Un ciudadano solicitó a la Vicepresidencia Primera y Consellería de Economía, Industria e Innovación de Galicia la actualización de la Declaración de Impacto Ambiental del parque eólico Rodeira. Tras el silencio administrativo, el solicitante alegó ser afectado por el proyecto. La Comisión da Transparencia de Galicia inadmitió la reclamación por falta de competencia.
Puntos clave de la argumentación
1
La información solicitada sobre la Declaración de Impacto Ambiental se califica jurídicamente como información ambiental.
2
La Ley 19/2013 establece que las materias con régimen específico de acceso a la información deben tramitarse según su normativa propia y solo supletoriamente por la de transparencia.
3
El acceso a la información ambiental está regulado específicamente por la Ley 27/2006, la cual define de forma amplia la información relativa al estado de los elementos del medio ambiente y las medidas administrativas.
4
La Comisión concluye que carece de competencia para resolver la reclamación debido a que el contenido de la solicitud debe tramitarse bajo el procedimiento establecido en la Ley 27/2006.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 1 de marzo de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de marzo de 2023, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Única. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 1 de
marzo de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18
de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por silencio
administrativo, da súa solicitude presentada perante á Vicepresidencia Primeira e Consellería
de Economía, Industria e Innovación sobre as informacións e actualizacións da Declaración de
impacto ambiental do parque eólico Rodeira, situado en Vila de Cruces, provincia Pontevedra
(Expediente XXX), incluídos os últimos planos de acceso, trazado e disposición.
XXX indicaba que é afectado polo proxecto como titular dunha explotación avícola moi
próxima aos aeroxeradores e prexudicada polos accesos ao parque e na declaración de
impacto ambiental recentemente aprobada faise referencia a unhas modificacións no
proxecto que non foron expostos ao público.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Análise do expediente
XXX solicitou o acceso á actualización dunha declaración de impacto ambiental dun parque
eólico que identifica pola súa localización.
Unha declaración de impacto ambiental é un instrumento no que determínase a conveniencia
ou non de realizar o proxecto en atención aos seus efectos ambientais e, en caso afirmativo,
as condicións nas que se debe realizar para a adecuada protección do medio e dos recursos
naturais, polo que debe entenderse que a información solicitada, é información ambiental.
A Disposición Adicional Primeira da Lei 19/2013, establece que as materias que teñan un
réxime específico de acceso á información, deben tramitarse tanto no procedemento de
acceso á información como nos procedementos de recurso, pola súa normativa específica, e
supletoriamente, no non previsto, pola normativa en materia de transparencia.
A Lei 19/2013 ten un carácter supletorio respecto daquelas materias que teñan unha
regulación específica de acceso á información, como sucede no caso da información
ambiental, que se atopa regulada na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os
dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de
medio ambiente.
O artigo 2.3 desta Lei considera información ambiental toda información en forma escrita,
visual, sonora, electrónica ou en calquera outra forma que verse sobre o estado dos
elementos do medio ambiente (aire, atmosfera, a auga, o chan etc..) os factores, tales como
substancias, enerxía, ruído etc que afecten ou poidan afectar os elementos do medio
ambiente citados anteriormente, as medidas, incluídas as medidas administrativas, como
políticas, normas, plans, programas e acordos en materia de medio ambiente, os informes
sobre a execución da lexislación ambiental, o estado da saúde e seguridade das persoas,
condicións de vida humana, bens do patrimonio histórico, cultural e artístico e construcións.
O concepto de información ambiental contido na Lei 27/2006, e nas Directivas Europeas
2003/4/CE e 2003/35/CE é dunha gran amplitude, afirmándose en diversas sentencias
Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas que o concepto de información
medioambiental abrangue calquera información relativa ao estado dos distintos elementos
do medio ambiente, as actividades ou medidas que poidan afectar ou protexer o estado dos
devanditos elementos, incluídas as medidas administrativas e os programas de xestión do
medio ambiente, debendo ser interpretada a directiva no senso de que no concepto de
medidas administrativas, non se debe excluír ningunha das actividades que desenvolve a
autoridade pública, debendo incluírse todas as formas de exercicio de actividade
administrativa. O Tribunal mantén que para que unha información se considere que versa
sobre medio ambiente a efectos da Directiva, basta que un informe da Administración
constituíse un acto que puidese afectar ou protexer o estado dalgún dos sectores do medio
ambiente aos que se refire a Directiva.
De acordo co anterior, non cabe senón concluír que a solicitude, polo seu contido relativo a
materias que sen dúbida deben ser incluídas dentro do concepto de información ambiental
do artigo 2 da citada Lei 27/2006, debe ser tramitada de acordo co procedemento establecido
na mesma, incluíndo os procedementos de recurso, carecendo por tanto esta Comisión de
competencia para resolver sobre esta materia, polo carácter ambiental da información que se
solicita.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Inadmitir a reclamación presentada por XXX con data do 1 de marzo de 2023, contra a
desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante a
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, sobre as
informacións e actualizacións da Declaración de impacto ambiental do parque eólico Rodeira.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.