El solicitante pidió a la Xunta de Galicia el número de trabajadores de la especialidad de Biología afectados por el art. 217 del RDL 5/2023. Tras alegar que la información facilitada era insuficiente y cuestionar los criterios de estabilización, la Comisión da Transparencia desestimó la reclamación porque la respuesta requeriría la elaboración de un informe ad hoc complejo.
Puntos clave de la argumentación
1
La Comisión determina que las discrepancias sobre la correcta aplicación de la normativa de estabilización de plazas no se enmarcan dentro del derecho de acceso a la información pública.
2
Se establece que la información solicitada es obtenible mediante el cruce de datos de archivos Excel públicos con listados de admitidos y excluidos de procesos selectivos.
3
Siguiendo la jurisprudencia del Tribunal Supremo (Sentencia 670/2022), no es compatible con el espíritu de la ley dar respuestas que requieran la elaboración de informes ad hoc.
4
La solicitud se considera inadmisible al requerir una labor de reelaboración de cierta complejidad que implica recopilar y sistematizar información dispersa bajo premisas específicas.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX mediante escrito do 6 de outubro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 19 de decembro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 6
de outubro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do
18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a desestimación, por silencio
administrativo, da súa solicitude presentada perante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería
de Facenda e Administración Pública con data 4 de setembro de 2023, sobre o número de
traballadores pertencentes á Escala de Ciencias da Administración da Xunta de Galicia,
Especialidade de Bioloxía (Grupo I, Categoría 10) afectados polo artigo 217 do Real Decreto-
lei 5/2023, de 28 de xuño.
O reclamante indicaba que non obtivo resposta á súa solicitude. A reclamación veu
acompañada de copia da solicitude e do DNI do reclamante.
Segundo. Con data do 18 de outubro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Consellería de Facenda e Administración Pública para que, en cumprimento
da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do
expediente.
A recepción da solicitude pola Administración foi o 20 de outubro de 2023.
Terceiro. Con data do 30 de outubro de 2023 a Consellería de Facenda e Administración
Pública contesta a petición remitindo o informe e o expediente instruído.
Neste informe, remítese a Resolución do 26 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Función
Pública, na que se concede o acceso parcial á información solicitada. Indica a resolución que
a Xunta de Galicia asinou coas organizacións sindicais o 18 de outubro de 2017 o Acordo para
o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos e o 15 de
xaneiro de 2019, o Acordo de concertación do emprego público de Galicia, que tiñan por
obxecto, entre outras medidas, o desenvolvemento dunha iniciativa plurianual planificada
dirixida a incrementar a estabilidade do emprego público dependente da Xunta de Galicia, co
obxectivo de reducir a taxa de temporalidade inferior ao 7% ao final do período establecido
nos acordos asinados e en base aos cales se ven incorporando nos decretos que regulan
anualmente as ofertas de emprego público, unha taxa adicional de estabilización das prazas
que viñan estando ocupadas por persoal cunha vinculación temporal e que reúnen os
requisitos aos que fanse referencia nas Leis de orzamentos xerais do Estado e da comunidade
autónoma de Galicia. Indica a resolución que no anexo II do Decreto 62/2021, do 8 de abril,
polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal
funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano
2021, ofertáronse 9 prazas no Corpo facultativo superior (subgrupo A1) escala de ciencias,
especialidade de bioloxía. A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a
redución da temporalidade no emprego público, prevé un novo proceso de estabilización
mediante a convocatoria extraordinaria de prazas que non consumen taxa de reposición e
este proceso de estabilización estruturouse en dúas vías, unha mediante a autorización dun
terceiro proceso de estabilización adicional e outro mediante a convocatoria por concurso das
prazas que reunindo os requisitos establecidos no artigo 2.1 da Lei 20/2021, estivesen
ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro
de 2016.
De acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 79/2022, o número total de prazas a
ofertar no corpo facultativo superior, escala de ciencias e especialidade de bioloxía foi
determinado nas Resolucións do 22 de decembro de 2022 pola que se convocan os procesos
selectivos extraordinarios de estabilización derivado da Lei 20/2021, que foron 18 polo
sistema de concurso e 3 polo de concurso-oposición.
En relación coa información solicitada cos distintos parámetros e criterios que recolle a
petición do interesado, resulta preciso a reelaboración de información xa accesible nos
enlaces que se lle indican.
A resolución contén os enlaces ao detalle dos postos que se tiveron en conta para a
determinación das prazas que conforman a oferta pública de emprego, as certificacións
emitidas polo Director Xeral da Función Pública, a relación dos procesos selectivos convocados
e as Relacións de Postos de Traballo do ámbito da Función Pública, segmentados por persoal
funcionario e laboral.
Indica o informe remitido que a sentenza 713/2023, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
no procedemento ordinario 292/2022 contra o Decreto 79/2022 do 25 de maio, polo que se
aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionaria e laboral
da Administración Xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da
Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da
Lei 20/2021, do 28 de decembro, establece que non resulta imprescindible identificar cada un
dos postos de traballo que se atopan vacantes, pois basta con incluír o número de prazas, xa
que son as prazas vacantes que cumpren cos requisitos establecidos na norma as que se
inclúen na oferta adicional de emprego público.
Cuarto.- O reclamante, con data do 13 de novembro de 2023, remite escrito no que comunica
que recibiu a resolución da Dirección Xeral de Función Pública e manifesta en resumo que na
resposta dada cítase unha serie de información que é pública e accesible, pero que considera
insuficiente para dar resposta á súa solicitude, e que esa información só está en mans da
administración da Xunta de Galicia e a mesma non é accesible.
Indica que a resolución non fai referencia ao artigo 217 da Real Decreto Lei 5/23 nin se
menciona nada sobre o proceso selectivo convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019,
que foi o proceso de estabilización convocado cun sistema selectivo distinto ao previsto na
disposición adicional oitava da Lei 20/2021, e que establece como se calcula o número de
prazas da taxa adicional. Considera que unha información crave para poder dar reposta á súa
solicitude ten relación directa coa referida orde que contén no seu Anexo IV trece (13) prazas
correspondentes ao proceso de consolidación do persoal indefinido non fixo e que coa
información dispoñible non é posible determinar o número de traballadores que, ocupando
unha destas 13 prazas estruturais, non superaron este proceso selectivo, xa que esta
información non está publicada, nin é accesible pero considera que está en poder de Función
Pública e é imprescindible para dar reposta á súa solicitude.
Considera que outro tipo de información que non pode determinarse coa información
dispoñible, é identificar aquelas prazas que cumprindo os requisitos da Disposición Adicional
8º da Lei 20/21, non foron incluídas posteriormente no concurso de méritos polo feito de que
non figuraban nunha relación de postos de traballo, sobre a que pon un exemplo dunha
traballadora sobre a que nun borrador de modificación da Consellería de Medio Ambiente, ao
que indica que tivo acceso a través de vía sindical, propoñíase a creación dunha praza e
figuraba información sobre esta traballadora referida a que por sentenza foi declarada persoal
laboral indefinida non fixa, do que conclúe o reclamante que a praza desta traballadora
cumpría os requisitos que establece a Lei 20/21 para ser incluída no concurso de méritos, e
por tanto, debería incluírse no concurso de méritos da Lei 20/21, independentemente de que
a súa praza non estivese incluída nunha relación de postos de traballo. Indica que a
traballadora non superou un proceso de estabilización convocado cun sistema selectivo
distinto ao previsto na disposición adicional oitava da Lei 20/2021, e este tipo de información
non está publicada, nin é accesible pero se está en poder de Función Pública e é imprescindible
para dar reposta á súa solicitude.
Engade que tampouco pode determinarse o número de traballadores que ocupando unha
praza estrutural que cumpría os requisitos establecidos no artigo 19.un.6 da Lei 3/2017,
(prazas dotadas orzamentariamente, ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente
polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016), non foron incluídas na OPE
2018, nin na referida Orde do 2019 que indica que non está publicada, nin é accesible pero
está en poder de Función Pública.
Indica o interesado que de acordo coa información citada na Resolución da Dirección Xeral,
pon de manifesto que Función Pública, para determinar as prazas afectadas pola Lei 20/21,
non tivo en conta as 3 prazas da especialidade de bioloxía que figuraban no Anexo III (Proceso
de consolidación de persoal indefinido non fixo) do Decreto 62/2021, do 8 de abril, que non
estaban convocadas, nin outras 3 prazas que figuraban no Anexo III do Decreto 225/2020, que
tampouco estaban convocadas e que farían un total de 15 prazas, cando unicamente se
incluíron 9 prazas na Resolución do 22 de decembro de 2022, polo que conclúe que non se
incluíron na OPE extraordinaria 2022 (Decreto 79/2022, do 25 de maio), nin na convocatoria
da Resolución do 22 de decembro de 2022, un total de 6 prazas que cumprían os requisitos
para incluír nos procesos de estabilización da Lei 20/21.
Considera o reclamante que Función Pública non tivo en conta para determinar as prazas
afectadas pola Lei 20/21, a Disposición Adicional Oitava da Lei e por tanto quedaron excluídas
do concurso, a pesar de ser unha disposición de obrigado cumprimento e que o criterio de
ininterrompida adoptado na CCAA de Galicia de tres meses, non sería conforme coa
Disposición Adicional Oitava, xa que esta disposición non establece que a ocupación teña que
ser ininterrompida e a estes efectos pon un exemplo dunha traballadora que indica que pode
comprobarse na “Listaxe de postos de estabilización da Lei 20/21” para concurso-oposición,
publicados na web.
Quinto.- Con data do 14 de novembro de 2023 déuselle traslado do escrito presentado polo
interesado á Consellería de Facenda e Administración Pública para que emitise informe sobre
o mesmo.
A recepción da solicitude pola Administración foi o 17 de novembro de 2023.
Sexto.- Con data do 22 de novembro de 2023, a Consellería de Facenda e Administración
Pública remite informe no que fai constar que o día 6 de outubro o reclamante presentou
nova solicitude normalizada de acceso a información pública (nº de rexistro 2023/2721212 e
Exp- 2023/T-00680) en relación á Escala Ciencias, Especialidade Bioloxía e o 23 do mesmo mes
presenta nova solicitude na que indica que é unha mellora voluntaria da presentada o día 6.
A Dirección Xeral da Función Pública o 2 de novembro de 2023, emitiu resolución de acceso
de ambas solicitudes.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
A Dirección Xeral de Función Pública ditou a resolución do data do 26 de outubro de 2023, e
a reclamación contra a mesma tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo con data do 6 de
outubro de 2023, polo que debe admitirse a mesma por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O reclamante solicitou á Dirección Xeral de Función Pública información referida ao número
de traballadores pertencentes á Escala de Ciencias da Administración da Xunta de Galicia,
Especialidade de Bioloxía (Grupo I, Categoría 10) afectados polo artigo 217 do Real Decreto-
lei 5/2023, sen obter inicialmente resposta, polo que presentou reclamación ante esta
Comisión, recibindo resolución expresa con posterioridade.
A Resolución expresa da Dirección Xeral de Función Pública concede o acceso parcial á
información solicitada, no que previa explicación do desenvolvemento do plan de estabilidade
no emprego acordado coas organizacións sindicais, infórmalle de que se ofertaron 9 prazas
no Corpo facultativo superior (subgrupo A1) escala de ciencias, especialidade de bioloxía
(anexo II do Decreto 62/2021) e no novo proceso de estabilización da Lei 20/2021, estruturado
en dúas vías, de acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 79/2022, o número total
de prazas a ofertar na especialidade de bioloxía, foron 18 polo sistema de concurso e 3 polo
de concurso-oposición.
En relación coa información solicitada cos distintos parámetros e criterios que recolle a
petición do interesado, resulta preciso a reelaboración de información xa accesible nos
enlaces que se lle indican dos postos que se tiveron en conta para a determinación das prazas
que conforman a oferta pública de emprego, as certificacións emitidas polo Director Xeral da
Función Pública, a relación dos procesos selectivos convocados e as Relacións de Postos de
Traballo do ámbito da Función Pública, segmentados por persoal funcionario e laboral.
No escrito remitido polo reclamante unha vez que se lle notificou a resolución expresa,
manifesta que a información remitida non é suficiente para dar resposta á súa solicitude, e
que a información crave para poder dar reposta á súa solicitude ten relación directa coa
referida orde que contén no seu Anexo IV trece (13) prazas correspondentes ao proceso de
consolidación do persoal indefinido non fixo e coa información dispoñible, non é posible
determinar o número de traballadores que, ocupando unha destas 13 prazas estruturais, non
superaron este proceso selectivo, xa que esta información non está publicada, nin é accesible
pero considera que se está en poder de Función Pública e é imprescindible para dar reposta á
súa solicitude, á vez que discrepa cos criterios que considera que a Dirección Xeral utilizou
para determinar o número de prazas, entre os que esta o criterio de ininterrompida adoptado
na Comunidade Autónoma de tres meses, que lle levan a afirmar que non se incluíron un total
de 6 prazas que cumprían os requisitos para incluír nos procesos de estabilización, e que por
tanto non se aplicou correctamente a normativa.
A resolución impugnada concede parcialmente o acceso á información solicitada, mediante a
remisión dun link a través do que se accede, como se comprobou por esta Comisión á seguinte
información:
Certificacións da Dirección Xeral de Función Pública no que figura, entre a doutros
corpos e grupos, a información referente ao número de prazas correspondentes ao
Corpo Superior (Subgrupo A1) e Grupo 1 do persoal laboral.
Así mesmo, publícanse as referencias de ocupación dos postos, que son as que
constaban no rexistro central de persoal a data de entrada en vigor da Lei 20/2021, do
28 de decembro (30 de decembro de 2021) en dous arquivos, un correspondente aos
postos de concurso e outro aos postos de concurso-oposición, e separados por grupos
de funcionarios (dende o grupo A1 á agrupación profesional) e en formato reutilizable
(formato excel), os postos de traballo derivados dos procesos de estabilización da Lei
20/2021, e da Lei 5/2022, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no
emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste listado en formato
reutilizable, figura código do posto, centro de destino, denominación do posto, NIF
do/a funcionario/a que o ocupa, iniciais do nome e apelidos do funcionario/a que o
ocupa, proceso ao que se somete (concurso ou concurso-oposición), grupo ao que
pertence o posto, subgrupo, categoría e corpo da convocatoria estabilización.
Esta é a información dispoñible elaborada para a oferta de emprego público extraordinaria
correspondente ao proceso de estabilización, que contén as prazas que reúnen os requisitos
establecidos para os ditos procesos, a través das cales pode acceder á información solicitada.
As discrepancias que poida ter o reclamante respecto da correcta aplicación por parte da
Dirección Xeral da normativa aplicable a estes procesos, non se poden encadrar dentro do
dereito de acceso á información, e deben resolverse a través dos recursos e reclamacións que
contra as normas ditadas pola Consellería competente en materia de Función Pública se
poidan presentar.
Para obter a información que solicita o interesado, referente ás persoas que ocuparon esas
prazas e coas distintas variables, é necesario cruzar a información contida nas referidas follas
excel, nas que figuran os postos correspondentes aos grupos e categorías solicitados e as
iniciais do nome e apelidos das persoas que ocupan os ditos postos, cos listados de admitidos
e excluídos dos distintos procesos selectivos que se van convocando, para coñecer se cada un
deses traballadores, presentouse ou non a un ou a varios dos procesos selectivos convocados
e que sexa un proceso selectivo distinto ao previsto na disposición adicional 8ª, comprobar se
foi ou non admitido, e de estar o proceso selectivo finalizado, comprobar se o superou ou non.
É evidente que para dar a dita información, é necesaria unha labor de reelaboración de certa
complexidade, se ben coa información publicada na web, cos arquivos publicados sobre as
ditas prazas e os postos ocupados que cumprían os requisitos das normas de estabilización e
de acordo cos criterios utilizados pola Dirección Xeral, e cos listados de admitidos e excluídos,
e no seu caso, das persoas que van superando os distintos procesos selectivos, é posible
coñecer a información solicitada.
Como establece a Sentenza do Tribunal Supremo 670/2022, do 2 de xuño, non se
compadecería coa finalidade ou espírito da Lei, dar unha resposta que requira a elaboración
de informe ad hoc, que entraría dentro dás causas de inadmisión que establece ou artigo 18.1.
c) dá Lei 19/2013. As sentenzas do Tribunal Supremo do 16 de outubro de 2017, do 3 de marzo
de 2020 e 25 de marzo de 2021, puxeron de relieve que unha solicitude de acceso á
información, pode comprender unha certa reelaboración, e que a reelaboración básica ou
xeral, como é natural, non sempre integra, en calquera caso, a causa de inadmisión prevista
no artigo 18.1.c). A acción previa de reelaboración, por tanto, na medida que á súa
concorrencia se anuda unha severa consecuencia como é a inadmisión a trámite da
correspondente solicitude, precisa que tales datos e documentos teña un carácter complexo,
no que se debe elaborar, a partir dunha información pública dispersa e diseminada, mediante
un labor consistente en solicitar, primeiro; ordenar e separar, despois, o que é información
clasificada ou non e sistematizar, e ten que ser obxecto de diversas operacións.
No presente caso, solicitouse o número de traballadores que tivesen ocupado postos con
determinadas condicións que se establecen nas normas de estabilización, que se tiveran
presentado a un proceso se estabilización convocado cun sistema distinto ao previsto nunha
disposición adicional, información que se ben se pode obter cruzándoa cos listados de
admitidos e excluídos dos distintos procesos selectivos, débese considerar que requiren a
elaboración dun un informe ad hoc de certa complexidade no que se recompile a información
con todas as premisas solicitadas na petición, á que por tanto lle é aplicable a causa de
reelaboración invocada, ao requirir un proceso de reelaboración.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Desestimar a reclamación interposta por XXX contra a desestimación inicial por silencio
administrativo e posteriormente contra a resolución do 2 de novembro de 2023.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.