Se solicitó al Concello de Santa Comba acceso a documentación sobre las empresas Grenalia, Redeia y proyectos eólicos. Ante la falta de respuesta (silencio administrativo), el interesado reclamó. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación debido a la ausencia de respuesta y a que la información solicitada puede considerarse pública.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública abarca todo contenido o documento en poder de un organismo sujeto a la norma que haya sido obtenido o elaborado en el ejercicio de sus funciones.
2
La documentación relativa a empresas privadas puede considerarse pública si se refiere a firmantes de documentos públicos, subvenciones recibidas, actas, convenios o acuerdos con la administración.
3
El silencio administrativo no exime a la administración de la obligación de dictar una resolución expresa que analice si la información está afectada por límites legales o si debe prevalecer el interés público.
4
El incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave según el régimen disciplinario previsto en la Ley 19/2013.
5
La administración tiene la obligación legal de facilitar a la Comisión da Transparencia la información necesaria para el correcto cumplimiento de sus funciones.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista á reclamación presentada por XXX, mediante escrito que tivo entrada no Rexistro do
Valedor do Pobo o 24 de outubro de 2022, e considerando os antecedentes e fundamentos
xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión
celebrada o día 20 de decembro de 2022, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo do
24 de outubro de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional
quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a
desestimación por silencio administrativo da súa solicitude de acceso á información ante o
Concello de Santa Comba, de acceso a determinada documentación sobre Grenalia, Redeia
ou as entidades que consten vinculadas ao seu grupo empresarial e as eólicas cuxos
proxectos se instalarán nese concello.
O reclamante presenta a súa reclamación contra a falla de contestación dentro do prazo que
establece a normativa que lle é de aplicación.
Segundo. Con data do 27 de outubro de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante ao Concello de Santa Comba para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 31 de outubro de 2022, sen que polo
Concello se remitise o informe e copia do expediente solicitado.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter
potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na
súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no
artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das
Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no
seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades
Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 7 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións
corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao
Valedor do Pobo, ao que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a
competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia
de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 7 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que
ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 7 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No
seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os
efectos do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento
fronte a actos que non sexan expresos.
O Concello de Santa Comba non resolveu a solicitude de acceso á información
expresamente, polo que polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada en
prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A entidade reclamante solicitou ao Concello acceso a determinada información referida a
unha empresa privada ou as entidades que consten vinculadas ao seu grupo empresarial e as
eólicas cuxos proxectos se instalarán nese Concello sen obter resposta.
Pola Comisión da Transparencia solicitouse ao Concello a achega do seu criterio respecto da
solicitude de acceso á información, mediante a remisión de informe e copia do expediente
que non se recibiu, o que obriga a continuar a tramitación do expediente sen os seus
argumentos.
O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito
obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o
posible obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou
documento que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou
elaborado no exercicio das súas funcións.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública.
Parte da información solicitada, referida a unha empresa privada, de constar no Concello,
pode considerarse información pública, como pode ser a documentación ou información
que referente a asinantes de documentos públicos da dita empresa que consten en
expedientes do Concello, subvencións e axudas públicas recibidas ou tramitadas á dita
empresa, actas, convenios ou acordos coa referida empresa. Débese por tanto ditarse
resolución expresa sobre o acceso, dando audiencia se procede aos terceiros que podan
resultar afectados pola resolución que se dite, de conformidade co disposto no artigo 19 da
Lei 19/2013, e examinando previamente se a información solicitada que conste no Concello
e que poda considerarse información pública de acordo coa lei, está afectada por algún dos
límites de acceso previstos na dita Lei, en cuxo caso deberá, de forma motivada, disociarse
os datos de carácter persoal existentes ou eliminar se procede, os contidos parciais que
poidan verse afectados de forma clara polos límites legalmente previstos (artigos 14 e 15 da
Lei 19/2013), salvo no caso de que despois da ponderación tamén prevista, se comprobe
que debe prevalecer o interese público ou privado que xustifique en calquera caso o acceso
(artigos 14.2 da referida Lei).
A resolución que se pronuncie, debe formalizarse coa oferta de todas as garantías propias do
procedemento de acceso á información pública, entre as que se conta a oferta do
correspondente recurso substitutivo.
Debe lembrarse ao Concello de Santa Comba que, consonte o disposto no artigo 20.6 da Lei
19/2013, o incumprimento reiterado da obrigación de resolver en prazo ten a consideración
de infracción grave para os efectos da aplicación aos responsables do réxime disciplinario
previsto na correspondente normativa reguladora e a súa obriga, de conformidade co
disposto no artigo 35 da Lei 1/2016, de facilitar á Comisión a información que se lle solicite
para o correcto cumprimento das súas funcións en materia de transparencia.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 24 de setembro de 2022,
contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o
Concello de Santa Comba con data 22 de setembro de 2022, de acceso a determinada
documentación sobre Grenalia, Redeia ou as entidades que consten vinculadas ao seu grupo
empresarial e as eólicas cuxos proxectos se instalarán nese concello
Segundo: Instar ao Concello de Santa Comba a que, no prazo máximo de 10 días hábiles,
responda á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da
Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do
acceso.
Terceiro: Instar ao Concello de Santa Comba a que, no prazo máximo de 15 días hábiles,
remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información
solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.