El solicitante pidió a la Consellería de Facenda e Administración Pública el número de personas admitidas en un proceso selectivo de Biología que cumplieran condiciones laborales específicas. Tras alegar que la información facilitada era insuficiente, la Comisión da Transparencia de Galicia desestimó la reclamación por requerir una reelaboración de datos.
Puntos clave de la argumentación
1
La solicitud requiere cruzar datos de listados de puestos anonimizados con listas de admitidos y excluidos de procesos selectivos
2
La elaboración de una respuesta basada en múltiples premisas y variables específicas implica la creación de un informe ad hoc
3
Según la Sentencia del Tribunal Supremo 670/2022, la necesidad de reelaborar información no se compadece con la finalidad de la Ley de Transparencia
4
La solicitud es inadmisible conforme al artículo 18.1.c) de la Ley 19/2013 al requerir una labor de compilación y análisis no preexistente
5
Las discrepancias sobre la aplicación de la normativa de estabilización de empleo público no son objeto de análisis en el marco del derecho de acceso a la información
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación
presentada ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de
transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por XXX mediante escrito do 1 de decembro de 2023, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 30 de xaneiro de 2024, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo o 1 de
decembro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016, do
18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución da Dirección Xeral da
Función Pública de data 3 de novembro de 2023, pola que se estima parcialmente a súa
solicitude presentada perante a Consellería de Facenda e Administración Pública con data do
6 de outubro de 2023, sobre o número de persoas que figuran no listado definitivo de
admitidos no proceso selectivo para o acceso mediante o sistema selectivo de concurso á
Escala de Ciencias, Especialidade Bioloxía, ou ao Grupo I, categoría 10, Titulado superior
biólogo, ou noutras categorías laborais que figuran na convocatoria do proceso selectivo en
cuestión.
O reclamante indicaba que na Resolución impugnada da Dirección Xeral dá Consellería de
Facenda e Administración Pública, cítase unha serie de información que é pública e accesible
pero insuficiente para dar resposta á súa solicitude, xa que gran parte da información
necesaria para iso só está en mans da administración da Xunta de Galicia e a mesma non é
accesible. Indica que non se fai referencia ao 217 do Real Decreto Lei 5/23, nin ao proceso
selectivo convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 que foi o proceso de estabilización
para a especialidade de bioloxía, convocado cun sistema selectivo distinto ao previsto na
disposición adicional oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro. O artigo 217, establece que
o número de prazas da taxa adicional será o equivalente ás de natureza estrutural, ocupadas
de forma temporal ao 30 de decembro de 2021, por persoal cunha relación desa natureza
anterior ao 1 de xaneiro de 2016, que non superase o proceso de estabilización convocado
cun sistema selectivo distinto ao previsto na referida disposición adicional oitava. Por tanto,
indica que coa información dispoñible non é posible determinar o número de traballadores
que, ocupando unha destas 13 prazas estruturais, non superaron este proceso selectivo, xa
que a información non está publicada, nin é accesible pero considera que si está en poder de
Función Pública.
Indica que non pode identificarse coa información dispoñible, as prazas que cumprindo os
requisitos da Disposición Adicional 8º da Lei 20/21, non foron incluídas posteriormente no
concurso de méritos da devandita lei polo feito de que non figuraban nunha relación de postos
de traballo, sobre o que pon un exemplo baseado en información á que tivo acceso pola súa
condición de membro dun comité de empresa e do que conclúe que esa praza debería
incluírse por Función Pública no concurso de méritos da Lei 20/21, praza que non esta incluída,
como indica que pode comprobarse chequeando a listaxe de postos de estabilización da Lei
20/21 na web da Xunta.
Indica que non pode determinarse coa información dispoñible o número de traballadores que
ocupando unha praza estrutural que cumpría os requisitos establecidos no artigo 19.un.6 da
Lei 3/2017, correspondentes ás prazas que, estando dotadas presupuestariamente, estivesen
ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao
31 de decembro de 2016), non foron incluídas na OPE 2018, nin dentro a ORDE do 22 de
novembro de 2019.
Da información remitida pola Dirección Xeral pon de manifesto que para determinar as prazas
afectadas pola Lei 20/21, non tivo en conta 3 prazas que figuraban no Anexo III do Decreto
62/2021, do 8 de abril, que non estaban convocadas, nin tivo en conta outras 3 prazas que
figuraban no Anexo III do Decreto 225/2020, que tampouco estaban convocadas, o que faría
un total de 15 prazas da especialidade de bioloxía, que soamente incluíu 9 destas prazas.
Indica que o resto de prazas para a especialidade son prazas de carácter laboral, acumuladas
ás da Escala, ao aplicarse a Disposición Adicional primeira do Decreto 79/2022.
Do anterior conclúe que non se incluíron un total de 6 prazas que considera que cumprían os
requisitos para incluír nos procesos de estabilización da Lei 20/21 e considera que non se tivo
en conta para determinar as prazas afectadas, a Disposición Adicional Oitava da mesma, e por
tanto quedaron excluídas do concurso, a pesar de ser unha disposición de obrigado
cumprimento. Considera así mesmo que a Dirección Xeral estableceu un criterio para
considerar unha ocupación ininterrompida, de tres meses, que é contrario á Disposición
Adicional Oitava da Lei, que non establece que a ocupación teña que ser ininterrompida, do
que pon un exemplo co posto ocupado por unha traballadora que non foi incluída no concurso
e debería ter sido incluída.
Respecto da afirmación da Dirección Xeral de que non comproba se as persoas que figuran de
forma anonimizada no detalle dos postos que se tiveron en conta para a determinación das
prazas que conforman a oferta pública se presentaron ou non aos procesos selectivos, indica
que non é esa a información solicitada, senón cantas das persoas que figuran na listaxe
definitiva de admitidos no concurso para a Especialidade Bioloxía, eran traballadores que
ocupaban prazas estruturais a 31/12/2023 que non fosen incluídas no concurso de méritos da
Lei 20/2021, a pesar de cumprir os requisitos para iso, e que non superasen un proceso
selectivo de estabilización convocado cun sistema selectivo distinto ao previsto na disposición
adicional oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para poder determinar o número de
prazas que debe incluír a taxa adicional, información que non é posible determinar coa
información publicada.
A reclamación veu acompañada de copia da solicitude e do DNI do reclamante.
Segundo. Con data do 13 de decembro de 2023 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Consellería de Facenda e Administración Pública para que, en cumprimento
da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do
expediente.
Terceiro. Con data do 27 de decembro de 2023 a Consellería de Facenda e Administración
Pública contesta a petición remitindo o informe e o expediente instruído.
Neste informe, en resumo faise constar que na resolución do 2 de novembro de 2023
resolveuse conceder parcialmente o acceso á información solicitada, no que se lle informa
que de acordo co artigo 19.uno.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado
para o ano 2018, incluía unha taxa adicional para a estabilización do emprego temporal,
incorporando prazas dos servizos de administración e servizos xerais que responderan a
determinadas características (que respondesen a necesidades estruturais, dotadas
orzamentariamente e ocupadas de forma temporal e ininterrompida nos tres anos anteriores
ao 31 de decembro de 2017) que deberían aprobarse e publicarse nos exercicios 2018 a 2020,
período que ampliouse ata o 31 de decembro de 2021.
A Xunta de Galicia asinou coas organizacións sindicais o 18 de outubro de 2017 o Acordo para
o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos (DOG núm.
27, do 7 de febreiro do 2018) e o Acordo de concertación do emprego público de Galicia (DOG.
Núm 19, do 28 de xaneiro de 2019) que tiñan por obxecto o desenvolvemento dunha iniciativa
plurianual planificada dirixida a incrementar a estabilidade do emprego público dependente
da Xunta de Galicia, co obxectivo de reducir a taxa de temporalidade inferior ao 7 %, polo que
se veñen incorporando nas ofertas de emprego público, unha taxa adicional de estabilización.
No anexo II do Decreto 62/2021, do 8 de abril, ofertáronse 9 prazas da especialidade de
bioloxía (Subgrupo A1). O proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, estruturouse en
dúas vías, por unha banda cun terceiro proceso de estabilización que incluíu as prazas de
natureza estrutural, incluídas ou non nas relacións de postos de traballo ou plantillas, dotadas
orzamentariamente, e ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente nos tres anos
anteriores ao 31 de decembro de 2020. Por outra banda, con carácter único e excepcional,
mediante unha convocatoria, polo sistema de concurso, das prazas que, reunindo os
requisitos establecidos no artigo 2.1 da Lei 20/2021, estivesen ocupadas con carácter
temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.
Dado que á entrada en vigor da Lei 20/2021, as 9 prazas da especialidade de bioloxía non
estaban convocadas ofértanse no Decreto 79/2022, do 25 de maio, de forma que se convocan
13 prazas de concurso e 3 de concurso-oposición, resultantes de aplicar os novos criterios
establecidos pola Lei 20/2021, co criterio de ininterrompida adoptado na CCAA de Galicia de
3 meses.
De conformidade coa disposición adicional primeira do Decreto 79/2022, nas Resolucións do
22 de decembro de 2022, o número total de prazas da especialidade de bioloxía (subgrupo
A1) foi de 21, segundo a distribución que se lle remitiu ao reclamante.
A resolución impugnada indica os enlaces para acceder ao detalle dos postos que se tiveron
en conta para a determinación das prazas que conforman a oferta pública de emprego, ao
detalle das certificacións do Director Xeral da Función Pública o 21.04.2023 e o 12.09.2023, á
información relativa aos procesos selectivos convocados e ás relacións de postos de traballo
(RPT) da Administración.
En relación coa información sobre as persoas que se presentaron ao proceso selectivo cos
distintos parámetros e criterios que recolle a petición, considera a Dirección Xeral que incorre
nun suposto de reelaboración, dado que a Dirección Xeral non comproba se as persoas que
figuran de forma anonimizada no detalle dos postos que se tiveron en conta para a
determinación das prazas que conforman a oferta pública de emprego se presentan ou non
aos procesos selectivos. A convocatoria é libre polo que calquera persoa que cumpra os
requisitos da mesma pode presentarse e no proceso selectivo está publicada a
autobaremación e a lista de admitidos nos enlaces remitidos ao reclamante, na que figuran
71 aspirantes admitidos.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
A Dirección Xeral de Función Pública ditou a resolución do data do 2 de novembro de 2023,
que que foi notificada ao reclamante o 6 do mesmo mes, e contra a que interpuxo
reclamación o 1 de decembro de 2023, polo que debe admitirse a mesma por estar presentada
en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
O reclamante no seu escrito de reclamación, ademais de discrepar na aplicación pola
Dirección Xeral de Función Pública sobre a aplicación da normativa sobre os procesos de
consolidación e estabilización de persoal empregado público, solicita o acceso ao número de
persoas que figurando na listaxe definitiva de admitidos no concurso para a Especialidade
Bioloxía (Subgrupo A1), eran traballadores que ocupaban prazas estruturais que a
31/12/2023, non fosen incluídas no concurso de méritos da Lei 20/2021, a pesar de cumprir
os requisitos para iso, e que non superasen un proceso selectivo de estabilización convocado
cun sistema selectivo distinto ao previsto na disposición adicional oitava da Lei 20/2021.
A Resolución da dita Dirección Xeral, previa explicación do desenvolvemento do plan de
estabilidade no emprego acordado coas organizacións sindicais, infórmalle das prazas
ofertadas para o Corpo facultativo superior (subgrupo A1), especialidade de bioloxía, e
xustifica que para dar a información solicitada cos distintos parámetros e criterios que recolle
a petición do interesado, resulta preciso a reelaboración de información, xa que a Dirección
Xeral non comproba se as persoas que figuran de forma anonimizada no detalle dos postos
que se tiveron en conta para a determinación das prazas que conforman a oferta pública de
emprego, e que están publicadas nos enlaces que se lle indican ao solicitante, se presentan
ou non aos procesos selectivos, que teñen xa esta publicada a lista de admitidos.
As discrepancias que poida ter o reclamante respecto da correcta aplicación por parte da
Dirección Xeral da normativa aplicable a estes procesos, non se poden encadrar dentro do
dereito de acceso á información e por tanto non poden ser obxecto de análise por esta
Comisión, e deben resolverse a través dos recursos e reclamacións que contra as normas
ditadas pola Consellería competente en materia de Función Pública se poidan presentar.
Para obter a información que solicita o interesado, referente ás persoas que ocuparon esas
prazas e coas distintas variables, é necesario cruzar a información dos listados publicados na
web e sobre dos que se lle remitiu os enlaces ao reclamante, na que figuran os postos
correspondentes aos grupos e categorías solicitados e as iniciais do nome e apelidos das
persoas que ocupan os ditos postos, cos listados de admitidos e excluídos nos procesos
selectivos que correspondan e que tamén figuran na web.
É evidente que para dar a dita información, é necesaria unha labor de reelaboración que de
acordo coa interpretación realizada na Sentenza do Tribunal Supremo 670/2022, do 2 de
xuño, non se compadecería coa finalidade ou espírito da Lei, por ser necesario para dar unha
resposta, elaborar un informe ad hoc, que entraría dentro das causas de inadmisión que
establece ou artigo 18.1. c) da Lei 19/2013.
No presente caso, solicitouse o número de traballadores nos que concorrendo determinadas
circunstancias na súa relación laboral ou funcionarial, tiveran sido admitidos a un proceso
selectivo, información para a que se considera que é necesaria a elaboración dun informe ad
hoc unha vez que se recompile a información con todas as premisas solicitadas na petición,
polo que procede a desestimación da reclamación presentada.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Desestimar a reclamación interposta por XXX contra Resolución da Dirección Xeral da
Función Pública de data 3 de novembro de 2023, pola que se estima parcialmente a súa
solicitude presentada perante a Consellería de Facenda e Administración Pública con data do
6 de outubro de 2023, sobre o número de persoas que figuran no listado definitivo de
admitidos no proceso selectivo para o acceso mediante o sistema selectivo de concurso á
Escala de Ciencias, Especialidade Bioloxía, ou ao Grupo I, categoría 10, Titulado superior
biólogo, ou noutras categorías laborais que figuran na convocatoria do proceso selectivo en
cuestión.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela,
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.