La Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio solicitó a la Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades acceso a documentación sobre la Autovía A-74 y su afectación a un yacimiento arqueológico. Ante el silencio administrativo, reclamó ante la Comisión da Transparencia de Galicia, que estima la reclamación por motivos formales al haberse facilitado la información posteriormente.
Puntos clave de la argumentación
1
La reclamación es admisible ya que, aunque la Administración no resolvió en plazo, dictó una resolución expresa posterior a la presentación de la reclamación.
2
El derecho de acceso a la información pública no requiere que el solicitante motive su petición, conforme al artículo 26.4 de la Ley 1/2016.
3
Se aplica el principio de buena fe, confianza legítima y lealtad institucional (art. 3.1.e de la Ley 40/2015) para presumir que la información facilitada por la Administración es completa.
4
La resolución es estimatoria por motivos formales debido a que el derecho de acceso fue satisfecho, aunque de forma extemporánea, durante la tramitación de la reclamación.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vistas ás reclamacións presentadas por XXX, en representación da Asociación Sociocultural
Mariña Patrimonio, mediante escrito do 15 de maio de 2023, e considerando os antecedentes
e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na
sesión celebrada o día 26 de setembro de 2023, adopta a seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX, en representación de Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, presentou,
mediante escrito que tivo entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 15 de maio de 2023, unha
reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa
solicitude presentada perante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades con data 31 de marzo de 2023, de acceso -e copia- á
documentación pública que obre en poder da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural,
relacionada coa futura construción do treito Barreiros-Foz, da Autovía da Mariña A-74, e a
súa previsible afectación ao xacemento arqueolóxico da Explotación Mineira da Espiñeira
(XXX) situado en Vilaronte, Foz, Lugo.
A Asociación reclamante indicaba que non recibiu resposta á súa solicitude de acceso á
información.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada con sinatura electrónica de
asociación, e do DNI de XXX.
Segundo. Con data 23 de maio de 2023 déuselle traslado da documentación achegada polo
reclamante á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para
que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e
ordenada do expediente.
Terceiro. Con data do 19 de setembro de 2023 a Consellería de Cultura, Educación y
Universidade contesta a petición remitido informe no que comunica que ditouse Resolución
favorable o día 27 de xuño de 2023, notificada ese mesmo día, e citouse á Asociación
reclamante para o 7 de xullo de 2023.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e
previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición
adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte
a actos que non sexan expresos.
A Consellería non resolveu a solicitude de acceso á información dentro do prazo establecido
polo artigo 27.4 da Lei 1/2016, pero ditou resolución expresa con data posterior á da
presentación da reclamación ante a Comisión pola Asociación, polo que debe admitirse a
reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A Asociación interesada solicitou acceso e copia á documentación pública que obre en poder
da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, relacionada coa futura construción dun treito da
Autovía da Mariña A-74, e a súa previsible afectación ao xacemento arqueolóxico da
Explotación Mineira da Espiñeira (XXX) situado en Vilaronte, Foz, Lugo, sen obter resposta.
A Consellería non resolveu en prazo a solicitude de acceso á información, pero con data do 13
de xullo de 2023, notificada no mesmo día, a solicitude de acceso foi resolta de forma positiva
facilitándoselle o acceso á información á Asociación interesada.
Como se indicou nos antecedentes, a administración pronunciou resolución estimatoria con
respecto á solicitude que dá orixe a esta reclamación con data posterior a que a reclamación
se tiña presentado e estaba en tramitación. Debe considerarse que a información
proporcionada é conforme coa solicitude exposta, tendo en conta que a Comisión da
Transparencia parte da base de que, nas súas relacións con outras administracións públicas,
rexen os principios xerais do artigo 3.1.e) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico
do Sector Público, de boa fe, confianza lexítima e lealdade institucional, implica que a
información posta ao dispor do reclamante comprende a totalidade da que figura en poder
da Administración na materia e no período especificado na solicitude de acceso á información.
Por tanto, coa información proporcionada dáse cumprida resposta ao solicitado polo
reclamante. Ao non terse recibida obxección algunha por parte de XXX sobre a información
recibida, débese entender que o seu dereito foi satisfeito aínda que de forma extemporánea
polo que procede estimar por motivos formais a presente reclamación, sen que proceda
efectuar actuacións complementarias e sen prexuízo de que se a Asociación reclamante o
estima conveniente, poida presentar reclamación ante esta Comisión fronte á dita resolución
expresa, para que na tramitación da mesma poidan ser analizados os seus argumentos,
pronunciándose a resolución que corresponda.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión de
Transparencia
ACORDA
Único: Estimar por motivos formais, a reclamación presentada por XXX, en representación de
Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, con data do 15 de maio de 2023, contra a
desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante a Secretaría
Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades con
data 31 de marzo de 2023, de acceso -e copia- á documentación pública que obre en poder
da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, relacionada coa futura construción do treito
Barreiros-Foz, da Autovía da Mariña A-74, e a súa previsible afectación ao xacemento
arqueolóxico da Explotación Mineira da Espiñeira (GA27019024) situado en Vilaronte, Foz,
Lugo.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.