Una ciudadana solicitó al Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) datos cuantitativos sobre viviendas disponibles por municipio, estado y destino. El IGVS denegó el acceso alegando protección de datos de personas vulnerables. La Comisión da Transparencia de Galicia estima la reclamación al considerar que los datos solicitados son agregados y no permiten identificar a ninguna persona.
Puntos clave de la argumentación
1
La solicitud no requiere datos identificativos ni ubicaciones exactas, sino el número de viviendas clasificadas por estado y municipio.
2
No es justificable la denegación basada en la protección de datos de personas vulnerables ya que la información solicitada es cuantitativa y no permite la identificación individual.
3
La falta de respuesta del IGVS al requerimiento de informe de la Comisión no puede afectar a la eficacia del ejercicio del derecho de acceso a la información pública.
4
Se insta al IGVS a remitir la información solicitada en un plazo de 10 días hábiles, respetando los límites legales de formalización del acceso.
Texto completo
ASUNTO: Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia na reclamación presentada
ao amparo do artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
Vista a reclamación presentada por Dna. XXX mediante escrito do 4 de marzo de 2024, e
considerando os antecedentes e fundamentos xurídicos que se especifican a continuación, a
Comisión da Transparencia na sesión celebrada o día 30 de Abril de 2024, adopta a seguinte
resolución:
ANTECEDENTES
Primeiro. Dna. XXX presentou, mediante escrito con entrada no rexistro do Valedor do Pobo
o 4 de Marzo de 2024 , unha reclamación ao amparo do disposto no artigo 28 da Lei 1/2016,
do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, contra a Resolución notificada o 20 de
febreiro de 2024, pola que se lle denega o acceso ao número de vivendas que ten dispoñibles
o Instituto Galego de Vivenda e Solo, indicando as que están en condicións de ser habitada de
xeito inmediato ou se precisa algún tipo de rehabilitación, número de vivendas dispoñibles
por Concello e as destinadas a emerxencia social.
A reclamante indica que na resolución que se lle notificou, denégase o acceso á información
en base a que podería ter consideración de datos especialmente protexidos por estar
destinadas as vivendas principalmente a persoas en situación de vulnerabilidade.
Indica que a súa solicitude non reclama datos identificativos nin que por vía indirecta permitan
identificar a ningunha persoa, nin se pide tampouco a ubicación exacta das vivendas, senón
que a petición refírese unicamente aos datos do número de vivendas dispoñibles, clasificados
por estado e por concello no que se atopan.
O escrito viña acompañado de copia da solicitude presentada e do seu DNI.
Segundo. Con data do 5 de Marzo de 2024 déuselle traslado da documentación achegada polo
reclamante ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que, en cumprimento da
normativa de transparencia, achegase informe e copia completa e ordenada do expediente.
A recepción da solicitude pola Administración foi o 14 de marzo de 2024, sen que pola
Administración se remitise o informe e copia de expediente solicitado.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e normativa
O artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública
e bo goberno, de carácter básico na súa práctica totalidade, establece que contra toda
resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información, poderá interpoñerse
unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo
e previa a súa impugnación en vía contencioso-administrativa. Esa mesma lei, na súa
disposición adicional cuarta, establece que a resolución da reclamación prevista no artigo 24
corresponderá, nos supostos de resolucións ditadas polas Administracións das Comunidades
autónomas e o seu sector público, e polas Entidades Locais comprendidas no seu ámbito
territorial, ao órgano independente que determinen as Comunidades Autónomas.
O artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece que
contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso á información pública,
poderá interpoñerse unha reclamación ante o Valedor do Pobo, correspondendo á Comisión
da Transparencia, de acordo co disposto no artigo 33, a resolución das devanditas
reclamacións.
Segundo. Procedemento aplicable
O artigo 28.3 da citada Lei 1/2016 establece que o procedemento de reclamación axustarase
ao previsto nos parágrafos 2, 3, e 4 do artigo 24 da Lei 19/2013, que establece que as
reclamacións contra resolucións en materia de acceso á información, que ten carácter
potestativo e previo á impugnación en vía contencioso-administrativa, axustarán a súa
tramitación ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común en materia de
recursos.
Terceiro. Dereito de acceso á información pública
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, recoñece no seu artigo 24 o dereito de todas as persoas a
acceder á información pública, entendida esta como os contidos ou documentos, calquera
que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no
ámbito de aplicación desta lei e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas
funcións, do mesmo xeito que a definición contida no artigo 13 da Lei estatal 19/2013 que ten
carácter básico.
O concepto de información pública e o dereito de acceso á mesma configúranse de forma
ampla tanto na normativa autonómica como na estatal. Os titulares do dereito son todas as
persoas, sen que o solicitante estea obrigado a motivar a súa solicitude de acceso á
información (art. 26.4 Lei 1/2016, do 18 de xaneiro).
O obxecto da Lei 19/2013, é ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública e regular
e garantir o dereito de acceso a información relativa a aquela actividade (art. 1). No seu
preámbulo sinala que a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo
goberno deben ser os eixos fundamentais de toda acción política e só cando a acción dos
responsables públicos sométese a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se
toman as decisións que lles afectan, como se manexan os fondos públicos ou baixo que
criterios actúan as nosas institucións pódese falar do inicio dun proceso no que os poderes
públicos comezan a responder a unha sociedade que é crítica, esixente e que demanda
participación dos poderes públicos.
Pola súa banda, a Lei galega 1/2016, sinala na súa Exposición de Motivos que a crecente
esixencia cidadá de control público da actuación das administracións aconsella a aprobación
dunha norma que supera os anteriores estándares e que se concreta nun texto legal que
establece esixencias engadidas de transparencia e acceso á información pública.
Cuarto. Prazo para a interposición do recurso
O artigo 28.3 da Lei 1/2016, establece que o procedemento das reclamacións fronte ás
resolucións en materia de acceso á información pública axustarase ao previsto no artigo 24
da Lei 19/2013.
O artigo 24 da Lei 19/2013 establece que fronte a toda resolución expresa ou presunta en
materia de acceso a información poderá interpoñerse unha reclamación con carácter
potestativo e previo á súa impugnación na vía contencioso-administrativa.
Esta reclamación interpoñerase no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da
notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos
do silencio administrativo.
De acordo coa información facilitada pola reclamante, a resolución impugnada notificóuselle
o 20 de febreiro de 2024 e a reclamación tivo entrada no Rexistro do Valedor do Pobo o 4 de
marzo de 2024, polo que debe admitirse por estar presentada en prazo.
Quinto.- Análise do expediente
A interesada solicitou acceso ao número de vivendas que ten dispoñibles o Instituto Galego
de Vivenda e Solo, con indicación das que están en condicións de ser habitada de xeito
inmediato e as que precisan algún tipo de rehabilitación, número de vivendas dispoñibles por
Concello e as destinadas a emerxencia social.
O IGVS denega a solicitude dado que podería conter datos especialmente protexidos por estar
destinadas as vivendas principalmente a persoas en situación de vulnerabilidade.
O certo é que a interesada non solicitou acceso a datos identificativos, senón o número de
vivendas, o seu estado e o Concello no que se atopan.
Pola Comisión da Transparencia solicitouse ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a
aportación do seu criterio mediante a remisión de informe e copia do expediente, que non se
recibiu, o que obriga a continuar a tramitación do expediente sen os seus argumentos.
O feito de que a Administración non dera contestación á solicitude de informe sobre a
reclamación no marco deste procedemento, dificulta considerablemente o cumprimento da
función de garantía encomendada a esta Comisión, ao non proporcionarlle a valoración que
ao órgano reclamado merecen os motivos nos que se sustenta o recurso, co fin de que poida
dispoñer dos elementos de xuízo necesarios para pronunciarse sobre a procedencia ou non
de conceder o acceso á información solicitada.
Con todo, a falta de resposta ao requirimento de alegacións non pode afectar a eficacia o
exercicio dun dereito de rango constitucional, como é o dereito de acceso á información
pública.
Dado que o solicitado é o acceso ao número de vivendas que ten dispoñibles o Instituto Galego
de Vivenda e Solo, con indicación das que están dispoñibles por ser habitables e as que non o
están e por tanto necesitan rehabilitación, así como o número de vivendas dispoñibles por
Concello e as destinadas a emerxencia social, non pode aceptarse que o acceso a dito dato,
sexa unha información protexida, xa que da dita información, non é posible identificar a
persoa algunha que se atope en situación de vulnerabilidade, polo que non se considera
xustificada a denegación do acceso á información solicitado.
Debe lembrarse ao IGVS, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 1/2016, a súa obriga
de remitir a esta Comisión os informes que se lle requiran, para o correcto cumprimento das
súas funcións en materia de transparencia.
En base aos feitos e fundamentos de dereito anteriormente expresados, a Comisión da
Transparencia,
ACORDA
Primeiro: Estimar a reclamación presentada por Dna. XXX con data do 4 de marzo de 2024,
contra a Resolución notificada o 20 de febreiro de 2024, pola que se lle denega o acceso ao
número de vivendas que ten dispoñibles o Instituto Galego de Vivenda e Solo, indicando as
que están en condicións de ser habitada de xeito inmediato ou se precisa algún tipo de
rehabilitación, número de vivendas dispoñibles por Concello e as destinadas a emerxencia
social.
Segundo: Instar ao IGVS a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, responda á petición de
información solicitada de acordo co indicado no fundamento xurídico quinto desta resolución,
respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, e o artigo 22 da
mesma lei, no que fai á formalización do acceso.
Terceiro: Instar ao IGVS a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, remita a esta Comisión da
Transparencia copia do envío ao reclamante da información solicitada.
Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa unicamente cabe, en caso de
desconformidade, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses,
contados desde o día seguinte á notificación desta resolución, ante a Sala do contencioso-
administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto no
artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-
administrativa.
Santiago de Compostela, na data da sinatura.
María Dolores Fernández Galiño
Presidenta da Comisión da Transparencia.