El interesado solicitó al Concello de Dumbría copia del expediente de obra de una carretera. Tras alegar silencio administrativo, la Comisión da Transparencia de Galicia desestima la reclamación porque el Ayuntamiento puso la documentación a su disposición en varias ocasiones, pero el solicitante se negó a firmar la diligencia de entrega requerida.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública implica el derecho a recibir una respuesta documentada, completa y satisfactoria como herramienta de control de la actuación pública.
2
La reclamación fue admitida a trámite al haberse interpuesto dentro del plazo de un mes posterior a la resolución expresa del 1 de marzo de 2023.
3
No existe incumplimiento por parte del Concello de Dumbría al haber ofrecido la documentación en reiteradas ocasiones.
4
La falta de entrega efectiva de la información se debe exclusivamente a la negativa injustificada del solicitante a firmar la diligencia administrativa de entrega.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX mediante escrito do 29 de marzo de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 30 de maio de 2023, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 29
de marzo de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta
da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a fronte á
desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o Concello
de Dumbría con datas 19 e 21 de decembro de 2022, de acceso a copia compulsada do
expediente relativo á obra dunha estrada.
XXX indicaba que transcorridos 3 meses da súa solicitude, non recibiu resposta.
O escrito viña acompañado de copia das solicitudes presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 4 de abril de 2023 déuselle traslado da documentación achegada pola
reclamante ao Concello de Dumbría para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
Terceiro.- Con data do 5 de maio de 2023 o Concello de Dumbría contesta a petición
remitindo informe no que en resumo, fai constar que o concello incluíu a obra nomeada
Acceso a Carballa e Vilar de Buxantes e outro, no Plano Provincial de Obras e Servizos POS+
2017 préstamo provincial. A dita obra foi adxudicada o 25 de outubro de 2017 e a recepción
o 31 de maio de 2019.
Durante o tempo de execución da obra o apoderado da empresa adxudicataria estivo en
continuo contacto coa reclamante resolvéndolle todas as dúbidas con respecto á execución
da mesma.
Transcorridos tres anos dende a súa execución, o Concello non ten ningún inconvinte en poñer
a disposición da interesada o proxecto técnico da obra que inclúe a memoria e planos da
mesma. Con motivo da queixa B.10.Q/3527/22 informouse á Valedora do Pobo que con data
do 15 de decembro de 2022, ás 10 horas, puxo a disposición da interesada o proxecto da obra
incluída, facéndolle entrega dun exemplar do proxecto nas oficinas municipais.
A interesada negouse a firmar a dilixencia de entrega do proxecto e procedeu a devolvelo sen
nin sequera consultalo e sen pagar taxa algunha.
Indica o Concello que a reclamante sigue tendo acceso ao proxecto cando o estime oportuno
debendo asinar unha dilixencia de entrega para constancia.
O 1 de marzo de 2023, a interesada personouse novamente nas oficinas do concello para
reclamar o proxecto técnico de referencia e fíxose entrega do mesmo xunto cunha dilixencia
de entrega do mesmo, que se negou a firmar polo que non se lle entregou o proxecto.
Con data 18 de abril de 2023, envióuselle comunicación á interesada no que se lle comunica
que ten á súa disposición, como se lle dixo en varias ocasións, o proxecto técnico da obra. Do
devandito proxecto deberá indicar, respectando os datos protexidos, os apartados dos que
quere obter copia que lle será facilitada nas oficinas municipais, debendo así mesmo asinar o
recibí das mesmas (ao que se negou en dúas ocasións) para constancia no expediente.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá,
no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao
que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Dado que o Concello resolveu expresamente o 1 de marzo de 2023, e a interesada presentou
a reclamación con data do 29 do mesmo mes, debe admitirse a mesma por estar presentada
en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
XXX solicitou ao Concello a obtención de copia dun expediente de obras dunha estrada.
De acordo co informe remitido polo Concello, a interesada foi informada durante o tempo de
execución da obra de todas as dúbidas que foi plantexando, e o expediente foille posto á súa
disposición con datas de 15 de decembro de 2022 e 1 de marzo de 2023, sen que obtivese a
copia solicitada, por negarse a asinar a dilixencia de entrega. O Concello comunicou así mesmo
á interesada que ten á súa disposición, como se lle indicou en varias ocasións, o proxecto
técnico da obra, do que deberá indicar os apartados dos que quere obter copia.
O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito
obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o posible
obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou documento
que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou elaborado no exercicio
das súas funcións.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública.
No presente caso, á interesada ofrecéuselle, a lo menos en dúas ocasións, a entrega de copia
da documentación solicitada, non facéndose efectiva dado que a solicitante, negouse a asinar
a dilixencia de entrega do mesmo. Así mesmo, o Concello informa que a interesada ten á súa
disposición o expediente para a obtención de copia, sendo necesaria a sinatura da dilixencia
de entrega. Non existe no presente caso, incumprimento algún por parte do Concello de
facilitar á interesada o acceso á información solicitada, senón unha negativa, da que non se
atopa xustificación por parte da solicitante, de asinar a dilixencia administrativa de entrega.
De acordo co anterior, procede a desestimación da reclamación presentada, ao terse ofrecido
en varias ocasións polo Concello a entrega da documentación solicitada, sen que se puidese
facer efectiva pola negativa da solicitante de asinar a dilixencia administrativa de entrega.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único : Desestimar a reclamación presentada por XXX no seu expediente de solicitude de
acceso ante o Concello de Dumbría, a copia do expediente relativo á obra dunha estrada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.