Una ciudadana solicitó a la Consellería de Facenda e Administración Pública los códigos de 207 plazas certificadas para procesos de estabilización. Alegó que la respuesta fue insuficiente al no facilitar dichos códigos. La Comisión da Transparencia de Galicia desestimó la reclamación considerando que la información requerida exigiría una reelaboración compleja de datos.
Puntos clave de la argumentación
1
El derecho de acceso a la información pública obliga a interpretar de forma estricta las causas de inadmisión, evitando interpretaciones restrictivas según la jurisprudencia del Tribunal Supremo.
2
La reelaboración de información solo justifica la inadmisión cuando los datos tienen un carácter complejo y requieren operaciones de ordenación, separación y sistematización de información dispersa.
3
En este caso, la solicitud implica una reelaboración inadmisible ya que lo que cumplen los requisitos legales son las plazas vacantes y no los puestos en sí mismos.
4
La imposibilidad de conocer los puestos exactos radica en que estos dependen de la resolución de procedimientos de selección y provisión pendientes en cada momento.
5
La petición de actualizar el buzón de puestos del concurso en la web no es objeto de pronunciamiento por no encuadrarse en el concepto de acceso a información pública.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada
ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por Dna. XXX mediante escrito do 18 de decembro de 2023,
e considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación,
a Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 30 de Abril de 2024, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Dna. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo
o 18 de Decembro de 2023, unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei
1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución da Dirección
Xeral da Función Pública de data 28 de novembro de 2023, pola que se estima parcialmente a
súa solicitude de acceso á información pública presentada perante a Consellería de Facenda
e Administración Pública con data do 17 de novembro de 2023, sobre os códigos dos postos
de traballo correspondentes ás 207 prazas certificadas polo director xeral da Función Pública
relativas ao proceso extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de
decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, para
o ingreso no Corpo Superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no
Corpo Facultativo Superior de Administración especial da Administración Xeral da
Comunidade Autónoma da Galicia, subgrupo A1, e nas categorías 19, 32, 38 e 40, do Grupo I,
de persoal laboral da Xunta de Galicia.
A reclamante en resumo, indica que solicitou en relación ao Corpo Superior (Subgrupo A1),
Grupo I categorías 1, 4, 9, 14, 23, 29, 31 do grupo I de persoal laboral e postos base subgrupo
A1 do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (ANEXO I), os códigos dos postos
correspondentes ás 207 prazas certificadas, o 12/04/2023, polo director xeral da Función
Pública e que se actualice o buzón de postos do concurso publicado na páxina web de Función
Pública da Xunta de Galicia.
Con data do 28 de novembro de 2023 recibiu resolución da súa solicitude na que a pesar de
que se estima parcialmente, non se da resposta aos datos solicitados (códigos dos postos),
que considera que é unha contestación baleira de contido na que a Dirección Xeral realiza
unha exposición das normas en base ás que se ofertaron as prazas que se inclúen nos procesos
de estabilización, así como o número total de prazas ofertadas, e os procesos polos que se
foron incluíndo as mesmas, e non se indican os códigos dos postos de traballo ofertados, tal
e como solicitou, polo que non pode coñecer con exactitude as prazas e os seus códigos que
se ofertan no proceso de estabilización. A resolución fundaméntase na necesidade de
reelaboración da información e considera que se se convocaron 207 prazas, non se faga
constar expresamente os códigos asignados a cada unha delas, xa que solo se fixeron públicos
142 códigos na páxina web. Considera que o listado das 207 prazas cos seus códigos, corpo de
adscrición, unidade administrativa de destino, persoal que as ocupa e as súas condicións
laborais, xa debería estar elaborado previamente á emisión dun certificado que acredita, con
total contundencia e rotundidade, por parte do director xeral de Función Pública, un número
concreto de prazas que segundo se manifesta cumpren os requisitos establecidos na lei
20/2021
De acordo co anterior considera que non pode tratarse dun suposto de reelaboración de
información.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada, asinada con certificado dixital
e da resolución impugnada.
Segundo. Con data do 12 de Febreiro de 2024 déuselle traslado da documentación achegada
polo reclamante á Consellería de Facenda e Administración Pública para que, en cumprimento
da normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do
expediente.
A recepción da solicitude pola Administración foi o 15 de febreiro de 2024.
Terceiro. Con data do 24 de Abril de 2024 a Dirección Xeral de Función Pública contesta a
petición remitindo o informe e o expediente instruído.
Neste informe, enuméranse as solicitudes de acceso á información presentadas pola
reclamante e as resolucións ditadas pola Dirección Xeral en contestación ás mesmas, e no
informe á presente reclamación, transcríbese de forma literal a resolución recorrida.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes para contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
A Dirección Xeral de Función Pública ditou a resolución do data do 28 de novembro de 2023,
aceptada pola reclamante o 29 do mesmo mes, e a reclamación contra a mesma tivo entrada
no Rexistro do Valedor do Pobo con data do 12 de decembro de 2023, polo que debe admitirse
a mesma por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A reclamante solicitou á Dirección Xeral de Función Pública os códigos dos postos de traballo
correspondentes ás 207 prazas certificadas polo director xeral da Función Pública da
Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.
Se ben o informe da Dirección Xeral de Función Pública limítase a transcribir de forma literal
a resolución impugnada, tanto nos informes emitidos por esta mesma Dirección Xeral sobre
as reclamacións que se tramitaron por esta Comisión nos expedientes RSCTG 287/2023,
RSCTG 288/2023 e 295/2023, nas que tanto o obxecto das solicitudes como o contido das
reclamacións son iguais, como na resolución impugnada, contense unha detallada explicación
das prazas convocadas nos proceso de estabilización e consolidación que se van incorporando
nos decretos que regulan anualmente as ofertas de emprego público, en función da normativa
que lle é de aplicación e dos acordos asinados coas organizacións sindicais, e das prazas de
persoal laboral que tendo unha equivalencia nos corpos e nas escalas de carácter funcionarial,
se convocan nun proceso selectivo único acumuladas á escala que lles corresponda de persoal
funcionario.
Figuran así mesmo na resolución impugnada, as prazas que van quedando desertas unha vez
que se convocan e resolven os procesos selectivos e que se van incorporando á oferta de
emprego público, facendo un total de 207 prazas. Indicase ademais as prazas de categorías de
persoal laboral que teñen unha equivalencia nos corpos e escalas de carácter funcionarial, que
se convocan nun proceso único acumuladas á escala que lles corresponde de persoal
funcionario e as prazas de titulado superior ocupadas por persoal indefinido non fixo que de
acordo coa sentenza do seu ocupante, pasaron ás distintas escalas ás que se fai referencia.
Figura na información remitida pola Dirección Xeral á reclamante, os enlaces de acceso ao
detalle dos postos, aos procesos selectivos e ás RPT do ámbito de Función Pública en formato
reutilizable, segmentados por persoal funcionario e persoal laboral.
Como establece a Sentenza do Tribunal Supremo 670/2022, do 2 de xuño, non se
compadecería coa finalidade ou espírito da Lei, dar unha resposta que requira a elaboración
de informe ad hoc, que entraría dentro dás causas de inadmisión que establece ou artigo 18.1.
c) dá Lei 19/2013. Indica o Tribunal que calquera pronunciamento sobre as causas de
inadmisión debe tomar como premisa a formulación ampla e expansiva coa que aparece
configurado o dereito de acceso á información na Lei 19/2013. A formulación ampla no
recoñecemento e na regulación legal do dereito de acceso á información obriga a interpretar
de forma estrita, cando non restritiva, tanto as limitacións a ese dereito que se contemplan
no artigo 14.1 da Lei 19/2013 como as causas de inadmisión de solicitudes de información que
aparecen enumeradas no artigo 18.1.
De acordo con devanditos razoamentos, as sentenzas do Tribunal Supremo do 16 de outubro
de 2017, 3 de marzo de 2020 e 25 de marzo de 2021, se puxo de relieve que unha solicitude
de acceso á información, pode comprender unha certa reelaboración, e que a reelaboración
básica ou xeral, como é natural, non sempre integra, en calquera caso, a causa de inadmisión
prevista no artigo 18.1.c). A acción previa de reelaboración, por tanto, na medida que á súa
concorrencia se anuda unha severa consecuencia como é a inadmisión a trámite da
correspondente solicitude, precisa que tales datos e documentos teña un carácter complexo,
no que se debe elaborar, a partir dunha información pública dispersa e diseminada, mediante
un labor consistente en solicitar, primeiro; ordenar e separar, despois, o que é información
clasificada ou non e sistematizar, e ten que ser obxecto de diversas operacións.
No presente caso, o acceso aos códigos dos postos solicitados, tal e como se indica na
resolución impugnada e nos informes remitidos pola Dirección Xeral en nos expedientes de
reclamación relacionados de idéntico contido , implica unha labor de reelaboración por canto
son as prazas vacantes, e non os postos os que cumpren cos requisitos establecidos na
normativa de aplicación, as que se inclúen nas ofertas adicionais de emprego público, ás que
se suma que os concretos postos de traballo a adxudicar aos aspirantes que superen os
procesos de estabilización e consolidación, que poden non ser coñecidos ao depender da
resolución dos procedementos de selección e de provisión de postos de traballo que estean
pendentes en cada momento, polo que a esa necesidade de reelaboración, tería que
sumárselle, a imposibilidade de coñecer os postos que se van ocupando a medida que finalizan
os procesos de provisión de postos unha vez finalizados os procesos selectivos.
Non procede que esta Comisión se pronuncie sobre a solicitude de que se actualice o buzón
de postos do concurso publicado na páxina web de Función Pública da Xunta de Galicia por
encadrarse esta pretensión no concepto de información pública.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Único: Desestimar a reclamación interposta por Dna. XXX contra a Resolución da Dirección
Xeral da Función Pública de data 28 de novembro de 2023, pola que se estima parcialmente a
súa solicitude de acceso á información pública presentada perante a Consellería de Facenda
e Administración Pública con data do 17 de novembro de 2023, sobre os códigos dos postos
de traballo correspondentes ás 207 prazas certificadas polo director xeral da Función Pública
relativas ao proceso extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de
decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, para
o ingreso no Corpo Superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no
Corpo Facultativo Superior de Administración especial da Administración Xeral da
Comunidade Autónoma da Galicia, subgrupo A1, e nas categorías 19, 32, 38 e 40, do Grupo I,
de persoal laboral da Xunta de Galicia.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela, na data da sinatura.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.