Se solicitó al IGAPE información sobre ayudas y subvenciones concedidas a una asesoría desde el año 2000. Ante la falta de respuesta (silencio administrativo), el interesado reclamó. La Comisión da Transparencia estima la reclamación debido a que el IGAPE no resolvió la solicitud, instando al organismo a responder en un plazo de 10 días hábiles.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública es amplio y no requiere que el solicitante motive su petición.
2
La reclamación es admisible a pesar del silencio administrativo, ya que los recursos contra actos presuntos pueden interponerse en cualquier momento según el Criterio Interpretativo 1/2016 del CTBG.
3
El acceso a la información es una herramienta indispensable para el control de la actuación pública y la rendición de cuentas.
4
La falta de resolución expresa de una solicitud de información pública constituye un incumplimiento que debe ser subsanado mediante respuesta documentada y completa.
5
El incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave según el régimen disciplinario de la Ley 19/2013.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do remitido polo Consejo de
Transparencia y Buen Gobierno con data do 14 de novembro de 2022, e considerando os
antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da
Transparencia na sesión celebrada o día 20 de decembro de 2022, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito remitido polo Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, que tivo entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 14 de novembro de 2022, unha
reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa
solicitude presentada perante o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con data 13 de
xullo de 2022, que foi remitida por este ao Instituto Galego de Promoción Económica
(IGAPE) con data do 5 de agosto de 2022, de acceso á información sobre as axudas e
subvencións que ten concedido o dito Instituto á Asesoría Aboco Mino dende o ano 2000 ata
xullo do 2022.
O reclamante indicaba que non recibiu contestación á súa solicitude, asinada con certificado
electrónico.
Segundo. Con data do 21 de novembro de 2022 déuselle traslado da documentación
achegada polo reclamante ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para que,
en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e
ordenada do expediente.
Terceiro. Con data do 2 de decembro de 2022 o Instituto Galego de Promoción Económica
(IGAPE) contesta a petición remitindo o informe e o expediente instruído.
Neste informe, en resumo, indícase que con data do 10 de agosto de 2022 tivo entrada no
Rexistro Electrónico do IGAPE o oficio do 8 de agosto de 2022 do Ministerio de Industria,
Comercio y Turismo, trasladando a solicitude presentada pola interesada.
No IGAPE comprobouse a inexistencia do terceiro XXX, na contabilidade do IGAPE, pero, por
erro, non foi cursada resposta á solicitante.
Unha vez recibido o 25 de novembro de 2022 a solicitude deste informe por parte da
Valedora do Pobo, novamente foi comprobada a existencia de axudas económicas ou
subvencións a favor do dito terceiro, con resultado negativo.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con
carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa
mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación
prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas
Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades
Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as
Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia
de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que
ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No
seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os
efectos do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento
fronte a actos que non sexan expresos.
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) non resolveu expresamente a solicitude
de acceso á información, polo que polo que debe admitirse a reclamación por estar
presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A interesada solicitou do IGAPE información sobre as axudas e subvencións que ten
concedido o dito Instituto a unha Asesoría, sen obter resposta.
O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito
obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o
posible obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou
documento que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou
elaborado no exercicio das súas funcións.
O obxectivo final da Lei é o escrutinio da acción pública, mediante o coñecemento do
proceso de toma de decisións como medio de rendición de contas dos responsables
públicos.
Os Tribunais de Xustiza pronunciáronse no senso de que o acceso á información debe
recoñecerse con carácter amplo, e así, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo nº 4
de Madrid, en sentenza nº 93/2017, do 17 de xullo de 2017, establece que o artigo 12 da Lei
19/2013 recoñece do dereito de acceso á información pública a todas as persoas, sen
distinción.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública. No presente caso, pese a terse solicitado unha información que debe
considerarse información pública, non consta que se resolvese a dita solicitude, polo que
procede a estimación da reclamación presentada, debendo resolverse expresamente a
solicitude, dando se procede, a previa audiencia de acordo co disposto no artigo 19.3 da Lei
19/2013, ao terceiro cuxos dereitos ou intereses poidan resultar afectados pola resolución
da solicitude de acceso á información.
O IGAPE non resolveu a solicitude de acceso á información do interesado, polo que debe
lembrárselle que, de acordo co disposto no artigo 20.6 da Lei 19/2013, o incumprimento
reiterado da obrigación de resolver en prazo ten a consideración de infracción grave para os
efectos da aplicación aos responsables do réxime disciplinario previsto na correspondente
normativa reguladora.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 14 de novembro de 2022,
contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude remitida ao Instituto
Galego de Promoción Económica (IGAPE) con data do 5 de agosto de 2022, de acceso á
información sobre as axudas e subvencións que ten concedido o dito Instituto a unha
Asesoría.
Segundo: Instar ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a que, no prazo
máximo de 10 días hábiles, responda á petición de información solicitada, respectando os
límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no
que fai á formalización do acceso.
Terceiro: Instar ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a que, no prazo
máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao
reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.