El interesado solicitó la identificación de profesionales médicos y una disculpa por el trato recibido ante el Servicio Galego de Saúde. La Comisión da Transparencia de Galicia inadmitió la reclamación porque el escrito constituye una queja por atención sanitaria y no una solicitud de acceso a la información pública según la normativa vigente.
Puntos clave de la argumentación
1
La reclamación fue presentada en tiempo, habiéndose notificado la resolución impugnada el 23 de octubre y presentada la queja el 8 de noviembre de 2023.
2
La Comisión determinó que el objeto de la solicitud no es el acceso a información pública, sino una queja por atención sanitaria que incluye una petición de disculpas y la identificación de profesionales.
3
Se aplica el artículo 116.c) de la Ley 39/2015 para inadmitir la reclamación al no encajar la solicitud en el marco de los artículos 24 de la Ley 1/2016 y 28 de la Ley 19/2013.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada. ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 8 de novembro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 28 de novembro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 8 de
novembro de 2023, unha reclamación contra a Resolución do 25 de outubro de 2023 do
Coordinador do Servicio de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra,
polo que se resolve a Reclamación nº C 23/144281 do Sistema de xestión de reclamacións e
achegas do Servizo Galego de Saúde.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
A resolución ditouse con data do 23 de outubro e o interesado presentou reclamación ante
esta Comisión con data do 8 de novembro de 2023, polo que debe admitirse por estar
presentada en prazo .
Quinto.- Análise do expediente
O interesado presentou unha queixa no Sistema de xestión de reclamacións e achegas do
Servizo Galego de Saúde que foi contestada polo dito servizo. No seu escrito de queixa pola
atención sanitaria, solicitou acceso a determinada información.
A Comisión da Transparencia de Galicia, tal e como establece o artigo 33 da Lei 1/2016, é un
órgano colexiado de carácter independente que ten como función a resolución de
reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública establecidas no artigo 28
da mesma Lei.
Na tramitación das reclamacións, debe analizar se a información solicitada é información
pública ou non, e de selo, se á información solicitada lle son aplicables ou non os límites
establecidos nos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, ou se concorre na mesma algunha causa de
inadmisión das establecidas no artigo 28 da mesma Lei.
De acordo coa documentación presentada polo interesado, debe concluírse que non presenta
reclamación contra a falla de contestación ou desconformidade cunha solicitude de acceso á
información pública, senón que presenta unha queixa por unha atención sanitaria, no seno da
cal presenta unha solicitude de que se lle dea unha desculpa expresa polo trato dado e que se
identifique aos profesionais médicos que lle atenderon de acordo coa normativa de atención
ao paciente.
Por tanto, de conformidade co disposto no artigo 116.c) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do
procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, procede a inadmisión da
reclamación presentada, ao non poder considerarse a solicitude presentada, unha solicitude
de acceso á información pública de conformidade co disposto nos artigos 24 da Lei 1/2016 e
28 da Lei 19/2013.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Inadmitir a reclamación presentada por XXX contra a Resolución do 25 de outubro de
2023 do Coordinador do Servicio de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de
Pontevedra polo que se resolve a Reclamación nº C 23/144281 do Sistema de xestión de
reclamacións e achegas do Servizo Galego de Saúde.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.