El solicitante pidió a Augas de Galicia el último informe sobre el Plan General de Ordenación Municipal del Concello de Nigrán. El organismo denegó el acceso indicando que debía dirigirse al Ayuntamiento. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación, obligando al organismo a dictar resolución expresa y facilitar la información.
Puntos clave de la argumentación
1
No es aplicable la causa de inadmisión por información en curso de elaboración cuando el documento ya ha sido remitido al órgano competente, considerándose definitivo aunque el expediente administrativo general no haya finalizado.
2
La calificación de 'información auxiliar o de apoyo' debe interpretarse de forma restrictiva y favorable al derecho de acceso, basándose en la naturaleza real del documento y no en su denominación formal.
3
Los informes preceptivos que son valorados para la decisión final de un expediente no pueden considerarse información auxiliar según el Criterio interpretativo 6/2015 del Consejo de Transparencia y Buen Gobierno.
4
De acuerdo con el artículo 19.4 de la Ley 19/2013, la competencia para decidir sobre el acceso a la información recae en el órgano que elaboró el documento solicitado.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 20 de febreiro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 25 de abril de 2023, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 20
de febreiro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do
18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a resposta da Dirección de Augas de
Galicia de data 2 de febreiro de 2023 á súa solicitude presentada perante Augas de Galicia con
data 24 de xaneiro de 2023, de acceso ao último informe sobre o Plan Xeral de Ordenación
Municipal do Concello de Nigrán emitido polo devandito organismo.
XXX indicaba que con data do 2 de febreiro se lle comunicou por Augas de Galicia, que os
informes sectoriais evacuados polo dito órgano ao respecto da tramitación dos actos e plans
en materia de ordenación do territorio e urbanismo, emítense en calidade de organismo
consultado, polo que debe dirixirse ao Concello de Nigrán.
O dito informe obra en poder de Augas de Galicia e, ademais foi elaborado no exercicio das
funcións de Augas de Galicia, polo que considera que é información pública e as motivacións
para denegarlle copia de dito documento non están previstas na Lei 19/2013.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada asinada electronicamente e da
comunicación remitida por Augas de Galicia.
Segundo. Con data do 24 de febreiro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante a Augas de Galicia para que, en cumprimento da normativa de transparencia,
achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 27 de febreiro de 2023.
Terceiro. Con data do 31 de marzo de 2023 Augas de Galicia contesta a petición remitindo o
informe e o expediente instruído.
Neste informe, en resumo, indícase que tras a solicitude XXX, Augas de Galicia remitiulle unha
comunicación indicando que os informes sectoriais evacuados por Augas de Galicia ao
respecto da tramitación dos actos e plans en materia de ordenación do territorio e urbanismo
emítense en calidade de organismo consultado, polo que debe dirixirse ao órgano substantivo
competente na tramitación do instrumento de ordenación citado, neste caso, ao Concello de
Nigrán.
Considera Augas de Galicia no seu informe que é de aplicación a causa de inadmisión do artigo
18.1.b) da Lei 19/2013, por tratarse da solicitude dun informe entre órganos ou entidades
administrativas e a causa establecida no apartado a) do mesmo artigo (información que estea
en curso de elaboración), por canto o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de
Nigrán está en tramitación.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Dado que segundo consta no expediente remitido, XXX notificóuselle a comunicación con data
do 2 de febreiro de 2023 e a reclamación tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo con
data do 20 do mesmo mes debe admitirse por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
XXX solicitou acceso a un informe emitido por Augas de Galicia na tramitación dun expediente
de aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal dun Concello, sen que por Augas de
Galicia se emitise resolución expresa sobre a solicitude, tal e como establece o artigo 27.4 da
Lei 1/2016, senón unha simple comunicación, na que se lle indica que debe dirixir a súa
solicitude ao Concello.
No informe remitido por Augas de Galicia a esta Comisión, considera este organismo que a
reclamación debe ser desestimada por ser de aplicación as causas de inadmisión establecidas
no artigo 18.1.a) e b) da Lei 19/2013, ao tratarse de información en curso de elaboración e ser
un informe entre órganos ou entidades administrativas, sen que os ditos motivos de
inadmisión figuren na comunicación remitida XXX.
De conformidade co disposto nos artigos 27 da Lei 1/2016, e 20 da Lei 19/2013, nas solicitudes
de acceso á información debe ditarse resolución expresa polo órgano competente, neste caso
pola persoa titular da dirección de Augas de Galicia, que debe estar debidamente motivada
no caso de que se denegue o acceso, e coa indicación dos recursos que contra ela se poden
interpor, resolución que neste caso non consta que se ditase.
Respecto dos motivos de inadmisión alegados por Augas de Galicia no informe remitido a esta
Comisión, non se pode aceptar que o informe solicitado XXX, informe emitido por Augas de
Galicia na tramitación dun expediente de aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal,
sexa un informe que estea en curso de elaboración, por canto xa está remitido ao Concello, e
debe entenderse por tanto que é definitivo, sen que poida por tanto ser aplicable a causa de
inadmisión establecida no artigo 18.1.a) da Lei 19/2013.
A necesidade de garantir a eficacia da actuación administrativa é unha das principais razóns
que se utilizan para xustificar a conveniencia de non conceder o acceso á documentación que
se atopa en fase de elaboración ou de publicación xeral, así como documentos ou cuxa
tramitación aínda non finalizou. Débese diferenciar, xa que se trata de situacións diferentes,
os casos nos que un documento ou unha información se atopa en fase de elaboración, dos
supostos nos que un expediente administrativo se atopa en curso, é dicir, non finalizado.
Trátase de dúas situacións diferentes, aínda que ambas están caracterizadas pola falla de
terminación, e que se debe ter en conta no momento de resolver una solicitude de acceso á
información.
No primeiro caso, trátase dun documento ou dunha información en proceso de elaboración,
que aínda non está terminado, e no segundo, trátase dun suposto no que o procedemento
administrativo non se finalizou, pero no que poden existir documentos ou informes xa
concluídos. No caso dos informes ou documentos finalizados, como sucede no presente caso,
aínda que o expediente careza de resolución final, os documentos que xa estean incorporados
ao mesmo, son documentos que constituén información pública aínda que o procedemento
administrativo aínda se estea tramitando, e por tanto sen finalizar, non sendo por tanto
aplicable a causa de inadmisión alegada por Augas de Galicia na fase de informe a esta
Comisión.
Respecto á concorrencia da causa de inadmisión do artigo 18.1.b), información auxiliar ou de
apoio, debe terse en conta que o dito artigo permite a inadmisión das solicitudes de acceso
referidas a información que teña carácter auxiliar ou de apoio como a contida en notas,
borradores, opinións, resumos, comunicacións e informes internos ou entre órganos ou
entidades administrativas. Documentación auxiliar ou de apoio é un concepto xurídico
indeterminado que ha de ser resolto atendendo a criterios de sentido común, en relación co
contexto en que se sitúa e ao que debe dárselle unha interpretación claramente restritiva do
ámbito de aplicación do artigo 18.1.b) da Lei, é dicir, unha interpretación abertamente
favorable ao exercicio do dereito de acceso.
É a condición de auxiliar ou de apoio da información e non a denominación formal que a
mesma poida recibir o elemento determinante para a aplicación da causa de inadmisión. A
enumeración do artigo 18.1.b) é unha mera exemplificación que, en ningún caso, afecta a
todos os conceptos enumerados, senón aos que realmente teñan a condición principal de
auxiliar ou de apoio.
O Criterio interpretativo 6/2015 do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno concreta que
a causa de inadmisión (entre outros motivos) xorde ante solicitudes de informes non
preceptivos e que non sexan incorporados como motivación dunha decisión final. O criterio
verdadeiramente determinante para a inclusión de determinada información no ámbito de
aplicación do artigo 18.1.b) ven dado pola súa relevancia na tramitación do expediente ou na
conformación da vontade pública do órgano. No presente caso, o informe emitido por Augas
de Galicia na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal ten carácter preceptivo,
como figura no informe do dito órgano emitido na tramitación desta reclamación e debe
presumirse que será valorado na decisión final sobre a aprobación do expediente do plan ao
que se incorporou, polo que non esta xustificada a inadmisión por este motivo.
Respecto do órgano que debe proporcionar a información solicitada, o artigo 19.4 da Lei
19/2013, establece que debe ser o órgano que elaborou a información solicitada o que debe
decidir sobre o acceso. Por tanto, dado que o informe solicitado foi elaborado por Augas de
Galicia, debe ser este organismo o que dite resolución expresa sobre o acceso ao mesmo.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 20 de Febreiro de 2023,
contra a resposta da Dirección de Augas de Galicia de data 2 de febreiro de 2023 á súa
solicitude presentada perante Augas de Galicia con data 24 de xaneiro de 2023, de acceso ao
último informe sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Nigrán emitido
polo devandito organismo.
Segundo: Instar a Augas de Galicia a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, dite resolución
expresas sobre a solicitude presentada, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei
19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso.
Terceiro: Instar a Augas de Galicia a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta
Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da resolución emitida.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.