Una concejala solicitó al Concello de Cangas acceso al expediente 1787/2023 para un pleno municipal. Tras un error tipográfico en la notificación y falta de acceso efectivo, la Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación, obligando al Ayuntamiento a facilitar la información por ser esencial para el ejercicio de sus funciones representativas.
Puntos clave de la argumentación
1
El artículo 77 de la Ley 7/1985 garantiza a los miembros de corporaciones locales el derecho a obtener antecedentes e informaciones necesarias para el desarrollo de su función.
2
El Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais obliga a los servicios administrativos a facilitar información sobre asuntos a tratar en órganos colegiados.
3
El valor del derecho de acceso reside en la inmediatez de la entrega, especialmente cuando la demora impide que un edil vote con criterio en un pleno.
4
La recurrencia o cantidad de solicitudes presentadas por un concejal no constituye motivo válido para denegar la información necesaria para el ejercicio de su cargo.
5
Se estima la reclamación al acreditarse que, aunque hubo una resolución de concesión, no constaba el acceso efectivo al expediente antes del pleno.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, mediante escrito do 3 de novembro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 19 de decembro de 2023, adopta a
seguinte resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 3 de
novembro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto na disposición adicional quinta
da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a falla de contestación
polo Concello de Cangas á súa solicitude de acceso ao expediente XXX.
A interesada, que presentou a súa solicitude na súa condición de concelleira, indica que
solicitou acceso a varios expedientes relacionados con asuntos que estaban na orde do día do
Pleno do Concello do día 27 de outubro de 2023, accesos que nunca se fixeron anteriores ao
día do Pleno. O obxecto da presente reclamación é o acceso ao expediente 1787/2023, do que
se lle notificou o acceso ao expediente 1878, e do que indica que na data de presentación da
reclamación, segue sen ter acceso, e polo tanto non puido ter a información completa para
poder debater e votar con criterio sobre o tema que se levou a pleno.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada asinada electronicamente, e da
resolución impugnada.
Segundo. Con data do 7 de novembro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante ao Concello de Cangas para que, en cumprimento da normativa de
transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola administración foi o 1 de xuño de 2023
Terceiro. Con data do 22 de xuño de 2023 o Concello de Cangas contesta a petición remitindo
o informe e o expediente instruído.
Neste informe, en resumo, indícase que con data do 21 de outubro de 2023 a concelleira
solicitou acceso ao expediente 1787/2023 e dita solicitude foi atendida o 24 do mesmo mes,
estimando a solicitude presentada pero expresando cun erro de tipografía que o acceso era
para o expediente 1878/2023. Detectado o erro, o acceso efectivo foi efectuado para o
expediente realmente solicitado, corrixíndose o erro o 26 de outubro de 2023, mediante
Decreto 023-2086 que se lle notificou á interesada o día 26.
Indica que mediante decreto 2023/2058 de data 24/11/2023 foi convocado o Pleno de data
27/11/2023, estando o asunto tratado no expediente na orde do día, e polo tanto tódolos
concelleiros/as teñen acceso ao mesmo dende a data da convocatoria, co conseguinte
bloqueo do expediente polo que se fai imposible dar acceso por outra vía. Rematado ese
bloqueo, dáselle acceso ao expediente á solicitante, por un período de dez días hábiles.
Considera a Alcaldía que a solicitude que se presentan pola reclamante, xunto coa reiteración
dunha multitude recorrente de solicitudes responden, a unha estratexia dirixida a desgastar
ao grupo de goberno dentro do marco da confrontación política co conseguinte
entorpecemento e paralización da actividade administrativa.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
A disposición adicional quinta da lei establece que resolver esas reclamacións corresponderá,
no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, ao Valedor do Pobo, ao
que se adscribe a Comisión da Transparencia, que por tanto é a competente para resolver.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
Dado que segundo consta no expediente remitido, á interesada notificóuselle as resolucións
con data do 30 de outubro de 2023 e a reclamación tivo entrada no Rexistro do Valedor do
Pobo con data do 3 de novembro de 2023, debe admitirse a reclamación por estar presentada
en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A reclamante na súa condición de concelleira, solicitou acceso a un expediente do que indicou
o seu número, relacionado con asuntos que estaban na orde do día dun Pleno do Concello
que se ía celebrar nos próximos días, e se lle notificou por erro, a concesión do acceso a
expediente distinto do solicitado que despois se corrixiu, e no que indica que non puido ter a
información completa para poder debater e votar con criterio sobre o tema que se levou a
pleno.
Consta na documentación remitida polo Concello, que a interesada recibiu por comparecencia
en sede electrónica o día 26 de outubro de 2023, ás 14.41 horas, a resolución pola que se
corrixe o erro, pero non consta o acceso ao expediente, polo que débese entender que non
tivo acceso á información completa antes do pleno.
De conformidade co disposto no artigo 77 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases
do Réxime Local, todos os membros das Corporacións locais, é dicir, tanto os concelleiros/as
que formen parte do goberno local como da oposición, teñen dereito a obter do Alcalde ou
Presidente da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou informacións figuren en
poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa
función, debendo resolverse motivadamente a solicitude, no prazo de cinco días naturais
seguintes a aquel na que a solicitude se presentou.
O artigo 15 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades
Locais que prevé que os servizos administrativos locais estarán obrigados a facilitar a
información aos ediles, sen necesidade de que o membro da corporación acredite estar
autorizado, cando se trate de acceso dos membros da corporación que exerzan delegacións
ou responsabilidades de xestión, á información propia das mesmas, cando se trate do acceso
á información e documentación correspondente aos asuntos que haxan de ser tratados polos
órganos colexiados de que formen parte, así como ás resolucións ou acordos adoptados por
calquera órgano municipal e os que sexan de libre acceso para os cidadáns establecido na
normativa, polo que a información que solicita a concelleira, non pode denegárselle.
Na maior parte das ocasións, como na presente, o auténtico valor do dereito de acceso á
información reside en que os solicitantes de acceso poidan obter con inmediatez unha
información que só lles outorga unha vantaxe exclusiva se non se dilata a súa entrega, que
neste caso tradúcese na necesidade de que unha concelleira poida acudir ao pleno, coa
información necesaria sobre os asuntos que nel van a tratarse.
No presente caso non cabe dúbida do interese público no outorgamento da información
solicitada por canto é pedida por unha concelleira libremente elixida, no cumprimento do
mandato representativo da cidadanía para participar nos asuntos públicos, sen que se poida
demorar a entrega da información solicitada para a realización das funcións para as que foi
elixida como concelleira. Dado que unicamente consta no expediente administrativo remitido
polo Concello, a resolución de concesión do acceso, pero non o acceso ao expediente, procede
a estimación da reclamación presentada.
Debe lembrarse ao Concello que o feito de que unha concelleira presente unha multitude de
solicitudes, non pode ser motivo para que se lle denegue a información necesaria para o
exercicio da súa función.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por XXX con data do 3 de novembro de 2023,
contra falla de contestación polo Concello de Cangas á súa solicitude de acceso ao expediente
XXX.
Segundo: Instar ao Concello de Cangas a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda
á petición de información solicitada de acordo coa normativa de réxime local, e no non
disposto na mesma, pola Lei 19/2013.
Terceiro: Instar ao Concello de Cangas a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a
esta Comisión da Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.