PLADESEMAPESGA solicitó a la Presidencia de la Xunta de Galicia información sobre convenios y subvenciones vinculados a una empresa y determinadas autoridades. Tras el silencio administrativo, la Comisión da Transparencia de Galicia desestimó la reclamación por considerar que la solicitud es un ejercicio abusivo del derecho, con fines difamatorios y obstructivos.
Puntos clave de la argumentación
1
La solicitud se considera abusiva según el artículo 18.1.e) de la Ley 19/2013, al perseguir causar un perjuicio ilegítimo a los titulares del órgano y dificultar el funcionamiento normal de la Administración.
2
Se determina que el solicitante instrumentaliza el derecho de acceso para formular tesis delictivas conspiratorias y acusaciones de corrupción, lo cual excede los límites normativos de la transparencia.
3
El volumen indiscriminado de peticiones (350 solicitudes y 545 correos en 4 años) y el tono difamatorio evidencian una ausencia de finalidad seria y legítima.
4
La información sobre contratos y subvenciones de la empresa citada ya es objeto de publicidad activa en el Portal de Transparencia, por lo que el solicitante ya disponía de los datos objetivos.
5
La Comisión aclara que su competencia es resolver reclamaciones de acceso a la información y no investigar denuncias por infracciones administrativas o penales.
6
Se aplica la doctrina del abuso del derecho (artículo 7.2 del Código Civil) al concurrir una anormalidad en el ejercicio del derecho que desvirtúa la finalidad de la ley.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na
reclamación presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de
xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX, en representación da Plataforma en Defensa
del Sector Marítimo Pesquero de Galicia (PLADESEMAPESGA), mediante escrito que tivo
entrada no Rexistro do Valedor do Pobo o 13 de novembro de 2023, e considerando os
antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a Comisión da
Transparencia na sesión celebrada o día 19 de decembro de 2023, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX, en representación da Plataforma en Defensa del Sector Marítimo
Pesquero de Galicia (PLADESEMAPESGA) presentou, mediante escrito con entrada no
rexistro do Valedor do Pobo o 13 de novembro de 2023, unha reclamación ao amparo
do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de Transparencia e Bo
Goberno, contra a desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude
presentada perante a Secretaría Xeral Técnica da Presidencia da Xunta de Galicia, de
acceso aos Convenios, subvencións, adxudicacións desde a Xunta de Galicia ou as súas
consellerías ou o CETMAR, segundo o rexistro institucional, relacionados coa XXX,
Formación S.L, e o XXX.
O reclamante manifesta que solicitou documentación pública vinculada a convenios,
subvenciones, o calquera outro tipo de información relacionada coa XXX, XXX Formación
S.L e o XXX, convenios, subvencións, adxudicacións dende a Xunta de Galicia ou as súas
consellerías segundo o rexistro institucional, adxudicacións a cursos de formación desde
o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) cuxos datos máis concretos constan nos
adxuntos incluídos na solicitude, DNI, Domicilios etc.., sendo a concreta petición, a
información pública relativa á familia XXXe os seus vínculos institucionis a XXX S.L. No
punto segundo, solicita que se especifiquen as adxudicacións de Fondos Europeos e os
autónomos da Xunta de Galicia.
Segundo. Con data do 17 de novembro de 2023, déuselle traslado da documentación
achegada polo reclamante á Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, para
que en cumprimento da normativa de transparencia, achegase informe e copia
completa e ordenada do expediente.
Terceiro. Con data do 17 de novembro de 2023, o reclamante presenta escrito no que
comunica que con data de fora de prazo, recibiu oficio da Presidencia da Xunta, e
manifesta que non o comparte xa que como única pretende bajo el "despiste o ardid"
eludir la responsabilidad de la documental solicitada.
Indica que lle parece perfecto respecto da Sra. XXX en el Cetmar, pero no es correcto ni
honroso, que se haga "mutis por el oficio" a la participación de lleno, del xxx en los
documentos públicos solicitados, que como mínimo de mantenerse al margen debería
justificar mediante un párrafo la razón de dicha forma huidiza de su obligación”.
Cuarto.- Con data do 20 de novembro de 2023, remitiuse á Secretaría Xeral da
Presidencia da Xunta de Galicia o escrito presentado polo reclamante con data do 17 de
novembro de 2023, a efectos de que se tivese en conta na emisión do informe solicitado
con data do 17 de novembro de 2023.
Quinto.- Con data do 7 de decembro de 2023 a Consellería do Mar remite informe sobre
a reclamación e a copia do expediente solicitado.
Neste informe, en resumo se indica que a solicitude recibiuse na Presidencia da Xunta
de Galicia con data do 9 de outubro de 2023, en formulario acompañado de 187 páxinas
no que se ben a redacción do escrito resulta de difícil comprensión, do corpo do mesmo
dedúcese que se formula unha solicitude de documentación pública vinculada a
convenios, subvenciones, o calquera outro tipo de información relacionada con la “Sra.
xxx, xxx S.L y el sr xxx..”no que solicita e a solicitude esténdese, así mesmo a “Convenios,
subvenciones, adjudicaciones desde la Xunta de Galicia o sus consellerías según el
registro institucional, adjudicaciones a cursos de formación desde el CETMAR. cuyos
datos más concretos constan en los adjuntos incluidos en la solicitud, DNI, domicilios etc.
información relativa a la subscrición de convenios, concesión de subvenciones o
adjudicaciones de contratos a la mercantil citada en la solicitud en el ámbito de la
Presidencia da Xunta y de la Consellería do Mar” e que se especifiquen “las
adjudicaciones de Fondos Europeos y los autónomos de la Xunta”.
Dada a extensión e contido da petición e as dúbidas suscitadas en relación coa
competencia para resolver, con data do 17 de outubro de 2023, déuselle traslado da
indicada documentación á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, e con data do 16
de novembro de 2023, recibiuse a solicitude na Secretaría Xeral Técnica da Consellería
do Mar, por considerarse o órgano competente para resolver, data na que considera
que empezou a contar o prazo dun mes previsto para a súa resolución, polo que na data
de emisión do informe, non ten transcorrido o prazo dun mes para que a solicitude poida
considerarse desestimada por silencio administrativo e polo tanto, para que poida
presentar a reclamación ante a Comisión de Transparencia de Galicia, xa que se solicitou
ante o órgano que non dispoñía da documentación solicitada, dado o carácter xeral e
inconcreto da petición, a necesidade da análise e interpretación da documentación que
a acompaña, así como o carácter continuado e reiterativo de peticións do solicitante en
similares termos.
Indica o informe que o contexto no que se presenta a solicitude, con reiteración de
peticións similares, afecta ao correcto funcionamento da Administración Pública xa que
o reclamante, en nome e representación da Plataforma, ten presentado no sector
publico autonómico de Galicia nestes anos, innumerables e reiteradas peticións de
información pública, que fan que a solicitude non teña un carácter illado ou episódico,
senón que se enmarca no seo dunha continua reiteración de comunicacións similares.
Dos datos do Servizo de Rexistro e Atención á Cidadanía, só nos últimos 4 anos constan
350 entradas dirixidas polo reclamante ou por PLADESEMAPESGA, a diversos
departamentos da Xunta de Galicia, e existen un total de 545 correos enviados polo
reclamante a través de diferentes contas. Todos estes escritos, presentan un contido
vago, difuso, xenérico e inintelixible. Na maioría dos supostos non se determina
claramente cal é o obxecto da petición, e frecuentemente vén acompañada de
abundante documentación na que se formulan continuas descualificacións,
desconsideracións ou imputacións de feitos irregulares a distintos cargos da
Administración Pública galega. Considera a Secretaría Xeral que o número de peticións,
o elevadísimo volume de escritos, solicitudes e comunicacións, supón en si mesmo, un
menoscabo ao correcto funcionamento da Administración Pública e unha paralización
dos seus servizos, atendida a cantidade de efectivos persoais e de unidades de tempo
que resulta preciso adicar para realizar unha análise detallada da totalidade dos seus
escritos, a obtención da información, o exame de expedientes e a elaboración das
correspondentes resolucións. Considera que no presente caso, o volume de solicitudes
é tamén un reflexo do exercicio abusivo do dereito desde unha perspectiva cualitativa,
e que levar a cabo a revisión da propia solicitude e da voluminosa documentación
anexada coa mesma, o estudo da petición e da dispoñibilidade da información, a
revisión da normativa aplicable aos efectos da determinación da competencia, a análise
doutrinal na materia e a procura de resolucións, determinou unha porcentaxe
aproximada dun 25% da xornada de traballo de dous efectivos durante cinco días
hábiles, polo que considera que as peticións dirixidas polo reclamante teñen un marcado
carácter abusivo e que nelas se perde a finalidade da normativa en materia de
transparencia, e nas que o interesado, tanto nas súas solicitudes como na
documentación que xunta, efectúa descualificacións continuas e graves insinuacións
contra diferentes cargos da Administración Pública.
O contido da petición é documentación vinculada a convenios, subvencións, ou calquera
outro tipo de información relacionada coa XXX, XXX S.L e o Sr. XXX, e na súa solicitude
non concreta a documentación que supón que se atopa en mans da administración, se
non que prexulga que na administración, atópase información pública referente ás
vinculacións, que o recorrente da por certas, entre unha empresa e as autoridades
públicas citadas.
O recorrente parte das premisas de que as persoas que cita, forman parte desa empresa
e á vez son funcionarios públicos en distintos cargos dentro da Xunta de Galicia, sobre
as que acompaña a modo de ilustración varios documentos anexos (DOGs, anuncios,
denuncias etc.) e indica o reclamante que han participado de forma activa en la
adjudicación y recepción de subvenciones, facendo referencia ao réxime de
incompatibilidades de altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma.
Nos seus escritos se afirma que estas súas persoas alcanzaron el poder, tras dar cursos
de formacion en xxx S.L sin aulas, a la politica que es más directo el saqueo y el robar,
que xxx dió clases de narcosubmarinos en xxx con su prima sin aulas, sin alumnos, por
varios millones de euros adjudicados por xxxx desde la Xunta con la colaboración y el
encubrimiento de la Conselleira xxxx que mantenía un chiringuito de corrupción para
saquear fondos de cursos de formación es totalmente desconocido en Galicia….”, que
“regalaron cursos de formación sobre narcosubmarinos, imersión y flotabilidad sin aulas
de formación en las que el profesor era xxxx” entre outras expresións referidas a saqueo
de fondos públicos, o sospecha del canal de preferencias institucionales a la hora de
conceder las subvenciones.
Estas expresións, indican que o interesado pretende obter información ou
documentación pública relativa a unha suposta trama na que as autoridades que cita
participan “de forma activa” na “adxudicación e recepción de subvencións” dunha
empresa na que “dan clases de narcosubmarinos”, mantendo “un chiringuito de
corrupción para saquear fondos de cursos de formación”. Se solicitan convenios,
subvencións, adxudicacións desde a Xunta de Galicia o as súas Consellerías a cursos de
formación desde el CETMAR, DNI, domicilios etc, que son solicitudes dificilmente
intelixibles xa que non se concretan os expedientes que figuran na profusa e variada
documentación que acompaña á solicitude, na que tanto se inclúen publicacións en
diarios oficiais de contratos, convenios ou subvencións, tanto da Administración da
Xunta de Galicia como doutras entidades non pertencentes á mesma, e non se concreta
a información que se pide, nin o período temporal ao que se refire a solicitude.
Por outra banda e no que respecta aos expedientes da administración autonómica que
cita, xa evidencia posuír a información, polo que non se entende que solicita
concretamente.
Non resulta intelixible que información pretende da Administración cando solicita DNI e
domicilios sen máis precisión.
Considera o informe da Secretaría Xeral Técnica que o solicitado, non responde ao
concepto de información pública, e que a dita Secretaría non dispón de documentación
ou información pública que se refira “a la familia XXX y sus vínculos institucionales a XXX
SL”, ou “documentación pública vinculada a convenios, subvenciones, o cualquier otro
tipo de información relacionada con la XXX, XXX S.L y el Sr XXX” no senso que expón o
solicitante, isto é, información ou documentación pública que recolla a vinculación que
o solicitante expresa. Trátase dun acceso a documentos inexistentes que non forma
parte do contido do dereito á información pública polo que considera que a petición
debe ser inadmitida.
A finalidade da petición que se formula é contraria ao obxecto para o que foron
promulgadas as leis de transparencia e supón un exercicio abusivo do dereito de acceso
á información pública polo propio contido e manifestacións efectuadas, a inexistencia
da documentación solicitada, a petición que se formula, o contexto que se recolle na
solicitude e os documentos que a acompañan, permiten deducir que a finalidade da
petición é contraria ao obxecto para o que foron promulgadas as leis de transparencia
e que a solicitude e a reclamación, supoñen un exercicio abusivo do dereito de acceso á
información pública polo propio contido e manifestacións efectuadas, de acordo co
disposto no artigo 18.1.e) da Lei 19/2013.
O informe fai referencia á Resolución RT 0658/2021 do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno, que considera abusiva unha solicitude polos termos nos que o solicitante
expresa algunha das súas solicitudes e reclamacións, nas que expón xuízos de valor,
imparte consellos sobre a organización e funcionamento interno dese Organismo,
realiza descualificacións sobre algún dos seus departamentos, formula interpretacións
particulares e emite comentarios accesorios á marxe da propia solicitude de
información, que xera dúbidas ao Consejo respecto a se recorre de acordo co obxecto e
fins para os que a normativa en materia de Transparencia foi promulgada. O seu uso
torticero, falla ao espírito da Lei de Transparencia, que pretende dar a coñecer
obxectivos e accións executadas polas institucións públicas, segundo o seu preámbulo,
e que o recorrente coñece en profundidade. A resolución ten tamén en conta o número
de solicitudes presentadas e o seu contido no que, como consecuencia das peticións
efectuadas e o carácter tan particular e específico das mesmas, a posta a disposición do
solicitante da información, require una elaboración previa e concreta de cada unha
delas, o que supón un traballo específico e implica a dedicación de recursos humanos
en detrimento da actividade e servicios prestados desde o Organismo.
Considera a Secretaría Xeral Técnica en base ao anterior, que a solicitude non pode ser
analizada illadamente, senón que se enmarca nun conxunto de continuas
comunicacións e escritos dirixidos polo reclamante con similar carácter e que seguen a
liña de verter insinuacións de irregularidades na actuación dos distintos departamentos
e entes da Administración Pública autonómica. Neste senso, cita a Resolución Nº
168/2022 do Consejo Valenciano de Transparencia, que establece que non se poden
descoñecer algúns elementos de todo interese que afectan a un número importante de
reclamacións por parte dun reclamante que interpón un importante número de
reclamacións ante o Consejo, que ben poderían considerarse a punta dun iceberg das
peticións de información presentadas fronte a diversos suxeitos obrigados pola Lei, e
que o dereito de presentar solicitudes de acceso á información, non xustifica que se
poidan presentar indiscriminadamente solicitudes de acceso co fin de obstaculizar o
normal funcionamento das administracións públicas, e así o contempla a propia Lei
19/2013 como causa de inadmisión no seu artigo 18.e). Neste senso, se considera que
unha solicitude ten carácter abusivo, cando persegue claramente causar un prexuízo ou
alteración ilexítimos ao órgano ou entidade á que se dirixe ou aos seus titulares ou
dependentes, ou existe desproporción entre a relevancia da información solicitada e o
tempo e os recursos necesarios para obtela, debendo ter en conta que se una mesma
persoa ou colectivo, en nome propio ou na súa representación, presenta solicitudes de
información de maneira indiscriminada, aínda que non fosen repetitivas, debe valorarse
se teñen carácter abusivo ou buscan dificultar o funcionamento normal da
administración. Considera o Consejo Valenciano que a solicitude de información nese
expediente, non pode ser analizada de modo illado, senón nun contexto e un conxunto
que ven determinado polas reclamacións presentadas polo solicitante e polas
circunstancias da súa presentación nun breve período de tempo e xerando
obxectivamente uns efectos ineludibles, como o é a grave dificultade do organismo ao
que se lle solicita para o rexistro, tramitación, delimitación do solicitado, procura da
información requirida e redacción das respostas oportunas. A reiteración orquestrada
do exercicio do dereito leva a desvirtuar as finalidades do dereito de acceso á
información pública polas que foi recoñecido constitucional e legalmente. A
presentación indiscriminada de solicitudes de información, polo xeral mesturadas
dunha mirada de pretensións e queixas, así como nalgúns casos solicitudes que se
acompañan de expresións non aceptables fronte aos servidores públicos, de ningún
xeito pode considerarse que permite lograr esas finalidades da Lei e o exercicio do
dereito de acceso á información pública de tal xeito, e fai pensar nalgúns casos que tan
sequera importa a resposta que brinda a Administración, ao tempo de poder colapsar
aos servizos responsables. O anterior conleva a inutilidade do exercicio do dereito para
quen o exerce con tal abuso, amén das dificultades de que outros cidadáns poidan
exercer eficazmente o mesmo ao detraer as capacidades dos suxeitos obrigados.
Conclúe o Consejo Valenciano que cabe considerar que o reiterado exercicio do dereito
polo suxeito sinalado pode considerarse abusivo e, por tanto, procede a inadmisión da
solicitude de información, ao que engade que nalgúns casos as peticións do reclamante
adoecen de falta de concreción ou de indeterminación e, sobre todo que consideradas
no seu conxunto, e sumadas á que a Administración alega recibir por outras vías e
proporciona resposta na súa contestación a outros escritos previos ou posteriores, e que
por ser satisfeitas non son obxecto de reclamación ante o Consejo, coloca a estas
solicitudes ás portas mesmas do abuso de Dereito, o que é senón o botón de mostra de
das dificultades que presenta o exercicio do dereito de acceso á información pública
polo reclamante que nunha perspectiva conxunta impón, máis se cabe, a inadmisión da
súa solicitude por abusiva.
Considera a Secretaría Xeral Técnica que os criterios que refire esta Resolución son
perfectamente aplicables no caso que nos ocupa en base á xurisprudencia que cita sobre
o exercicio abusivo dun dereito que establece que se produce nunha actuación
aparentemente correcta que, non obstante, representa en realidade unha
extralimitación á que á lei non concede protección algunha, xerando efectos negativos.
Para a apreciación do exercicio abusivo, da base fáctica debe resultar patente unha
circunstancia subxectiva de ausencia de finalidade seria e lexítima, isto é vontade de
prexudicar ou ausencia de interese lexítimo e unha circunstancia obxectiva de exceso
no exercicio do dereito, isto é anormalidade no exercicio do dereito, tal e como
establece o criterio interpretativo CI/3/201610 do Consejo de Transparencia y Buen
Gobierno.
No presente caso, pese a presentarse formalmente como unha solicitude de acceso á
información pública que non se concreta, non pode ignorarse que o interesado mantén
a existencia dunha suposta trama na que as autoridades que cita, participan “de forma
activa” na “adxudicación e recepción de subvencións” dunha empresa na que “dan clases
de narcosubmarinos”, mantendo “un chiringuito de corrupción para saquear fondos de
cursos de formación”.
O contido difamatorio e insultante do escrito resulta elemento de xuízo suficiente para
percibir na intención do seu autor un abuso de dereito, que sobrepasa manifestamente
os límites normais do exercicio dunha petición de transparencia, ao facer suposto da
cuestión e atribúe conspiracións delictivas a todo un conxunto de autoridades públicas,
que entende que participaron nos feitos, polo que non pode considerarse que a
solicitude formulada estea xustificada na finalidade da Lei dado que, lonxe de pretender
someter a escrutinio a acción dos responsables públicos, o seu obxecto real é formular
unha tese delictiva conspiratoria e atribuír actuacións que presume a determinados
cargos. En lugar de pretender realmente a obtención de información, expón unha tese
sobre as vinculacións delicitivas entre determinadas autoridades públicas e unha
empresa, e conclúe que determinados feitos existiron e os atribúe ás autoridades que
identifica.
Dificilmente a información solicitada sobre as vinculacións existentes pode considerarse
como información pública e, ademais, pode ter por obxecto ou consecuencia a comisión
dun ilícito civil o penal, dado o contido insultante e difamatorio do escrito.
Ao anterior hai que sumar a actitude coetánea no tempo do reclamante, que amosa que
as súas finalidades son outras ben distintas da transparencia, finalidades nas que a
reclamación se integra como unha peza máis, así publicación no medio dixital Xornal de
Galicia (instrumento utilizado xunto con PLADESEMAESGA polo reclamante) do 18 de
novembro de 2023, que publica noticia titulada “La Comisión de Transparencia abre
expediente contra la Censura de xxxx, su tía xxx y xxx” na que recolle entre outros
extremos, que “Transparencia inicia investigación tras la solicitud de PLADESEMAPESGA.
por la censura e incumplimiento legal del xxx, y sus vinculos con xxxxx Presidenta de
CETMAR vinculados a xxx S.L, bajo una presunta trama de malversacion de fondos
europeos en falsos cursos de formación náuticos, a la solicitud de documentos públicos
y los vinculos de los nombrados, el xxx se ha negado a responder, ordenando el envío de
un oficio fuera del plazo legal tras tener conocimiento de la apertura de expediente por
su incumplimiento legal”.
Esta publicación intégrase perfectamente na estratexia e ton do solicitante e evidencia,
o seu claro intento de instrumentalizar á propia Comisión da Transparencia e involucrala
nos seus manexos e teses, ao afirmar, con evidente alteración da verdade de que a
Comisión da Transparencia abre expediente en relación aos vínculos do xxx e a súa xx
con xxxx en relación cunha presunta trama de malversación de caudais públicos.
Respecto da atribución e o exercicio de competencias, indica o informe da Secretaría
Xeral Técnica que o Presidente da Xunta non ten atribuídas as de subscribir contratos
ou outorgar subvencións, competencias que corresponden aos conselleiros, presidentes
ou directores dos organismos autónomos. En todos os postos que ocupou na Xunta de
Galicia desde o ano 2009, con anterioridade a ostentar a súa Presidencia, en ningún caso
tivo atribuídas competencias vinculadas nin directa nin indirectamente aos ámbitos
formativos aos que se refire a solicitude.
A información pública relativa a convenios, contratos ou subvencións con XXX é obxecto
de publicidade activa e está a disposición do solicitante no Portal da Transparencia, en
concreto na Plataforma de Contratos da Xunta e na base de datos de convenios.
Considera que o solicitante non pretende realmente obter información pública relativa
a XXX S.L , se non que sobre o obxecto da súa solicitude, son o que considera vinculacións
existentes entre a empresa e determinadas autoridades públicas, que a xuízo do
reclamante, constitúen unha trama de corrupción para saquear fondos de cursos de
formación, información da que non dispón a Consellería, e que xustifica que a solicitude
e reclamación deba ser inadmitida.
O propio solicitante achega, entre as 187 páxinas que presenta, documentación
descargada dos portais institucionais nos que se efectúan as publicacións das actuacións
correspondentes a esta administración, do que se deduce que ten acceso aos datos
indicados na súa solicitude de acceso a información pública.
Indica a Secretaría Xeral Técnica que sen prexuízo de que entenda que a solicitude e
reclamación deban ser inadmitidas, se o solicitante pretende obter a unha información
xenérica relativa aos convenios, contratos e subvencións da administración con XXX,
conclusión que non está clara e ao seu xuízo constitúe unha interpretación que non vai
deixar satisfeito ao propio reclamante, pois resulta evidente que pretende algo máis e
do que non dispoñen, debe salientarse que a dita información relativa aos convenios,
subvencións e contratación, se atopa publicada nos correspondentes portais, polo que,
de considerarse a petición admisible e referida estritamente a esta información, a
contestación podería ser simplemente remitir ao solicitante ás correspondentes paxinas
web institucionais onde se recolle esa información e que figura na forma na que se indica
no informe.
Conclúe o informe que a solicitude e reclamación resultaría inadmisible polo contexto
de peticións reiteradas no que se formulan, de contido e ton similar, insultante,
difamatorio e irracional, polo feito de solicitar información pública da que non se dispón
sobre supostas vinculacións de determinadas autoridades cunha empresa, e por ter un
carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da Lei.
A consellería, tendo en conta que a información relativa aos convenios, contratos e
subvencións con XXX xa figura convenientemente publicada en cumprimento dos
mandatos legais na materia, vai proceder a contestar ao solicitante, dentro do prazo
legal, remitíndoo ás correspondentes páxinas web institucionais onde se recolle esa
información das diferentes consellerías, ademais de remitirlle a información concreta
dos contratos formalizados coa Consellería do Mar indicados.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información
pública e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra
toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá
interpoñerse unha reclamación ante o Consello de Transparencia e Bo Goberno, con
carácter potestativo e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa
mesma lei, na súa disposición adicional cuarta, establece que a resolución da
reclamación prevista no artigo 24 corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas
polas Administracións das Comunidades autónomas e o seu sector público, e polas
Entidades Locais comprendidas no seu ámbito territorial, ao órgano independente que
determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece
que contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información
pública, poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo,
correspondendo á Comisión da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a
resolución das devanditas reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación
axustarase ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece
que as reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten
carácter potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa,
axustarán a súa tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo
común en materia de recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas
a acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos,
calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos
incluídos no ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en
exercicio das súas funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei
estatal 19/2013 que ten carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de
forma ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito
son todas as persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de
acceso á información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e
regular e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1).
No seu preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as
normas de bo goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só
cando a acción dos responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns
poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, como se manexan os
fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio
dun proceso no que os poder públicos comezan a responder a unha sociedade que é
crítica, esixente e que demanda participación dos poder públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a
aprobación dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun
texto legal que establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información
pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo
24 da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta
en materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao
da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan
os efectos do silencio administrativo.
Tal e como establece o Criterio Interpretativo 1/2016, do Consello de Transparencia e
Bo Goberno, de acordo con reiterada doutrina xurisprudencial e coas previsións
normativas contidas nos artigos 122 e 124 da Lei 39/2015, poderanse interpoñer
recursos de alzada e reposición, respectivamente, respecto de resolucións presuntas en
calquera momento fronte a actos que non sexan expresos.
Dado que segundo consta na documentación remitida polo interesado e pola
Consellería, non se ditou resolución expresa sobre a solicitude, debe admitirse por estar
presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A asociación reclamante, presentou unha solicitude ante a Secretaría Xeral Técnica da
Presidencia da Xunta de Galicia, de acceso ás supostas vinculacións de determinadas
autoridades da Xunta de Galicia cunha empresa, referidas a convenios, subvencións e
adxudicacións desde a Xunta de Galicia ou as súas consellerías ou o CETMAR,
indicándose a procedencia dos fondos destinados (Europeos ou propios da Xunta de
Galicia), así como DNI e domicilio.
Antes de entrar no contido e extensión da solicitude, debe determinarse se finalizou ou
non o prazo para a resolución da solicitude. A Secretaría Xeral Técnica do Mar afirma no
seu informe, que aínda non rematou o prazo para resolver, afirmación que non se pode
compartir. A solicitude presentouse con data do 9 de outubro de 2023, e dadas as
dúbidas suscitadas en relación coa competencia para resolver, con data do 17 do mesmo
mes, deuse traslado da solicitude á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, e con data do 16
de novembro de 2023, é dicir, cando xa estaba finalizado o prazo para resolver de acordo
co disposto no artigo 27.4 da Lei 1/2016, remitiuse a solicitude á Secretaría Xeral Técnica
da Consellería do Mar por considerarse o órgano competente para resolver. Debe por
tanto entenderse a solicitude, desestimada por silencio administrativo, de acordo co
disposto no parágrafo 5 do dito artigo, sen que se tivese ampliado o prazo xustificado
polo carácter xeral e inconcreto da petición, a necesidade da súa análise e interpretación
e da documentación que o acompaña, en base ao disposto no artigo 22.1 da Lei 19/2013.
Centrándonos no obxecto da solicitude, como afirma o informe da Secretaría Xeral
Técnica, pódese entender que o solicitante non pretende realmente obter información
pública relativa aos convenios, contratos ou subvencións da referida mercantil coa
Xunta de Galicia e os seus organismos, xa que na pouco ordenada documentación
remitida coa súa solicitude e co seu recurso, figura esa información (contratos,
convenios ou subvencións a XXX S.L pola Xunta de Galicia), do que serve de exemplo as
páxinas 20, 32, 34, 60, 153, 163 a 173 185, 188 ou 190 da súa reclamación. Esa
información é obxecto de publicidade activa e está a disposición do solicitante e de
calquera outra persoa interesada, e é claro, que a Asociación reclamante e o seu
representante, coñece perfectamente como acceder á mesma.
O verdadeiro obxecto da solicitude, como afirma o informe da Administración, é acceso
a información referente ás pretendidas polo solicitante, vinculacións existentes entre a
empresa e determinadas autoridades públicas, que ao seu xuízo, constitúen unha trama
de corrupción para saquear fondos de cursos de formación, información da que non ten
constancia algunha a Consellería.
As solicitudes de acceso á información, teñen como obxecto acceder a documentos ou
contidos, elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións, polos suxeitos
obrigados pola Lei. Pode ser por tanto obxecto dunha solicitude de acceso á
información, a obtención dun informe, a copia dun expediente ou de calquera trámite
dun procedemento. Non pode ser obxecto dunha solicitude de acceso á información, e
por tanto non pode ser obxecto de reclamación ante esta Comisión, acusacións veladas
ou expresas de comisión de ilícitos administrativos ou penais, que poden causar
prexuízos a autoridades ou persoal empregado público.
Cando a Comisión da Transparencia admite a trámite un recurso, solicita a emisión de
informe ao correspondente órgano administrativo, informe que debe versar sobre a
tramitación da solicitude de acceso á información e sobre a reclamación presentada
contra a súa desestimación por silencio administrativo ou a súa resolución expresa. A
Comisión da Transparencia, ten como competencia a de resolver reclamacións en
materia de acceso á información e non a de investigar denuncias pola comisión de
infraccións administrativas ou penais, competencias que no seu caso poderían
corresponder a outros órganos.
É procedente a análise, como plantexa a Secretaría Xeral Técnica, non da solicitude
obxecto desta reclamación de forma illada, senón no conxunto das numerosas
comunicacións e escritos dirixidos polo reclamante, redactados de forma confusa, con
numerosa documentación anexa e sen unha orde lóxica, con multitude de insinuacións
de irregularidades na actuación de distintas autoridades e persoal empregado público
públicos, tanto a Administración da Xunta de Galicia como a outros organismos, que
cifra en 350 solicitudes dirixidas polo reclamante ou por PLADESEMAPESGA a diversos
departamentos da Xunta de Galicia, e 545 correos electrónicos, como nas reclamacións
que presentou a esta Comisión (102 ata a data, que representas case o 8 % do total de
reclamacións resoltas pola Comisión dende a súa posta en marcha). O dereito de
presentar solicitudes de acceso á información, non xustifica a presentación
indiscriminada de solicitudes de acceso que poden ter como resultado, obstaculizar o
normal funcionamento das administracións públicas, ou prexudicar ao persoal ao seu
servizo. Unha solicitude de acceso á información é claramente abusiva, de acordo co
que dispón o artigo 18.e) da Lei 19/2013, cando persegue claramente causar un prexuízo
ou alteración ilexítima ao órgano ou entidade á que se dirixe ou aos seus titulares, e
cando un mesmo solicitante, presenta solicitudes de información de maneira
indiscriminada, aínda cando non se poidan cualificar de repetitivas, cando buscan, non
o acceso a unha información á que teñen dereito, senón dificultar o funcionamento
normal da administración, provocando graves dificultades do organismo ao que se lle
solicita, o seu rexistro, interpretación ou delimitación do solicitado, tramitación, procura
da información requirida e redacción da resposta, que desvirtúan o exercicio do dereito
de acceso á información pública e a finalidade da normativa en materia de
Transparencia.
A solicitude de acceso á información presentada pola Asociación e a súa posterior
reclamación, deben encadrarse neste carácter abusivo, por ter como contido,
insinuacións de irregularidades nas actuacións de determinadas autoridades, e que
obstaculizan o normal funcionamento dos departamentos afectadas e impiden
adecuada resolución das solicitudes de acceso á información presentadas por outros
cidadáns, polo que procede a inadmisión reclamación presentada, por considerar que
constitúe un abuso de Dereito, aínda que se presente baixo unha solicitude
aparentemente lexítima, cando en realidade supón unha extralimitación do dereito que
ten como finalidade a vontade de prexudicar, non amparada pola Lei, dada a súa
ausencia de finalidade seria e lexítima.
Trátase, como se establece no criterio interpretativo 3/2016, do Consejo de
Transparencia y Buen Gobierno dun exercicio do dereito que pode considerarse
excesivo, que non pode conxugarse coa finalidade da Lei, ao estar incluída no concepto
de abuso de dereito recollido no artigo 7.2 do Código Civil, xa que pola intención do seu
autor, o seu obxecto e as circunstancias en que se realiza, excede manifestamente os
límites normais do exercicio do dereito de acceso á información. Unha interpretación do
dereito de acceso á información pública que implique un exercicio excesivo e
indiscriminado do mesmo, aféctao en si mesmo, prexudicando o obxecto e finalidade da
propia norma, debendo lembrarse que é a protección do interese xeral na transparencia
pública, como ben común da nosa sociedade, debe prevalecer fronte a solicitudes de
información que perseguen outros intereses que non encaixan na finalidade perseguida
pola Lei, por tanto, non poden ser considerados superiores.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia
ACORDA
Único: Desestimar a reclamación presentada por XXX, en representación da Plataforma
en Defensa del Sector Marítimo Pesquero de Galicia (PLADESEMAPESGA) contra a
desestimación, por silencio administrativo, da súa solicitude presentada perante a
Secretaría Xeral Técnica da Presidencia da Xunta de Galicia, de acceso aos Convenios,
subvencións, adxudicacións desde a Xunta de Galicia ou as súas consellerías ou o
CETMAR, segundo o rexistro institucional, relacionados con coa XXX, XXX S.L e o XXX.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous
meses, contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do
contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade
co previsto no artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición
contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.