Estimada 26/09/2023 · 98 días en resolverse

Reclamación de acceso a la información pública sobre expedientes de movimientos de tierras en el Castro do Torrillón con resultado estimatorio

La Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio solicitó a la Consellería de Cultura de Galicia acceso a expedientes e informes sobre movimientos de tierras en el Castro do Torrillón. Tras una concesión parcial, la Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación y ordena entregar la documentación denegada por falta de motivación jurídica.

Puntos clave de la argumentación

1 La denegación basada en el carácter de 'informes internos' (art. 18.1.b Ley 19/2013) requiere una interpretación restrictiva y favorable al derecho de acceso.
2 La naturaleza de información auxiliar o de apoyo depende de su relevancia para el conocimiento de cómo se adoptó una decisión pública y no de su denominación formal.
3 Deben excluirse de la categoría de información auxiliar aquellos informes que, siendo no preceptivos, resulten relevantes para conocer la motivación de la decisión adoptada.
4 Cualquier causa de inadmisión debe quedar debidamente motivada en la resolución, no bastando la mera mención de la norma o la calificación del documento como informe interno.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vistas ás reclamacións presentadas por XXX, en representación de Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, mediante escrito do 20 de xuño de 2023, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 26 de setembro de 2023, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. XXX, en representación de Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, presentou, mediante escrito que tivo entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 20 de xuño de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno contra a desestimación, inicial por silencio administrativo, da solicitude presentada perante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de acceso -e copia- á información pública relacionada coa denuncia presentada por Mariña Patrimonio sobre os movementos de terras para traballos forestais realizados na zona de protección do Castro do Torrillón (XXX). Con data 12 de xullo de 2023, o reclamante presentou escrito contra a Resolución ditada por esa consellería con data 28 de xuño de 2023, pola que se concede o acceso parcial á información solicitada. Neste escrito indica que se solicitou acceso á documentación que se atopa en poder da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, relacionada coa denuncia presentada pola súa Asociación que comprende os expedientes XXX, autorización da DXPC para a realización dos movementos de terras que se efectuaron na zona de protección do Castro do Torrillón e informes arqueolóxicos elaborados pola Dirección Xeral despois da denuncia de Mariña Patrimonio, e a inspección da parcelas afectadas para verificar a veracidade dos feitos denunciados. Na resolución do 28 de xuño de 2023, se lles concede acceso aos expedientes: XXX e non se lles concede acceso aos expedientes XXX por seren informes internos a petición do Servizo de Montes de Lugo, nin se lle da acceso á autorización da Dirección Xeral para a realización dos movementos de terras, informes arqueolóxicos elaborados despois da denuncia e á inspección das parcelas afectadas para verificar a veracidade dos feitos denunciados, sen dar os motivos polos que non se lles concede acceso a esta documentación. O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada con sinatura electrónica de asociación, e do DNI do representante. Segundo. Con data 23 de xuño de 2023 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. Con data do 14 de agosto de 2023, solicitouse á Consellería, a remisión de informe sobre escrito de reclamación contra a Resolución expresa ditada por esa consellería con data 28 de xuño de 2023, pola que se concede o acceso parcial á información solicitada. Terceiro. Con data do 7 de setembro de 2023 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades contesta a petición remitindo o informe e o expediente instruído. Neste informe, en resumo, indícase que como reflicte a Resolución de concesión, non se admitiu o acceso aos expedientes XXX en aplicación do artigo 18.1 b) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno dado que os informes solicitados son informes internos a petición do Servizo de Montes de Lugo e, consecuentemente, debe ser a Consellería de Medio Rural a competente en facilitar o acceso a eses expedientes. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poder públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poder públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte a actos que non sexan expresos. A Consellería resolveu a solicitude de acceso á información fora do prazo que establece a normativa e con posterioridade a que a Asociación interesada presentase reclamación ante esta Comisión, presentando ademais escrito de alegacións, unha vez recibida a resolución expresa, polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente A Asociación interesada solicitou acceso e copia da documentación referente a movementos de terras para traballos forestais realizados na zona de protección dun castro, obtendo fora do prazo que establece o artigo 27.4 da Lei 1/2016, resolución pola que se concede o acceso parcial á información solicitada. O motivo para denegar parte da información, e que se trata de informes internos a petición do Servizo de Montes de Lugo para os expedientes indicados e ser a Consellería de Medio Rural a competente para autorizar as intervencións. O artigo 18.1.b) da Lei 19/2013, permite a inadmisión das solicitudes de acceso referidas a información que teña carácter auxiliar ou de apoio como a contida en notas, borradores, opinións, resumos, comunicacións e informes internos ou entre órganos ou entidades administrativas. No presente caso, en base ao dito artigo, inadmitiuse o acceso a unha parte da documentación solicitada. Documentación auxiliar ou de apoio é un concepto xurídico indeterminado que ha de ser resolto atendendo a criterios de sentido común, en relación co contexto en que se sitúa e ao que debe dárselle unha interpretación claramente restritiva do ámbito de aplicación do artigo 18.1.b) da Lei, é dicir, unha interpretación abertamente favorable ao exercicio do dereito de acceso. Debe ser a condición de auxiliar ou de apoio da información, e non a súa denominación formal, o elemento determinante para a aplicación da causa de inadmisión. Imponse, pois, o exame, en cada caso, da información cuxo carácter auxiliar se alega, ao obxecto de decidir si, efectivamente, conta ou non coa devandita natureza. A enumeración do artigo 18.1.b) é unha mera exemplificación que, en ningún caso, afecta a todos os conceptos enumerados, senón aos que realmente teñan a condición principal de auxiliar ou de apoio. Isto é, pode ser que a información contida nalgún dos documentos desa listaxe –nota, borrador, resumo, -careza, para os efectos do seu acceso, de natureza de auxiliar ou de apoio, da mesma forma que, no ángulo inverso, non cabe excluír a posibilidade de que sexa, con todo, información desta clase a plasmada noutros posibles documentos, en soportes diferentes. O Criterio interpretativo 6/2015, do Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, concreta que a causa de inadmisión xorde ante información que conteña opinións ou valoracións persoais do autor que non manifesten a posición dun órgano ou entidade, sexa un texto preliminar ou borrador sen a consideración de final, se trate de información preparatoria da actividade do órgano ou entidade que recibe a solicitude, comunicacións internas que non constitúan trámites do procedemento ou informes non preceptivos e que non sexan incorporados como motivación dunha decisión final. O criterio verdadeiramente determinante para a inclusión de determinada información no ámbito de aplicación do artigo 18.1.b) da Lei 19/2013 vén dado, en conexión coa propia finalidade da Lei manifestada no seu Preámbulo, pola súa relevancia para a rendición de contas, o coñecemento da toma de decisións públicas, e a súa aplicación. O propio Criterio declara que a motivación que esixe a Lei 19/2013, para que operen as causas de inadmisión ten a finalidade de evitar que se denegue información que teña relevancia na tramitación do expediente ou na conformación da vontade pública do órgano, información que, en ningún caso, terá a condición de información de carácter auxiliar ou de apoio que, por definición, supón unha limitada incidencia ou relevancia nunha decisión pública. Pode así concluírse que a natureza auxiliar ou de apoio de determinada información depende, en último termo, da significación que poida ter para o coñecemento de como se adoptou determinada decisión. Entre a información auxiliar ou de apoio á que se refire o artigo 18.1.b) da Lei 19/2013 destacan os informes internos pola súa importancia e significación no ámbito da actuación administrativa. Debe excluírse da súa consideración como de carácter auxiliar, tanto os informes preceptivos como os que aínda cando non sexan preceptivos, se emitan por mandato normativo e formen parte do procedemento administrativo e que resulten relevantes para coñecer a motivación da decisión adoptada. Un informe non preceptivo e que non se incorporou á motivación final do acto poderá ser considerado, para os efectos da aplicación do artigo 18.1.b), información auxiliar ou de apoio, sempre que non resulte relevante para o coñecemento da actuación pública, debendo facerse unha interpretación claramente favorable ao acceso aos informes, ao marxe do seu carácter preceptivo ou facultativo. En todo caso, como se indicou en numerosas resolucións desta Comisión, de acordo coa xurisprudencia dos nosos tribunais, toda causa de inadmisión debe quedar debidamente motivada na resolución pola que se responda á solicitude de información presentada. No presente caso, a resolución ditada limitase a indicar que se trata de informes internos a petición do Servizo de Montes de Lugo, carecendo de toda motivación relativa á aplicación da indicada causa de inadmisión máis aló da mención a que a considera de aplicación. De acordo co anterior, débese entender que a información cuxo acceso se denegou á Asociación solicitante, é información pública, sen que estea xustificado que concorra nela a causa de inadmisión mencionada na resolución, polo que procede a estimación da reclamación presentada, debendo a Consellería proporcionala. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión de Transparencia ACORDA Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX, en representación de Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio, contra a Resolución do 28 de xuño de 2023 da Dirección Xeral Patrimonio Cultural, pola que se lle concede acceso parcial á súa solicitude de acceso á documentación relacionada coa denuncia presentada pola súa Asociación sobre os movementos de terras para traballos forestais realizados na zona de protección do Castro do Torrillón. Segundo: Instar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, proporcione a dita documentación, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso. Terceiro: Instar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia.