento, do
que remite copia en captura de pantalla, sen atopar mais documentación, polo que
recomenda a súa busca pola Alcaldía.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con
carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa
mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación
prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas
Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades
Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as
Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións
corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao
Valedor do Pobo, ao que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a
competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia
de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que
ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No
seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os
efectos do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento
fronte a actos que non sexan expresos.
O Concello de Silleda non resolveu a solicitude de acceso á información expresamente, polo
que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O reclamante solicitou do Concello o acceso a documentos relativos ao pago dos traballos
realizados para ese concello durante determinados períodos, sen ter resolución expresa
sobre a súa solicitude. Dende o Concello, remítese un informe no que se fai constar que
unicamente atopouse un dos documentos solicitados, e recoméndase dende a secretaría,
que por parte da alcaldía se realice unha busca.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública.
De acordo coa definición de información pública da Lei galega 1/2016, e da Lei básica estatal
19/2013, as solicitudes de acceso deben estar baseadas en información xa existente e
dispoñible, en poder dun organismo ou entidade suxeita á Lei, no momento no que se
produce a solicitude e, ademais, debe ser información elaborada ou adquirida no exercicio
das súas competencias.
No marco dunha solicitude de acceso á información, cando se solicita unha información ou
unha documentación que non existe, ben por que non se elaborou (aínda que fose
obrigatorio facelo pola normativa que lle sexa de aplicación) ou ben simplemente porque
non é necesario ou non é posible elaborala porque non se dan as circunstancias para facelo,
ou ben por que se destruíu por non ter obriga de conservala de acordo coa normativa que lle
sexa de aplicación, o suxeito obrigado cumpre, indicando ao solicitante con claridade, que a
información solicitada non existe. A mesma resposta debe dárselle ao interesado, no caso de
que a documentación non se atope por estar extraviada, ou se fose destruída aínda que a
normativa de aplicación non o permitise.
No presente caso, non consta que o Concello resolvese expresamente sobre a solicitude de
acceso á información, polo que debe ditarse resolución expresa, previa a comprobación de
concorrencia dos límites establecidos nos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, ou causas de
inadmisión do artigo 18, remitindo a información existente ao interesado, e indicándolle, de
ser o caso, os motivos polos que parte da información solicitada non existe.
Debe lembrarse ao Concello de Silleda que de acordo co disposto no artigo 20.6 da Lei
19/2013, o incumprimento reiterado da obrigación de resolver en prazo ten a consideración
de infracción grave para os efectos da aplicación aos responsables do réxime disciplinario
previsto na correspondente normativa reguladora.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 1 de agosto de 2022,
contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o
Concello da Silleda con data 20 de xaneiro de 2022, de acceso á copia de todos os
documentos relativos ao pago dos traballos realizados para ese concello durante os períodos
sinalados sen actividade, principalmente dende o XXX.
Segundo: Instar a Concello de Silleda a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á
petición de información solicitada de acordo co fundamento xurídico quinto desta
resolución, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o
artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso.
Terceiro: Instar a Concello de Silleda, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a
esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.