Estimada 28/03/2023 · 77 días en resolverse

Reclamación de la Fundación Civio sobre la media de pacientes diarios en atención primaria y estimación formal por entrega posterior de la información

La Fundación Civio solicitó a la Consellería de Sanidade de Galicia la media de pacientes diarios por profesional de atención primaria desde 2018. La Consellería inadmitió la solicitud alegando necesidad de reelaboración. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación por motivos formales, ya que la administración acabó facilitando la información solicitada.

Puntos clave de la argumentación

1 La causa de inadmisión por reelaboración de información debe interpretarse de forma estricta y no restrictiva, dado el carácter amplio del derecho de acceso a la información pública.
2 No es procedente inadmitir una solicitud de acceso a la información limitándose a citar el artículo legal aplicable sin motivar ni justificar la concurrencia de la causa de inadmisión.
3 La resolución de la Consellería de Sanidade carecía de motivación al no explicar por qué la información solicitada requería una reelaboración.
4 Se procede a la estimación por motivos formales de la reclamación debido a que la administración proporcionó la información solicitada tras la interposición del recurso.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista a reclamación presentada por XXX, en representación da Fundación Ciudadana Civio, mediante escrito do 10 de xaneiro de 2023, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de marzo de 2023, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. XXX, en representación da Fundación Ciudadana Civio presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 10 de xaneiro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución da Consellería de Sanidade do 15 de decembro de 2022, pola que se inadmite a solicitude de acceso á media de pacientes vistos ao día por médico de familia, profesionais de enfermaría e profesionais de pediatría en atención primaria dende 2018. O reclamante indicaba que solicitou á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia información sobre a media de pacientes vistos ao día por médico de familia, por profesional de enfermería e por pediatra en atención primaria desde 2018 ata a actualidade (desagregados por área de saúde). Ante a falla de resolución, presentaron reclamación ante a Comisión da Transparencia (RSCTG 174/22) e o 19 de novembro de 2022, a Consellería de Sanidade respondeu á súa solicitude inadmitíndoa a trámite e alegando como causa de inadmisión a reelaboración. Considera que a información solicitada non require unha acción previa de reelaboración, entendendo que aínda que pode tratarse dun amplo volume de información, ao pedirse desagregada por área de saúde, a súa obtención non implica un tratamento grande dos datos xa que unicamente se piden as cifras resultantes de realizar unha sinxela división entre o número total de consultas por área de saúde e o número de profesionais sanitarios nesta unidade territorial, datos que a administración galega posúe. Considera que a Consellería de Sanidade non motivou a inadmisión da solicitude de acceso á información. O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, asinada con certificado electrónico de representante da Fundación e do seu DNI. Segundo. Con data do 17 de xaneiro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Consellería de Sanidade para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. A recepción da solicitude pola administración foi o 20 de xaneiro de 2023. Terceiro. Con data do 15 de febreiro de 2023, a Consellería de Sanidade remite informe no que en referencia ao expediente RSCTG 174/22, remite a resolución ditada, na que se inadmite a solicitude de acceso á información por parte da Fundación Ciudadana Civio, por considerar que concorre unha causa de inadmisión, ao ser necesaria reelaboración da información. Cuarto.- Con datas do 18 de xaneiro e 7 de febreiro de 2023 a Fundación reclamante presenta documentación complementaria que foi remitida á Consellería de Sanidade. Quinto.- Con data do 7 de marzo de 2023 a Consellería de Sanidade remite oficio co que acompaña informe da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria no que se indica que mediante escrito do 24 de xaneiro de 2023 notificado ao representante da Fundación, remitíronselle as medias de frecuentación por día e categoría profesional a nivel de área (número de consultas/día x área) dende o ano 2018 ao ano 2022. Na dita información consta a media de pacientes vistos ao día por médico de familia, pediatra e enfermaría en atención primaria por área sanitaria dende o ano 2018 ao 2022. Na solicitude de data 02/01/2022 a Fundación solicita o mesmo, engadindo “que si fora posible, se lle dea a información por centro de saúde”, petición que amplía a anterior e facendo mención a que esta solicitude está relacionada co expediente anterior. A fonte de información utilizada de conformidade coa organización establecida na Lei de Saúde de Galicia 8/2008, é a área sanitaria porque así esta organizado o sistema público de saúde de Galicia ás que lle corresponden a xestión integrada dos recursos sanitarios asistenciais públicos do seu ámbito territorial, así como das prestacións e dos programas sanitarios que estas desenvolvan sendo isto coherente co indicador que serviu de base para obter a información solicitada. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poderes públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. A Consellería de Sanidade ditou resolución expresa sobre a solicitude con data do 15 de decembro de 2022, e a Fundación presentou a reclamación con data do 12 de xaneiro de 2023, polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente A entidade reclamante solicitou da Consellería de Sanidade información sobre a media de pacientes vistos ao día polos distintos profesionais de atención primaria desde 2018 ata a actualidade, desglosada por área de saúde, sen obter resposta. A Fundación presentou reclamación pola desestimación por silencio administrativo ante esta Comisión (expediente RSCTG 174/2022), que a estimou por motivos formais, ao ditarse resolución expresa con data do 15 de decembro de 2022, inadmitíndoa por ser necesaria a reelaboración da información. Se ben a resolución do 15 de decembro de 2022, carece de toda motivación, xa que simplemente limítase a citar o artigo 18.1.c) sen motivar nin xustificar a concorrencia na información solicitada a causa de inadmisión, con posterioridade a Consellería remitiu á Fundación solicitante as medias de frecuentación por día e categoría profesional a nivel de área (número de consultas/día x área) e a media de pacientes vistos ao día por médico de familia, pediatra e enfermaría en atención primaria por área sanitaria dende o ano 2018 ao 2022. Como xa se indicou á Consellería de Sanidade con ocasión da tramitación doutros expedientes de reclamación en materia de acceso á información ante esta Comisión, a aplicabilidade desta causa de inadmisión, como de calquera outra causa, debe tomar como premisa a formulación ampla e expansiva coa que aparece configurado o dereito de acceso á información na Lei 19/2013, que impón unha interpretación estrita, cando non restritiva das causas de inadmisión a trámite das solicitudes de información, e o dereito soamente verase limitado naqueles casos en que así sexa necesario pola propia natureza da información -derivado do disposto na Constitución Española- ou pola súa entrada en conflito con outros intereses protexidos, e sen que sexa procedente inadmitir unha solicitude de acceso á información simplemente citando o artigo que se considera de aplicación. De acordo co anterior, e dado que pola Consellería procedeuse a proporcionar á Fundación solicitante a información a pesares de ter ditada unha resolución de inadmisión e despois de que por esta se presentase a reclamación, procede a estimación por motivos formais da mesma. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia, ACORDA Único: Estimar por motivos formais, a reclamación presentada por XXX, en representación da Fundación Cuidadana Civio, contra a Resolución da Consellería de Sanidade do 15 de decembro de 2022, pola que se inadmite a solicitude de acceso á media de pacientes vistos ao día por médico de familia, profesionais de enfermaría e profesionais de pediatría en atención primaria dende 2018. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela. María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia.