Estimada 28/11/2023 · 34 días en resolverse

Reclamación contra la CRTVG por denegación de acceso a contratos con el Arzobispado de Santiago y otros organismos eclesiásticos (2017-2022), resuelta con estimación

Una ciudadana solicitó a la CRTVG los contratos celebrados con el Arzobispado de Santiago y otros organismos eclesiásticos entre 2017 y 2022. La CRTVG denegó el acceso alegando la necesidad de reelaborar la información. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación al considerar que no se ha justificado la complejidad de dicha reelaboración ni la dispersión de los datos.

Puntos clave de la argumentación

1 La causa de inadmisión por necesidad de reelaboración de la información debe interpretarse de forma estricta y no restrictiva, limitando el derecho de acceso solo cuando sea estrictamente necesario por la naturaleza de la información.
2 Según la jurisprudencia del Tribunal Supremo (STS 670/2022), la denegación por reelaboración no opera si el órgano no justifica de manera clara y suficiente que dicho tratamiento previo sea necesario y presente una cierta complejidad.
3 La simple recompilación de documentos, especialmente si están en formato electrónico, no constituye una reelaboración compleja que justifique la denegación del acceso.
4 La resolución impugnada carecía de motivación, al no justificar que la información estuviera dispersa, en distintos departamentos o formatos, ni la inexistencia de sistemas de tratamiento compatibles.

Texto completo

ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 25 de outubro de 2023, e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de novembro de 2023, adopta a seguinte resolución: ANTECEDENTES Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 25 de outubro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución do 23 de outubro de 2023 da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), pola que se resolve a súa solicitude de acceso aos contratos formalizados entre a CRTVG e o Arzobispado de Santiago durante o ano 2022 e os formalizados co Arzobispado de Santiago, a Provincia Eclesiástica de Santiago ou calquera outro departamento da Igrexa católica para os programas 'Polo camiño da fe' e a retransmisión da misa para os anos 2017 a 2021, e alternativamente, as contías económicas recollidas nos contratos para cada un deses anos separadas por tipo de programa, co número de capítulos incluídos e a data de formalización. A reclamante indica que na resolución que se lle notificou, se indica que os contratos da CRTVG se atopan no seu portal de Transparencia e consultado o mesmo, comproba que non aparecen os documentos íntegros e só se poden consultar uns datos limitados e no sitio web www.contratosdegalicia.gal non figuran os contratos que solicitou á CRTVG. A CRTVG denega o acceso a eses contratos por considerar que é necesaria a reelaboración para dar acceso á información. A interesada considera que non é necesario recabar, ordear e separar, clasificar e sistematizar, dado que se piden os contratos en bruto. O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI. Segundo. Con data do 7 de novembro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada polo reclamante á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para que, en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente. Terceiro. Con data do 17 de novembro de 2023 a Corporación da Radio e Televisión Pública de Galicia contesta a petición remitindo informe ao que acompaña resposta a pregunta parlamentaria con fichas resumen de contratos e acordos dende 2017 ao 2022. Neste informe de indica que denegouse o acceso á información solicitada ao amparo do artigo 18.1.c) da Lei 19/2013 por ser necesaria labor de reelaboración. Indica que a Corporación remitiu a información a todos os membros integrantes da Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia, para a súa comprobación e análise, como quedou explicitado polo director xeral da Corporación na Comisión de Control Parlamentaria da CRTVG celebrada o pasado 20 de outubro, e sendo esencialmente análoga á información recompilada e reelaborada pola Corporación para ofrecer resposta en sede parlamentaria á petición de información da reclamante, da traslado da mesma á Comisión de Transparencia de Galicia. FUNDAMENTOS XURÍDICOS Primeiro. Competencia e normativa O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas. O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas reclamacións. Segundo. Procedemento aplicable O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de recursos. Terceiro. Dereito de acceso á información pública A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten carácter básico. O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro). O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda participación dos poderes públicos. Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública. Cuarto. Prazo para a interposición do recurso O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24 da Lei 19/2013. O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa. Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo. A CRTVG ditou resolución con data do 23 de outubro de 2023 e a reclamación presentouse pola interesada con data do 25 do mesmo mes, polo que debe admitirse por estar presentada en prazo. Quinto.- Análise do expediente XXX solicitou acceso á determinados contratos asinados pola CRTVG e o Arzobispado de Santiago durante o ano 2022 e os formalizados co dito Arzobispado, a Provincia Eclesiástica de Santiago ou calquera outro departamento da Igrexa católica para determinados programas da CRTVG e a retransmisión da misa para os anos 2017 a 2021, séndolle denegada a dita información por considerar a CRTVG que para dar resposta a esa solicitude de acceso á información, era necesaria unha labor de reelaboración. A resolución impugnada, limítase a afirmar que dar a resposta requirida, supón unha labor de reelaboración, sen xustificar de forma algunha que a información estea dispersa e que debe facer numerosas buscas, que estea en distintos departamentos, en distintos formatos, nin calquera outro motivo. Como estableceu a recente sentenza do Tribunal Supremo 670/2022, do 2 de xuño, o artigo 18.1 Lei 19/2013 establece diversas causas de inadmisión das solicitudes de acceso á información pública, entre as que se atopan as relativas a información para cuxa divulgación sexa necesaria unha acción previa de reelaboración. Como xa se pronunciou o Tribunal na sentenza do 16 de outubro de 2017 (recurso 75/2017), a aplicabilidade desta causa de inadmisión , como de calquera outra causa, debe tomar como premisa a formulación ampla e expansiva coa que aparece configurado o dereito de acceso á información na Lei 19/2013, que impón unha interpretación estrita, cando non restritiva das causas de inadmisión a trámite das solicitudes de información, no que o dereito de acceso á información soamente pode verse limitado naqueles casos en que así sexa necesario pola propia natureza da información -derivado do disposto na Constitución Española- ou pola súa entrada en conflito con outros intereses protexidos. En todo caso, establece a sentenza, que os límites previstos aplicaranse atendendo a un test de dano (do interese que se salvagarda co límite) e de interese público na divulgación (que no caso concreto non prevaleza o interese público na divulgación da información) e de forma proporcionada e limitada polo seu obxecto e finalidade. Esa formulación ampla no recoñecemento e na regulación legal do dereito de acceso á información obriga a interpretar de forma estrita, cando non restritiva, tanto as limitacións a ese dereito que se contemplan no artigo 14.1 da Lei 19/2013 como as causas de inadmisión de solicitudes de información que aparecen enumeradas no artigo 18.1, sen que caiba aceptar limitacións que supoñan un menoscabo inxustificado e desproporcionado do dereito de acceso á información. Indica o Tribunal Supremo que a causa de inadmisión das solicitudes de información non opera cando quen invoca tal causa de inadmisión non xustifique de maneira clara e suficiente que resulte necesario ese tratamento previo ou reelaboración da información. Debido á severa consecuencia de inadmisión a trámite da solicitude que se anuda á súa concorrencia, é esixible que a acción previa de reelaboración presente una certa complexidade, polo que a subministración de información pública, a quen exercitou o seu dereito ao acceso, pode comprender unha certa reelaboración, tendo en conta os documentos ou os datos existentes no órgano administrativo, sen que esta reelaboración básica ou xeral, non sempre poida integrar, en calquera caso, a causa de inadmisión prevista no artigo 18.1.c), polo que precisa que tales datos e documentos teña un carácter complexo. No presente caso, na resolución pola que se resolve a solicitude de acceso pola Corporación, limítase a citar a causa, sen xustificar de forma algunha, a necesidade de reelaboración da información. No informe remitido pola Corporación, se indica que remitiu a información a todos membros integrantes da Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia, para a súa comprobación e análise, e da traslado da mesma á Comisión de Transparencia. Nesa información figura que os contratos solicitados son un acordo de colaboración para cada un dos anos entre o 2017 e 2019, 1 contrato, unha addenda e un acordo de colaboración no 2020, 1 contrato no 2021, e tres contratos no 2022. De acordo coa normativa vixente en materia de Transparencia e a xurisprudencia citada, non pode considerarse que que resulte necesaria para acceder á información solicitada unha acción previa de reelaboración, que non está xustificada nin na resolución impugnada, nin no informe remitido, e menos que esta sexa de certa complexidade, xa que o número de contratos e acordos solicitados, que probablemente deben estar en formato electrónico, non xustifica de ningún xeito que resulte necesario ese tratamento previo ou reelaboración da información, mais que unha simple recompilación dos mesmos, sen xustificar en ningún momento o seu nivel de complexidade, a dispersión da información, a inexistencia de sistemas de tratamento da información ou incompatibilidade entre eles. De acordo co anterior, ao non considerarse xustificada a causa de inadmisión citada na resolución e no informe da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), procede a estimación da reclamación presentada. En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da Transparencia, ACORDA Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 25 de outubro de 2023, contra a Resolución do 23 de outubro de 2023 da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), pola que se resolve a súa solicitude de acceso aos contratos formalizados entre a CRTVG e o Arzobispado de Santiago, a Provincia Eclesiástica de Santiago ou calquera outro departamento da Igrexa católica para os programas 'Polo camiño da fe' e a retransmisión da misa. Segundo: Instar á CRTVG a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á petición de información solicitada de acordo co indicado no fundamento xurídico quinto desta resolución, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da mesma lei, no que fai á formalización do acceso. Terceiro: Instar á CRTVG a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada. Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa. Santiago de Compostela, María Dolores Fernández Galiño Presidenta da Comisión da Transparencia.