El interesado solicitó al Concello da Coruña documentación sobre la concesionaria UTE A Coruña Limpieza. Ante la falta de respuesta (silencio administrativo), presentó reclamación. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación debido a que el Ayuntamiento no resolvió la solicitud, instándole a entregar la información en 10 días hábiles.
Puntos clave de la argumentación
1
La reclamación es admisible ya que, ante una resolución presunta por silencio administrativo, los recursos pueden interponerse en cualquier momento según la doctrina del Consejo de Transparencia y Buen Gobierno y la Ley 39/2015.
2
El derecho de acceso a la información pública implica la obligación de recibir una respuesta documentada, completa y satisfactoria como herramienta de control de la actuación pública.
3
Se estima la reclamación al comprobarse que el Concello da Coruña no resolvió expresamente la solicitud de acceso a la información del interesado.
4
Se advierte que el incumplimiento reiterado de la obligación de resolver en plazo se considera una infracción grave según el artículo 20.6 de la Ley 19/2013.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 19 de xullo de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 26 de setembro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 19
de xullo de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta da
Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por
silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o Concello da Coruña con data
23 de maio de 2023, na que interesaba obter copia de determinada documentación
relacionada coa empresa UTE A Coruña Limpieza, concesionaria do servizo de limpeza viaria
do dito Concello.
XXX indicaba que non recibiu resposta á súa solicitude de acceso á información.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 26 de xullo de 2023 déuselle traslado da documentación achegada polo
reclamante ao Concello da Coruña para que, en cumprimento da normativa de transparencia,
achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
Terceiro. Con data do 14 de agosto de 2023 o Concello remite escrito no que solicita
ampliación do prazo para remitir o expediente .
Con data do 24 de agosto de 2023, contesta a petición remitindo informe e o expediente
instruído.
Neste informe, en resumo, indícase que en canto á documentación solicitada, o punto I consta
no propio contrato formalizado coa UTE A Coruña Limpieza, os puntos II e IV constan no
expediente do contrato de limpeza viaria, o punto III non concreta a que expedientes se refire,
máis alá dos requirimentos que se puideran facer ou dos expedientes de penalidades que se
puideran tramitar (xa obxecto dos puntos II e IV), o punto V son derivados das facturas
resultantes do contrato asinado, respecto do punto VI non existen certificacións posto que o
contrato non está contemplado o seu abono a prezos unitarios senón a un prezo total dividido
en 12 mensualidades e respecto do punto VII non se ten información sobre os pagos da
contratista a subcontratista e a documentación existente é a que consta no expediente do
contrato de limpeza viaria.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá,
no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao
que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións normativas
contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer recursos de alzada e
reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en calquera momento fronte
a actos que non sexan expresos.
Non consta que o Concello resolvese de forma expresa a solicitude de acceso á información,
polo que debe admitirse a reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
XXX solicitou do Concello acceso a determinada documentación documentación relacionada
coa empresa UTE A Coruña Limpieza, concesionaria do servizo de limpeza viaria do dito
Concello sen obter resposta.
O Concello remitiu informe no que figuran os trámites realizados no expediente de acceso,
indicando os distintos documentos nos que figura a información solicitada, sen que conste
que o expediente de acceso á información pública se resolvese expresamente.
O acceso á información pública está configurado na Lei como un dereito de amplo ámbito
obxectivo e subxectivo e, especialmente, o concepto de información pública no que o posible
obxecto dunha solicitude de información que a Lei consagra, é todo contido ou documento
que obre en poder dun organismo suxeito á norma, que fose obtido ou elaborado no exercicio
das súas funcións. O obxectivo final da Lei é o escrutinio da acción pública, mediante o
coñecemento do proceso de toma de decisións como medio de rendición de contas dos
responsables públicos.
O dereito dos cidadáns de solicitar aos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación da
Lei básica e da Lei autonómica en materia de Transparencia calquera tipo de información,
implica o dereito a recibir unha resposta documentada, completa e satisfactoria, dado que a
resposta deste tipo supón unha ferramenta indispensable para poder exercer o control da
actuación pública. Na maior parte das ocasións o auténtico valor do dereito de acceso á
información reside en que os solicitantes de acceso poidan obter con inmediatez unha
información que só lles outorga unha vantaxe exclusiva se non se dilata a súa entrega.
O Concello da Coruña non resolveu a solicitude de acceso á información do interesado, polo
que procede a estimación da reclamación presentada, lembrando ao dito Concello que, de
acordo co disposto no artigo 20.6 da Lei 19/2013, o incumprimento reiterado da obrigación
de resolver en prazo ten a consideración de infracción grave para os efectos da aplicación aos
responsables do réxime disciplinario previsto na correspondente normativa reguladora.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 19 de xullo de 2023, contra
a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante o Concello
da Coruña con data 23 de maio de 2023, na que interesaba obter copia de determinada
documentación relacionada coa empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria do dito
Concello.
Segundo: Instar ao Concello da Coruña, a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda
ao interesado á petición de información solicitada, respectando os límites dos artigos 14 e 15
da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do
acceso.
Terceiro: Instar ao Concello da Coruña a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a
esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.