Una concejala solicitó al Concello de Cangas acceso a las actas plenarias de 2015 y 2016. Tras estimarse la solicitud para consulta presencial, la interesada alegó vulneración de su derecho al no poder acudir en el horario indicado y al denegársele el acceso a un tercero. La Comisión da Transparencia desestima la reclamación al considerar correcto el acceso presencial otorgado.
Puntos clave de la argumentación
1
El acceso a la información se concedió mediante personación en las dependencias municipales debido a que las actas anteriores a 2017 no están digitalizadas.
2
La digitalización de actas antiguas implicaría un menoscabo en el funcionamiento normal del Ayuntamiento y afectaría al desarrollo eficaz de la actividad administrativa.
3
No se vulnera el derecho de acceso al denegar la vista de los documentos a una tercera persona que no es la solicitante ni ostenta la condición de concejal.
4
La solicitante no justificó la imposibilidad de acudir en el horario de atención al público ni solicitó formalmente el acceso en un horario alternativo.
5
La resolución del Ayuntamiento se considera conforme a lo dispuesto en el artículo 77 de la Ley 7/1985 reguladora de las Bases del Régimen Local y la normativa de transparencia.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 5 de outubro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 19 de decembro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 5 de
outubro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta da
Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución do Concello
de Cangas de data 27 de setembro de 2023 pola que se estima a súa solicitude do 26 de
setembro de 2023 na que interesaba obter copia -ou acceso- ao expediente que contén as
Actas Plenarias dos anos 2015 e 2016.
A interesada indica que para consultar un tema que estaba na orde do día do Pleno que se ía
levar a cabo o 29 de setembro de 2023 e ante o descoñecemento do mes no que se tratara en
aquel momento, solicitou deste xeito. En resposta se lle estimou a solicitude, indicando podía
acceder ao solicitado no departamento de secretaría en horario de 09:30h a 14:00h. Dado que
nese horario non se pode personar, e dado que as actas plenarias teñen que ser públicas,
solicitou a unha persoa do partido que pasase por secretaria para poder ver as actas e saber
cal era a que lles interesaba, pero personados en secretaria, novamente non se lle permite
acceder as actas solicitadas, o que considera que vulnera o dereito de información.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada asinada electronicamente, e da
resolución impugnada.
Segundo. Con data do 18 de outubro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante ao Concello de Cangas para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
Terceiro. Con data do 2 de novembro de 2023 o Concello de Cangas contesta a petición
remitindo o informe e o expediente instruído.
Neste informe, en resumo, indícase que a interesada presentou a súa solicitude na súa
condición de concelleira e a solicitude foi estimada 27/09/2023, na que se lle indicaba que
podería consultar a documentación solicitada no departamento de Secretaría en horario de
09:30h a 14:00h por un prazo de un mes a contar a partires da recepción da notificación da
Resolución.
Que a resolución citada ditouse de acordo co previsto no artigo 7 do Regulamento Orgánico
Municipal (ROM) publicado no Boletín Oficial da Provincia número 139 do 20 de xullo de 2017,
que establece que a consulta xeral de calquera expediente ou antecedentes documentais
poderá realizarse, ben no arquivo xeral ou na dependencia onde se atope, ben mediante a súa
entrega ou copia para que poida examinalos no despacho asignado a cada grupo municipal. O
libramento de copias limitarase aos casos citados de acceso libre dos concelleiros/as á
información e aos casos en que sexa expresamente autorizado pola Alcaldía e a consulta dos
libros de actas e dos libros de resolucións da Alcaldía ou concelleiros/as delegados/as deberá
efectuarse na Secretaría Xeral. En ningún caso os expedientes, libros ou documentación
poderán saír da Casa Consistorial ou Pazo Provincial, ou das correspondentes dependencias e
oficinas locais.
No caso do acceso á información dos expedientes recollidos na orde do día das convocatorias
das sesións plenarias, cómpre salientar ademais que os concelleiros/as dispoñen do acceso
necesario aos expedientes dende a convocatoria da propia sesión. En caso de que o
concelleiro ou concelleira considere que necesita máis información pode pedir acceso, como
sucedeu no presente suposto, no que se estimou esta solicitude nos termos do previsto no
ROM.
Polo que atinxe ao horario e á imposibilidade de acudir ao Concello, o horario outorgado no
Decreto obxecto de recurso trátase do previsto con carácter xeral para a atención ao público
no ámbito do Concello de Cangas, sendo no obstante coñecedora esta Alcaldía da presenza
da concelleira en instalacións municipais no horario referido.
Indica o Concello que as actas anteriores ao 2017, ano da incorporación da xestión electrónica
de expedientes no Concello, non están dixitalizadas, a súa dixitalización implicaría un
menoscabo no funcionamento normal do Concello, afectaría ao desenvolvemento eficaz da
actividade administrativa.
Considera o Concello que a reclamación carece de fundamento, xa que a súa solicitude de
acceso foi estimada expresamente sen que exercitara o seu dereito nos termos expostos de
acordo coa normativa de aplicación, sen que caiba atender á cuestión de horario alegada nin
que o exercicio deste acceso se poida trasladar a terceiras persoas que non reúnen sequera a
condición de concelleiros.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá,
no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao
que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Dado que segundo consta no expediente remitido, á resolución impugnada ditouse o 27 de
outubro de 2023, e a reclamación se interpuxo o 5 de novembro polo que debe admitirse a
reclamación por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A reclamante na súa condición de concelleira, solicitou acceso ás actas plenarias dos anos
2015 e 2016 e lle foi concedido o seu acceso ao día seguinte, para a súa consulta nas
dependencias municipais que se lle indican e dentro do horario de funcionamento desas
dependencias. A concelleira alega que nese horario non se pode personar, e dado que as actas
plenarias teñen que ser públicas, solicitou a unha persoa do partido que pasase por secretaria
para poder ver as actas e saber cal era a que lles interesaba, e non se lle deu acceso esa persoa,
que o Concello indica que non ten a condición de concelleira, o que considera a reclamante
que vulnera o dereito de información.
O Concello resolveu que podía consultar a documentación no departamento correspondente
e no horario do mesmo, non dispoñendo das actas dixitalizadas dos anos 2015 e 2016
dixitalizadas, xa que o 2017 foi o ano da incorporación da xestión electrónica de expedientes
no Concello, e a dixitalización de actas de anos anteriores, implicaría un menoscabo no
funcionamento normal do Concello e afectaría ao desenvolvemento eficaz da actividade
administrativa.
No presente caso, esta xustificado que o Concello non dispón das actas correspondentes aos
anos 2015 a 2016 en formato dixital, polo que o acceso se concede mediante a personación
da concelleira solicitante nas dependencias municipais que custodian as actas, sen que se
conculque o dereito de acceso pola denegación da vista das mesmas a outra persoa que non
é a solicitante, e sen que se xustifique pola persoa solicitante que, ao non poder acudir en ese
horario, a pesar de que ao Concello lle consta que a concelleira acude ao Concello dentro dese
horario, solicitase a vista das actas noutro horario diferente.
Considérase por tanto que a solicitude de acceso á información foi resolta de conformidade
co disposto no artigo 77 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e
a normativa de Transparencia, se ben a concelleira non acudiu á vista das actas para as que se
lle concedeu o acceso, nin solicitou o acceso en horario diferente do concedido.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Desestimar a reclamación presentada por XXX con data do 5 de outubro de 2023,
contra a Resolución do Concello de Cangas de data 27 de setembro de 2023 pola que se estima
a súa solicitude do 26 de setembro de 2023 na que interesaba obter copia -ou acceso- ao
expediente que contén as Actas Plenarias dos anos 2015 e 2016.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.