Se solicitó a la Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades información sobre cursos de formación DUA para maestros. Ante el silencio administrativo, la interesada reclamó. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación por motivos formales, ya que la Administración no resolvió en plazo y solo lo hizo tras interponerse la reclamación.
Puntos clave de la argumentación
1
La reclamación es admisible al haberse presentado dentro del plazo de un mes tras producirse los efectos del silencio administrativo.
2
La Consellería de Educación no resolvió la solicitud de acceso a la información dentro del plazo legal establecido en el artículo 27.4 de la Ley 1/2016.
3
La resolución expresa que permitió el acceso a la información fue dictada y notificada con posterioridad a la presentación de la reclamación ante la Comisión.
4
Se estima la reclamación por motivos formales debido al incumplimiento de los plazos de respuesta por parte de la Administración.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 21 de novembro de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 31 de xaneiro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 21
de novembro de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016,
do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por silencio
administrativo, da súa solicitude presentada perante a Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades con data 2 de outubro de 2022 de acceso á
información sobre os cursos de formación para mestres de Educación Primaria relacionados
co Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA) que se teñen ofertado no ámbito da Xunta de
Galicia nos últimos cinco cursos académicos, con indicación da denominación, docente, data
de realización e número de horas e prazas ofertadas.
A reclamante, en resumo, indica que non obtivo resposta á súa solicitude.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 24 de novembro de 2022 déuselle traslado da documentación
achegada polo reclamante á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e
Universidades para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe
e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola Administración foi o 30 de novembro de 2022.
Terceiro.- Con data do 21 de decembro de 2022, a Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades contesta á petición remitindo o informe.
No informe indícase que con data do 15 de decembro de 2022 o secretario xeral técnico da
Consellería resolveu permitir o acceso á interesada á información solicitada, resolución que
se lle comunicou con data do 17 do mesmo mes.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter
potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na
súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no
artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das
Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no
seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades
Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia
de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que
ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No
seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os
efectos do silencio administrativo.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades non resolveu a
solicitude dentro do prazo que establece o artigo 27.4 da Lei 1/2016, senón que emitiu
resolución unha vez que a interesada tiña presentada reclamación ante esta Comisión, polo
que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A reclamante solicitou acceso a información sobre os cursos de formación para mestres de
Educación Primaria relacionados co Deseño Universal de Aprendizaxe ofertados nos últimos
cinco cursos académicos, con indicación da denominación, docente, data de realización e
número de horas e prazas ofertada, sen ter obtido resposta á súa solicitude.
A Consellería de Educación non resolveu en prazo a solicitude de acceso á información, pero
ditou resolución expresa que notificou á interesada con posterioridade a que esta
presentase reclamación ante esta Comisión, facilitándoselle o acceso á mesma.
De acordo co anterior, procede estimar por motivos formais a presente reclamación, sen
prexuízo de que si a reclamante o estima conveniente, poida presentar reclamación ante
esta Comisión fronte á dita resolución expresa, para que na tramitación da mesma poidan
ser analizados os seus argumentos, pronunciándose a resolución que corresponda.
ACORDA
Único: Estimar por motivos formais a reclamación presentada por XXX con data do 21 de
novembro de 2022, contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude
presentada perante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e
Universidades con data 2 de outubro de 2022 de acceso á información sobre os cursos de
formación para mestres de Educación Primaria relacionados co Deseño Universal de
Aprendizaxe (DUA).
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.