Un ciudadano solicitó al Ayuntamiento de Culleredo el acuerdo de incoación de un procedimiento sancionador contra un local. El Ayuntamiento pidió que justificara su condición de interesado, resultando en silencio administrativo. La Comisión de Transparencia de Galicia estima la reclamación, ya que el derecho de acceso a la información pública no requiere motivación ni acreditar condición de interesado.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública se reconoce a todas las personas, sin que el solicitante esté obligado a motivar su petición ni a acreditar una condición de interesado.
2
Es irrelevante que el solicitante tenga o no relación con la administración, con la materia solicitada o su lugar de residencia para ejercer este derecho.
3
La administración debe resolver expresamente sobre el acceso, dando audiencia al titular del establecimiento afectado y ponderando el interés público frente a la protección de intereses privados.
4
El acceso a la información puede limitarse si el expediente no ha finalizado (prevención e investigación de ilícitos) o para proteger datos personales en caso de sanción, requiriendo consentimiento expreso del afectado.
5
El incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave para los responsables según el régimen disciplinario.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 24 de agosto de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 25 de outubro de 2022, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 24
de agosto de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta
da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por
silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o Concello de Culleredo con data
18 de maio de 2022, de acceso ao acordo de incoación do procedemento sancionador ao
presunto responsable, pola acción tipificada como grave e moi grave no establecemento
denominado Pub Birras.
O reclamante indicaba que o Concello lle solicitou con data do 27 de maio de 2022 que motive
a súa petición xustificando a condición de interesado no asunto, ao que lle respondeu que é
veciño afectado directamente polas molestias que causa este local de ocio nocturno nos
últimos anos, lembrándolle que non ten necesidade de motivar a petición, sen recibir mais
resposta.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 5 de setembro de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante Concello de Culleredo para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 7 de setembro de 2022, sen que se remitise
o informe sobre a reclamación presentada e a copia do expediente de solicitude de acceso á
información solicitado.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá,
no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao
que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte
a actos que non sexan expresos.
O Concello de Culleredo non resolveu a solicitude de acceso á información expresamente,
polo que polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O interesado solicitou acceso ao acordo de incoación dun procedemento sancionador dun
establecemento público pola presunta Comisión dunha infracción, fronte ao que o Concello
lle solicitou que acreditase a súa condición de interesado.
O concepto de interesado en materia de transparencia, ten unhas peculiaridades respecto do
concepto de interesado nun procedemento administrativo. De acordo co disposto no artigo
12 da Lei 19/2013, o dereito de acceso á información pública recoñécese a todas as persoas,
polo que é suficiente con acreditar a identidade do solicitante (artigo 17.2), non existe obriga
de motivar a solicitude (artigo 17.3) e se o interesado o fai, a motivación poderá ser tida en
conta cando se dite a resolución, sen que a ausencia de motivación, por si soa poida ser causa
de rexeitamento da solicitude.
Por tanto, é irrelevante que o solicitante de información pública teña ou non relación coa
administración, coa materia da que solicita información, ou o seu lugar de residencia. O
dereito de acceso á información pública non vén determinado polo feito dun interese
concreto ou específico do solicitante, nin está condicionada á acreditación da súa condición
de interesado, debendo calquera solicitude cuxa materia non estea excluída ou limitada no
seu acceso pola normativa vixente, ser resolta non senso de conceder o acceso á información,
porque a transparencia implanta no ordenamento xurídico o dereito da cidadanía a solicitar
dos seus gobernantes, das súas Administracións e de calquera entidade que manexe fondos
públicos, calquera información pública que xulgue oportuna.
Pola Comisión da Transparencia solicitouse ao Concello a achega do seu criterio respecto da
solicitude de acceso á información, mediante a remisión de informe e copia do expediente
que non se recibiu, o que obriga a continuar a tramitación do expediente sen os seus
argumentos.
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
De acordo co anterior, débese entender que a información solicitada é información pública,
polo que debe o Concello resolver expresamente sobre o acceso, dando audiencia ao titular
do establecemento, de conformidade co disposto no artigo 19 da Lei 19/2013, e no caso de
que o titular se opoña ao acceso solicitado, o Concello, antes de resolver, debe facer unha
ponderación para determinar si debe primar o interese público na difusión da información, ou
a protección dos intereses alegados, resolvendo en favor do acceso á información no primeiro
caso, e na denegación no segundo.
Debe examinarse previamente se a información solicitada está afectada por algún dos límites
de acceso previstos na dita Lei, especialmente no caso de que o expediente non estea
finalizado, o establecido no artigo 14.1.e) da Lei 19/2013: Prevención, investigación e sanción
de ilícitos administrativos ou disciplinarios, e no caso de que así sexa, debe acreditarse e
xustificarse convintemente no expediente e se procede, de forma motivada, disociarse os
datos de carácter persoal existentes ou eliminando os contidos parciais que poidan verse
afectados de forma clara polos límites legalmente previstos (artigos 14 e 15 da Lei 19/2013),
salvo no caso de que despois da ponderación tamén prevista, se comprobe que debe
prevalecer o interese público ou privado que xustifique en calquera caso o acceso (artigos 14.2
da referida Lei).debe valorarse a si concorre neste caso.
No caso de que o expediente estivese finalizado con sanción, débese ter en conta o límite do
artigo 15, referido á protección de datos de carácter persoal, que establece que si a
información contivera datos referentes á comisión de infraccións administrativas, o acceso
unicamente se pode autorizar no suposto no que conte con consentimento expreso do
afectado (protección do dereito á intimidade dos suxeitos implicados).
A resolución que se pronuncie, debe formalizarse coa oferta de todas as garantías propias do
procedemento de acceso á información pública, entre as que se conta a oferta do
correspondente recurso substitutivo.
O Concello de Culleredo non resolveu a solicitude de acceso á información do interesado, polo
que debe lembrárselle que, de acordo co disposto no artigo 20.6 da Lei 19/2013, o
incumprimento reiterado da obrigación de resolver en prazo ten a consideración de infracción
grave para os efectos da aplicación aos responsables do réxime disciplinario previsto na
correspondente normativa reguladora.
Así mesmo, o Concello de Culleredo non remitiu o informe e o expediente solicitado por esta
Comisión, polo que lémbraselle, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 1/2016, a
súa obriga de facilitar á Comisión a información que se lle solicite para o correcto
cumprimento das súas funcións en materia de transparencia.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 24 de agosto de 2022, contra
a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o Concello
de Culleredo con data 18 de maio de 2022, de acceso ao acordo de incoación do
procedemento sancionador ao presunto responsable pola acción tipificada como grave e moi
grave no establecemento denominado Pub Birras.
Segundo: Instar ao Concello de Culleredo a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda
á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013,
do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso.
Terceiro: Instar ao Concello de Culleredo a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a
esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.