El solicitante pidió a la Consellería de Infraestruturas e Mobilidade información sobre la composición, reuniones y actas del Comité multidisciplinar del AVE a Galicia. Ante el silencio administrativo, la Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación, obligando a la Consellería a responder al interesado o remitir la solicitud al órgano competente.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública comprende cualquier contenido o documento elaborado o adquirido en el ejercicio de las funciones de los sujetos obligados.
2
La administración tiene la obligación de proporcionar una respuesta documentada, completa y satisfactoria como herramienta de control de la actuación pública.
3
Cuando la solicitud no es competencia del órgano receptor, este debe remitirla al órgano competente y comunicar dicha remisión al interesado según el artículo 19.1 de la Ley 19/2013.
4
El incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave según el régimen disciplinario previsto en el artículo 20.6 de la Ley 19/2013.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 30 de novembro de 2022, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 31 de xaneiro de 2023, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 30
de novembro de 2022, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016,
do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por silencio
administrativo, da súa solicitude presentada perante a Consellería de Infraestruturas e
Mobilidade con data 24 de outubro de 2022, de acceso á información pública sobre a
composición e datas de reunión do Comité multidisciplinar para elaborar unha estratexia coa
que impulsar o maior crecemento económico e rendemento social do AVE a Galicia, e sobre
as actas ou calquera outro documento elaborado polo dito órgano.
O reclamante, en resumo, indica que non obtivo resposta á súa solicitude.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 15 de decembro de 2022 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que, en cumprimento da
normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola Administración foi o 20 de decembro de 2022.
Terceiro. Con data do 30 de xaneiro de 2023 a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade
contesta a petición remitindo o informe da Dirección Xeral de Mobilidade.
Neste informe, en resumo, faise constar que constar que a solicitude require a información
sobre a composición e datas de reunión do Comité multidisciplinar para elaborar unha
estratexia coa que impulsar o maior crecemento económico e rendemento social do AVE a
Galicia, e as súas actas ou calquera outro documento elaborado polo dito órgano, e que ese
expediente non se atopa dentro dos tramitados por esa Consellería, xa que non está dentro
das competencias que ten atribuídas a Consellería nin a Dirección Xeral de Mobilidade. Indica
que o Comité ao que se fai referencia ten un encaixe transversal que excede das competencias
desta Consellería e a labor de seguimento do impacto da chegada do AVE a Galicia realízase
polas distintas consellerías, no ámbito das súas respectivas competencias, mediante, entre
outras labores, a elaboración informes de estado relacionados coa materia; dentro do ámbito
de competencias que corresponde a esa Consellería, se teñen elaborados distintos informes.
Faise constar que a chegada do AVE a Galicia é un proceso non rematado, polo que as distintas
Consellerías seguen a realizar traballos de seguimento e propostas de acción.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e
previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición
adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non resolveu a solicitude de acceso á
información, polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O reclamante solicitou acceso á información sobre a composición e datas de reunión dun
comité e as actas e calquera outro documento elaborado polo dito Comité, sen ter obtido
resposta á súa solicitude.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu a esta comisión un informe no que fai
constar que o expediente solicitado non se atopa dos tramitados por esa Consellería, por non
ser a súa competencia, sen que conste que remitise a solicitude, de conformidade co disposto
no artigo 19.1 da Lei 19/2013 ao órgano competente, a pesares de que do seu informe,
dedúcese que coñece cal é o competente, nin consta que resolvese expresamente a solicitude
de acceso á información presentada.
O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito
obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o posible
obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou documento
que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou elaborado no exercicio
das súas funcións.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública.
Debe por tanto a Consellería, ben remitir a solicitude ao órgano competente e comunicar esta
remisión ao interesado, de conformidade co disposto no artigo 19 da Lei 19/2013, ou ben en
caso de que o descoñeza, ditar resolución expresa sobre a solicitude presentada, lembrándolle
que a resolución que se pronuncie, debe formalizarse coa oferta de todas as garantías propias
do procedemento de acceso á información pública, entre as que se conta a oferta do
correspondente recurso substitutivo.
Debe lembrarse á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que, consonte o disposto no
artigo 20.6 da Lei 19/2013, o incumprimento reiterado da obrigación de resolver en prazo ten
a consideración de infracción grave para os efectos da aplicación aos responsables do réxime
disciplinario previsto na correspondente normativa reguladora.
En base aos feitos e fundamentos xurídicos anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 30 de novembro de 2022,
contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante a
Consellería de Infraestruturas e Mobilidade con data 24 de outubro de 2022, de acceso á
información pública sobre a composición e datas de reunión do Comité multidisciplinar para
elaborar unha estratexia coa que impulsar o maior crecemento económico e rendemento
social do AVE a Galicia, e sobre as actas ou calquera outro documento elaborado polo dito
órgano.
Segundo: Instar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a que, no prazo máximo de 10
días hábiles, responda ao interesado á petición de información solicitada de acordo do
establecido no fundamento xurídico quinto desta resolución, respectando os límites dos
artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á
formalización do acceso.
Terceiro: Instar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a que, no prazo máximo de 15
días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da
información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.